martes, 17 de abril de 2012

Ordes participa no 'Plan galego para o fomento da actividade física, Galicia Saudable'

O programa pretende atallar a vida sedentaria e fomentar hábitos de vida máis activos

O Concello de Ordes ven de adherirse ó Plan Galicia Saudable. Unha iniciativa levada conxuntamente entre a Xunta de Galicia e diversas corporacións municipais co obxetivo fundamental de reducir e previr a presenza de enfermidades crónicas non transmitibles (ECNT) e os seus factores de risco a través do deporte e da actividade física.

Dito plan é un exercicio de responsabilidade que pretende incidir directamente sobre a saúde e calidade de vida dos cidadáns, traballando sobre aspectos como o elevado índice de sedentarismo e os niveis de sobrepeso que se rexistran nas sociedades modernas. Precisamente a inactividade física ocupa o cuarto lugar nas causas de proliferación de ECNT, polo que está comprobado que a adquisición de hábitos de vida máis activos son fundamentais para poder evitar esta problemática. O enfoque de dito plan pasa por articular e poñer en valor recursos, informacións, recomendacións, actividades, infraestructuras e todos os aspectos necesarios para facilitarlles ós veciños e veciñas  de Ordes a práctica regular de actividades físicas e deportivas.

Rede de actores sociais
Para conseguir que o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable sexa unha realidade o Concello de Ordes integrarase dentro da rede de actores sociais e institucionais constituída coa fin de fomentar un estilo de vida activa. Tamén colaborará con todos eles para a posta en marcha de actividades dirixidas a distintos grupos poboacionais, así coma co portal http://galiciasaudable.xunta.es na elaboración dun amplo listado de instalacións, espazos, servizos e actividades.

*