lunes, 2 de julio de 2012

Regos lembra que foi el e non o PP de Ordes, quen asinou o convenio do PEIM


O alcalde asegura que este convenio de 106.536 euros foi posible "logo de moitas reclamacións, solicitudes, demandas e negociacións emprendidas polo equipo de Goberno municipal de Ordes"

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, tildou onte de "manipulación informativa" as declaracións feitas polo portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, nas que se acusa ao actual equipo de Goberno municipal de "sumir no abandono ás pistas e tramos circulatorios de titularidade municipal". Segundo o alcalde, se trata de "falsas acusacións" verquidas co gallo da recente aprobación dunha subvención de 106.536,87 euros destinada ao arranxo do vial que une Mesón do Vento coa estrada de Buscás. Partida orzamentaria incluída dentro dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM), programa desenvolvido pola Xunta de Galicia en colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Segundo sinalou o alcalde, “o noso compromiso co mantemento das infraestructuras e dos viais deste Concello tennos levados incluso a investir e facer arranxos en tramos que non son da nosa competencia, como por exemplo os da estrada que une Ordes con Cerceda”. Precisamente, apunta "fun eu, o alcalde, o encargado de asinar o pasado mércores o convenio que fará posible, grazas a fondos europeos, o investimento citado no tramo Mesón do Vento – Buscás". Regos Boquete asegura que este convenio foi posible "logo de moito tempo de reclamacións, solicitudes, demandas e negociacións emprendidas por este equipo de Goberno”. 

Plan de bacheado
Actualmente o Concello de Ordes mantén operativo o seu propio plan de bacheado co que se persegue dar solución a cuestións de mantemento e mellora do firme. “Un plan que se sufraga or orzamento municipal e que é máis necesario ca nunca, xa que a actual crise económica provoca que en moitos casos organismos e administracións demoren o seu investimento neste tipo de obras”, explica o alcalde. O propio alcalde tamén lamenta e oponse ao comportamento de partidos que como o PP de Ordes, “están sempre pendentes de empregar calquer asunto, incluso aqueles que resulten beneficiosos para o pobo de Ordes como a sinatura deste convenio, para facer unha crítica política negativa que en nada favorece ao noso municipio e a súa imaxe". 

"O compromiso de Manuel Regos e o seu equipo en materia de melloras das redes de comunicación do Concello de Ordes -asegura o Goberno municipal en nota de prensa-, ten o seu máximo expoñenente na recentemente inaugurada rolda leste". Un tramo que ven a permitir o tránsito fluido de circulación polo centro da vila grazas á posibilidade que ofrece de poder desviar os camións e tráfico pesado da N-550. 

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
Esforzos do Goberno de Ordes
“Tendo en conta o inxente esforzo feito polo Concello en investimentos coma este resulta canto máis sorprendente que aínda se atrevan a falar de deixadez pola nosa parte neste tipo de materias”, manifesta Regos. 

En relación ás mocións presentadas polos demais partidos en diversos plenos, Manuel Regos quixo tamén lembrar que “a actitude do Goberno municipal sempre foi a de votar a favor daquelas decisións e  posturas que repercutiran en beneficio da seguridade, comodidade e desenvolvemento económico dos veciños e veciñas, tanto de Buscás como de calquera outra parroquia do noso municipio”. 

*