domingo, 10 de marzo de 2013

Cruz Vermella Ordes rememora os logros históricos das mulleres

Membros de Cruz Vermella de Ordes, onte na Alameda do Soldado Lois.
Participaron máis de setenta membros deste membro humanitario internacional

Membros da Asamblea de Cruz Vermella Ordes desenvolveron onte na Alameda de Ordes unha actividade de concienciación de cara aos veciños e veciñas co gallo do Día da muller traballadora que tivo lugar o pasado día 8.

A actividade estivo orientada a divulgar os logros acadados por mulleres en beneficio da humanidade.
Logros
En total foron máis de setenta os membros que se animaron a participar plasmando en pequenos anacos de papel, recortados como se de prendas de roupa se tratase, os logros que conseguiron as mulleres ao longo da historia e os que aínda quedan por conseguir.

* 

Mesón do Vento acolle hoxe o día grande da súa festa o lacón con grelos

Gando exhibido onte no recinto feiral do Mesón do Vento (Ardemil), co gallo da XV festa do lacón con grelos.

A xornada festiva dará comezo esta mañá coa apertura do recinfo feiral e a degustacións gratuítas
A partir das 12:00 darán comezo as competicións de gando e cabalos 
Onte deu comezo no Mesón do Vento a XV Festa do lacón con grelos. Unha cita que terá continuidade a longo de toda a xornada de hoxe. No día de onte exhibíronse preto de 300 cabezas de gando.
Tamén tivo lugar unha mostra de maquinaria agrícola antes da música na sesión vermú e nocturna a cargo do dúo Cine.  
Xornada de hoxe
A xornada de hoxe domingo dará comenzo a partir das 10:00 horas coa apertura do recinto feiral e a degustación gratuíta de lacón con grelos nos distintos establecementos da zona. Durante a mañá tamén terá lugar unha concentración moteira organizada polo clube Biela Queimada.
A partir das 12:00 horas desenvolverase a  proba de andadura federada galegade dous e catro tempos. A partir das 15:30 horas disputarase a carreira de trotóns. En ambos casos este ano os premios oscilan entre os 120 euros para o primeiro clasificado e os 30 euros do quinto. 
As probas de trote libre darán comenzo ás 16:30 horas con 80, 50 e 30 euros en premios, para concluir ás 17:00 horas coas probas de arrastre de gando común. 
A música en vivo e o baile tamén marcarán esta xornada de festa en Ardemil.
*

viernes, 8 de marzo de 2013

A Xunta Local de Seguridade de Ordes reuniuse para avaliar a violencia de xénero

Os membros da Xunta reunidos esta mañá en Ordes.

A Mancomunidade de Ordes xa foi distinguida pola Xunta de Galicia cunha mención especial nos premios Coopera Galicia Entidade Locais 2012

Coincidindo co Día Internacional das Mulleres, o Concello de Ordes celebrou esta mañá a sesión ordinaria da Xunta Local de Seguridade. Unha xuntanza na que se abordou a problemática e aspectos relacionados coa violencia de xénero. 

Entre os asistentes que coñeceron de primeira man o plan integral de actuación en materia de violencia de xénero figuraron o alcalde de Ordes, a tenente alcalde de Ordes, o xefe da Policía Local de Ordes, a directora do CIM da Mancomunidade de Ordes, o comandante do posto da Garda Civil de Ordes, o sarxento xefe do parque comarcal do bombeiros de Ordes, a vicesecretaria da Delegación do Goberno, a xefa da Unidade de Víctimas da Violencia de Xénero e o inspector xefe da Policía Autonómica.

Sistema de intervención integral
Concretamente o groso da posta en común versou arredor do sistema de intervención integral contra a violencia de xénero na comarca. Un proxecto que incide e traballa tanto nas áreas de sensibilización, formación, prevención, detección e coordinación á hora de abordar os casos deste tipo de delitos.

