martes, 31 de julio de 2012

O BNG denuncia irregularidades no uso de diñeiro de subvencións


Gonzalo Castro: "Pediremos a inmediata comparecencia do alcalde para que explique este gravísimo asunto"

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, denunciou onte “o recoñecemento por parte do Goberno municipal da existencia de irregularidades no uso do diñeiro das subvencións recibidas polo Concello de Ordes”.

O portavoz dos nacionalistas ordenses aportou, para xustificar esta afirmación, unha acta do Pleno onde se aprobou a operación de crédito por 2,7 millóns de euros para facer frente ás facturas impagadas, onde o Goberno municipal recoñece que “moitas destas facturas foron subvencións”.

Gonzalo Castro pregúntouse “se moitas das actuacións correspondentes a facturas impagadas polo Goberno municipal foron subvencionadas, como é que estaban sen pagar?

Para o portavoz municipal do BNG, “esta afirmación do Goberno municipal é gravísima porque supón o recoñecemento de irregularidades no uso do diñeiro público por parte do alcalde e do seu Goberno, e incluso podería supoñer a existencia dunha malversación deste diñeiro”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O BNG pedirá a inmediata comparecencia do alcalde diante do Pleno para que explique este gravísimo asunto, e esixiremos as responsabilidades que correspondan”

*