sábado, 28 de abril de 2012

Inaugúrase Expo Ordes con máis de sesenta expositores para amosar o mellor da industria ordense


O alcalde de Lousame e deputado provincial, Santiago Freire Abeijón, corta a cinta inaugural de Expo Ordes 2012 en presenza do alcalde de Ordes, Manuel Regos.


Mañá celebrarase a Festa do Champiñón cun reparto gratuíto de máis de seis mil quilos do fungo

Manuel Regos: "Este ano esperamos superar os 30.000 visitantes na feira"

Expo Ordes 2012 quedou onte á noite oficialmente inaugurada coa visita de Santiago Freire Abeijón, alcalde de Lousame e diputado provincial responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña. Tras o corte da cita inaugural, o anfitrión, Manuel Regos, convidou a todos os presentes a coñecer o interior dunha feira multisectorial que na súa 23º edición conta com mais de sesenta expositores entre empresas, firmas comerciais, institucións públicas e asociacións.

Esta primeira xornada estivo adicada a todos os empresarios, emprendedores e autónomos do Concello de Ordes. Santiago Freire manifestou a súa satisfacción por atoparse “cun evento de tal magnitude e calidade”. Pola súa banda, Manuel Regos agradeceu a colaboración prestada pola Deputación da Coruña e solicitoulle todo o apoio posible “para que a seguinte edición deste evento poida ser unha realidade”. O alcalde apostou por Expo Ordes como “un bo xeito de facer negocio e para ver aumentado o consumo dentro do municipio, e non só nos establecementos hosteleiros”, asegurou.

Podes ver o vídeo do acto inaugural facendo clic baixo estas liñas:

Campo da Feira
Dende hoxe sábado e ata mañá, a cita desenvolverase no Campo da Feira, onde se habilitaron máis de 1.800 metros cadrados cubertos por carpas. Sectores como os da alimentación, automoción, construcción, náutica, moble, medioambiental, deportivo, mecánica ou textil estarán presentes un ano máis nesta cita que cada ano ve aumentar non só o número de participantes senón tamén os de visitantes. “As cifras de Expo Ordes poñen de manifesto a saúde coa que conta a feira. O ano pasado contabilizáronse máis de 30.000 visitantes, unha cantidade que esperamos superar nesta nova edición”, manifestou Manuel Regos.

A xornada de hoxe sábado prestará especial atención á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e á diversidade funcional. Un total de dez asociacións e organizacións estarán presentes no recinto para amosarlle ao público todas as actividades e traballos que levan a cabo en favor dos seus socios e usuarios.

Xornadas da discapacidade
Hoxe tamén, o Museo do Traxe Juanjo Linares acollerá a terceira edición das xornadas ‘A discapacidade hoxe’. Un ciclo de conferencias relativas a problemáticas de índole cognitiva, física ou intelectual que contará con representantes e dirixentes das principais asociacións e organizacións de discapacitados.

Festa do Champiñón
Mañá domingo 29 será tamén o día da Festa do Champiñón. Un total de 6.000 quilos repartiranse entre bares e restaurantes para que, unha vez preparados de distinto xeito, poidan ser servidos gratuitamente polos establecementos de hostelería de Ordes con cada consumición.

Por último, a música non podería faltar nesta cita festiva. O grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes e a Charanga Ruada serán os responsables de amenizar esta important efin de semana no calendario ordense.

* 


'Carola, a carteira centola' atrae a decenas de nenos e nenas á biblioteca municipal de Ordes


A biblioteca municipal de Ordes dos baixos da Alameda é o escenario das 'Tardes de contos e lendas'. 

Dentro do programa municipal de lectura infantil 'Tarde de contos e lendas'

A biblioteca municipal de Ordes acolleu na tarde de onte unha nova entrega das 'Tardes de contos e lendas'. Nesta ocasión o grupo Polo correo do vento ofreceu o relato Carola, a carteira centola. Non foi a única actividade que tivo lugar xa que posteriormente houbo un obradoiro onde os rapaces e rapazas poideron participar en disversas actividades plásticas.

*

O BNG denuncia unha falta de previsión dos gastos de Expo Ordes e da Festa do Champiñón


Castro: "A ausencia desta previsión foi confirmada polo Goberno Municipal no Pleno"

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, criticou onte ao alcalde de Ordes “pola súa improvisación, unha vez máis, na previsión dos gastos que asume o Concello de Ordes”.

Castro confirmou que “o alcalde e o seu goberno non fixeron un orzamento dos gastos asociados á organización de Expo Ordes e da Festa do Champiñón, o que constitue unha auténtica irresponsabilidade e a mostra evidente de que Ordes segue a estar presidido polo goberno do caos e a improvisación”.

O portavoz nacionalista, lembrou que “a ausencia dunha previsión dos gastos que vai realizar o Concello de Ordes nesta edición de Expo Ordes e da Festa do Champiñón, foi confirmada polo propio goberno municipal, en resposta a unha iniciativa do BNG na que solicitamos que se informase ao pleno do orzamento e da previsión de gastos destes eventos”.

Gonzalo Castro criticou duramente “a cerrazón dun alcalde que non pensa rectificar nin un ápice na súa xestión irresponsábel e caótica, cun goberno municipal no que nin hai previsión de gastos nin a mínima responsabilidade e dilixencia que debe ter quen xestiona diñeiro público”.

