miércoles, 18 de julio de 2012

Regos: "As medidas que propoñen os sindicatos agrarios teñen o respaldo total da Mancomunidade de Ordes"

Os alcaldes dos sete concellos da comarca reuníronse con representantes de Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego

Pídenlle a Núñez Feijóo que non permita a distribución francesa e alemá 

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, reunido de forma extraordinaria e urxente, aprobou unha moción de apoio ao sector lácteo galego presentado polos sindicatos Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego. O presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos Boquete, sinalou que “despois de reunirnos cos sindicatos, e a petición deles, convocamos un pleno para darlles o respaldo total da Mancomunidade ás medidas que propoñen para tratar de paliar a situación crítica do sector lácteo tanto en Galicia como na nosa comarca e que afecta ao futuro das explotacións gandeiras e a un importante número de postos de traballo autónomos ligados a esta actividade”.

Unha moción que foi respaldada polos sete alcaldes da comarca de Ordes, presentes na reunión: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo). Todos eles fixeron fincapé na importancia que o sector lácteo ten nos seus respectivos municipios e na necesidade de traballar conxuntamente para garantir un futuro para a gandeiría de leite en Galicia.

Os alcaldes da comarca compartiron a análise realizada polos tres sindicatos, que aseguran que “o rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo importante diferencial de prezos do leite con España e Europa. Unha situación que se veu agravada pola suba dos custos de produción, a seca que vivimos a última primavera, a vaga de incendios, a falta de axudas a explotacións e a redución e práctica desaparición das compensatorias dos danos producidos pola fauna salvaxe”.

Petición a Feijóo
Por todo isto, a Mancomunidade de Ordes solicitará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que esixa aos Ministerios de Agricultura e Economía que non permitan que a distribución francesa e alemá nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a costa de arruinar zonas produtoras como Galicia; e a que, no exercicio das súas responsabilidades, tome as iniciativas oportunas para impedir a discriminación de prezos que as empresas exercen sobre o leite galego, articulando mesas de negociación entre productores, industria e distribución semellantes as que se deron en paises vecinos como Francia.

E é que os gandeiros galegos son os que recibn un prezo máis baixo polo seu leite de toda España. Segundo datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), en maio de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,2 euros/100 litros, é dicir, un 5,5% por debaixo da media estatal e ata un 15,61% por ebaixo do que percibiron os gandeiros valencianos. Ademais, o prezo percibido polos gandeiros galegos é un 5,48% inferior ao de Portugal, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

Ademais, a Mancomunidade de Ordes instará ao presidente autonómico a que cumpra co acordado na reunión da Mesa do Leite do pasado 5 de xuño, no sentido de trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade dunha política urxente e contundente que impida o estrangulamento financeiro do sector lácteo. Así, os gandeiros propoñen:  

Manuel Regos Boquete.
Propostas
A posta en marcha dun observatorio de precios das materias primas, que permita valorar a súa evolución de xeito transparente.

Que formule nas instancias que corresponda e con urxencia, as modificacións normativas que aseguren unha aplicación axeitada dos contratos no sector lácteo. A pesar do inmediato destes cambios, algunhas cuestións legáis están pendentes de regular, tales coma os criterios de fixación do volume nos contratos ou a necesidade de regular a figura do mediador con capacidade de resolver discrepancias entre produtores e industria.

Que traslade á Consellería do Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de térra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a rendibilidade das mesmas e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.

*