"É unha indecencia, e máxime nestes momentos de sacar España da crise na que nos sumiron Zapatero e os seus cómplices, Regos entre eles"
Os populares doarán a Cáritas os 750 euros de indemnización por asistencia ao Pleno de hoxe
Os cinco concelleiros do
Partido Popular de Ordes doarán a Cáritas o importe das dietas que perciban por
asistencia ao Pleno extraordinario convocado para esta mañá polo alcalde de
Ordes.
Con esta decisión, "o Partido Popular
quere expresar o seu malestar pola proliferación de convocatorias de plenos
extraordinarios (cunha indemnización de 150 euros por concelleiro) e de comisións
(105 euros por concelleiro), convocatorias innecesarias no caso dos plenos, e case
sempre baleiras de contido por falta de documentación das comisións, que só
responden ao interese do alcalde por pagar dietas aos concelleiros do equipo de
Goberno, aos que a oposición liderada polo PP, deixou sen soldo na actual
lexislatura".
Plenos e comisións
Así, o portavoz municipal do PP
de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, denunciou que esta semana, o alcalde
convocou "tres comisións diferentes, baleiras de contido documental, e que duran
non máis de dez ou quince minutos". Do mesmo xeito afirmou que “é evidente que esta proliferación de
comisións, e mesmo o Pleno extraordinario de hoxe, o quinto en nove meses,
retratan claramente o proceder dun alcalde que non só actúa con covardía,
senón que deixa claro que prima os intereses persoais en lugar de velar polas
necesidades dos veciños que pagan impostos e sosteñen o Concello”.
“Estase cometendo unha
indecencia e quero deixar constancia da frontal oposición do Partido Popular a
este xeito de actuar, máxime nun momento no que se están a aplicar recortes
para sacar a España da crise na que nos sumiron Zapatero e os seus cómplices,
Regos entre eles, dado que o alcalde de Ordes pediu o voto para o PSOE”, afirma
Martínez Sanjurjo.
Pleno “trampa”
No Pleno extraordinario
celebrado esta mañá, o Partido Popular volveu expresar o seu malestar pola
“trampa do alcalde”, que convocou esta xuntanza "ás presas aproveitándose de que
un concelleiro do Partido Popular aínda non puido tomar posesión por non se ter
recibido a corresponde acta da Xunta electoral".
O portavoz municipal do Partido
Popular recordou que se o Concello leva máis de seis meses cos presupostos
prorrogados, ben podía agardar un par de semanas máis para tratar de sacar
adiante as contas de 2012 unha vez formalizada a toma de posesión do novo edil.
Sen embargo, "a verdadeira razón da convocatoria estriba na minoría precaria coa
que goberna o alcalde, incapaz de articular apoios estables que lle garantan a
gobernabilidade de Ordes, dado que UXO só conta con sete dos dezasete edís que integran
a Corporación".
O Partido Popular tamén
cuestionou con dureza que o alcalde aproveitase a convocatoria de hoxe para
aprobar unha suba xeneralizada de todos os impostos municipais, trasladando ao
peto dos veciños a débeda de máis de 10 millóns de euros que xerou durante os
cinco anos que leva no cargo.
ORA
Finalmente, "a presión exercida
desde os grupos da oposición" forzou ao alcalde a retirar a da orde do día o
punto que pretendía extender a zona ORA a todas as rúas do centro da vila.
O PPdeG felicítase pola
retirada deste punto, xa que supoñía "o primeiro paso dunha estratexia
encamiñada a duplicar a recadación por estacionar na zona azul".
*