Precisamente a Xunta de Galicia concedeulle á Mancomunidade de Ordes unha mención especial por este proxecto para distinguilo entre as iniciativas de fomento do  asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos,  mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

*

O PSOE de Ordes denuncia verquidos da cociña do CEIP Castelao a un campo de xogo

A canalización que arroxa os verquidos ao campo de xogo provén das cociñas do colexio Castelao.

Restos de comida e líquidos aparecen periódicamente nunha zona de xogo dos nenos

Pedreira: "Imos esixirlle ao Concello que arranxe esa canalización para que os nenos non teñan que xogar entre desperdicios”

O Partido Socialista de Ordes denuncia os verquidos periódicos que teñen lugar nunha zona onde xogan os alumnos e alumnas do CEIP Castelao e que proveñen dun desaugadoiro procedente da instalación escolar. 

Unha situación que foi denunciada diante do Partido Socialista de Ordes por pais e nais do colexio Castelao, que observaron que os verquidos se producen de xeito periódico.

Os socialistas ordenses anunciaron que porán esta cuestión en coñecemento tanto da Consellería de Educación como de Sanidade, para que se tomen as medidas oportunas para que non se volvan producir máis verquidos.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista
“Nunha das zonas onde xogan os cativos aparecen periodicamente restos de comida e líquidos que xorden dun cano procedente do CEIP Castelao, supoñemos que das cociñas, o cal pode supoñer un risco importante para a saúde nos rapaces”

“Os verquidos prodúcense de xeito periódico e, aínda que adoitan limparse, imos esixirlle ao Concello de Ordes que arranxe esa canalización para que os nenos non teñan que xogar entre desperdicios”.

“Coa salubridade dos nosos pequenos non se pode xogar, e menos nun centro escolar”

“Imos instar ao Concello de Ordes a que elimine esa canalización de inmediato e que así llo comunique á Consellería de Educación"

*

Unha charla sobre cooperativismo para conmemorar o días das mulleres

Participantes nas charlas sobre cooperativismo organizadas hoxe polo Concello de Ordes.


A cargo de Manuel Pena, técnico da oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes

Os baixos da Alameda acolleron esta mañá unha charla sobre cooperativismo e mulleres a cargo de Manuel Pena, técnico da oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes, Unha cita organizada polo Concello de Ordes e enmarcada dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres que se celebra hoxe. 

Coa axuda de material impreso e audiovisual, abordáronse aspectos relacionados coa actividade que se realiza dende a Oficina de Cooperativismo dependente da Mancomunidade de Ordes. 

One Woman 
Por outra banda esta maña as redes sociais e a emisora municipal do Concello compartiron con oíntes e usuarios o tema musical One Woman. Unha canción producida por ONU Mujeres que foi composta e escrita en conxunto por mulleres artistas internacionais expresamente para conmemorar esta data. 

Aqueles interesados en coñecer este traballo poden acceder a él a través do enlace www.song.unwomen.org.

*

jueves, 7 de marzo de 2013

Todo listo no Mesón para a festa do lacón con grelos


Os veciños de Beán, moi enfadados co estado das pistas das súas parcelarias

Estado actual das pistas da concentración parcelaria de Beán.

Segundo a súa asociación de veciños, as pistas están "cheas de lama, rodeiras, socavóns e cunetas atascadas"

Culpan do feito á "aparente mala calidade" dos materiais con que foron cubertas

A Asociación de Veciños de Beán denunciou hoxe a "indignación" dos veciños da parroquia polo estado das súas pistas rurais de concentración parcelaria. Segundo estes, as pistas están "cheas de rodeiras, socavóns e cunetas atascadas". 

Dende a asociación aseguran que o estado "xa non era moi bo dende a súa construción", pero os sucesivos invernos foron "excavando e facendo rodeiras e lamas por todos lados", tanto nos tramos xerais como nas zonas de reposo de augas, que "non desembocan no lugar onde deberían". A asociación considera que este feito trae a súa causa na "aparente mala calidade" dos materiais con que foron cubertas as pistas.

