martes, 20 de diciembre de 2011

Que a limpeza, mantemento e vixianza das escolas de Ordes as pague a Xunta


A Mancomunidade reclamara a Xesús Vázquez e Xosé Manuel Rey Varela a "asunción" destes gastos

"Temos que avanzar na colaboración entre adminitracións", reclama Regos

O pleno da Mancomunidade de Ordes acordou esta mañá por unanimidade solicitar sendas entrevistas urxentes co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, para solicitar a asunción dos gastos de conservación, limpeza, mantemento e vixianza dos centros de ensino primario por parte da Consellería de Educación e Educación Universitaria.

O presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, explica que “temos que avanzar na colaboración entre administracións, sobre todo nestes tempos de crise nos que hai que mirar ata o último céntimo”. Regos Boquete puxo un exemplo: “os Concellos estamos asumindo importantes facturas pola luz dos colexios, pero no caso da calefacción era a Xunta quen se encargaba do subministro de gasoil. Ao cambiar a radiadores eléctricos, a tarifa da luz dispárase e repercute directamente sobre os concellos”. 

Por iso, durante o último mes, técnicos e concelleiros de Educación e Servizos Sociais dos sete concellos da comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) estiveron traballando nun estudio dos gastos para mantemento, conservación e vixianza dos distintos centros de educación primaria da comarca e a quen corresponde cada competencia. Un informe que lle farán chegar tanto ao conselleiro de Educación como ao presidente da FEGAMP pois, como afirma Manuel Regos, “trátase dun caso que nos afecta a todos e cada un dos concellos galegos”.

Atención temperá
Por outra banda, o pleno da Mancomunidade tamén acordou un cambio no acceso ao Servizo de Atención Temperá, que ofrece un conxunto de apoios e intervencións dende un enfoque biopsicosocial, traballando sobre distintos aspectos do desenvolvemento cognitivo, afectivo e da linguaxe de nenos menores de 14 anos. A partir de agora, só poderán acceder ao servizo aqueles veciños e veciñas que sexan derivados a el dende o Departamento de Servizos Sociais dos seus respectivos concellos.

A razón deste cambio é o de garantizar a viabilidade económica do programa, que financian ao 100% a Xunta e a Deputación. O problema xurdía cando participaban nel persoas derivadas doutros servizos (dende un centro sanitario ou dende un centro educativo), pois estas persoas non quedaban rexistradas no SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais) polo que se daba a paradoxa de que “estamos atendendo a máis de cen persoas pero os datos din que só son vinte. E compre ter os datos actualizados para seguir recibindo a correspondente subvención por eses cen casos reais e non polos vinte computados no SIUSS”, explica o presidente da Mancomunidade de Municipios de Ordes, Manuel Regos.

Teletraducción
Por último, Manuel Regos informou do convenio de colaboración asinado esta mañá coa Secretaría Xeral da Igualdade para que o Centro de Información á Muller da Mancomunidade incorpore un servizo de teletradución para mellorar a atención das mulleres e vítimas da violencia de xénero inmigrantes e que non terá custo algún para a Mancomunidade. Un sistema que permitirá atender ao usuario en ata 51 idiomas.

Segundo datos do INE correspondentes ao ano 2010, na comarca de Ordes residen un total de 993 extranxeiros, dos que 478 son mulleres. Unha poboación que se concentra especialmente en Ordes (con máis do 50% do total: 526 estraxeiros, 262 delas mulleres) e Oroso (con 322 extranxeiros, 142 delas mulleres). Así mesmo, a Mancomunidade de Ordes traballa nestes días na elaboración do I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, que será aprobado nunha vindeira sesión plenaria.

Na reunión desta mañá participaron os alcaldes de Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Ordes, Manuel Regos Boquete; Oroso, Manuel Mirás Franqueira; Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; e Trazo, Xosé Dafonte Varela. O municipio de Cerceda estivo representado pola concelleira María Viqueira. Ao tratárense de asuntos relacionados coa educación, tamén se sumaron ao pleno os concelleiros Silvia Marín (Ordes), Antonio Leira (Oroso) e Manuel Ferreiro Marzoa (Frades).

*