viernes, 31 de enero de 2014

O PSOE de Ordes denuncia o abandono do Museo do Traxe

De esq. a. der. Manuel Regos,  Paloma Rodríguez, Xesús Pedreira e Manuel Viqueira.
Xesús Pedreira: "Levamos anos reclamando melloras pero son sistematicamente rexeitadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno Central, ambos do PP"

A deputada socialista no Congreso Paloma Rodríguez vén de realizar unha visita ao Museo do Traxe Juanjo Liñares de Ordes para “salientar a importancia deste museo como parte substancial do patrimonio de Galicia e como un punto de confluencia de culturas", ao tempo que cualifica de “imperdoable” o abandono do museo por parte dos Gobernos autonómico e central do Partido Popular.

Rodríguez estivo acompañada na súa visita polo alcalde, Manuel Regos; polo secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira; e polo director do museo, Manuel Viqueira.

Rodríguez destaca "o gran potencial de proxección turística, cultural e económica do museo", polo que vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria instando ao Goberno a "prestar apoio ao mantemento e conservación do museo e ao impulso das actividades permanentes e esporádicas que desenvolve". 

Denuncia así mesmo que "xa temos presentada unha emenda aos Orzamentos 2014 neste senso, que foi rexeitada polo PP amosando un desprezo total polo noso patrimonio e un interese nulo pola cultura" e engade que "é unha honra contar no corazón de Galicia co maior museo de España dedicado a esta temática.

Reclamando melloras 
Pola súa banda, Xesús Pedreira agradeceu a visita de Rodríguez e lembrou que os socialistas ordenses levan varios anos reclamando melloras para o museo ordense pero que foron sistematicamente rexeitadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno Central. 

A última foi presentada en novembro do ano pasado por mor dos problemas de humidades que sufre o museo e que fan necesarios un investimento de 50.000 euros para solucionalos e reformar o soto do inmoble, utilizado como pequeno almacén.