Castro afirmou que “os eventos importantes para Ordes hai que realizalos, pero constitue unha mostra de desgoberno e irresponsabilidade non facer nin a máis mínima previsión de gasto para os mesmos, porque os recursos públicos non son ilimitados”.

Gonzalo Castro Prado.
Informe da Intervención Municipal
O portavoz nacionalista lembrou a “existencia dun informe da intervención municipal, elaborado esta semana, no que alerta de que durante o ano 2011 houbo 1,1 millóns de euros de gastos xenerados sen contabilizar nos Orzamentos Municipais, e que esta falta de previsión está levando a Ordes ao colapso económico, pero parece que ao alcalde danlle igual estas advertencias, como o demostra a súa falta de previsión de gastos para os eventos organizados polo Concello”.

Gonzalo Castro afirmou que “o peor é que o alcalde, coa súa improvisación, demostra que pretende seguir agravando a situación duns veciños que, por culpa da súa nefasta xestión económica, van sufrir durante os próximos dez anos un recorte de 400.000 euros anuais en servizos públicos e unha suba de impostos de trescentos euros anuais por familia media”.

*

Sementes da Arte e Os Viqueiras reivindican a danza en Ordes



Co gallo do Día Internacional da Danza, leuse un manifesto no que se exaltaba a importancia do baile como elemento comunicador e de linguaxe universal

Co gallo do Día Internacional da Danza onte pola tarde o Campo da Feira de Ordes convirtiuse nunha pista de baile. Concretamente foi nas inmediacións do Museo do Traxe Juanjo Linares onde o grupo Sementes da Arte e o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes levarón a cabo un ensaio ó aire libre.

A Xota de Ordes, a Muiñeira de Ordes, a Muiñeira de Xanceda, a Danza do ramo ou a Danza de Santa María foron tan só algunhas das pezas que interpretaron. Algunhas delas levan no repertorio desta agrupación dende que fora constituida polo coreógrafo e bailarín que lle da nome ó museo. 


Manifesto
Pola súa banda tres dos integrantes de Sementes da arte leron un manifesto sobre a danza distribuido pola Federación Española de Agrupacións de Folclore. Un texto asinado polo coreógrafo Akram Khan e por Alkis Raftis, presidente do Consello Internacional da Danza . Nel se exalta a importancia da danza como elemento comunicador e de linguaxe universal, así coma a súa capacidade de transformación e de unión.


*

O PP de Ordes agradece a Agustín Hernández a súa implicación no remate da ronda leste


De esquerda a dereita, José Luis Martínez Sanjurjo, Agustín Hernández e Belén do Campo.

Martínez Sanjurjo: "Afortunadamente, Galicia ten na actualidade o Goberno máis solvente de España"

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu onte a implicación  persoal do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, "para desbloquear e rematar as obras da segunda fase da rolda leste da vila".

Para o voceiro do PP local, a presenza de Agustín Hernández no acto inaugural celebrado onte acredita o compromiso da Xunta de Galicia con Ordes e cos seus veciños, e lamenta a sucesión de retrasos provocados polo propio Concello na execución do vial que permite circunvalar a vila.

"Falsidades do Concello e PSOE"
“O tempo pon a cada un no seu sitio”, afirmou Martínez Sanjurjo en referencia á "sucesión de falsidades proferidas desde hai meses desde o Concello, e tamén desde o PSOE, que para ocultar a incompetencia do Goberno local, trataron de responsabilizar dos retrasos á Xunta".

“Afortunadamente, Galicia ten na actualidade o Goberno máis solvente de España, que cumpre cos seus compromisos e paga as súas obras, a diferencia do que sucede co Concello de Ordes, sumido na bancarrota como consecuencia dunha xestión irresponsable”, agrega Martínez Sanjurjo.

“Os feitos acreditan que o único que non paga aquí e ó Concello de Ordes”, continúa José Luis Martínez, ao tempo que recorda que "en dous anos, o Goberno de Regos nin sequera foi capaz de formalizar a cesión da parcela necesaria para execución da rotonda de A Gorita, na propia rolda leste".

O PP local recorda que "ademais das dificultades para dispoñer dos terreos necesarios para as obras, a falta de liquidez do Concello xerou tensións cos empresa construtora".

A obra, aseguran dende o PP, foi financiada pola Xunta de Galicia mediante un convenio asinado co Concello de Ordes. "A Xunta efectúa a trasferencia ao remate de cada anualidade, unha vez recibida a certificación de obra, compromiso de desarma os argumentos esgrimidos tempo atrás polo Concello para desviar a atención sobre a causa real dos retrasos", asegura Martínez Sanjurjo. 

