miércoles, 14 de marzo de 2012

O BNG de Ordes pide o apoio do pleno municipal á folga xeral do 29-M

Veñen de presentar unha proposta de cambios de datas para non facer coincidir o pleno municipal co día das mobilizacións contra a reforma laboral

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro anunciou esta mañá a presentación dunha moción na que os nacionalistas propoñen que “o Pleno da Corporación Municipal de Ordes manifeste o seu apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocadas para o 29 de marzo de 2012 polas organizacións sindicais representativas en contra da reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro”.

Gonzalo Castro xustificou o apoio a esta folga salientando que “a regulación laboral aprobada con esta reforma do PP socava dereitos dos traballadores e traballadoras, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e a devaluación da negociación laboral”.

Para o portavoz do BNG, “o obxectivo último desta reforma é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital”.

Apoio explícito
Castro afirmou que “no noso concello a maioría da poboación é traballadora, polo que se verá directamente afectada pola minoración de dereitos no desempeño do seu labor profesional imposta por esta reforma laboral, o que require un apoio explícito da institución local representativa á folga xeral convocada para o vindeiro día 29 de marzo polas organizacións sindicais máis representativas, coa finalidade de que os traballadores e traballadoras expresen o seu rexeitamento á reforma laboral”.

O BNG de Ordes rexistrou unha solicitude na que insta ao alcalde a cambiar a data de celebración do Pleno Ordinario de marzo, ao coincidir a súa celebración, o 29 de marzo, coa xornada de folga xeral.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
A frase de Gonzalo Castro, concelleiro do BNG de Ordes
“Esta solicitude de cambio de data do Pleno resulta absolutamente lóxica e necesaria, toda vez que o mantemento da data de 29 de marzo constituiría unha traba para que os concelleiros/as da Corporación Municipal, os funcionarios con habilitación de carácter estatal e o persoal da radio municipal, que tivesen intención de participar da xornada de folga, poidesen exercer con normalidade ese dereito amparado constitucionalmente”

*