Orde de entrada
Ainda así, a "estocada final", denuncian, chegou o pasado 31 de decembro coa publicación da orde de entrada nas fincas de reemplazo e a conseguinte toma de posesión nos seis meses seguintes. 

"A xente a os madeiristas comezaron a retirar a madeira dos montes e o uso de maquinaria pesada e non tan pesada nunhas pistas enfangadas fixeron o resto", aseguran.    

A Asociación de Veciños de Beán puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Ordes e dos representantes da concentración parcelaria. 

Segundo aqueles, a resposta recibida polo Concello foi que "en pleno inverno non se poden poñer a arranxalas e tampouco hai soporte económico para facerlle fronte neste momento", ainda que si se comprometeron a arranxar as pistas "en canto lles sexa posible".

*

O PP insta ao Concello a mellorar a sinalización da ronda leste e implicar á Policía Local

O camión avariado (vermello) onte en Alfonso Senra, xunto a outros camións cruzando o centro de Ordes.

Os populares pedirán ao Goberno municipal sustituir as actuais sinais por outras máis visibles

O Partido Popular de Ordes instou hoxe ao Concello de Ordes a implantar "medidas disuasorias eficaces" para desviar a través da rolda leste o tráfico pesado e evitar así o tránsito de camións polo centro da vila. 

A proposta do Partido Popular xurde logo de que durante a xornada de onte, un camión avariado de grandes dimensións dificultase o tráfico rodado polo centro da vila durante varias horas. O vehículo estivo inmobilizado con dirección A Coruña no semáforo que regula o cruce da avenida Alfonso Senra (N-550) coas rúas do Recreo e dos Lagartos.

O Partido Popular tamén interpelará ao Goberno local no vindeiro pleno en relación con este asunto, xa que diversos conductores lle fixeron chegar o seu malestar pola ausencia continuada de efectivos da policía local regulando o tráfico, a pesar do trastorno provocado polo camión avariado ata ben entrada a noite.

"Medidas disuasorias"
Entre as posibles medidas disuasorias a implantar para evitar que o tráfico pesado atravese o centro de Ordes, o Partido Popular propón a substitución das actuais sinais de prohibición por outras máis visibles e implicar activamente á Policía Local para que obrigue ao tráfico pesado a utilizar a rolda leste, en especial nas horas diurnas.

*

As chuvias inundan o aparcadoiro do CEIP Campomaior

Estado do aparcadoiro de abaixo do CEIP Campomaior de Ordes esta mañá.
Algúns pais e nais sospeitan que esta situación ven motivada polas obras que está a realizar o Concello na zona

As fortes chuvias deste días inundaron o aparcamento de abaixo do CEIP Campomaior, obrigando aos seus usuarios, alumnos e peóns en xeral, a atravesar o lugar a saltos. 

Segundo declaracións de algúns pais e nais de alumnos do centro, o Concello "está arranxando a zona, pero aída non remataron". Sospeitan que as inundacións sufridas débense a estas operacións. 

Pedras e terra
Do mesmo xeito, aseguran que "fai como tres semanas botáronlle pedras e terra", o que segundo estes, "acabouno de estropear todavía máis".

*

miércoles, 6 de marzo de 2013

Un trailer avariado bloquea o centro da vila durante todo o día

O trailer avariado (vermello) durante o paso de outros vehículos de carga pesada esta mañá no centro da vila.
Transportistas consultados por Ordessiete aseguran que os camións seguen a entrar na vila "porque está tolerado"

Un deles plantexa crear "moitos badenes" ao longo da N-550 no centro da vila que "espanten" ao tráfico

Todo o día de hoxe o centro da vila de Ordes á altura do cruce da N-550 coa rúa do Recreo e dos Lagartos estivo bloqueado parcialmente por mor da avaría dun trailer no mesmo semáforo da estrada nacional. 

