martes, 29 de mayo de 2012

O BNG presenta unha moción para que as confesións relixiosas paguen o imposto do IBI


Gonzalo Castro estima nuns 30.000 euros anuais os ingresos deixados de ingresar en Ordes por parte da Igrexa Católica, e de 200 millóns en toda Galicia

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe a presentación dunha moción que será debatida polo Pleno do vindeiro xoves, onde os nacionalistas proporán que se inste ao Goberno Central para que elimine a exención do pago do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), da que gozan os bens propiedade das distintas confesións relixiosas.

O portavoz do BNG de Ordes afirmou que “estase a facer recaer sobre as costas da cidadanía as consecuencias da crise económica con recortes de dereitos sociais, baixada dos salarios e aumento de diversos impostos, incluído o IBI, mentres se manteñen privilexios tan anacrónicos e inxustos como a exención do pago deste imposto por parte das confesións relixiosas”

Gonzalo Castro salientou que “no caso do Concello de Ordes, os cidadáns sufrirán unha desproporcionada subida do IBI, que se verá incrementado nun 23%, situación que contrasta inxustamente coas exencións fiscais que desfrutan a igrexa católica e outras confesións, que veñen recollidas na Lei de facendas locais”

Contido da moción
A continuación, transcribimos o contido da moción nacionalista:

Ao alcalde-presidente do Concello de Ordes
Gozalo-Henrique Castro Prado, portavoz do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ao abeiro do disposto no artigo 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais, presenta a seguinte MOCIÓN para instar a eliminación da exención do pago do IBI da Igrexa Católica e outras confesións.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Estamos a sufrir unha situación crítica a nível económico no Estado Español, que tamén está afectando de xeito importante aos veciños e veciñas de Ordes, mentres vemos unha absoluta permisividade dos poderes públicos co espolio desenvolvido polos mercados, os especuladores e os bancos, coa circulación de diñeiro negro e co enorme fraude fiscal existente, faise recaer sobre as costas da cidadanía as consecuencias desta crise económica: paro, aumento da pobreza, recorte de dereitos sociais, aumento do IRPF, baixada dos salarios e aumento de diversos impostos, incluído o imposto de bens inmobles (IBI).

Debemos lembrar que de forma absolutamente desproporcionada e inxusta, o RDL 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, instou ás Corporacións Locais, cunha clara vulneración da autonomía local a unha subida do IBI de entre o 4 e o 10%.

No caso do Concello de Ordes, os cidadáns sufrirán unha desproporcionada subida do IBI, que se verá incrementado nun 23%, situación que contrasta inxustamente coas exencións fiscais das que gozan diversas entidades, en especial a igrexa católica e outras confesións, que veñen recollidas na Lei de facendas Locais.

Facendo un cálculo aproximado, co tipo impositivo actual, se se eliminase a exención do pago do IBI ás confesións religiosas, só polo pago deste imposto, no tocante aos bens Igrexa Católica, os Concellos galegos percibirían perto de 200 millóns de euros de ingresos que contribuirían de xeito importante á mellora dos servizos públlicos que deben prestar aos cidadáns e a sanear ás maltreitas finanzas das entidades locais.

Se falamos do Concello de Ordes, e facendo un cálculo aproximado (tendo en conta a opacidade existente nos bens titularidade da Igrexa Católica), coa subida do IBI prevista e a actualización dos valores catastrais, concluiríamos que o noso concello podería recadar perto de 30.000 euros anuais en concepto de IBI só polos bens propiedade da Igrexa Católica.

O BNG ten proposto en reiteradas ocasións no Congreso dos Deputados e no Senado que se modificasen os tratados vixentes coa Santa Sede para rematar cuns privilexios fiscais que consideramos anacrónicos e inxustificábeis no contexto actual de crise económica. Máis ainda se temos en conta  que a Constitución de 1978 declara que “ningunha confesión terá carácter estatal”, un feito que supuxo a superación do status confesional que o Estado español mantiña até esa data.

