jueves, 26 de julio de 2012

O PP reclama obras de mellora no pavillón do CEIP Campomaior

Propoñen que sexan financiadas con cargo ao plan de investimentos da Deputación da Coruña


Tamén exisirán a reparación de desperfectos na ampliación da Alameda


O Partido Popular de Ordes alertou onte de que a "situación de deterioro, derivada do paso do tempo e do uso continuado" que presenta o polideportivo do CEIP Campomaior de Ordes, suporá unha reclamación ao Concello que execute as obras de mellora necesarias. Os populares propoñen que tales obras se financien con cargo aos fondos asignados a Ordes no marco dun novo plan de investimentos da Deputación da Coruña para o ano 2012.

O pavillón do colexio Campomaior ten a súa orixe nunha pista descuberta executada a mediados da década dos anos oitenta, pero a día de hoxe precisa dunha posta ao día, que, en opinión do PP de Ordes, debería incluír a substitución da cuberta e dous paramentos verticais para mellorar o illamento, a iluminación e a acústica, instalar unha nova pista sobre a actual base de formigón, ademais de mellorar os vestiarios e aseos.

As obras de reforma deste pavillón non só beneficiarían aos mais de 360 rapaces escolarizados neste centro, senón tamén aos usuarios que se desprazan a esta instalación fóra do horario lectivo para practicar deporte


Desperfectos na Alameda
Ao tempo, o Partido Popular trasladará ao Pleno de hoxe os "crecentes desperfectos" que presentan as obras de ampliación da Alameda, "a pesares do escaso tempo transcorrido desde que remataron os traballos".

O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, asegura que as obras de ampliación da Alameda da vila de Ordes "non só supuxeron un gasto desmesurado no pasado mandato; agora, o paso do tempo encárgase de demostrar que os traballos se desenvolveron cunha máis que probable neglixencia por falta dunha correcta planificación, o que explicaría os desperfectos que rexistra o firme, as filtracións de auga aos locais inferiores e mesmo o deterioro estético que presentan os laterais, especialmente o muro contiguo ás escaleiras que comunican a parte inferior da Alameda co parque municipal, intermedio co hotel”.

Neste contexto, o Partido Popular esixe ao Concello que adopte as medidas necesarias para reclamar os danos á empresa que executou as obras e a inste a correxir as deficiencias no prazo de tempo máis breve posible.

Plan de rebacheo
A través de outro dos rogos que presentarán no Pleno deste xoves, o Partido Popular pretende ter acceso ao suposto plan de rebacheo do Concello de Ordes, dado o mal estado de conservación que presentan moitas vías deste municipio. Como exemplo, o PP cita a pista que discorre entre a parroquia de Lesta e o núcleo de Pepín (Mercurín), e que continúa sen arranxarse, a pesar das reiteradas demandas formuladas polo Partido Popular.

Outros asuntos
No Pleno ordinario previsto para hoxe, o Partido Popular formulará tamén as seguintes iniciativas:


- Moción para reducir drásticamente o gasto en dietas e soldos da Corporación municipal.


- Rogo para acceder a unha copia da documentación que o Concello enviou á Xunta de Galicia para o informe previo á aprobación inicial do PXOM.


- Rogo para colocar un espello que mellore a seguridade viaria no lugar de A Rúa (Buscás), facilitando a incorporación de vehículos.


- Rogo para que a Policía Local de Ordes incremente as patrullas e as faga extensivas aos diferentes núcleos rurais do municipio para previr a inseguridade.


- Pregunta sobre a situación do peche perimetral executado polo Concello nunha finca situada ao carón da rolda leste e o parque empresarial.


- Pregunta sobre a inclusión de dezaseis persoas do Grumir no cadro de persoal do Concello para 2012.

Novo concelleiro do PP
Hoxe tamén tomará posesión o novo concelleiro do Partido Popular, Luis Caamaño Fraga, natural da parroquia de Parada, que accede a este cargo en substitución de Pedro Carrasco, que renunciou á súa acta de concelleiro por razóns de carácter persoal.


*