miércoles, 4 de julio de 2012

Sanjurjo: "Non temos problema en mudar 'covarde' por 'pusilánime' para definir a Regos e ao equipo que o rodea"

O portavoz municipal do PP de Ordes convida ao alcalde a cambiar a orde do día do pleno extraordinario deste venres

O Partido Popular instou hoxe ao alcalde de Ordes a reconsiderar a orde do día do Pleno extraordinario convocado para o vindeiro venres no que pretende aprobar, "aproveitándose de que un concelleiro popular aínda non puido tomar posesión". os orzamentos de 2012.

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, advirte que, de consumarse este anuncio, "o alcalde de Ordes pasará á historia como un covarde político, como un alcalde pusilánime, que é incapaz de enfrontarse co día a día derivado da minoría coa que goberna".

Manuel Regos, aseguran dende o PP, "tratará de sacar adiante as contas municipais, pero tamén unha suba xeneralizada das taxas para o 2013 e a extensión da ORA de maneira antidemocrática, e mediante un pleno extraordinario".

Martínez Sanjurjo (PP).
ORA
Logo da "situación de bancarrota na que a xestión de Regos sumiu ao Concello de Ordes", aseguran os populares, "o alcalde pretende remendar a situación cunha suba xeneralizada de todas as taxas municipais, desde o imposto de bens inmobles, a recollida de lixo, a subministración de auga, sumidoiros, licenzas de taxi ou o imposto de circulación de vehículos, entre outros".

O Partido Popular amosa o seu rexeitamento a esta subida de impostos, na medida en que o alcalde "pretende trasladar a todos os veciños o pagamento das facturas que xenerou como consecuencia dunha xestión irresponsable".

O Partido Popular non comparte a extensión masiva da zona ORA ás rúas do centro da vila que o Concello pretende implantar "baseándose nunha solicitude formulada por doce veciños para unha rúa concreta". Oculta o alcalde, sempre segundo o PP, que fronte a doce veciños que pediron ampliar a zona azul, o Concello recibiu tamén medio cento de sinaturas opoñéndose a esta medida.

O Partido Popular tamén asegura "non ter problema" en "mudar a expresión covarde por pusilánime, que segundo a RAE é 'alguén falto de ánimo e valor para tolerar as desgrazas ou para intentar cousas grandes”, definición que segundo o PP, "tamén describe perfectamente o xeito de actuar do alcalde de Ordes e do equipo que o rodea".

*