*

viernes, 27 de abril de 2012

O BNG agradece ao ordenses haber conseguido a ronda leste

Gonzalo Castro esixe a súa ampliación para sumar accesos dende As Casillas e o Cano de Leira

Diante da inauguración da segunda fase da rolda leste, o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, amosou onte “o agradecemento público do BNG aos veciños e veciñas de Ordes verdadeiros artífices da consecución desta infraestructura, grazas a unha mobilización sen precedentes no noso pobo, coa recollida de 3.000 sinaturas”.
O portavoz nacionalista sinalou que “Ordes estaba a sufrir, desde hai moitos anos, as continuas molestias orixinadas polo paso de camións pesados e, nomeadamente de lixo con destino a SOGAMA, o que motivou unha mobilización social que conseguiu que a Xunta de Galiza aprobase no ano 2009 o investimento de 2,2 millóns de euros para construir unha vía alternativa para o tráfico pesado no noso Concello, a chamada Rolda Leste”
Castro afirmou que “o proxecto ejecutado na actualidade debe mellorarse, xa que só contempla unha entrada e saída nas Casillas e no polígono industrial de Merelle, o que vai ocasionar un colapso circulatorio e problemas de seguridade vial no polígono industrial, que non está preparado para absorber a gran cantidade de tráfico pesado que circulará por él”
Por esta razón, o portavoz do BNG afirmou que “o BNG seguirá esixindo que  se amplie a rolda leste, para sumar aos accesos desde As Casillas e o polígono de Merelle, outro acceso desde o Cano de Leira, que permitiría desatascar o polígono industrial”.
Podes ver a reportaxe que A Galega fixo do paso de tráfico pesado polo centro da vila de Ordes no outono do 2007 baixo estas liñas.
*

jueves, 26 de abril de 2012

En funcionamento o segundo tramo da ronda leste

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.
Belén Docampo, delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña; Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia; e Manuel Regos, alcalde de Ordes.

Convidados á inauguración do novo tramo da ronda leste, hoxe en Ordes.

O paso de tráfico pesado pola estrada de Mercurín será pechado definitivamente en 15 días

O pleno municipal aproba a proposta socialista de que o IES nº 1 de Ordes leve o nome de Euloxio Rodríguez Ruibal

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, aceptou este mediodía a proposta realizada polo Partido Socialista de Ordes de prohibir a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas pola estrada de Mercurín, no seu tramo ordense. O portavoz municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explicou que “o alcalde comprometeuse a que se en 15 días non se teñen noticias de que se vai asinar o compromiso do Plan Miner, aplicará o acordado na moción do pasado 26 de xaneiro e prohibirá a circulación deste tipo de vehículos pola estrada de Mercurín”.

As obras de mellora na estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle coa localidade de Cerceda, teñen un orzamento de máis de 2,8 millóns de euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas polo Concello de Ordes no ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta en 2010 (por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que non se dá producido.

Axuda no Fogar
Ademais, o concelleiro socialista celebrou tamén a aprobación da súa moción pola que o Concello de Ordes informará ao pleno e publicará na páxina web información directa e transparente do servizo de Axuda no Fogar. Uns datos que estarán a disposición dos veciños e veciñas de Ordes e que inclúen dende o número de usuarios ata os criterios para calcular o copagamento do servizo ou o custo que lle supón ao Concello a prestación deste servizo.

Finalmente, Xesús Pedreira agradeceu o apoio de UXO á proposta socialista de que o  IES nº 1 de Ordes leve o nome de Euloxio Rodríguez Ruibal, prestixioso escritor e director de teatro nado en Ordes o 16 de marzo de 1945 e que está considerado como un dos renovadores do teatro galego. Coas abstencións de BNG e CideGa, e a pesar do voto en contra do PP, o pleno municipal trasladará a proposta socialista á Dirección do IES nº 1 e ao Consello Escolar por se teñen a ben tomar en consideración o nome de Euloxio Ruibal para o cambio de denominación deste centro educativo.

Reprobación do alcalde
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, defendeu no Pleno celebrado no día de hoxe en Ordes, unha moción dos nacionalistas na que se propoñía, “a reprobación do alcalde polo seu intento de ocultación das facturas que o goberno pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado o pasado 30 de marzo e pola xestión económica nefasta que se deriva do contido das citadas facturas”.

Castro lembrou que o “alcalde accedeu a facilitar a relación certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30 de marzo, despois de reiteradas negativas, debido ao requerimento presentado polo BNG, no que se lle advertía que, se no prazo de cinco días non facilitaba a relación certificada polo interventor das facturas que se pretenden pagar coa operación de crédito de 2,7 millóns, acudiríamos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes, xa que o alcalde estaba a incumprir a lei, ao evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que aprobou o goberno municipal” 


Xesús Pedreira xustificou a súa oposición a que se debatira moción do BNG para reprobar a xestión do alcalde de Ordes en que “o BNG non pode tirar a pedra e agochar a man. Se ten constancia de que se teñen producido calquera tipo de irregularidades na xestión do alcalde, que o denuncien directamente na Fiscalía”. Pedreira Mirás explicou que “os socialistas non imos participar no que consideramos unha maniobra política do Bloque” e criticou que “cando se nos presentou inicialmente esta moción non estaban incluidos dous dos tres puntos que se presentaron hoxe”.

O concelleiro socialista lembrou, ademais, que as contas anuais do Concello son enviadas ao Consello de Contas. “De ter detectado algunha irregularidade ou a comisión dalgún delicto como suxiren os nacionalistas, xa os tería levado directamente á Fiscalía”, puntualizou. Pedreira sinalou que “os socialistas estamos a favor da maior das transparencias informativas e mesmo poderiamos chegar a apoiar unha reprobación polas dificultades á hora de acceder a algunha información, pero non imos entrar nun xogo político do BNG. Se o bloque ten constancia dalgún delicto, que o denuncie e o traslade á Fiscalía. Todo o demáis é un acto de cobardía política de tirar a pedra e agochar a man”.

