martes, 27 de marzo de 2012

O BNG rechaza que o Concello renuncie a facer investimentos con recursos propios até 2015

Esta renuncia é recoñecida pola intervención municipal no Plan de Axuste elaborado para acceder ao crédito de Facenda

Castro: "Perto do 90% das cantidades pendentes de pago son a empresarios e autónomos de Ordes"

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, advertiu hoxe que “o goberno municipal de Ordes ten renunciado a facer investimentos con recursos propios, tal e como se recoñece no plan de axuste eleborado pola intervención municipal para aceder á liña de crédito habilitada polo Ministerio de Facenda para o pago a proveedores”.

O portavoz nacionalista salientou que “a intervención municipal recoñece no plan de axuste, que o goberno municipal de Ordes renuncia á posibilidade de facer investimentos con recursos propios, como mínimo até o ano 2015”.

Gonzalo Castro fixo fincapé no rechazo do BNG “á posibilidade de que se condene aos veciños e veciñas de Ordes a sufrir un deterioro nos servizos públicos como consecuencia da renuncia do goberno municipal a facer investimentos de aquí ao 2015, xa que é precisamente agora, nun momento de crise cando hai que buscar fórmulas que permitan atender as necesidades dos veciños, como a cooperación entre as distintas administracións”.

Para o portavoz do BNG, “a xestión do actual alcalde deixa un triste récord para o Concello de Ordes, o de ser o Concello máis endebedado de toda Galiza, como o demostra a solicitude para financiar a través do Ministerio de Facenda case 2,8 millóns de euros de débeda cos proveedores, situando a Ordes á cabeza dos concellos galegos que solicitan acceder a esa liña de crédito, cunha petición de crédito que se achega aos 215 euros por habitante, e que só constitue a punta do iceberg da débeda total do Concello, que se achega aos 11 millóns de euros, ou, o que é o mesmo, a perto dos 800 euros por habitante”.

Consulta das facturas
O BNG examinou esta mañá as facturas pendentes de pago que se incluirán na solicitude do Concello de Ordes para acceder ao crédito habilitado por Facenda para ao pago aos proveedores e constatou, segundo Castro, “a suntuosidade, a improvisación e a irresponsabilidade coa que veu gastando o diñeiro o actual goberno municipal, un goberno que pasou catro anos en total e absoluta campaña electoral, un goberno que poderíamos definir como o goberno das “carpas e da venda de fume”, mais, curiosamente, no montante total da débeda do Concello de Ordes, non son as facturas destinadas a sufragar servizos públicos esenciais as que máis abundan, isto constitue a triste constatación da nefasta política deste goberno municipal”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Case un 90% das facturas pendentes de pago por parte do Concello de Ordes, proveñen de servizos prestados por autónomos, profesionais e pequenos e medianos empresarios do noso concello, empresas que non participaron nos investimentos máis elevados que se realizaron nos últimos anos en Ordes e que, ainda por riba, sufriron a discriminación de ver os seus pagos máis retrasados que os pagos a empresas de fora do noso municipio”.

*