Mostrando entradas con la etiqueta Choncha Concheiro García. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Choncha Concheiro García. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de septiembre de 2013

Pesar nos socialistas de Ordes polo pasamento de Choncha Concheiro


Xesús Pedreira: "Os veciños e veciñas de Ordes poden sentirse orgullosos desta ordense exemplar que por loitar pola libertade, a democracia e a República, sufriu a represión franquista"

A Agrupación Socialista de Ordes ven de expresar o seu pesar polo pasamento onte de Choncha Concheiro Garcia en México aos cen anos de idade. 

Vencellada dende a súa mocidade coas libertades democráticas, Choncha Concheiro xunto ao seu marido, o médico Paco Comesaña, primeiro secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Santiago, foron, sempre segundo o PSOE de Ordes, un referente histórico na loita contra a dictadura franquista e pola democracia.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Os vecinos e veciñas de Ordes poden sentirse ben orgullosos de Choncha Concheiro e do seu marido, Paco Comesaña, así como dos once fusilados en 1937 en Boisaca, todos eles de Ordes que loitaron pola libertade, a democracia e pola República e sufriron a represión do réxime franquista".

“Non podemos esquecer que as liberdades democráticas que disfrutamos hoxe, son en boa parte froito daquela loita de Choncha Concheiro e Paco Comesaña”

*

Morre en México Chonchiña Concheiro aos cen anos de idade

Choncha Concheiro en México o pasado mes de maio, no día do seu 100 cumpreanos.
A histórica católica comunista (Ordes, 1913), inspirou a Manuel Rivas para escribir O lapis do carpintero

Ascensión Chonchiña Concheiro García (Ordes, 1913), morreu onte aos cen anos de idade en México, onde foi soterrada. Tía de Manuel María Concheiro, empresario fundador de Internaco, Choncha Concheiro era viuva do médico republicano Paco Comesaña (1912-1977), primeiro secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Santiago, encausado xunto con once veciños máis de Ordes e condenado a morte pola ditadura franquista. 

Mentres os seus 11 compañeiros de xuízo foron fusilados o 8 de febreiro de 1937 en Boisaca (Santiago de Compostela), a pena de morte de Comesaña foille conmutada pola de cadea perpetua por ter nacido en Cuba. 

Exiliados a Cuba e México
Así, Comesaña puido saír do cárcere en 1943 e exiliarse primeiro en Cuba e logo en México coa súa dona, país onde naceron os seus fillos, e prestaron apoio aos emigrantes e exiliados galegos. En Cuba terían unha gran amizade con Xosé Neira Vilas.

A historia de amor entre Paco Comesaña e Choncha Concheiro inspirou a Manuel Rivas para escribir a novela O lapis do carpinteiro (Xerais, 1998) posteriormente levada ao cine por Antón Reixa en 2002.

*

sábado, 20 de julio de 2013

Éxito de público na homenaxe a Paco Comesaña e Choncha Concheiro


De esq. a der. Manolo Pazos, Xesús Pedreira, Xosé Neira Vilas e Carlos Pérez, o xoves en Ordes.
O médico exiliado casou coa ordense Choncha Concheiro, que ven de cumprir os cen anos de idade

A historia de Paco Comesaña e Choncha Concheiro inspirou a Manuel Rivas para escribir O lapis do carpinteiro

Medio cento de veciños e veciñas de Ordes encheron na noite do pasado xoves o salón de actos do Museo do Traxe para asistiren á charla coloquio sobre a figura de Paco Comesaña, organizada pola Asociación Cultural Inquedanzas co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Comesaña. 

Un acto que contou coa participación do presidente da Asociación Cultural Inquedanzas, Carlos Pérez; de Xosé Neira Vilas, escritor e membro da Real Academia Galega; de Manolo Pazos, historiador orosán e membro da A. C. Obradoiro da Historia; e do secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira. Un acto ao que asistiron a primeira tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín; e o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez.

Asunción Concheiro Garcia, Choncha Concheiro, nunha recente fotografía no seu 100º cumpreanos enviada por ela a Neira Vilas. 
Exilio en América
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), aproveitou a súa intervención para relatar algunha das seas anécdotas con Paco Comesaña, a quen coñeceu no exilio en Bos Aires e de quen dixo que, pola súa ideoloxía, incluso os galeguistas de dereitas lle tiñan un pouco de medo. 

Tras lembrar que ten pasado moitas tardes en Tui co doutor Comesaña, Neira Vilas lembrou unha das anécdotas recollidas na novela O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, e que está baseada na vida de Paco Comesaña.

Así, Neira Vilas recordou que Comesaña casara por poderes, polo que non puidera pasar a súa noite de vodas coa súa muller. Sen embargo, convenceu aos Gardas Civís que o trasladaban de cárcere para facer unha parada no Hotel Universal de Vigo para poder pasar unha noite coa súa muller. 

