Momento do Pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, esta mañá, en Ordes. |
Manuel Regos agradece o apoio de Núñez Feijóo na continuidade deste organismo supramunicipal
Regos: "A través da Mancomunidade estamos conseguindo aforrar e optimizar nos servizos comúns"
O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca
de Ordes aprobou por unanimidade unha moción conxunta en favor da continuidade
deste tipo de entidades, xa que “optimizan recursos e permiten prestar servizos
á cidadanía que non son accesibles para un único concello en solitario”,
explica o presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos Boquete. Un
escrito que refrendaron os seis alcaldes presentes no pleno desta mañá José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño
(Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel
Mirás Franqueira (Oroso) e Xosé Dafonte Varela (Trazo) - o primeiro edil de
Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, excusou a súa presenza a última hora-.
Os alcaldes da comarca
coincidiron en destacar que a Mancomunidade de Ordes é unha das máis antigas
que existen, das máis activas e das que mellor está funcionando en Galicia,
especialmente en materia de servizos sociais. “A través da Mancomunidade
estamos conseguindo aforros e optimizacións na xestións dos múltiples servizos
sociais que prestamos aos nosos veciños e tamén podemos prestar iniciativas que
non serían viables para un municipio en solitario, como por exemplo o Centro de
Información á Muller”, explica Regos Boquete.
Continuación das mancomunidades
Os alcaldes da comarca de Ordes esperan que o
anuncio realizado a pasada semana polo Ministerio de Facende, no que se falaba
dunha posible supresión das mancomunidades a nivel estatal, non se leve a cabo.
Por iso, acordaron enviar sendos escritos á Presidencia do Goberno e á
Presidencia da Xunta nos que se lembran os distintos servizos que se prestan
dende a Mancomunidade de Ordes e se defende a viabilidade do traballo conxunto
dos municipios.
Manuel Regos agradece o apoio amosado polo
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á continuidade das mancomunidades xa
que “é coherente co que leva facendo nos últimos tempo en canto a fomentar a
cooperación entre municipios”. O presidente da Mancomunidade de Ordes asegura
que “nestes momentos para os concellos é fundamental mancomunar servizos para
superar a situación de crise económica xeral. Todos os alcaldes da comarca
estamos dispostos a mancomunar máis servizos para que sexan máis rentables e
operativos para as arcas municipais e mellores en calidade para os nosos
veciños e veciñas”..
Na actualidade a Mancomunidade de Municipios da
Comarca de Ordes presta unha serie de importantes servizos aos máis de 40.000
veciños e veciñas da comarca ordense, sobre todo en materia de servizos sociais
tan importantes como:
-
Educación en igualdade, para fomentar a igualdade de xénero con iniciativas tanto nos concellos
como nos distintos centros educativos.
-
Educación Familiar, educación viaria para nenos, recollida de xoguetes, programa de
educación para o axeitado desenvolvemento familiar...
-
Programa de Emprego, elaboración de censos
empresariais, asesoramento sobre a busca
de traballo.
-
Programa de Prevención do Consumo de Drogas, que
inclúe a prestación dos servizos de información, orientación e asesoramento
nesta problemática.
-
Programa de asesoramento xurídico
gratuito, para as persoas usuarias dos servizos sociais nos que se presta axuda
na realización de trámites administrativos, redactar escritos, formular
alegacións, presentar recursos administrativos...
-
Servizo de inmigración e retorno, para
proporcionar información e asesoramento á proboación inmigrante e retornada.
-
Programa de Educación Temperá, que
inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de
linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade. Na actualidade,
participan neste servizo máis de cen familias da comarca de Ordes, que son
atendidos por un logopeda e un psicólogo da Mancomunidade de Ordes que
traballan en coordinación cos servizos sociais, sanitarios e educativos de cada
municipio.
-
Programa de Apoio á Persoa, que inclúe asistencia e
asesoramento a persoas maiores de 6 anos con demanda psicolóxica.
-
Centro de Información á
Muller (CIM), un servizo gratuito que ofrece información
xurídica, atención psicolóxica, información sobre os recursos existentes en
Galicia e calquera outra actividade que poida mellorar a igualdade entre homes
e mulleres na comarca de Ordes. Especial atención ás vítimas da violencia de
xénero.
-
Programa de Axuda a Domicilio, que
hoxe mesmo se sacou a concurso a renovación do servizo.
-
Programa de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade, no que participan
outras 16 familias e que está dirixido por docentes especializados. Os alumnos
acceden a diversos contidos para potenciar a súa autonomía persoal e as súas
posibilidades de socialización, desenvolvendo obradoiros de alfabetización, de
cociña, de tarefas do fogar, de hixiene persoal ou de hábitos saudables.
-
Programas de Animación sociocultural, que fomentan a
realización de programas e actividades propias (gala do deporte, mostra de
obradoiros, eventos deportivos...) como nos concellos (exposicións, cursos,
charlas, certames literarios, etc).
Axuda no fogar
Nese intento de ofrecer un amplo programa de
servizos sociais, o pleno celebrado hoxe aprobou o pliego de
condicións para sacar a concurso o servizo de Axuda a Domicilio por un importe
de 398.000 euros. O prezo de referenza de contratación serán 15 euros e as
empresas aspirantes disporán dun prazo de 15 días logo da súa publicación no
Perfil do Contratante da web da Mancomunidade de Ordes.
Na actualidade, un total de 59 familias dos
municipios de Frades, Ordes e Oroso participan neste servizo que pretende facilitar a permanencia dese veciño ou veciña no seu
propio entorno de convivencia mentras iso sexa posible e convinte. Un servizo
que inclúen atencións de carácter persoal en actividades da vida diaria como
asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, contro
do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión
das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios
para cambios posturais...
*