sábado, 31 de marzo de 2012

O pleno valida o incremento do salario da policía local de Ordes en 381 euros

Bancada do Goberno municipal de Ordes durante os plenos extraordinario e ordinario celebrados onte.

Os axentes xa viñan cobrando esas cantidades pola prestación de servizos durantes as festas, concertos e outros eventos

Non haberá consulta popular sobre que facer coa vella Casa Consistorial 

Logo de celebrarse onte o pleno extraordinario dando luz verde ao crédito sindicado de 2,7 millóns de euros, xa pasadas as 08:00 horas daba comenzo a sesión ordinaria do pleno municipal de Ordes correspondente ó mes de marzo. Con dez votos a favor (UxO, PSdG-PSOE e BNG) por sete abstencións (PP e CideGa) aprobouse o incremento en nómina de 381 euros para os policías locais. Un extra que xa se lles viña aplicando ata o de agora pola súa disposición e prestación de servizos durante as festas, concertos ou eventos de diversa índole. Servizos que ademáis se ven incrementados dende que xa non se dispón do Grumir.

Praza de abastos
Tamén se aprobou o inicio dos expedientes de rescisión de contratos dos postos ubicados na praza de abastos. Os dous únicos votos en contra correron a cargo do BNG, mentres que o resto de formacións votaron a favor desta medida. O motivo da oposición dos nacionalistas obedece a que “débese aprobar antes o novo prego de claúsulas administrativas e garantir que estas persoas terán un dereito de acceso preferente aos novos postos, xa que mantiveron todos estes anos a súa actividade con moito custo e en condicións moi difíciles”, segundo expresou o seu portavoz, Gonzalo Castro.

Pola súa parte, o concelleiro socialista Xesús Pedreira destacou a importancia de equiparar as tasas que pagan os comerciantes da praza coas dos restantes establecementos. O PP destacou a importancia de ter en conta os actuais placeiros xa que consideran que son merecedores dalgún beneficio dado o desenvolso que  teñen feito ata o de agora nos seus postos. En palabras da tenente de alcalde, Silvia Marín, “o que se pretende é que toda a xente que traballe na praza teña as mesmas condicións, tendo en conta que hai xente que polos anos que leva teñen que ter unha serie de prioridades”.

Tamén foi aprobada a moción referida á creación de ficheiros de datos de carácter persoal referentes a promoción económica e de emprego que manexa o Concello de Ordes, tal e como marca a lei.

Danos pola seca
Xa no apartado de mocións, o PSdG-PSOE solicitou a apertura dunha liña de finanzamento ao cero por cento a través do IGAPE para a compra de forraxe  para alimentar ao gando, así como a condonación das cotas á Seguridade Social  dos profesionais do sector lácteo durante seis meses. Deste xeito preténdese contribuir dada a seca que está a padecer un sector de vital importancia para Ordes, xa que é a terceira comarca en cuota de producción a nivel galego. A proposta contou co apoio unánime de todas as forzas políticas.

Os socialistas tamén solicitaron que dende a Xunta se asuman os gastos en mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares. Uns gastos cos que veñen acarreando as corporacións municipais e que corren serio perigo derivado da situación económica. A moción foi aprobada grazas ós votos de todos os grupos agás o Partido Popular que se abstivo.

Casa Consistorial
Pola súa banda, o BNG solicitou unha consulta popular para decidir a actuación que se emprenderá na antiga Casa Consistorial. Neste punto, o alcalde Manuel Regos avanzou que según os criterios dos técnicos da Xunta de Galicia, o máis recomendable sería o reforzamento da estructura do inmoble e o seu vaciado e reconstrucción interior

A concelleira do BNG Montserrat Rei, salientou que dende o seu grupo, “cremos que a decisión sobre que facer coa Casa Consistorial ten unha grande trascendencia, ao tratarse dun edificio de máis de sesenta anos, que ten un valor simbólico innegábel por constituir unha das imaxes máis emblemáticas do noso pobo, por iso, a decisión final de que facer co edificio debe contar coa participación de todos os veciños e veciñas de Ordes”. A moción foi desestimada  cos votos en contra do PP e UXO, ademáis das abstencións de CideGa e PSOE. 
  
Outra moción presentada polos nacionalistas facía referencia á publicación na web municipal da declaración de bens e intereses de todos os membros da corporación municipal, medida que atendendo a Gonzalo Castro, serviría, "ademáis de para dotar de maior transparencia e honestidade ao exercicio dos cargos públicos municipais, garantirá un maior compromiso coa legalidade e a eficacia na xestión dos recursos públicos dos veciños de Ordes”. Finalmente, esta moción foi rexeitada cos votos en contra de UxO, PP e CideGa. 


Tampouco saiu adiante a moción nacionalista de apoio e respaldo á folga xeral celebrada na xornada de antonte pese a contar co apoio do concelleiro do PSdG-PSOE. Os votos en contra de UxO, PP e CideGa, imposibilitaron a súa aprobación.

Por último, Montserrar Rei reclamou ao alcalde a constitución "de forma inmediata" da comisión para a reactivación do sector da hosteleria e do ocio nocturno e criticou “a súa desidia e desinterese por apoiar a este importante sector, xa que xa hai máis dun mes que se aprobou en pleno a creación desta comisión”.
 

Repintado da N-550
Por último, o socialista Xesús Pedreira presentou un rogo no que insta ao Concello de Ordes a poñerse en contacto con Demarcación de Carreteras de Galicia para que faciliten o acceso a certos viais e tramos de difícil acceso tras o repintado da N-550 ao seu paso por Ordes. 

Regos informou da xuntanza mantida co seu responsable hai escasos días. Según este, a solución en moitos casos pasaría por aumentar a travesía, o que se traduce nun maior tramo con velocidade reducida a 50 km/h e para o acceso ó polígono industrial prevese a instalación dunha rotonda de auga.

*