Están afectadas a urbanización da zona de Ceidón, a pista de Souto de Zar en Pereira e a ampliación do ximnasio da piscina climatizada
O BNG de Ordes ven de presentar unha
moción na que esixe a inmediata execución das obras incluidas no Plan de Obras
e Servizos (POS), consistentes na ampliación do ximnasio da piscina
climatizada, a urbanización da zona do Ceidón e a mellora da pista de Souto de
Zar na parroquia de Pereira. A inclusión destas obras foi consecuencia dunha
moción dos nacionalistas que foi refrendada polo Pleno da Corporación Municipal
o pasado mes de novembro.
Gonzalo Castro emprazou ao
goberno “a executar inmediatamente estas obras que os veciños levan demandando
moito tempo e que o BNG xa propuxo incluir nos Orzamentos Municipais dos
últimos catro anos”.
Oito meses de silencio
Castro salientou que “non é de recibo que oito meses despois da súa
aprobación polo Pleno non se teña comezado coa execución destas obras, cando en
exercicios anteriores as actuacións incluidas no POS xa estaban rematadas a
estas alturas do ano”
O portavoz do BNG de Ordes
salientou que “hai que executar estas
obras canto antes, aproveitando a chegada do verán e o bo tempo, evitando que a
chegada do inverno poida dificultar e retrasar a súa execución”.
As obras aprobadas polo Pleno o
pasado mes de novembro de 2011, a proposta do BNG, incluiron un investimento de
58.000 euros para a ampliación e mellora da piscina climatizada, 143.000 euros
para a urbanización do Ceidón e perto de 30.000 euros para a pista de Souto de Zar na
parroquia de Pereira.
*