A Corporación Municipal de Ordes, tendo en conta a inxustiza desta situación, debe instar tamén ás administracións competentes a que realicen as actuacións que permitan que se elimine a exención á igrexa católica e outras confesións relixiosas, do pago dun imposto municipal, como é o IBI.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Ordes, propón á Corporación Municipal de Ordes, a adopción do seguinte

ACORDO

1.- Instar ao Goberno Central e ás Cortes Xerais, a que  se suprima da Lei de Facendas Locais, a exención do IBI (imposto de bens inmobles rústicos e urbanos) á igrexa católica e outras confesións relixiosas.

2.- Instar ao Goberno Central e ás Cortes Xerais a que se derroguen os Acordos do Estado español coa Santa Sede, especialmente o de Asuntos Económicos, reformando a Lei de Mecenazgo e Fundacións de acordo con esta derrogación.

3.- Instar ao Goberno municipal a que realice as xestións necesarias para realizar un inventario municipal dos bens inmobles rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns, co fin de facilitar o cobro do IBI destes bens inmobles.

4.- Instar ao Goberno da Xunta a defender todas estas reformas diante do Goberno Central, actuando en defensa dos Concellos galegos e da súa cidadanía, diante desta inxusta e anacrónica situación.

5. Dar traslado do presente acordo ao Goberno Central, ás Cortes Xerais do Estado e ao Goberno da Xunta de Galiza.

Ordes, a 28 de maio de 2012
  

Gonzalo Castro Prado.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Facendo un cálculo aproximado, co tipo impositivo actual, se se eliminase a exención do pago do IBI ás confesións relixiosas, o noso concello podería recadar perto de 30.000 euros anuais en concepto de IBI só polos bens propiedade da Igrexa Católica, uns ingresos que que poderían contribuir á mellora dos servizos públicos que se deben prestar aos cidadáns”

“A Constitución de 1978 declara que ningunha confesión terá carácter estatal, un feito que supuxo a superación do estatus confesional que o Estado español mantiña até esa data, de aí que non se entenda a permanencia destes anacrónicos privilexios”

"Espero que a Corporación Municipal apoie esta proposta e inste ás administracións competentes a eliminar a inxustiza que supón a exención á Igrexa Católica e outras confesións relixiosas, do pago dun imposto municipal, que afecta a todos os veciños, como é o IBI”

*  

Os socialistas de Ordes queren regular o uso das beirarrúas


Xesús Pedreira: "Chegáronos queixas dos veciños, especialmente na rúa do Muíño"

A Agrupación Socialista de Ordes solicitará na sesión plenaria ordinaria deste xoves 31 de maio a elaboración dunha Ordenanza de Ocupación de Beirarrúas para que a ocupación privativa dun espazo público se faga de acordo a criterios de compatibilización do uso público coa utilización privada. 

O seu voceiro municipal, Xesús Pedreira, considera urxente resolver este problema xa que “coa chegada do verán vemos nas rúas de Ordes a proliferación de terrazas que, nalgúns casos, non permiten o paso a peóns, cadeiras de rodas ou cadeiras de bebés”. Unha petición que supón unha ampliación da moción que presentará tamén o grupo socialista na sesión deste xoves para pedir melloras na seguridade viaria dos peóns na rúa Alfonso Senra, onde se solicita que se dote as beirarrúas do ancho suficiente para evitar que os peóns teñan que circular pola N-550.

Sector textil e medio rural
Así mesmo, os socialistas ordenses tamén preguntarán ao Concello de Ordes polos investimentos que o Plan de Zona Terras de Santiago contempla no municipo ordense. Un plan que no seu conxunto contempla uns investimentos de 170 millóns de euros para os vindeiros catro anos pero onde se descoñece que proxectos se contemplan en Ordes, o seu importe e a súa data de execución.

Finalmente, Xesús Pedreira buscará o apoio do pleno municipal ás propostas presentadas polo PSdeG-PSOE para mellorar o sector téxtil de Ordes e frear a destrución de emprego neste sector. Así, os socialistas instarán ao pleno municipal a esixirlle á Xunta a presentación dun plan estratéxico para o sector téxtil da comarca de Ordes e o impulso da compra estratéxica da Administración no sector (de xeito que as empresas galegas poidan participar en iguais condicións nos concursos de prendas téxtiles).

