martes, 17 de julio de 2012

Martínez Sanjurjo: "O Concello oculta á oposición as modificacións ao PXOM"


O PP de Ordes observa unha "obstrucción deliberada" do Concello á tramitación do PXOM e avoga por un documento "transparente e sen favoritismos"

O Partido Popular de Ordes afirmou hoxe que o Concello de Ordes "continúa ocultando" aos grupos da oposición as modificacións efectuadas no documento de inicio do PXOM, logo do milleiro de suxestións efectuadas polos propietarios afectados. De feito, no vindeiro pleno municipal, o Partido Popular solicitará copia do documento remitido no seu momento á Xunta de Galicia e que serviu de base para a elaboración do informe previo á aprobación inicial do PXOM ordense.

“Ordes ten un Goberno local opaco que se nega a desenvolver unha xestión transparente do PXOM, provocando así que a sombra da dúbida se instale sobre un documento vital para o futuro do municipio, e que debería tramitarse coa máxima dilixencia, sen favoritismos e sen máis limitacións que a de responder ao interese xeral, en lugar de velar polos intereses particulares que tanto preocupan a Manuel Regos”, afirma José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular.

"Tutela permanente"
Martínez Sanjurjo lamenta que durante o proceso de elaboración  do documento de inicio do PXOM, o alcalde de Ordes "adoptase unha actitude de tutela permanente, se cadra para tratar de recualificar determinadas fincas, aínda que fose a costa de incumprir as instruccións e directrices de ordenación do territorio".

Así, continúa Martínez Sanjurjo, "os cinco anos perdidos polo actual alcalde de Ordes para dotar a este Concello dun Plan Xeral de Ordenación Municipal  transparente e con visión de futuro, poñen de manifesto unha obstrucción deliberada do rexedor á aprobación deste instrumento de planeamento".

Recordan os populares ordenses que ao inicio da pasada lexislatura local, cinco anos atrás, o alcalde de Ordes "optou por tirar pola borda o documento inicial do PXOM que herdara do anterior executivo local e ao que só restaban por corrixir as deficiencias sinaladas pola Xunta". De terse continuado aquel proceso, aseguran os populares, Ordes disporía, a día de hoxe, de un PXOM en vigor ou próximo a aprobarse, como acontece noutros concellos da comarca.

Novo PXOM
Pola contra, a decisión do rexedor local de iniciar a elaboración dun novo PXOM, "partindo de cero, e sen argumentos sólidos que xustificasen tal decisión, condenou o futuro de Ordes e dos ordenses que, a este ritmo, seguramente seguirán sen PXOM definitivo no que resta de lexislatura municipal".

A xuízo de Martínez Sanjurjo, os retrasos que acumula o Concello de Ordes na tramitación do PXOM contrastan coa rapidez coa que a Xunta de Galicia emitiu o informe previo á aprobación inicial do PXOM ordense, xa que este documento foi elaborado no prazo máximo de dous meses fixado pola lei para esta primeira fase de tramitación.

*