A moción dos nacionalistas foi apoiada polo PP e rexeitada polos votos do grupo de Goberno e o PSdG-PSOE. Ana Álvarez, de CideGa, abstívose.

PXOM
Gonzalo Castro tamén defendeu unha moción para acelerar a tramitación do PXOM na que se propoñía instar ao Goberno municipal e ao Goberno de Xunta de Galicia, para que cooperen coa máxima lealdade institucional, co fin de tramitar o PXOM coa máxima celeridade, abandonando os intereses partidistas nun asunto da máxima prioridade e importancia para o futuro do Concello de Ordes e instar ao goberno municipal de Ordes a contestar coa máxima rápidez e motivadamente ás suxestións presentadas polos veciños e veciñas de Ordes, estimando todas aquelas que poidan mellorar o contido do PXOM. 


Esta moción dos nacionalistas foi rexeitada co voto de calidade do alcalde, cos votos en contra de UxO e Cidega.

*

Noite de tasca en...Cerceda


Expo Ordes proxectará documentais sobre o medio ambiente


Serán tres pases (12:00, 16:00 e 18:30 horas) o sábado e domingo no posto feiral do Concello de Ordes

A feira multisectorial e de maquinaria Agrícola Expo Ordes 2012 prestará especial atención ao medio ambiente. Desde o posto feiral do Concello de Ordes proxectaranse tres documentais con fin de achegar os principais problemas e as posibles solucións na preservaciòn da noso entorno como garantía de futuro.

As proxeccións terán lugar o sábado e o domingo no mesmo horario. Ás 12:00 horas, Líneas discontinuas amosará os motivos polos que o sector do transporte está considerado como un dos principais causantes do cambio climático. Xa ás 16:00 horas será o turno para o documental La mar del silencio, onde se narra o proceso de desertización da nosa era. Por último ás 18:30 horas, 2050, how soon is now? porá en evidencia que o cambio climático é o maior reto ó que se afronta a humanidade.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ordes en colaboración co Centro de Documentación Ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

*

miércoles, 25 de abril de 2012

O Concello de Ordes convoca o V Certame de poesía Día das Letras Galegas

Poderán enviarse poemas orixinais escritos en galego ata o día 14 de maio

Un ano máis o Concello de Ordes súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa celebración do seu ‘V Certame de Poesía Día das Letras Galegas’. Unha xornada na que este ano se homenaxea a figura de Valentín Paz-Andrade, recoñecido pola súa labor como poeta e autor de ensaio.

Os participantes poden entregar ata o 14 de maio os seus textos no departamento de Cultura e Deporte do Concello. Deberán de ser poemas orixinais escritos en galego cun límite de 50 versos, mecanografados cunha tipografía Arial, a dobre espazo e cun tamaño de 12 puntos. As obras irán asinadas cun seudónimo ou lema, dentro dun sobre pechado no que se indicará a categoría na que participa. Xa no seu interior conterá os datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI, enderezo, e teléfono). Poderán participar xente de todas as idades. Ata 12 anos na categoría infantil, de 13 a 16 na xuvenil, e de 17 anos en adiante na categoría adulto. 

Premios
A entrega de premios realizarase o 16 de maio. Os gañadores recibirán un lote de libros, a publicación do seu poema na páxina web do Concello, a súa difusión en Radio Ordes no programa Son do chafarís, ademáis de ser exposto na biblioteca municipal.

Podes ver un vídeo sobre a figura de Valentín Paz-Andrade facendo clic baixo estas liñas:


*

O BNG presenta unha moción de reprobación ao alcalde Manuel Regos


Castro denuncia a existencia de perto de 700.000 euros de gasto de "dubidosa xustificación" nas facturas que se van pagar con cargo ao préstamo de 2,7 millóns de euros

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hox que o BNG proporá no Pleno que se celebrará mañá xoves, ás 14:00, “a reprobación do alcalde polo seu intento de ocultación das facturas que o goberno pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado o pasado 30 de marzo e pola xestión económica que se deriva do contido das citadas facturas”.

Castro lembrou que o “alcalde accedeu a facilitar a relación certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30 de marzo, despois de reiteradas negativas, debido ao requerimento presentado polo BNG, no que se lle advertía que, se no prazo de cinco días non facilitaba a relación certificada polo interventor das facturas que se pretenden pagar coa operación de crédito de 2,7 millóns, acudiríamos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes, xa que o alcalde estaba a incumprir a lei, ao evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que aprobou o goberno municipal”.

Contido das facturas
O portavoz nacionalista afirmou que “despois de examinar a información contida nas facturas que se pretenden pagar, reforzamos a sospeita de que a única explicación que podía existir para que o alcalde se negase reiteradamente a facilitar esta información é que pretendese a ocultar a existencia de gastos de difícil xustificación”.

Gonzalo Castro afirmou que, ao seu xuizo, “existen gastos por perto de 700.000 euros de dubidosa xustificación”, e puxo como o exemplo a existencia de “facturas nas que se inclue a conservación de viais municipais e a limpeza de cunetas, cando estas son actuacións a realizar directamente polo Concello coa brigada de obras e servizos”.

Do mesmo xeito, o portavoz nacionalista afirmou que “se temos en conta os desfases no gasto aos que ten feito referencia a intervención municipal nos seus informes anuais, desde o ano 2009, ainda existen perto dun millón de euros de gastos impagados sen incluir neste listado de 2,7 millóns de euros.”