Xesús Pedreira Mirás.
A frase de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSdG-PSOE de Ordes
“Chegáronos queixas por parte de veciños, especialmente na rúa do Muíño, onde pais e nais que baixan cos seus nenos de curta idade do colexio Campomaior encóntranse con que teñen que ir pola zona reservada aos vehículos porque algúns establecementos de hostalería non deixan o suficiente espazo para poder circular os peóns”

*

O CAB Obradoiro pediu o apoio dos ordenses para manterse na ACB

Manuel Regos, primeiro pola esqueda, onte no hotel Rúa do Vilar cos alcaldes da comarca e directivos do Obradoiro.
O seu presidente, Raúl López, convocou a Manuel Regos a unha xuntanza con máis alcaldes da comarca


O CAB Obradoiro necesita algo máis de tres millóns de euros para convertirse en sociedade anónima deportiva e poder seguir competindo na actual Liga Endesa ACB. Con ese obxectivo, o seu presidente, Raúl López, convocou onte nun céntrico hotel de Santiago a un grupo de alcaldes da comarca, entre os que se atopaba Manuel Regos para darlles a coñecer esta realidade.


Arcas valeiras
Segundo informa La Voz de Galicia, as intervencións dos alcaldes "responderon a un mesmo patrón. Amosaron a súa simpatía polo proxecto e o seu desexo de que o proceso chegue a bo porto", ainda que tamén deixaron clara que as arcas municipais están valeiras e que "non hai marxe económico de maniobra pra poder implicarse".

*

lunes, 28 de mayo de 2012

O BNG non quere camións polo centro da vila de Ordes


Montserrat Rei: "A nosa proposta inclúe excepcións xustificadas, coma a carga e descarga ou o transporte público"
O BNG de Ordes anunciou esta mañá que o Pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 31 de maio, debatirá unha moción dos nacionalistas na que se propón instar ao Ministerio de Fomento a prohibir o tráfico dos vehículos pesados, que circulen en dirección A Coruña ou Santiago, no tramo da N-550 que discurre polo centro da vila de Ordes, ao existir xa a alternativa da recentemente inaugurada ronda leste.
Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “non resulta suficiente con sinalizar adecuadamente a nova ronda para sacar o tráfico pesado do centro de Ordes, é necesario que o Ministerio de Fomento, como titular da N-550, prohiba o tráfico pesado no tramo desta estrada que discurre pola vila de Ordes”.

Rei explicou que a proposta do BNG “ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento prohiba o tráfico polo tramo da N-550 que discurre polo centro de Ordes aos vehículos cuxa masa máxima autorizada exceda as 3,5 toneladas, introducindo as sinais correspondentes nos accesos á vila de Ordes desde esta estrada”.

A concelleira do BNG explicou que “non existen razóns para non adoptar esta medida, xa que os camións que circulan cara A Coruña ou Santiago pola N-550 teñen unha alternativa para circunvalar o núcleo urbano sen pasar polo centro, a recentemente inaugurada ronda leste”.

A concelleira Montserrat Rei.
As frases de Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes 
"A nosa proposta inclúe excepcións en casos xustificados, nos que se podería permitir aos transportistas o acceso ao centro, como por exemplo no caso de que teñan como destino a carga ou descarga nalgunha empresa ou comercio da vila, ou o transporte público con paradas na vila, entre outros”

“No caso de transportistas de mercadorías que fornecen aos comercios e locais hostaleiros, na súa maioría non superarían a masa máxima autorizada de 3,5 toneladas”

“Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaron o desvío o tráfico pesado do centro da vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino Sogama, ten conseguido que se construise unha ronda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila, por iso debense realizar de xeito inmediato as xestións que permitan que a veciñanza poida desfrutar canto antes dos beneficios desta ronda”

*

Iván Raña non estará nas Olimpíadas de Londres

"Estou triste, pero non tiña máis", declarou o excampión do mundo de triatlón

O ordense Iván Raña perdeu onte toda esperanza de competir nos xogos olímpicos de Londres 2012 logo dunha decepcionante carreira na terceira proba do Mundial de Triatlón celebrada en Madrid e na que rematou na 44º posición. O ordense perde así a opción de ocupar a terceira praza no equipo español en favor do conquense Josemi Pérez, quen será finalmente quen acompañe ao ferrolán Javier Gómez Noya e ao balear Mario Mola ata os xogos olímpicos. A declaracións de EFE, Raña explicou que "está triste", que fixo o que poido e que "hoxe [por onte] non tiña máis".

