jueves, 8 de diciembre de 2011

Castro pide ampliar a exposición do PXOM un mes máis

Plano do PXOM do concello de Ordes.

O portavoz nacionalista alerta das queixas recibidas por algúns veciños que consideran que a documentación presentada polo Concello está "incompleta" 

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, esixiu onte ao alcalde de Ordes a ampliación do periodo de exposición pública da documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), habilitando un novo prazo dun mes para que os veciños de Ordes poidan examinala e presentar suxestións á mesma, debido á existencia de queixas de veciños que manifestan que a documentación do PXOM que foi obxecto de exposición pública está incompleta.

Castro lembrou que “no Pleno de Outubro aprobouse, a iniciativa do BNG, habilitar un prazo de exposición pública do PXOM de 30 días naturais para que os veciños poideran examinalo e presentar suxerencias ao mesmo”, mais, unha vez concluido o mesmo, o pasado 30 de novembro, “teñense rexistrado queixas de veciños que manifestan que a documentación do PXOM exposta está incompleta ao faltar un estudio detallado do medio rural e do modelo de asentamento poboacional, a descripción e evaluación do sistema de núcleos que se propón e do alcance, contido e obxectivos da planificación, a planificación sectorial e territorial, ademáis de moita outra documentación necesaria para a aprobación inicial do PXOM”, segundo salientou o portavoz nacionalista.

Os nacionalistas ordenses xa instaron ao alcalde no último Pleno, celebrado o 27 de novembro, a que habilitase un novo período de suxerencias, por un mes, no que se permitise aos veciños e veciñas de Ordes o acceso á documentación completa do PXOM, emprazamento ao que o alcalde respostou afirmativamente, por esta razón, Castro instou ao alcalde a que “pase das palabras aos feitos e poña a disposición dos veciños a documentación completa do PXOM”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O BNG non aceptará que se merme a participación da veciñanza nun instrumento moi importante para o desenvolvemento non só urbanístico, senon incluso socioeconómico do concello de Ordes, tal e como pretende o alcalde ao non permitirlles examinar toda a documentación do PXOM”

*