Tal como se aprecia na fotografía, o trailer avariado, de cor vermella, obstaculizou durante todo o día o tráfico, facéndose especialmente complicado cando pretendían pasar pola zona varios vehículos de tráfico pesado ao mesmo tempo.

Do mesmo xeito, o feito acontecido hoxe proba o alto tráfico pesado que pese á existencia da ronda leste, segue a rexistrar a diario o centro da vila de Ordes.

"A ronda leste da unha volta moi larga"
Segundo varios transportistas de carga pesada preguntados hoxe por Ordessiete e que queren manter o anonimato, boa parte dos camións que atravesan a cotío o centro da vila o fan porque segundo declaran todos eles, "a ronda leste da unha volta moi larga", coa pérdida de tempo e en combustible que isto acarrea. 

Tamén entran na vila, aseguran, "xa por costume, de forma xa automática". Ainda así, están de acordo con que o tráfico pesado non debería pasar polo centro de Ordes, pero que este comportamento "está tolerado". Tamén recoñecen que "nunca fomos sancionados nin sequera avisados" para ser desviados cara a ronda leste.

Solucións
Preguntados sobre cales serían as solucións que plantexarían para este problema, un deles asegura que pese a que lles resultara perxudicial, a solución pasa por "multar" e outro deles di que "mellorar a sinalización" do desvío cara á ronda leste. 

Outro máis plantexa "crear moitos badenes que espanten ao tráfico, tal e como fan en Europa adiante cando queren que non entren tantos coches nos cascos urbáns, que é unha forma de espatalos cara a outros desvíos".

* 

Operación Ordes: Na procura do talento musical

Alumnos do IES nº 1 e Maruxa Mallo, esta mañá na presentación de Operación Ordes
A gala final terá lugar o vindeiro 31 de maio na discoteca LP 45

Un grupo de alumnos dos IES Nº1 e Maruxa Mallo de Ordes presentaron hoxe o concurso de talentos musicais Operación Ordes.

Organizado polos  equipos de normalización lingüística e as direccións de ambos centros académicos, Operación Ordes vai dirixido a aqueles rapaces e rapazas que cursan os seus estudos nalgún centro de esino dentro da circunscrición do IES Nº 1. 

Concretamente para os que van dende 6º de primaria ata 2º de bacharelato, así como os matriculados en ciclos formativos ESA ou PCP. 

Inscricións
Os interesados en participara deben cumplimentar ata o 21 de marzo como data límite unha folla de inscrición que poderán conseguir no seu centro de ensino ou ben a través do enlace www.edu.xunta.es/centros/iesnumero1ordes.

*

martes, 5 de marzo de 2013

Aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Conciliar en Semana Santa será fácil e divertido’


O Concello porá un servizo de transporte gratuito para os nenos e nenas que residen nas parroquias de Ordes

O Concello de Ordes pon en marcha o seu programa ‘Conciliar en Semana Santa será fácil e divertido’. Unha iniciativa que pretende conciliar a vida familiar e laboral durante os próximos días de asueto con motivo da celebración da Semana Santa. Concretamente o programa desenvolverase durante os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril.

Nesta ocasión o Departamento de Cultura e Deporte ten previstos unha serie de actividades e obradoiros que se desenvolverán en horario matutino. Neles a creatividade o entretemento a diversión e o aprendizaje serán o denominador común. 

Co fin de facilitar a asistencia  e participación o Concello de Ordes porá un servizo gratuito de transporte para os nenos e nenas que residan nas parroquias.

Inscricións
Para anotarse basta con estar matriculado en Educación Infantil ou Primaria nalgún dos centros ubicados no municipio. 

A matrícula pódese formalizar na mesma Casa do Concello adxuntando á ficha de inscrición máis unha fotocopia do DNI ou do libro de familia, unha copia da tarxeta sanitaria, e un xustificante médico no caso de que o menor padeza algunha doenza. 

Cabe ter en conta que as prazas son limitadas, polo que as prazas iranse asignando por rigurosa orden de chegada.