Castro citou para avalar esta afirmación “o último informe da intervención municipal, feito público esta semana, que fala da existencia de máis dun millón cen mil euros de gastos non incluidos nos Orzamentos de 2011”.
O portavoz municipal censurou a xestión económica do alcalde e afirmou que “debe ser obxecto tamén de reprobación por parte do Pleno, xa que a súa irresponsabildade ten hipotecado o futuro dos veciños de Ordes para os próximos 10 anos, que terán recortes en servizos públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal subida dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por familia media”
Gonzalo Castro Prado.
Tribunal de Contas e Fiscalía
Gonzalo Castro finalizou anunciando que “tendo en conta as reiteradas advertencias que desde a intervención municipal se teñen realizado nos últimos anos ao alcalde de Ordes, en materia de xestión económica, proporemos dar traslado do acordo plenario de reprobación do alcalde, ao Tribunal de Contas e á Fiscalía, coa finalidade de que se proceda a realizar as investigacións que correspondan”. 

Contido da moción presentada polo grupo municipal do BNG de Ordes para ser debatida mañá durante o Pleno municipal:

"GONZALO CASTRO PRADO, Portavoz do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ao abeiro do disposto no artigo 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais, presenta a seguinte Moción de reprobación do alcalde polo intento de ocultamento de información sobre as facturas impagadas e pola súa xestión económica.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O pasado 16 de marzo de 2012, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, presentaba un escrito dirixido a ao alcalde de Ordes, con número de rexistro 1234, no que solicitaba o acceso á seguinte información: “…relación detallada e xustificada dos gastos remitidos ao Ministerio de Facenda para acceder á liña de crédito para o pago a proveedores.”
Despois de reiterar a solicitude, mediante escrito de data de 22 de marzo de 2012, cítouse aos concelleiros do BNG a comparecer o 27 de marzo, ás 11:00, na secretaría da Corporación Municipal para revisar a documentación solicitada.
Unha vez personados na secretaria municipal, o único que se permitiu foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas, sen facilitar copia da relación certificación remitida pola intervención ao Ministerio de Facenda, ao obxecto de acreditar as facturas que realmente ian ser obxecto de pago e que determinaban a aprobación dun Plan de axuste por parte da Corporación Municipal.
Como se puido comprobar, as facturas que foron examinadas polo BNG non se correspondían coas que supostamente se remitiron ao Ministerio de Facenda, en relación certificada pola intervención municipal, xa que existía unha diferencia de más de 400.000 euros a favor da cantidade que sumaba a relación certificada remitida ao Ministerio de Facenda, que se tiña anunciado en prensa escrita en días precedentes.
Á vista do acontecido, o 28 de marzo de 2012, o BNG solicitou á alcaldía, por escrito, o seguinte:
1º) Que, conforme ao disposto no artigo 3 do Real Decreto-lei 4/2012, de 24 de febreiro, se convoque un Pleno da Corporación Municipal de Ordes para informar ao mesmo da relación certificada de facturas remitidas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
2º) Que se poña a disposición dos concelleiros, coa convocatoria do Pleno, a citada relación certificada, de acordo co establecido no artigo 46. 2 b) da LBRL e 84 do ROF.
Esta solicitude foi realizada ao abeiro do artigo 3 do Real Decreto-lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiación para o pago aos proveedores das entidades locais, que establece o seguinte:
Artigo 3. Obrigacións de subministración de información por parte das entidades locais.
1. As entidades locais deberán remitir, por vía telemática e con firma electrónica, ao órgano competente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, con data límite o día 15 de marzo de 2012, unha relación certificada de todas as obrigacións pendentes de pago que reúnan os requisitos establecidos no artigo anterior e comprensiva da seguinte información:
a) Identificación do contratista que incluirá o código ou número de identificación fiscal, denominación social e o seu domicilio social.
b) Importe do principal da obrigación pendente de pago, imposto sobre o valor engadido ou imposto xeral indirecto canario incluído no seu caso, sen inclusión de intereses, costas xudiciais ou calquera outros gastos accesorios.
c) Data de entrada no rexistro administrativo da factura, factura rectificativa no seu caso, ou solicitude de pago equivalente anterior ao 1 de xaneiro de 2012.
d) Expresión de se se instou polo contratista a exigibilidad ante os Tribunais de Xustiza antes de 1 de xaneiro de 2012.
2. A relación certificada prevista no apartado anterior expedirase polo interventor coa obriga de informar ao pleno da corporación local.
(...)

En data de 29 de marzo de 2012, ás 11:04 da mañá, recibo a convocatoria dun Pleno Extraordinario e Urxente, para o 30 de marzo de 2012, ás 7:30 da mañá, coa seguinte orde do día:

1. Pronunciamiento do Pleno sobre a urxencia da Sesión.
2. Aprobación, se procede, Plan de axuste elaborado pola Intervención Municipal, ao abeiro do Art. 7 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de Febreiro.

