viernes, 20 de julio de 2012

Leira xa prepara o 20º encontro de grupos de danza rexional


Terá lugar este domingo 22 de xullo con agrupacións chegadas dende Sigüeiro, Trazo, Tui, Ponteareas e Boiro

O próximo domingo 22 de xullo o campo da festa de Leira alberguará o 20º encontro de grupos de danza rexional. Unha cita na que a cultura, a tradición e o folclore galego se dan a man grazas á participación de varias asociacións e agrupacións chegadas dende máis aló da comarca de Ordes.

Nesta edición contarase coa participación de: Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre (Sigüeiro), Asociación Folclórica Os Xeitosos de Trazo, Grupo Folclórico Mosteiro (Tui), Grupo de Baile Pedra da Garza (Ponteareas) e a Asociación Ballet Folclórico Boirense. O programa inclúe unha comida campestre a mediodía previa ó comenzo do festival, previsto para as 18 horas.  Posteriormente todos os participantes poderán disfrutar dun viño español por xentileza dos organizadores do evento.

Ademáis da Asociación Cultural Veciños de Leira o evento conta coa participación do Concello de Ordes e da Deputación da Coruña.