*

lunes, 4 de marzo de 2013

A Mancomunidade insístelle á Xunta para que lle ceda o Centro Comarcal de Ordes

Exterior do infrautilizado Centro Comarcal de Ordes, inaugurado en 2001 e da titularidade da Xunta de Galicia.

Os concellos da comarca levan dende 2009 loitando coa Xunta polo edificio e destinalo a sede da Mancomunidade de Ordes

Tamén se aprobou un novo servixo lingüístico de promoción da lingua galega

Esta mañá tivo lugar o pleno ordinario de marzo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, no que se acordou volver a solicitarlle ao Goberno autonómico a cesión das instalacións do Centro Comarcal, ubicado na rúa Casillas. 

A intención é a de trasladar a este espazo, infrautilizado nestes momentos, o persoal e servizos da Mancomunidade convertíndoo na súa nova sede. Ademais tamén se instalaría unha sala de exposicións e unha aula de formación co fin de promover o emprego na comarca.

Os alcaldes da comarca, reunidos esta mañá en Ordes.
Principio de 'OK' de Alfonso Rueda
A tramitación da cesión do edificio do Centro Comarcal á Mancomunidade de Municipios de Ordes remóntase a xaneiro do 2009, onde a Corporación municipal aprobou por maioría, coa abstención do BNG, a revocación da cesión á Xunta de Galicia do centro comarcal "dado que non cumpre co fin para o que foi cedido: a promoción dos recursos da comarca", explicara naquela data o alcalde, Manuel Regos.

Uns meses despois, en agosto do 2009, os por aquel entonces presidente e vicepresidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, hoxe parlamentario, e Manuel Astray, hoxe retirado da política, reuníanse co conselleiro da Presidencia, Administracións públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para tratar este tema. Segundo as declaracións que fixera á saída o por aquel entonces alcalde de Frades, o encontro tivo éxito. 

«Rueda xa nos adiantou que el ve positivo e necesario que unha infraestructura como o centro comarcal de As Casillas teña unha utilidade e que sexa utilizado pola Mancomunidade de Ordes», dando a entender que a cesión sería un feito en poucos meses, segundo se expresou Prado Patiño e así foi recollido por La Voz de Galicia.

«Como non hai ningún tipo de proxecto definido para este edificio, non haberá ningún problema para a cesión, iniciar a elaboración do convenio de colaboración e asinalo no primeiro trimestre do 2010», recolle La Voz as palabras de Alfonso Rueda.

Pese ás boas intencións, o certo é que o convenio e a ulterior cesión nunca tivo lugar.   

Servizo linguístico
O pleno tamén aprobou a creación dun servizo lingüístico para a promoción do uso da lingua galega. Entre outras funcións dito servizo será o encargado de revisar tanto os documentos oficiais como as páxinas web da Mancomunidade e dos concellos que a conforman, agás Mesía. 

En breve o departamento administrativo tramitará á solicitude da subvención ofrecida con tal fin aos entes locais por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Oficina de Cooperativismo
     Por último autorizouse tamén a dar de alta o ficheiro da Oficina de Cooperativismo, tal e como marca a Lei de protección de datos 15/99 do 13 de decembro R.D. 1720/07, así como a participación e instalación dun espazo feiral na feira multisectorial ExpoOrdes 2013, que se desenvolverá durante a última fin de semana de abril. Un espazo onde se exlatarán os atractivos turísticos, gastronómicos e artísticos da comarca, así como o seu potencial empresarial.

*

O PP de Ordes denuncia o "estado lamentable" dos baixos da Alameda

Aspecto exterior dos baixos da Alameda pola súa entrada sur, xunto ao hotel Nogallás.

Martínez Sanjurjo: "O edificio presenta gretas e filtracións de auga que o Concello é incapaz de corrixir debido a incorrecta planificación e execución das obras"

Transcorridos pouco mais de tres anos desde que o Concello de Ordes executou as obras de ampliación da Alameda, o PP de Ordes denunciou hoxe que a edificación resultante presenta un "lamentable estado de conservación, con gretas e filtracións de auga en toda a estructura".

