viernes, 20 de julio de 2012

Os socialistas de Ordes piden o fin da provisionalidade da rotonda de auga na N-550


Estado actual da rotonda de auga na N-550, á entrada do polígono industrial de Merelle.

Xesús Pedreira: "Xa é tempo de que Fomento adopte unha medida definitiva"

O PSdeG-PSOE de Ordes solicitará ao pleno municipal, que se reunirá a vindeira semana, a que inste a Demarcación de Carreteras en Galicia a que sen máis demora remate coa provisionalidade da rotonda de auga na N-550 e que dá entrada ao polígono industrial de Merelle, á rolda leste de Ordes e que ademais regula o tráfico en dirección a Cerceda. O voceiro socialista, Xesús Pedreira, considera que “se trata dun punto de intensa circulación e pensamos que é tempo de que o Ministerio de Fomento adopte unha medida definitiva”.

Unha petición da que se daría traslado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, xa que foi a entidade que asinou en 2009 o convenio que permitiu a construcción da Rolda Leste. Neste sentido, Pedreira Mirás lembra que “os socialistas de Ordes temos presentado distintas iniciativas no pleno municipal durante os anos 2011 e 2012; e o deputado autonómico Pablo López Vidal visitou a zona en agosto de 2011 e presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a finalizar as obras canto antes”.

Sector lácteo
Así mesmo, os socialistas trasladarán tamén ao pleno municipal unha moción presentada polos sindicatos agrarios galegos (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) en defensa do sector lácteo galego. Neste sentido, Xesús Pedreira considera que “o rural galego e da comarca de Ordes afronta de Galicia está a afrontar un escenario económico desolador que o coloca ao borde da súa desaparición debido ao importante diferencial de prezos do leite coa media española, que é un 5,5% menor, e que este ano se veu agravadoa pola suba dos custos de produción, a seca que vivimos a última primavera, a vaga de incendios, a falta de axudas a explotacións e a redución e práctica desaparición das compensatorias dos danos producidos pola fauna salvaxe”.

Por iso, a moción dos sindicatos agrarios insta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a que esixa aos Ministerios de Agricultura e Economía que non permitan que a distribución francesa e alemá trate ao sector galego como o sumidoiro para a súa produción láctea a costa de arruinar zonas produtoras como Galicia; e a que tome as iniciativas oportunas para impedir a discriminación de prezos que as empresas exercen sobre o leite galego, articulando mesas de negociación entre productores, industria e distribución semellantes as que se deron en paises como Francia.

Ademais, a moción solicita a posta en marcha dun observatorio de precios das materias primas, que permita valorar a súa evolución de xeito transparente e que se acometan modificacións normativas que aseguren unha aplicación axeitada dos contratos no sector lácteo. Finalmente, solicítaselle á Consellería do Medio Rural que reforce as partidas de axudas á modernización das explotacións e que actúe de xeito decidido contra o déficit de térra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a rendibilidade das mesmas e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria. 

*