Xesús Pedreira: "Esta medida é un
exercicio de responsabilidade da clase política co resto da cidadanía en época
de recurtes”
O PSdeG-PSOE de Ordes presentará unha moción na
vindeira sesión plenaria para aforrar entre 40.000 e 42.000 euros nas
retribucións que reciben todos os concelleiros da corporación municipal de Ordes
no que resta de lexislatura. O portavoz municipal socialista, Xesús Pedreira,
considera que esta medida “sería un exercicio de responsabilidade da clase
política de Ordes co resto da cidadanía nunha época de recurtes xeralizados,
algúns deles dos máis inxustos como os que se anunciaron hoxe mesmo no
Parlamento”.
A proposta socialista inclúe unha baixada do 5%
nas asignacións que reciben os concelleiros ordenses por asistencias a
comisións e a Xuntas de Goberno, así como que non se cobre por asistir a plenos
extraordinarios. Se temos en conta que cada semana ten lugar unha Xunta de
Goberno (a 190 euros por asistencia) e entre 3 ou 4 comisións (a 105 euros por
asistencia), a proposta do partido socialista suporía un aforro de entre 4.000
e 4.500 euros anuais.
A isto hai que engadir os preto de 9.600 euros
anuais que se gastan nos 3-4 plenos extraordinarios que se convocan cada ano.
Uns cálculos que supoñen que, nos tres anos que restan de lexislatura, a medida
proposta polos socialistas suporía un descenso de entre 40.000 e 42.000 euros
nas retribucións que reciben todos os concelleiros e todos os grupos políticos
municipais de Ordes.
Xesús Pedreira (PSOE). |
A frase de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
"Esta medida non
afectaría ao funcionamento normal do Concello, suporía un importante aforro
para as arcas municipais e sería tamén un xesto importante de cara ao veciño,
que viría que a clase política tamén é quen de apertarse o cinto en momentos de
crise”.
*