"O PP de Ordes pretendeu ocultar o evidente, que está a favor da suba de taxas e impostos municipais", asegurou o portavoz do BNG
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, considerou “unha falta de responsabilidade e respecto aos veciños, tanto a ausencia de CideGa durante todo o Pleno, como a desaparición do PP durante a votación dos Orzamentos e durante o debate e votación da suba das taxas e impostos municipais”.
Con respecto á ausencia do PP no debate da suba das taxas e impostos municipais, Gonzalo Castro manifestou que “quen cala otorga, e está claro que o Partido Popular ausentouse do debate sobre a suba das taxas e impostos nun burdo intento de ocultar o evidente, que estaba a favor das mesmas, como o estivo o ano pasado, cando se aprobou unha suba semellante das taxas e impostos”.
Castro tamén defendeu esta mañá en Pleno extraordinario o voto
en contra dos nacionalistas aos orzamentos municipais que foron aprobados polo Goberno municipal e o PSdG-PSOE.
O portavoz do BNG de Ordes manifestou que “a principal razón do
voto negativo é a inexistencia de medidas e
investimentos para reactivar económicamente o concello e intentar crear
emprego”.
Gonzalo Castro afirmou que “o alcalde esquécese totalmente da
situación crítica que están a vivir os principais sectores económicos do noso
Concello e non contempla nin un euro dos trece millóns do Orzamento para
apoialos”.
O portavoz do BNG afirmou que “propostas reiteradas polo BNG, como
a creación dun viveiro de empresas ou o impulso e promoción da praza de
abastos, non están presentes no orzamento presentado,
cando poderían ser moi útiles para fomentar creación de emprego, reactivando
sectores económicos moi importantes como o comercial e o agrogandeiro”.
Diante da afirmación de UxO e PSOE sobre unha suposta suba dos
investimentos destinados a fomento do emprego, Gonzalo Castro emprazou a ambos
partidos a que “dixeran en que apartado do anexo de investimentos dos
Orzamentos aparecen os destinados a fomentar o emprego”, sen que nin a portavoz
de UxO, nin o portavoz do PSOE fosen quen de responder a esta pregunta.
Castro criticou que “o alcalde esquece claramente nos Orzamentos
os investimentos para paliar o drama do desemprego, que xa afecta a máis de 1.200
ordenses, mentres aumenta os gastos destinados a “chanchullos” do Goberno en
máis de 2,5 millóns de euros”.
Finalmente, o portavoz nacionalista fixo fincapé en que “agora
entendemos porque o Goberno rexeitou a man tendida do BNG para negociar uns
Orzamentos pensados para resolver os
problemas dos veciños, porque sabían que o BNG non aceptaría uns Orzamentos
feitos a medida dos intereses do alcalde e da súa rede clientelar e caciquil”.
Taxas e impostos
Noutro punto da orde do día, destinado a aprobar unha suba de taxas
e impostos para o ano 2013, o portavoz do BNG manifestou a oposición do seu
grupo, porque “estas subas afogarán as economías das familias ordenses”.
Gonzalo Castro salientou “a brutal
suba do IBI, de máis dun 30%”, e defendeu que “se incluisen nas Ordenanzas
Fiscais medidas para “favorecer ás persoas con menos recursos e servizos
públicos”.
Os nacionalistas ordenses propuxeron unha modificación da ordenanza
municipal de prezos públicos engadindo a exención do pago de prezos públicos
municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de
desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na
contía mínima legalmente establecida.
Gonzalo Castro xustificou esta proposta salientando que “a política fiscal do Concello de Ordes debe
atender á situación económico-social dos contribuintes, de acordo cos
principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ordes estamos a
padecer de xeito moi duro os efectos da crise con perto de 1.200
desempregados”.
O portavoz do BNG salientou que “a
actual ordenanza de prezos públicos, para eximir do pago dos mesmos, só ten en
conta, excepcionalmente, as situacións de extrema indixencia, pero é necesario
ter en conta tamén as situacións dos desempregados e das persoas con pensións
mínimas, que están a sufrir de forma moi dura as consecuencias da crise”.
A segunda proposta fiscal dos nacionalistas consiste no establecemento
dunha reducción do 50% do Imposto Municipal sobre os Bens Inmóbeis (IBI), para
aqueles bens que carezan de servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.
Castro defendeu esta proposta aludindo a que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que
viven en zonas sen servizos público de abastecemento e saneamento de auga, e
que se viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos
mesmos”.
Estas propostas non foron aceptadas polo Goberno municipal e finalmente foi
aprobada unha suba das taxas e impostos do Concello de Ordes, cos votos a favor
de todos os grupos presentes no Pleno, excepto o BNG, que votou en contra porque “negámonos a apoiar esta suba de taxas e
impostos xa que defendemos a necesidade de aprobar unhas ordenanzas fiscais
máis xustas que teñan en conta a situación das persoas que posuen menos
recursos”, segundo manifestou Gonzalo Castro.
ORA
O
BNG tamén criticou a proposta de ampliación das zonas de regulación do
aparcamento ORA, que prevé o Goberno municipal de Ordes e que ampliaría a ORA a
sete rúas máis da vila de Ordes.
Finalmente,
o alcalde decidiu retirar a proposta deste punto da orde do día ao manifestar Gonzalo Castro que “en calquera caso a modificación desta
ordenanza non entraría en vigor até o 1 de xaneiro e cremos que o mellor é dialogar
cos veciños para que opinen se queren ou non algunha ampliación do espazo
destinado na actualidade á ORA”.
Praza
de abastos
O BNG instou ao goberno a falar
cos titulares dos postos da praza de abastos para buscar unha solución á súa
situación, dándolle garantías de continuidade na nova adxudicación de
concesións, pero o Goberno opuxose e aprobou a rescisión destas concesións.
Vados
O BNG opuxose á delegación da
recadación dos vados municipais á Deputación, xa que, segundo o portavoz do BNG
“deben reducirse as competencias das Deputacións até chegar á efectiva
desaparición destes organismos innecesarios”
*