jueves, 30 de mayo de 2013

O PSOE de Ordes obrigará ao Concello a cumprir coa súa propia ordenanza sobre talas de madeira

Tamén exixirán que se tomen medidas para preservas as pistas das concentracións parcelarias

O PSOE de Ordes pediralle ao Concello que cumpra coa Ordenanza sobre Plantacións e Repoboacións Forestais para garantir a conservación da rede viaria municipal. 

Os socialista piden que o Concello de Ordes cumpra coa súa propia normativa que, no seu artigo 8º, especifica que “a autorización municipal para o transporte e almacenamento será obrigatoria e gratuíta. 

Non obstante, o madeirista deberá ingresar na Tesourería municipal unha fianza, cuxa contía determinará o técnico municipal, para responder polos posibles danos e prexuízos na rede viaria, que non será devolta ata que se comprobe que non se causaron danos ou prexuízos ás vías públicas municipais”. O seu voceiro, Xesús Pedreira Mirás esixe “que se leve á práctica esta ordenanza que están a cumprir os madeiristas noutros concellos con toda a normalidade”.

“Vendo o deterioro das pistas de concentración parcelaria, sobro todo no inverno, é necesario que o Concello tome medidas para preservalas e obrigue aos madeiristas a ingresar na Tesourería municipal unha fianza para a retirada da madeira”, apunta Pedreira.

Código ético e Rexistros Civís
Na sesión plenaria deste xoves, os socialistas pediranlle tamén ao alcalde, Manuel Regos, que fixe as datas para a primeira xuntanza da comisión para a redacción do Código Ético do Concelleiro, aprobada na última sesión extraordinaria celebrada a principios de xullo. Así mesmo, os socialistas pedirán que ao remate de 2013 se cambie a ordenanza fiscal municipal para que os automóbiles de máis de 25 anos estean exentos de aboar taxa municipal algunha.

No turno de mocións, os socialistas presentarán unha para expresar o total rexeitamento ao borrador de Anteproxecto de Lei de Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil. O PSOE pedirá que se inste á Xunta de Galicia a pedirlle ao Goberno o mantemento dos Xulgados de Paz e que se doten dos medios axeitados, así como que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.

“O Goberno pretende que sexan os Rexistradores da Propiedade os que desempeñen as funcións dos Rexistros Civís. Iso suporía que servizos ata o de agora gratuítos como pedir un certificado de nacemento ou de defunción, obrigatorios en moitos trámites e dos que a cidadanía fai uso a cotío, pasen a ser de pago”, denuncia Xesús Pedreira.

Igualdade de xénero
Por último, o PSOE de Ordes presentará unha moción para que o Pleno municipal defenda as competencias locais en materia de igualdade de xénero, de prevención e asistencia integral ás vítimas e de garantir os dereitos da mulleres.

“No caso de Ordes, isto vai provocar a desaparición do Centro de Información á Muller, que presta unha atención integral á muller e en especial ás vítimas de violencia de xénero, e dos programas de emprego feminino e de conciliación da vida laboral e familiar, como poden ser os de coidado da terceira idade ou de dependentes”, denuncia o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.