Os concelleiros que forman parte da Corporación Municipal de Ordes, en ningún momento foron informados da relación de facturas, certificada pola intervención municipal, co contido expresado no artigo 3.1 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro, tal e como se acredita no contido da orde do día do Pleno extraordinario e urxente celebrado pola Corporación Municipal, o 30 de marzo de 2012, e tal e como se desprende do propio debate que tivo lugar durante o mesmo, do que existe grabación sonora, e onde se corrobora que o 15 de marzo de 2012 se remitiu ao Ministerio de Facenda e Administracións Públcias a relación de facturas, certificada polo interventor, sen que se puxese a disposición dos concelleiros a mesma, tal e como establece o artigo 3.2 do Real Decreto-Lei, 4/2012, a pesar das reiteradas solicitudes que fixen a tal efecto.

A maior abundamento, de xeito absolutamente fraudulento e a sabendas de estar incumprindo a lei, o alcalde entregou aos concelleiros, ao iniciarse o Pleno de 30 de marzo de 2012, unha relación de “supostas” facturas que só incluian un presunto CIF do proveedor e a cantidade adebedada polo Concello, mais que non estaban nin certificadas polo interventor, nin contiñan, obviamente, a información á que fai referencia o artigo 3.1 do RDL 4/2012, sen que se acreditase, por tanto, si esas eran verdadeiramente as facturas (algo do que se dubidaba fundadamente despois do intento de engano sofrido o 27 de marzo de 2012), e sen que os/as concelleiros/as puidesen identificalas e ter unha información esencial para poder orientar o sentido do voto, xa que ao incumprirse o contido da obriga de subministración de información establecida polo RDL 4/2012, os/as concelleiros/as da Corporación Municipal de Ordes descoñecían cal era a relación concreta de facturas a pagar polas que se facía necesario aprobar o plan de axuste, que figuraba como único punto da orde do día do pleno urxente e extraordinario de 30 de marzo de 2012, o que constituía unha información indispensábel para, como xa se dixo, poder orientar o sentido do voto no Pleno en relación ao citado punto da Orde do Día.
O pasado 9 de abril de 2012, o BNG reiterou a solicitude de acceso á relación certificada de facturas, advertindo de que a privación reiterada, e a sabendas da súa ilegalidade, da información relacionada no artigo 3.1 do RDL 4/2012, unida á súa non inclusión na orde do día do Pleno de 30 de marzo de 2012 (cos requisitos establecidos no artigo 46.1, b) da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local) podería determinar a nulidade dos acordos adoptados no Pleno extraordinario e urxente de 30 de marzo de 2012 (ao aprobarse un Plan de axuste sen ter posto a disposición dos concelleiros unha información esencial sobre o mesmo, como era o contido detallado e certificado polo interventor das facturas impagadas das que traía causa ese Plan de axuste, conforme ao establecido no RDL 4/2012), e constituia unha limitación ou restrición ao dereito á participacion politica dos concelleiros que afecta ao dereito fundamental recoñecido no artigo 23 da CE.
Así mesmo, advertíamos de que as actuacións descritas podían ser constitutivas de infraccións de carácter administrativo e mesmo penais e emprazábamos ao alcalde a facilitar esa información, no prazo de 5 días, anunciando que, en caso contrario, acudiríamos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e penais que fosen pertinentes, xa que o alcalde estaba incumprindo a lei, ao evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que aprobou o goberno municipal.
Finalmente, o 12 de abril de 2012, facilítasenos copia da relación certificada de facturas remitida ao Ministerio de Facenda e se comproba o que o BNG xa sospeitaba:
1º) Que non están incluidos todos as débedas a proveedores que ten o Concello de Ordes, xa que existe un informe de intervención que acredita a existencia de 1,144.540, 58 euros de gastos realizados en 2011 e non incluidos nos orzamentos de 2011, que na súa inmensa non foron incluidos nesta relación.
2º) Que moitos dos gastos obedecen a actuacións absolutamente prescíndibeis (gastos protocolarios e de eventos).
3º) Que existen moitos gastos de difícil xustificación, como por exemplo actuacións de conservación de estradas municipais e limpeza de cunetas, realizados por empresas cando existe unha brigada de obras e servizos encargada desas funcións.
Finalmente, constatase o que xa advetimos desde o BNG, que o alcalde de xeito irresponsable vai hipotecar o futuro dos veciños de Ordes para os próximos 10 anos, cun crédito de 2,7 millóns de euros, polo que o Concello obrigase a pagar aos bancos perto dun millón de euros de intereses, cuns intereses leoninos, os veciños e veciñas de Ordes terán recortes en servizos públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal subida dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por familia media.
Por todo o exposto,  propoñemos ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO
1º) Reprobrar a actitude do alcalde de Ordes, por intentar ocultar a información relativa á relación certificada de facturas que foi remitida ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para inlcuilas no Fondo para o pago aos proveedores.
2º) Reprobar a xestión do alcalde en materia económica, con gastos innecesarios e, en moitos casos, inxustificábeis, que teñen condeado á paralise ao noso Concello e a sufrir un decenio de recortes en servizos públicos e de subas de impostos.
3º) Tendo en conta as reiteradas advertencias que desde a intervención municipal se teñen realizado ao alcalde de Ordes en materia de xestión económica, dar traslado do presente acordo plenario ao Tribunal de Contas e á Fiscalía, coa finalidade de que se proceda a realizar as investigacións que correspondan, a fin de depurar as responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes.

Ordes, a 25 de abril de 2012.


