miércoles, 18 de julio de 2012

Xesús Pedreira chama á responsabilidade dos partidos para sacar adiante o PXOM


O secretario dos socialistas de Ordes considera "unha irresponsabilidade" os cruces de acusacións entre os diferentes partidos nos medios de comunicación 

Pedreira: “O informe da Xunta é o habitual nestes procedementos, pero se un lle dá unha boa lectura observará tamén que a maioría das apreciacións son de doado arranxo"

O PSdeG-PSOE de Ordes fixo hoxe un chamamento á responsabilidade de todas as forzas políticas ordenses para sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O seu secretario xeral, Xesús Pedreira, lembra que estamos diante dun documento fundamental para o futuro do municipio de Ordes, polo que considera que “é unha irresponsabilidade andar a cruzar acusacións nos medios de comunicación. É o momento de que todos os partidos sexamos responsables e non para andar a poñer paos nas rodas”.

Neste sentido, o secretario xeral dos socialistas ordenses considera que “se os outros partidos teñen calquera sospeita de que se ten producido algún tipo de delicto, ocultación ou trato de favor, a súa obriga é denuncialo nos xulgados e non a andar con dimes e diretes na busca de réditos políticos”.

De feito, Xesús Pedreira bota en falta un debate máis polo miudo sobre o contido do Plan Xeral e sobre o propio informe previo presentado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Por iso, os socialistas piden a todos os grupos municipais que teñan unha maior amplitude de miras, deixen os intereses partidistas a un lado e se centren en elaborar un Plan Xeral adaptado á realidade, que se poida rematar canto antes e que sirva como elemento integrador e de crecemento de Ordes para os vindeiros anos.

Informe da Xunta 
Xesús Pedreira considera que o informe previo á aprobación inicial do PXOM de Ordes emitido o pasado 10 de xullo pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo non é en absoluto comparable ao emitido en maio de 2007, que motivou a retirada dese documento e o inicio da elaboración dun novo Plan Xeral. “O informe da Xunta é o habitual nestes procedementos, con importantes restriccións como na delimitacións dos núcleos rurais, pero se un lle dá unha boa lectura observará tamén que a maioría das apreciacións son de doado arranxo ou, incluso, nimiedades”, expón Pedreira Mirás.

Así, moitas das modificacións solicitadas teñen que ver con cuestións como que determinados lugares non figuran no nomenclator do Concello, que unha ordenanza debe remitirse á LOUG e non a outra norma, que a parcela do repetidor do Mesón debe cambiar de cualificación ou que o índice do Tomo III da documentación debería ir paxinado. 

Xesús Pedreira considera fóra de lugar tentar de comparar as correccións incluídas no documento deste ano co de maio de 2007 no que, entre outras cousas, o goberno do PP falaba de levantar 6.009 novas vivendas en Ordes, entre solo urbano e urbanizable, a razón de 375 vivendas por ano. Unhas previsións que acadaban as 975 novas vivendas no Mesón do Vento, 506 en Santa Cruz de Montaos e outras 2.000 vivendas nos distintos núcleos rurais.

Xesús Pedreira, do PSdG-PSOE.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación local del PSdG-PSOE de Ordes
“Pretender comparar esas 7.690 novas vivendas que contemplaba o Plan Xeral elaborado polo anterior Goberno do PP coa proposta actual de Plan Xeral é un simple exercicio de demagoxia

"Congratúlome da aceptación por parte da Xunta de Galicia do espazo reservado para o novo polígono empresarial, que naceu da man do grupo municipal socialista durante a súa participación no goberno ordense da pasada lexislatura”

"O informe feito público pola Xunta de Galicia máis que dividir ás forzas municipais debería unilas. Non é tempo de andar con partidismos e discusións que non levan a ningures. É momento de traballar xuntos para que os ordenses dispoñan canto antes dun Plan Xeral adaptado ás súas necesidades”. 

“É momento de avanzar xuntos no Plan Xeral para que despois sexa enriquecido polas alegacións veciñais

*