jueves, 26 de julio de 2012

Castro lémbralle a Regos o seu compromiso soa movida de Ordes


O nacionalista denuncia que cinco meses despois do acordo de impulsar unha comisión, o alcalde segue sen convocala

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou hoxe que o seu grupo municipal esixirá no Pleno de hoxe que o alcalde dea cumprimento ao acordo do Pleno que, a iniciativa do BNG, “aprobou impulsar unha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na Corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes”.

O portavoz do BNG manifestou que “o alcalde, cinco meses despois dese acordo, segue sen convocar esa comisión para dar solucións e apoio institucional a un sector moi importante para a economía local”.

Potencial festivo
O portavoz do BNG manifestou que “Ordes atópase práticamente a medio camiño entre A Coruña e Santiago, e posue establecementos de primeiro nível, coa emblemática discoteca LP45 á cabeza, isto constitue un potencial que hai que aproveitar, para iso é necesario modernizar a oferta, reiventarse e facer unha aposta clara pola calidade, e o Goberno municipal debe implicarse para poñer en valor este gran potencial”. 

Para Gonzalo Castro “a comisión deberá aprobar un plan de reactivación da movida ordense, tendo en conta as propostas do sector da hosteleria, que deben ser apoiadas polo Concello, coa elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, baseadas a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

Iniciativa dos hosteleiros
O portavoz do BNG ordense amosou a súa satisfacción “pola iniciativa dos hosteleiros de ordenar os horarios e rematar co solapamento entre os distintos tipos de locais, colaborando para impulsar a movida en torno ao motor da mesma, a discoteca LP45”.

*