jueves, 5 de julio de 2012

Belén do Campo promete melloras no ensino de Ordes


De esq. a der. Ana Hervés, Mercedes Barros, Belén do Campo, José Luis Martínez Sanjurjo e Susana Mosquera, onte no CEIP Campomaior.
A delegada territorial da Xunta de Galicia tivo onte un encontro con representantes da comunidade educativa do CEIP Campomaior


Ana Hervés (ANPA) e a directora, Mercedes Barros, reclaman unha serie de obras no edificio

A delegada territorial da Xunta na nosa provincia, Belén do Campo, mantivo onte unha reunión de traballo no CEIP Campomaior de Ordes no que tamén subliñou o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na mellora dos equipamentos educativos do Concello de Ordes. Así llo trasladou ao portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, á tamén edil Susana Mosquera, e aos representantes da comunidade educativa do Campomaior.

No encontro, a directora do colexio, Mercedes Barros, e a membro da ANPA Ana Hervés trasladáronlle á representante do Goberno galego na provincia a necesidade de levar a cabo melloras no edificio, entre as que se atoparía a creación dun corredor cuberto no lateral do inmoble para facilitar o acceso dos alumnos e alumnas, a dotación de aseos adaptados na área de Educación Infantil ou o traslado da aula de informática. Pola súa banda, Do Campo comprometeuse a estudar estas propostas e a remitilas de inmediato ao departamento autonómico para o seu análise.

A delegada territorial tamén amosou a súa vontade de traballar intensamente para darlles cumprimento no menor prazo de tempo posible e beneficiar aos 360 rapaces de Educación Infantil e Primaria que estudarán neste centro educativo o vindeiro curso. 

Neste senso, Do Campo trasladoulle tanto á comunidade educativa como aos representantes políticos a disposición do Executivo galego de explorar todas alternativas para acadar a mellor solución e seguir mantendo a aposta da Consellería pola calidade do sistema educativo. 

A frase de Belén do Campo, delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña
“A Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”

*