jueves, 5 de julio de 2012

O BNG dirá que non aos Orzamentos municipais 2012

Dosier dos orzamentos de Ordes para este ano.
Os nacionalistas critican a suba de impostos e a "ausencia de talante democrático" do Goberno municipal


Gonzalo Castro: "O alcalde esquece os investimentos para paliar o drama do paro"
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que o seu grupo municipal  votará en contra dos Orzamentos Municipais que serán debatidos mañá venres pola Corporación municipal do Concello de Ordes durante un pleno extraordinario.
Castro manifestou que “a principal razón do voto negativo é a inexistencia de medidas e investimentos para reactivar económicamente o concello e intentar crear emprego”. O portavoz nacionalista afirmou que “o alcalde esquécese totalmente da situación crítica que están a vivir os principais sectores económicos do noso concello e non contempla nin un euro dos trece millóns do orzamento para apoialos”.
O portavoz do BNG tamén afirmou que “propostas reiteradas polo BNG, como a creación dun viveiro de empresas ou o impulso e promoción da praza de abastos non están presentes no Orzamento presentado polo Goberno municipal, cando poderían ser moi útiles para fomentar a creación de emprego, reactivando sectores económicos moi importantes como o comercial e o agrogandeiro
Castro salientou que “o alcalde esquece nos Orzamentos os investimentos para paliar o drama do desemprego, que xa afecta a máis de 1.200 ordenses, mentres aumenta os gastos correntes e protocolarios en máis de 2,5 millóns de euros” .
Taxas, impostos e talante democrático
Gonzalo Castro criticou a suba de taxa e impostos que prevén estes Orzamentos e que afogarán as economías das familias ordenses”
Finalmente, o portavoz nacionalista criticou a actitude do alcalde, ao que acusou de “ausencia de talante democrático, ao negarse a dialogar para chegar a acordos que permitisen que Ordes tivese uns Orzamentos pensados para resolver os problemas dos veciños e non en función dos intereses do alcalde e da súa rede clientelar”.

*