Iván Raña foi campión do mundo de triatlón no 2002 e participou nas Olimpíadas de Sydney 2000, Atenas 2004 e Pekín 2008.

*

domingo, 27 de mayo de 2012

Os xuvenís da S.D. Órdenes ascenden á Liga Nacional



Logo de vencer por tres tantos a dous á S.D. Compostela

Xogadores, técnicos, directivos e seguidores celebraron a xesta na Alameda de Ordes 

Os xuvenís da S.D. Club Órdenes venceron onte á tarde á S.D. Compostela por tres tantos a dous no campo anexo dous de Vista Alegre, o que lles supón o  ascenso á Liga Nacional Xuvenil. A victoria final xa se intuía antes de finalizar a primeira parte do encontro, cado a escasos 25 minutos do seu comezo, os xogadores do Órdenes xa se adiantaban por tres goles aos composteláns. 


Marea verde
Álvaro, Javi  e Suso foron os artífices dos goles que desataron a loucura dunha marea verde formada por centos de seguidores e afeccionados que non deixaron de animar.

Antes de que concluira o primeiro tempo, Escudero inauguraba o marcador dos visitantes nun tanto marcado de penalti. O mesmo castigo transformouse nun segundo tanto a favor dos visitantes marcado por Mon, tras unha man dentro da área minutos antes de que concluira o partido.


Celebracións
Tras o pitido final xogadores, cadro técnico, directiva e afeccionados saltaron ó terreo de xogo onde unha choiva de cava testemuñaba a sobredose de entusiasmo e ledicia polo ascenso. Xa na Alameda da vila de Ordes continuaron coa celebración.


Xogadores
Os xogadores responsables desta xesta son: Dani, Pablo Caamaño, Sergi, Seo, Pablo Regos, Rodri, Suso, Álvaro, Javi, Denís e Santi. Suplentes: Esteban, Iván, Villa, Mosquera, Pampín. Adestrador: Andrés Durán.


*

Ordes, escola de poetas



O Concello de Ordes fixo entrega dos premios no seu quinto Certame de Poesía

Na tarde do pasado venres, o Concello de Ordes fixo entrega dos galardóns aos premiados do V Certame de Poesía organizado co gallo do Día das Letras Galegas. Na convocatoria participaron xente de todas as idades e a ela se presentaron un elevado número de obras.

O acto tivo lugar na Casa da Cultura e posteriormente todos os galardonados acudiron aos estudios de Radio Ordes para realizar unha lectura e gravación dos poemas seleccionados. 

Premiados
Os premiados na categoría infantil foron: Lara López Fernández, María Iglesias Lagares, Antía Rosende Juncal, Aira Portos Rei, Sorrayllag Ramos Gonzaga, Yasmine Ouchane. Paula Rodrígez García e Rocío Leire Castro destacaron polos traballos presentados nas categorías xuvenil e xeral respectivamente. 

*

sábado, 26 de mayo de 2012

Fabulosa tarde de contos e lendas na biblioteca de Ordes



Máis de medio cento de nenos asistiron onte ás narracións do grupo Leo Leíño

Máis de medio cento de nenos de entre 3 e 6 anos disfrutaron na tarde de onte dunha nova entrega das Tardes de Contos e Lendas na biblioteca municipal de Ordes. Nesta ocasión a narración e a literatura déronse a man coa música grazas ó relato Contos con guitarra, unha historia na que os asistentes interactuaron con cancións e xogos. 

O grupo Leo Leíño foi o responsable de facer as delicias dos presentes nesta cita, totalmente gratuita e que sempre ten lugar o último venres do mes.

*

viernes, 25 de mayo de 2012

Sanjurjo: "O plan de pago apoia aos empresarios, non a un Goberno municipal irresponsable"

O portavoz municipal do PP de Ordes reta a Manuel Regos a que acredite algo dito que non responda á verdade

O Partido Popular de Ordes fixo público hoxe un comunicado polo que mantén "unha por unha" as reflexións efectuadas onte en relación co informe elaborado polo interventor municipal no que advertía do delicado estado das contas públicas municipais. O seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo "reta" ao alcalde Manuel Regos "a que acredite se algo do que se dixo non responde á verdade".