Humidade no interior do edificio.
Interior e exterior
Os desperfectos, aseguran os populares, "poden apreciarse a simple vista", tanto no interior como no exterior da propia estructura, "sen que o Concello de Ordes teña sido capaz de corrixir estes problemas".

Técnicos consultados polo Partido Popular de Ordes conclúen que estes problemas teñen a súa orixe nunha "deficiente execución das obras", feito que segundo o PP local, dificulta a solución destas carencias.

Humidades nos vanos.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Malia as reiteradas peticións de explicacións cursadas polo Grupo Municipal do Partido Popular, o Concello sempre evitou ofrecer  explicacións sobre o sucedido, dadas as carencias que caracterizaron tanto a execución da obras, como a dirección da mesma e o control de calidade dos traballos"

“O paso do tempo acabou dándolle razón ao Partido Popular: A ampliación da Alameda nin era necesaria nin foi executada correctamente" 

"O único certo é que o Concello de Ordes gastou máis de un millón de euros nunha obra chapuceira, que ninguén demandaba e que agora desborda humidade por múltiples puntos”

*

O concurso musical 'Operación Ordes' se presenta este mércores


Terá lugar ás 11:50 horas no salón de actos do IES nº 1 de Ordes, no Paraíso

Poderán participar solistas e bandas, en versións orixinais ou adaptadas, pero todas en galego

O equipo de Normalización Lingüística e as direccións dos IES Nº 1 e IES Maruxa Mallo de Ordes convocan unha rolda de prensa para presentar o concurso de talentos musicais 'Operación Ordes'. A citá terá lugar ás 11.50 horas do próximo mércores 6 de marzo no salón de actos do IES Nº.

Operación Ordes vai dirixido a aqueles rapaces e rapazas que cursan os seus estudos nalgún centro de esino dentro da circunscrición do IES Nº 1 de Ordes. Concretamente para os que van dende 6º de primaria ata 2º de bacharelato, así como os matriculados en ciclos formativos, ESA ou PCP. 

Solistas e bandas
A convocatoria está aberta tanto para solistas como para grupos, que deberán ter como mínimo un integrante matriculado nalgún dos centros académicos. 

Admitiranse temas orixinais ou adaptacións que poderán ser interpretadas en directo ou ben pregrabalas. Eso sí, o equipo de normalización lingüística do IES Nº1 de Ordes, promotor desta iniciativa, require que o tema sexa interpretado en lingua galega. 

Os interesados en participara deben cumplimentar ata o 21 de marzo como data límite unha folla de inscrición que poderán conseguir no seu centro de ensino ou ben a través do enlace www.edu.xunta.es/centros/iesnumero1ordes.

Rolda de clasificacións
A primeira rolda de clasificacións desenvolverase no IES Nº 1 ó 8 de abril, sendo a rolda final o 16 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Ordes. Xa por último a discoteca LP 45 albergará o 31 de maio unha gran gala con participantes do concurso ademais doutros grupos e actuacións.

 A organización conta co apoio do IES Maruxa Mallo, da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) e o do Concello de Ordes.

*

Manuel Regos inaugura o curso de entrenador de porteiros de fútbol na cidade deportiva de Ordes

As clases terán continuidade os días 15 e 16 de marzo e a primeira fin de semana de abril en Vista Alegre.

Máis de 45 asistentes asistirán ás clases que imparte, entre outros, José Samade, entrenador de porteiros do Deportivo  

Máis de 45 asistentes participan dende onte no curso de técnicos especialistas en porteiros de fútbol. Un plan formativo teórico e práctico que se está a desenvolver na aula de formación e nos campos de xogo da cidade deportiva da Sociedade Deportiva Club Órdenes. 

