martes, 24 de julio de 2012

O PP de Ordes quere rebaixar o soldo do alcalde nun 7,1 %


Tamén propoñen reducir dietas e soldos da corporación municipal ata aforrar 112.000 euros no que queda de lexislatura

A asistencia á Xunta de Goberno local quedaría en 150 euros e a cada comisión informativa, 60 euros

O Partido Popular de Ordes defenderá no pleno previsto para o próximo xoves unha reducción drástica das indemnizacións que perciben os concelleiros ata lograr un aforro anual de 37.300 euros, e reducir os gastos en soldos e dietas da corporación en 112.500 euros nos tres anos que restan de lexislatura local.

Con esta proposta, o Partido Popular de Ordes pretende poñer coto á "proliferación de convocatorias de plenos e comisións extraordinarias", que o alcalde, aseguran, "celebra para incrementar os ingresos dos concelleiros que integran o equipo de Goberno, privados de dedicacións exclusivas por atoparse en minoría".

Xunta de Goberno local
A moción que o Partido Popular trasladará ao Pleno propón reducir a 150 euros as indemnizacións que perciben os membros do equipo de Goberno por asistencia á Xunta de Goberno local, e que ata o de agora están fixadas en 190 euros/concelleiro. Propón tamén o PP baixar dos 105 euros actuais os 60 euros a indemnización por asistencia a comisións informativas ou do consello da emisora municipal.

Na liña do acordado noutas administracións, o Partido Popular reclama unha redución do soldo do alcalde nun 7,1%, para axustalo á eliminación da paga extraordinaria de Nadal, co que o salario do rexedor quedará fizado en 38.380,05 euros anuais, en lugar dos 41.313,30 euros que viña percibindo ata o de agora.

O partido Popular pretende que esta proposta entre en vigor vindeiro día 1 de agosto.

Martínez Sanjurjo (PP).
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O sablazo que o alcalde perpetra contra as arcas municipais a través da convocatoria indiscriminada de reunións extraordinarias, moitas veces baleiras de contidos reais, non só atenta contra os principios éticos que deben rexer o exercicio democrático da política, entendido como o servizo ao ben común,  senón que provoca nos veciños un lóxico rexeitamento xeneralizado"

*