lunes, 25 de junio de 2012

Pedreira: "Os camións de Sogama xa non circulan polo centro da vila, pero os de Gesuga ainda si"

Os socialistas de Ordes solicitarán no pleno o desvío dos camións da empresa de recollida de animais mortos

O PSOE de Ordes pedirá no pleno municipal desta semana que se inste á empresa Gesuga a que os seus camións que transportan animais mortos usen a rolda leste no seu camiño cara a planta de tratamento de Cerceda, evitando así o seu paso polo centro da Vila de Ordes. 

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, explica que “observamos con satisfacción que os camións de Sogama xa non circulan polo centro da vila pero os de Gesuga seguen facéndoo, cando transportan animais mortos e en moitas ocasión xa en estado de descomposición, o cal fai que coa calor do verán os veciños teñan que soportar en maior ou menor medida os malos cheiros de putrefacción que deixan ao seu paso”.

Xesús Pedreira.
Desvío pola rolda leste
Por iso, os socialistas pedirán no pleno que o Concello de Ordes recomende a Gesuga que empregue a mesma ruta que están a utilizar os camións de Sogama cara Cerceda. Ademais, os socialistas solicitarán a instalación de paneis indicadores da rolda leste maiores aos xa instalados, para facer efectiva a desviación do tráfico. 

“Constatamos con satisfacción que as nosas suxerencias do pasado mes de maio foron atendidas, pero os paneis instalados son demasiado pequenos, polo que non poden ser observados con claridade polos vehículos”, sinala Xesús Pedreira.