Sanjurjo asegura que a nota de prensa remitida onte aos medios está baseada no informe do interventor e que "como todas as notas emitidas polo Partido Popular, se sustentan sobre feitos e datos verificables". 

O PP de Ordes quixó aclarar "fronte os intentos de manipulación do alcalde", que o informe do interventor "está datado en marzo de 2012, que se refire ao exercicio de 2011 e se emite en aplicación do plan de axuste de 2009, polo que nada ten que ver co plan de pago a provedores".

José Luis Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A quen respalda realmente o plan de axuste aprobado polo Goberno de España é ás empresas e profesionais cos que o Concello de Ordes mantén débedas millonarias que non foi capaz de pagar pola súa nefasta política económica" 

"Que o Goberno central respalde ás empresas non implica, en absoluto, que respalde a política municipal que no caso de Ordes situou ao Concello na bancarrota"

*

Regos: "Cristóbal Montoro confía na xestión económica do Concello de Ordes"


Manuel Regos Boquete, alcalde de Ordes.
Regos: "Resulta paradóxico que mentres en Madrid a xente do PP apoioa as nosas iniciativas, os de Ordes se empeñan en levarlles a contraria"

Regos: "A nosa política de investimentos primou os servizos e as infraestruturas sociais en Ordes" 

“A recente aprobación ao plan de pagamento a provedores e o visto bo do Ministerio de Facenda ás facturas que enviamos é o mellor aval para os nosos veciños e veciñas de que a situación económica do Concello de Ordes está controlada e é factible”. Así de taxante se mostraba esta mañá Manuel Regos, alcalde de Ordes, ante as críticas verquidas polos populares ordenses nas que se manifesta que “o Concello se asoma ó abismo orzamentario”.

O alcalde asinou onte un convenio co director da sucursal de La Caixa ubicada na vila para o pagamento das facturas englobadas en dito plan. “Os primeiros cobros levaranse a cabo a partir da vindeira semana, polo que o Concello de Ordes cumplirá coas súas obrigas. O contador está a cero porque nós non temos nada agochado en ningún caixón. É o mesmo Goberno central actualmente em mans dos populares quen autorizou o crédito e quen dixo que a nosa situación é factible porque estamos capacitados para facerlle frente” puntualiza  Regos. 

Paradóxico comportamento no PP
Tamén lle parece “moi paradóxico e significativo que mentres en Madrid a xente do PP apoia as nosas iniciativas, os de Ordes se empeñen en levarlles a contraria”. Unha situación que xa se viviu no último pleno municipal cando os populares, acompañados polo BNG, votaron en contra do plan de pagamento a provedores ideado e aprobado polo Ministerio dirixido por Cristobal Montoro.
Manuel Regos defendeu a política de investimentos realizada nos últimos anos “na que primaron os servizos e infraestructuras sociais para beneficio, uso e desfrute dos nosos veciños e veciñas”. Neste sentido  lembrou todo o tempo no que rexentado por gobernos do Partido Popular, o Concello de Ordes caracterizábase pola escasa inversión en bens e servizos. 

“Se o Concello gastou é porque nestes últimos anos fomos nós os que tivemos que facer o que outros deixaron pendiente” asegura o alcalde, que invita a quen queira a “dar unha volta polas parroquias e polos inmobles públicos ou ben a falar cos milleiros de veciños e veciñas que teñen participado nos cursos e actividades organizadas polo Concello” para comprobalo.

En nome do interventor
O alcalde tamén amosou o seu descontento co feito de facer oposición “usando o nome do interventor e doutros empregados municipais”, tal e como nos ten afeitos o PP de Ordes. 

Dende a alcaldía critícase e denúnciase a utilización dun informe do departamento de Intervención con data do ano 2009 “para crear alarma social e intranquilidade no sólo entre os veciños, senón tamén entre os empresarios e posibles inversores que queiran instalarse en Ordes. 

Isto é algo ilóxico xa que a realizade económica de entón non ten nada que ver ca de agora”. Por todo elo dende o Goberno Local reclaman máis responsabilidade ós populares na política comunicacional que están realizando e unha maior veracidade nas informacións publicadas.


*

jueves, 24 de mayo de 2012

Noites de tasca en Ordes especial cuarto aniversario


O Concello organiza unha viaxe a Madrid para animar a Iván Raña na Copa do Mundo de Triatlón


O ordense Iván Raña foi campión do mundo de triatlón no 2002.