Asdo. Gonzalo Castro Prado
Portavoz do Grupo Municipal do BNG

 *





Nova tarde de contos e lendas na biblioteca de Ordes


A cargo do grupo Polo correo do vento

A biblioteca municipal de Ordes acollerá o póximo venres a partir das 18:30 horas unha nova entrega das súas Tardes de contos e lendas. Nesta ocasión o grupo Polo correo do vento ofrecerá o relato Carola, a carteira centola’. Non será a única actividade que teña lugar xa que posteriormente haberá un obradoiro onde os rapaces e rapazas poderán participar en disversas actividades plásticas.

As Tardes de contos e lendas é unha lúdica e didáctica especialmente orientada a nenos e nenas entre 3 e 8 anos de idade. Ademáis, tamén poden estar acompañados e interactuar cos seus pais, nais ou coidadores. 

*

O PP de Ordes denuncia lesións en viandantes por mor da colocación de baldosas esbaradizas na rúa Rosalía Castro


Baldosas da rúa Rosalía Castro que o PP de Ordes asegura non cumpren coa normativa para estas instalacións.
O Partido Popular preguntará por este asunto no Pleno de mañá

O PP de Ordes denuciou hoxe que "as baldosas esvaradizas colocadas polo Concello de Ordes ó pe de algúns dos pasos de peóns da vila están a provocar numerosas caídas entre os viandantes, algúns dos cales acabaron con lesións de gravidade, como fracturas que precisaron atención hospitalaria".

O maior volume de caídas por esvaramento, segundo informa o PP, rexístrase na esquina do cruce da avenida de Alfonso Senra coa rúa de Rosalía de Castro, "onde os reiterados accidentes rexistrados levaron ao Concello de Ordes a instalar un pasamáns metálico que, polo de agora, non  ten ofrecido os resultados agardados". De feito, aseguran que con posterioridade á instalación dese elemento metálico xa se produciron novos accidentes.

Preguntas ao Goberno
O Partido Popular de Ordes reiterará por terceira vez o asunto no Pleno municipal previsto para este xoves, no que esixirá a través dunha pregunta verbal explicacións ao equipo de Goberno polo sucedido. Tamén reclamará a adopción das medidas necesarias para evitar que se sigan producindo novos accidentes neste punto céntrico da vila.

O Partido Popular asegura que o pavimento táctil de botóns instalado polo Concello de Ordes nalgúns puntos da vila non se axusta ás especificacions técnicas que regulan este tipo de equipamentos. "Nin a separación  entre os botóns, nin a ubicación e dimensións da franxa sinalizadora cumpren coas especificacións técnicas; sen esquencer as elevadas pendentes das beirarruas nas que foron empregados", apuntan.

*

Agustín Hernández inaugura mañá a segunda fase da ronda leste


O conselleiro Agustín Hernández. // Arq. Xunta.
A posta en marcha deste vial suporá a eliminación do tráfico pesado polo centro da vila de Ordes

Regos: "Foi unha obra moi necesaria e que traerá moitas cousas boas a Ordes"

Mañá xoves a partir das 20:00 horas o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, visitará o concello de Ordes para inaugurar a segunda fase da rolda leste. O acto terá lugar no polígono industrial de Merelle onde o conselleiro, acompañado polo alcalde, Manuel Regos, e o resto do equipo de Goberno e membros da corporación municipal, descubrirán unha placa conmemorativa.

Un proxecto viario de gran importancia para o municipio que comenzou no 2009 e que suporá a eliminación do tráfico rodado de gran tonelaxe polo centro da vila. O proxecto supuso un investimento total de 2.165.000 euros. Nesta última fase do proxecto unirase a AC 524 co polígono industrial de Merelle con saída á N 550. Con elo tamén se mellorará o tránsito dos vehículos industriais e de carga que se dirixan ou partan do polígono de Merelle. Un tramo que se conectará coa primeira fase inaugurada en agosto de 2010. Neste caso o trazado transcurre dende a glorieta situada na zona dos institutos na N 550 ata a AC 524 no seu paso pola parroquia de Buscás.

Estrada a Mercurín
Así, tras esta inauguración, quedan pendentes outras intervencións importantes para o municipio como é o caso da estrada de Mercurín. Un vial polo que transcurren moitos dos trailers de gran tonelaxe con dirección á planta de Sogama e cuxo arranxo depende dos fondos do Plan Miner que o Concello leva reclamando dende hai dous anos. O elevado número de accidentes graves, contabilizándose varios falecementos nos últimos anos nesta estrada, deixa constancia da necesidade deste arranxo. Co fin de incrementar a seguridade tanto para os conductores como para os peóns, o Concello de Ordes xa realizou nalgunha ocasión arranxos e obras no seu pavimento. 

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Trátase dunha obra moi necesaria para o nós e que vai traer moitas cousas boas, tanto pola eliminación de camións e tráfico pesado polo centro da vila como polas facilidades e aportacións que lles ofrecerá os empresarios instalados no polígono de Merelle” 

“En todo este tempo, dende o Concello non deixamos de loitar pola execución deste proxecto. Era un compromiso que tiñamos adquirido cos nosos veciños e veciñas que levaban demandando esta infraestructura dende hai moito tempo”

*

martes, 24 de abril de 2012

O pleno votará este xoves unha modificación do plan do parque empresarial de Merelle


Con esta medida preténdese favorecer a implantación de naves industriais nesta área

Se adianta a celebración do pleno por mor da inauguración da segunda fase da ronda leste


A corporación municipal de Concello de Ordes celebrará o vindeiro xoves ás 14:00 horas a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de abril. Con motivo da inauguración da segunda fase da rolda leste, que terá lugar este mesmo día ás 20:00 horas, o horario desta sesión tivo que ser modificado, polo que non se poderá realizar pola tarde tal e como ven sendo habitual.

