jueves, 12 de julio de 2012

O BNG de Ordes, en contra do copago farmacéutico

Reclamarán no Pleno que o Concello de Ordes inste á Xunta a súa supresión para pensionistas

Castro: "Perto de tres mil pensionistas se verán afectados en Ordes" 

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, anunciou hoxe que os nacionalistas proporán que o Pleno de Ordes inste á Xunta de Galicia a que suprima o copago farmacéutico para as persoas pensionistas. Castro afirmou que “o copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente, porque quedan fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras, o que ten provocado que persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago”.

Castro salientou que en Ordes “perto de tres mil pensionistas se verán afectados en Ordes por esta medida, que tamén aumenta a aportación de miles de persoas activas”.

O portavoz do BNG afirmou que “as persoas obrigadas ao copago farmacéutico poideron xa comprobar desde un primeiro momento como a realidade do recorte as afectaba gravemente. De feito pensionistas con persoas que dependen da súa cartilla, tiveron que soportar un forte incremento das aportacións”.

Medidas lesivas
Gonzalo Castro fixo fincapé en que “esta medida non se implantou por igual en todo o territorio do Estado xa que algunhas comunidades autónomas elaboraron normativas propias grazas ás competencias que teñen atribuídas, compensando esta medida tan lesiva e evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades, obrigadas a contribuír ao pago do rescate á banca privada española”.

O portavoz municipal afirmou que “o Concello de Ordes debe defender aos seus veciños diante destas gravísimas medidas, por iso debe instar ao Goberno da Xunta de Galiza a que desenvolva unha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o Estatuto de Galiza, para reducir o impacto da medida imposta polo Goberno do Estado nas economías familiares”.

*