As clases terán continuidade ao longo dos días 15 e 16 de marzo e a primeira fin de semana de abril. Impartido pola Escola Galega de Entrenadores de Fútbol, na súa inauguración contou coa presenza do alcalde, Manuel Regos, e José García Liñares, presidente da Federación Galega de Fútbol.

Obxectivos
Entre os obxetivos que persegue este curso están os de dotar de coñecementos efectivos a profesionais e técnicos de fútbol para aplicalos tanto na formación e adestramento como na competición. 

Tamén se pretenden poñer en práctica as mellores técnicas e estratexias que integren a labor dos porteiros coa do resto dos xogadores e lograr así unha maior coexión entre todos os membros dun mesmo equipo. 

O curso conta coa participación entre outros de José Samade e Roberto Baleiro, adestradores de porteiros do Real Club Deportivo de La Coruña e do Club Deportivo Lugo, respectivamente. 

*

Ordes conmemora o Día Internacional da Muller cunha conferencia


Correrá a cargo de Manuel Pena, técnico da oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes

O Concello de Ordes desenvolverá, co gallo do Día Internacional da Muller, unha serie de actividades coas que pretende conmemorar esta data á par que contribuir na concienciación da igualdade entre sexos e os dereitos da muller.

Así, o próximo venres a partir das 10:30 horas, o salón de plenos ubicado nos baixos da Alameda acollerá unha xornada sobre cooperativismo a cargo de Manuel Pena, técnico da oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes. 

Todas aquelas persoas que desexen acudir deberán inscribirse previamente no Centro de Información á Muller, situado nos local da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

 Campaña One Woman
O Concello de Ordes tamén colaborará coa campaña One Woman, que organiza ONU Mulleres e que consiste na difusión da canción Unha Muller, tema composto por diversas artistas de todo o mundo en homenaxe a ONU Mulleres polo seu esforzo en mellorar a vida das mulleres e acabar coa violencia de xénero. 

*

viernes, 1 de marzo de 2013

Un pleno cheo de ausencias lle da para adiante ao centro de emprendimento na praza de abastos

Momento da celebración do pleno de onte da Corporación municipal de Ordes. 

A Corporación por completo amosou o seu apoio e cariño a Gonzalo Castro, ausente por motivos de saúde

A Corporación municipal de Ordes aprobou onte por unanimidade a modificación do uso da parcela onde se ubica a praza de abastos. Así pasará a ter categoría de equipamento de abastecemento e suministración co uso complementario técnico administrativo. 

Un trámite imprescindible para poder instalar na segunda planta deste inmoble un centro municipal de emprendemento. Un proxecto que o grupo municipal socialista demandara anteriormente durante a sesión plenaria do pasado mes de novembro.

Ausencias no PP e BNG
Antes, houbo que destacar a ausencia dos concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Monsterrat Rei, ambos por motivos de saúde. Para eles, e especialmente para Gonzalo Castro, todos os membros da Corporación amosaron palabras e xestos de apoio. 

Tamén o PP viu reducido a catro o seu número de concelleiros, xa que por motivos laborais e de saúde dous dos seus membros, José Manuel Gestal e Estrella Vázquez, tiveron que ausentarse da sesión.

Reforma da administración local
Precisamente foron os socialistas os encargados de abrir a rolda de mocións que ocupou a maior parte do tempo. A súa solicitude de retirar o anteproxecto de lei da reforma da administración local presentada recentemente polo Goberno Central foi aprobada grazas aos votos de UxO, PSOE e CideGa. 

Neste punto os populares non viron prosperar a súa emenda trasaccional na que se instaba ao Goberno para que o texto sexa elaborado tendo en conta as aportacións feitas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Nel tamén se precisaba que as novas suxestións se trasladen tanto a este ente como á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O PSOE tamén solicitou a aprobación dunha declaración que insta, entre outros puntos que afectan directamente ás mulleres, á derogación da reforma laboral, ó emprendemento de politicas igualitarias e promocionais no ámbito laboral, á erradicación das desigualdades laborais,  ó cumprimento da lei actual da saúde sexual e afectiva, á derogación das taxas xudiciais e ó aumento dos dereitos recollidos na lei de promoción de autonomía persoal e persoas en situación de dependencia. Novamente os socialistas contaron co apoio de UXO e CideGa para sacar adiante esta medida, mentres que o PP votou en contra. 

