martes, 17 de julio de 2012

Castro: "Os intereses partidistas do PP e do alcalde paralizan o PXOM de Ordes"


Os nacionalistas afirman que o informe da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta sobre o PXOM esixe tal número de modificacións do PXOM que case aboca ao comezo dun novo proxecto

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou onte ao alcalde de Ordes e ao Partido Popular de Ordes de “provocar polos seus intereses partidistas a paralización do PXOM de Ordes”.
Castro apoiou estas acusacións “na aprobación por parte da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza, dun informe previo á aprobación inicial de PXOM, no que se esixe tal cantidade de modificacións no documento remitido polo Goberno municipal que case se obriga a facer un novo proxecto de PXOM”.
Falta de colaboración
Castro manifestou que “a esta situación tense chegado debido á absoluta falta de colaboración institucional e de diálogo por parte do alcalde e o Goberno da Xunta, que teñen anteposto neste caso os seus intereses partidistas ao interese xeral dos veciños de Ordes para que se aprobe canto antes o PXOM”
O portavoz dos nacionalistas calificou de “irresponsábel, tanto a actitude dun alcalde que remite deliberadamente un documento do PXOM con numerosas deficiencias, para retrasar a súa tramitación, como a do Goberno do PP na Xunta, que en lugar de intentar facilitar a tramitación do PXOM, en base ao diálogo e o consenso, remite un informe demoledor e nalgúns aspectos inflexíbel, para tratar de dilatar ainda máis a súa tramitación”.

Informe da Xunta
O informe da Xunta de Galicia, aseguran os nacionalistas, obriga ao Concello de Ordes a grandes modificacións no actual proxecto do PXOM, antes de que poida ser aprobado polo Pleno, xa que o departamento de urbanismo da Xunta observa “unha excesiva previsión de crecemento dos núcleos ao longo das estradas”. Do mesmo xeito o informe sinala que os núcleos de poboación “prevén unha capacidade de edificabilidade superior á demanda previsible”.

O informe tamén fai referencia a incorreccións na clasificación e determinación do solo urbano, urbanizable, nos núcleos rurais e no sólo rústico.

Gonzalo Castro afirmou que “sendo evidentes as deficiencias do PXOM remitido polo alcalde, moitas das casi foron advertidas polo BNG durante as comisións de urbanismo, o certo é que no informe da Xunta existe unha falta de concreción en moitas dos seus reparos que o que demostra é a intención evidente do Goberno do PP de retrasar tamén o PXOM, coincidindo nese obxectivo co propio alcalde”.

Suxestións dos veciños
Gonzalo Castro tamén acusou ao alcalde de “non ter dado resposta ás case mil suxestións presentadas polos veciños de Ordes ao avance do PXOM, mermando a participación da veciñanza nun instrumento moi importante para o desenvolvemento non só urbanístico, senon incluso socioeconómico do concello de Ordes”.

Segundo Castro, “esta actitude do alcalde é intolerábel, e só obedece ao afán do alcalde por evitar a participación dos veciños nun instrumento tan importante como o PXOM, participación que tería evitado moitos dos problemas e deficiencias que ten o proxecto de PXOM feito polo goberno municipal”.

*