miércoles, 7 de marzo de 2012

O Concello de Ordes acollerase ao crédito sindicado de Mariano Rajoy

A portavoz do Goberno, Sáenz de Santamaría, o pasado 24 de febreiro presentando o plan de axuste municipal.
A corporación municipal deberá aprobar en pleno un 'plan de axuste' que logo deberá recibir o visto bó do Ministerio


Os provedores do Concello de Ordes poderían estar cobrando as súas facturas antes deste verán 

O Concello de Ordes acollerase ao crédito sindicado deseñado polo Ministerio de Facenda de abono de débedas municipais a provedores mediante crédito, que o pasado 24 de febreiro presentaba a vicepresidenta Soraya Saenz de Santamaría. Un proxecto que contempla o desembolso duns 35.000 millóns de euros para facer fronte ás débedas a provedores do conxunto dos municipios españois. Os concellos que finalmente se acollan ao programa deberán devolver o capital prestado nun prazo de dez anos cun periodo de carencia de outros dous, polo que o Concello de Ordes, de ser aprobado o seu plan, non deberá amortizar capital, aínda que si abonar intereses, ata o ano 2014.

Así, e para facer finalmente efectivo o reintegro das cantidades adebedadas, o Concello de Ordes deberá presentar á Facenda Pública antes do vindeiro xoves, 15 de marzo, unha relación das facturas pendentes de pago a provedores a data de 31 de decembro do 2011. A continuación deberá preparar un plan de axuste que faga fronte a esas débedas e que o pleno da corporación municipal deberá aprobar antes do 31 de marzo. A preguntas deste medio, o Goberno municipal de Ordes aínda está estudando a mellor fórmula para cumplir este último requisito xa que as opcións pasan por convocar un pleno extraordinario ou ben incluír o seu plan de axuste no pleno ordinario do vindeiro 29 de marzo.

Antes do verán
Unha vez aprobado e remitido o plan ao Ministerio de Facenda, este deberá aprobar finalmente o crédito ao Concello e os provedores de Ordes poderían comezar a cobrar as súas facturas na súa entidade bancaria, segundo o propio Goberno de España, mesmo antes deste verán.

*