Tamén neste tema os populares presentaron unha emenda transaccional que non prosperou. Argumentando que a dos socialistas abordaba distintos temas que deberían ser tratados individualmente, o texto do PP instaba ao Goberno a seguir priorizando nos orzamentos o gasto social e en políticas de igualdade entre homes e mulleres. Nos obxetivos incídíase en errradicar a violencia de xénero e a conciliación da vida familiar e laboral.

Punto posposto
O punto no que se ían abordar as exencións e modificacións fiscais propostas polos socialistas pospúsoxe. Esta decisión tomouse co fin de poder abordar estas medidas nunha comisión, así como a de poder analizar detidamente o informe emitido a este respecto dende o departamento de Intervención.

Plan de igualdade
No turno do Partido Popular presentouse unha moción para instar aos concellos galegos a abordar un plan de igualdade similar ó que ten en marcha o Concello de Ordes. Tamén se insta á Xunta e ao Goberno Central a emprender programas de apoio empresarial orientado ás mulleres, así como medidas que erradiquen as desigualdades salariais. 

En palabras de  Susana Mosquera (PP), "o orzamento da Xunta nestas materias incrementouse nun 14% para este ano chegando a case un millón de euros", dato que foi rebatido tanto polo voceiro socialista, Xesús Pedreira, como pola tenente alcalde, Silvia Marín.

Como exemplo, Marín mencionou a reducción en arredor dun 50% das axudas á conciliación “importe que terán que asumir as Corporacións municipais co esforzo que elo vai suponer tendo en conta a situación económica actual”. 

Agás os socialistas que calificaron de “escaso investimento o orzamento empregado nestas áreas en comparación co que investía o Bipartito”, todas as demais forzas políticas apoiaron a moción.

Rogos socialistas e populares
As fochas aparecidas recentemente na rúa O Recreo, a aparición de vertedoiros incontrolados en Montaos e Parada, a limpeza de pistas de concentración parcelaria en Parada, Lesta e Mercurín e a revisión das tasas de auga, lixos e sumidoiros para as Pemes, foron os temas principais dos rogos socialistas. 

Por parte do PP solicitouse a mellora na sinalización da rotonda do polígono industrial de Merelle así como da rolda Leste. En ambas intervencións, o equipo de Goberno advertiu que os organismos, entes e equipos responsables de levar a cabo estas tarefas xa estaban advertidos.

 *

Regos apunta que informar ao Tribunal de Contas só é necesario en caso de pedir subvencións


O presidente de UxO e alcalde de Ordes asegura que non se trata de ilegalidade algunha

Regos: "UxO renunciou á subvención polo xaleo burocrático que da"

O Tribunal de Contas do Estado ven de anunciar que cincuenta partidos en Galicia non presentaron as súas contas respecto das pasadas elecións locais de maio do 2011, entre eles Unión por Ordes (UxO), presidido por Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca. 

Regos respostou a esta información divulgada hoxe alertando de que en ningún caso se trata de  ilegalidades, e que esta comunicación económica ao Tribunal  únicamente resulta necesaria "no caso de que se pidan subvencións electorais ao Estado", caso que non sucede con UxO.

"UxO renunciou á solicitude de subvencións públicas, que suporían un reintegro duns 3600 euros porque non paga a pena polo xaleo [burocrático] que dá", declarou o seu presidente.

Tamén nas elecións do 2009
Este asunto xa fora plantexado de forma idéntica en maio do 2009. Naquela ocasión, Regos declarou que no presentaron as contas «985 partidos en toda España». Ademais, «non recibimos notificación algunha ao respecto por parte do Tribunal de Cuentas polo que non hai nin a máis mínima ilegalidade".

*