“Tal era o poder de convencemento que tiña Paco Comesaña”, explicou Neira Vilas, quen sinalou tamén que os empregados do hotel, ao ver a escolta, non pensaron en ningún momento que se trataba dun preso, senón de alguén moi importante polo que o trato que recibiron foi exquisito.


Memoria histórica
Pola súa banda, Xesús Pedreira explicou que “a memoria histórica é moi importante. Ordes ten que coñecer persoas como as que foron fusiladas en Boisaca ou como Paco Comesaña, persoas que loitaron pola democracia e pola República. E non temos que esquecer que esta liberdade que disfrutamos hoxe é en parte froito daquela loita”. 

Ademais, sinalou que era unha grande honra falar de Paco Comesaña, de quen lembrou que foi o primeiro secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Santiago.

Finalmente, o historiador orosán Manolo Pazos fixo un completo achegamento á figura do médico Francisco Comesaña Rendo, nacido en Cienfuegos (Cuba) en 1913. Del lembrou que foi encausado xunto con once veciños máis de Ordes e condenado a morte pola ditadura franquista. 

Mentres os seus 11 compañeiros de xuízo foron fusilados o 8 de febreiro de 1937 en Boisaca (Santiago), a pena de morte de Comesaña foille conmutada pola de cadea perpetua por ter nacido en Cuba. Saíu do cárcere en 1943 e trasladouse a México.

Volta a Galicia
Coa chegada da democracia chegou a volver a España, onde residiu en Tui ata a súa morte en 1997. Francisco Comesaña casou por poderes con Asunción Concheiro, veciña de Ordes, quen na actualidade ten 100 anos e reside en México co fillo de ambos, que é profesor na Universidade Central de México.

A charla-coloquio durou ata máis aló das 23:00 horas e incluíu a proxección dun vídeo de Manolo Pazos con testemuños e duras imaxes sobre os represaliados e asasinados durante a ditadura franquista na comarca de Ordes, un tema que o historiador orosán ten recollido no seu libro Mortes Violentas na Comarca de Ordes (1936-1952). Ao rematar o acto, Xosé Neira Vilas aproveitou para asinarlle ao público asistente algúns exemplares dos seus libros.

*

sábado, 6 de julio de 2013

Preparan unha homenaxe ao médico exiliado Paco Comesaña


A historia de amor coa súa dona, a ordense Chonchiña Concheiro, quen xa cumpriu os cen anos de idade, inspirou a Manuel Rivas para escribir O lapis do carpinteiro


A asociación cultural Inquedanzas ten programado para o próximo xoves 18 de xullo ás 20:30 horas no Museo de Traxe de Ordes un acto de homenaxe ao médico tudense Francisco Comesaña na data do centenario do seu nacemento. Participarán como ponentes o escritor Xosé Neira Vilas e o historiador ordense Manuel Pazos.

Francisco Paco Comesaña estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde coñeceu á ordense Asunción Chonchiña Concheiro García,  hoxe tía de Manuel María Concheiro, empresario fundador de Internaco

Moi comprometidos ambos co socialismo e o comunismo durante os anos 30, Comesaña chegou a ser presidente das Xuventudes Socialistas de Galicia. O estalido da guerra civil, o 18 de xullo de 1936, sorprendeu a Paco Comesaña en Ordes coa súa por aquel entonces noiva Choncha. Xunto a un grupo de veciños demócratas republicanos ordenses formaron un comando de resistencia ao golpe de Estado.

Poucos días despois, Comesaña sería apresado e logo condeado a morte por un tribunal militar xunto a outros republicanos. Puido salvarse dunha execución segura por nacer en Cuba. Cumprindo condea no cárcere de Castellón casou por poderes con Choncha Concheiro. 

Os seus compañeiros republicanos non correron esa mesma sorte e serían executados no cemiterio de Boisaca, no mesmo lugar onde hoxe existe unha placa que os lembra.

Francisco Comesaña Concheiro.
Cuba e México
Repatriados a Cuba, o matrimonio entabla amizade con intelectuais galegos exiliados, especialmente con Xosé Neira Vilas. Tempo despois se desprazarían a México onde e Comesaña xercería como médico e especializándose en atender aos exiliados galegos e españois no país americano. 

Alí nacerían os seus fillos, entre eles o prestixioso violinista Francisco Comesaña Concheiroprofesor da Orquesta Sinfónica de Radiotelevisión Española, falecido en abril do 2011. 

Xa antes, en 1975, o matrimonio retornaría a Tui onde Comesaña exercería de médico ata a súa morte en 1995. Choncha Concheiro cumpliu recentemente os cen anos de idade.

A historia de amor entre Paco Comesaña e Choncha Concheiro inspirou a Manuel Rivas para escribir a novela O lapis do carpinteiro (Xerais, 1998) posteriormente levada ao cine por Antón Reixa en 2002.

*