Entre os puntos máis importantes destaca a modificación puntual do plan do plan parcial do parque empresarial de Merelle. Deste xeito preténdese favorecer e axilizar a implantación de novas empresas nesta área industrial. Outro aspecto destacado é o cuarto punto da orde do día, o cal aborda a creación e delegación da xestión e administración da sede electrónica do Concello. Un requisito indispensable de cara á tramitación on line de trámites coa Deputación da Coruña por parte dos funcionarios municipais. 

*

O PSOE de Ordes quere que o Concello faga efectiva a prohibición do tráfico pesado pola estrada de Mercurín

Xesús Pedreira asegura que “todo dá a entender que a Xunta non vai facer nada e para o Concello o custe económico de manter esta estrada é moi elevado”

Os socialistas proporán ao pleno que o IES nº 1 leve o nome do escritor e director ordense Euloxio Rodríguez Ruibal


O Partido Socialista de Ordes instará este xoves ao Concello de Ordes a que “faga efectiva sen máis dilación” a moción aprobada o pasado 26 de xaneiro pola cal se prohíbe a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas, sobre todo dos camións de Sogama, pola estrada de Mercurín ou que a Xunta de Galicia asuma a titularidade deste vial. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “tres meses despois da aprobación da moción en pleno, os camións de gran tonelaxe seguen a pasar e deteriorar a estrada, a pesares do rebacheo, e agora coa chuvia se incrementa a inseguridade tanto para os peóns como para os condutores”.

Xesús Pedreira asegura que “todo dá a entender que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non vai facer nada e, nestes tempos de crise, para o Concello de Ordes o custe económico de manter esta estrada é moi elevado”. Por iso, aproveitará a sesión plenaria do vindeiro xoves 26 de abril para solicitar o cumprimento da moción aprobada o pasado 26 de xaneira con 11 votos a favor (7 de UXO, 2 BNG, 1 PSOE e 1 Alternativa dos Veciños) e coas 6 abstencións do PP.

Estrada en mal estado
O concelleiro socialista lembra que “esta estrada está en moi mal estado, con grandes fochas, polo tráfico escesivo que soporta a diario, especialmente de tráfico pesado e, sobre todo, dos camións de Sogama, que como todos sabemos son de gran tonelaxe”. Un mal estado que contribúa a que se produzan accidentes, con perdas de vidas humanas e con desperfectos nos propios vehículos, situación que afecta directamente ás arcas do Concello de Ordes que ten que asumir gran parte deses gastos.

As obras de mellora na estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle (Ordes) coa localidade de Cerceda, teñen un orzamento de máis de 2,8 millóns de euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas polo Concello de Ordes no ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta de Galicia en 2010 (por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que non se dá producido.

Os traballos de mellora e ensanche desta estrada, de 8,275 metros de lonxitude, teñen un prazo de execución de 24 meses e atravesan os lugares de  A Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia e Vilasenín. Na actualidade, o ancho medio desta estrada é de 7 metros, dos que só 6 son aproveitables para o tráfico rodado. O novo proxecto contempla ampliar esta estrada ata acadar un ancho total da plataforma de 10 metros, con arcéns de metro e medio a cada lado. Unha nova anchura á que habería que engadir sendas cunetas dun metro de ancho cada unha. Así mesmo, o proxecto contempla a mellora do firme da estrada, que pasará a ter unha categoría especial para soportar tráfico pesado, e varias actuacións nas cunetas para favorecer a evacuación do auga e impedir o seu taponamento pola maleza.

Euloxio Rodríguez Ruibal
Por outra banda, os socialista de Ordes proporán tamén que o IES nº 1 de Ordes leve o nome de Euloxio Rodríguez Ruibal, prestixioso escritor e director de teatro nado en Ordes o 16 de marzo de 1945 e que está considerado como un dos renovadores do teatro galego. Rodríguez Ruibal é un dos dramaturgos máis fructíferos en lingua galega. Na actualidade é profesor na Universidade de Santiago de Compostela e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, institución da que é membro dende marzo de 2005. Ademais de ser presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e director das galerías de arte Torque e Citánia, Euloxio Rodríguez formou parte do grupo Ditea, prestixiosa agrupación de teatro afecionado compostelán e unha das máis antigas en funcionamento en toda España, e fundou o grupo de teatro Obradoiro.

Xesús Pedreira Mirás.
Xesús Pedreira explica que “dende o PSdeG de Ordes xa obtemos o beneplácito e consentemento de Euloxio Ruibal a esta moción xa que, segundo as súas palabras, sería para el unha honra que o pobo que o veu nacer e xogar de rapaz lle dera o seu nome a un instituto”. 

Por iso, os socialistas proporán ao pleno municipal que traslade esta proposta á Dirección do IES nº 1 e ao Consello Escolar para que o tomen en consideración e adopten as medidas oportunas para o cambio de nome deste centro educativo.

*