domingo, 7 de abril de 2013

O PSOE denuncia o perxuizo ao escolares de Ordes co repagamento dos comedores pola Xunta

Pedreira: "Se a Consellería transfire 0,85 euros por rapaz e o gasto polo xantar non chega aos dous euros, por que se lles van a cobrar ás familias un mínimo de 3,5 euros?" 

O PSOE de Ordes denunciou o pasado venres que o repagamento dos comedores escolares establecido pola Xunta de Galicia prexudicará especialmente aos preto de catrocentos escolares ordenses que estudan tanto no Mesón do Vento coma na Vila de Ordes

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, acusa ao PP de “querer facer negocio cun servizo público, o que suporá un prexuízo especial para as familias de Ordes, sobre todo aquelas afectadas tanto polo desemprego como pola dramática situación do rural, onde a caída dos prezos dos produtos é brutal e repercute moi desfavorablemente na economía das familias”.

Moción no pleno
Por iso, os socialistas ordenses presentarán unha moción na sesión plenaria de abril para instar aos grupos municipais a rexeitar o repagamento dos comedores escolares para o vindeiro curso por ser un novo machadazo ás clases medias. 

“Se a Consellería transfire 0,85 euros por rapaz e o gasto polo xantar non chega aos dous euros, por que se lles van a cobrar ás familias un mínimo de 3,5 euros? Parece que queren facer negocio cun servizo básico para a cidadanía”, sinala Xesús Pedreira.

Os socialistas consideran que, ademais, esta é unha medida especialmente regresiva en Galicia. “Se mantemos que o principal reto de futuro que ten a nosa sociedade é o reto demográfico, non podemos deixar pasar medidas que encarezan o custe de mantemento e educación dos fillos. 

Os nenos son o futuro de todos e debemos socializar os seus custes”, apunta Pedreira Mirás, quen lembra que “os ingresos non deben vir de taxas senón de impostos, ou do contrario poremos aínda máis trabas a aqueles que están en idade de ter fillos para tomar a decisión de telos. Estas políticas regresivas do PP soamente serven para afondar mais na grave situación que temos na actualidade."

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, voceiro do PSdG-PSOE de Ordes
“En lugar de incrementar o IRPF para as rendas máis altas ou crear un novo imposto á banca, a Xunta de Galicia prefire subir as taxas polo uso dos comedores escolares" 

"Esta medida que suporá, por exemplo, que o ano que vén unha familia ordense con dous fillas teña que pagar 198 euros este mes polo uso do comedor”