Partirá este sábado dende a Alameda ás 04:00 horas

Reservas no teléfono 699081743

Coa colaboración do Concello de Ordes o vindeiro sábado 26 de maio os veciños e veciñas que o desexen poderán animar en directo a Iván Raña en Madrid. O campión mundial de triatlón competirá pola Copa do Mundo, unha proba válida para a selección de cara as Olimpiadas de Londres que se disputarán este verán.

O Concello de Ordes pon a disposición dos seus seguidores un autobús que partirá da Alameda o mesmo sábado ás 04:00 horas e cuxo regreso está previsto unha vez que conclúa a carreira. Para anotarse basta con chamar ó teléfono 699081743. Os menores deberán ir acompañados dun titor ou persoa que se faga responsable. 

'Contos con guitarras' mañá nas Tardes de contos e lendas da biblioteca de Ordes


Nesta nova sesión a música e a literatura daranse a man para deleite dos nenos e nenas do Concello

Mañá venres a partir das 18:30 horas a biblioteca de Ordes acollerá unha nova sesión de Tardes de contos e lendas. Nesta ocasión a narración oral entremezclarase coa música grazas ó relato 'Contos con guitarra', unha historia na que os rapaces e rapazas poderán  interactuar con cancións e actividades previamente programadas. 

O grupo Leo Leíño será o encargado de levar a cabo esta nova cita totalmente gratuita e especialmente pensada para os nenos e nenas de 3 a 6 anos. A ela poderán acudir tamén pais, nais ou coidadores que desexen participar conxuntamente cos cativos.

*

Os xuvenís da S.D. Órdenes xogarán este sábado o seu ascenso á liga nacional


Achégate o día do partido ao campo do Vista Alegre portando unha prenda de cor verde para animar ao equipo

Este próximo sábado o equipo xuvenil da S.D Órdenes, que actualmente milita na Liga Galega grupo I, xogará o seu ascenso á liga nacional. Un partido que comenzará ás 17:00 horas e no que o seu rival será a S.D. Compostela, que xa ten asegurado o seu ascenso.

Co fin de animar ós xogadores centos de mozos e mozas teñen organizada unha quedada o mesmo día ás 15:00 horas na Alameda de Ordes. A principal consigna será a de levar a lo menos unha prenda de cor verde, ó igual ca equipación oficial do clube. Unha vez todos xuntos dirixiranse a pé ata o campo de fútbol de Vista Alegre onde terá lugar o encontro.

*

O PSOE de Ordes solicita melloras na seguridade dos peóns pola avenida de Alfonso Senra



Xesús Pedreira denuncia que “hai varios puntos onde os peóns, as cadeiras de rodas e as sillas de nenos teñen obrigatoriamente que baixarse á N-550 para poder circular”

A Agrupación Socialista de Ordes presentará unha moción ao pleno municipal do vindeiro martes 29 de maio para solicitar melloras na seguridade viaria dos peóns na avenida Alfonso Senra, que atravesa a vila de Ordes a ambos lados da N-550. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “coa entrada en funcionamento da rolda leste e o desvío de gran parte do tráfico pesado do centro da vila de Ordes, podemos recuperar a avenida Alfonso Senra para os veciños e humalizala de tal maneira que as beirarrúas cumpran coa legalidade vixente”.

Pedreira Mirás apunta que “hai varios puntos da rúa Alfonso Senra onde os peóns teñen obrigatoriamente que baixarse á N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos”. Unha situación especialmente grave diante do número 143 da avenida Alfonso Senra e que tamén afecta ao tramo entre os números 122 e 133.

Esta situación fai que eses tramos de beirarrúas incumplan o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación (Artigos 9 e 10). Por iso, o PSdeG-PSOE solicitará o apoio do pleno municipal para instar a Demarcación de Carreteras de Galicia e ao Ministerio de Fomento que recuperen a avenida de Alfonso Senra para os veciños, permitindo que se poida aproveitar máis esta rúa para aparcar vehículos a motor e incrementar o ancho das beirarrúas diante do número 143 e das vivendas comprendidas entre os números 122 e 133.


Arranxo da pita O Balado-Darefe 
Así mesmo, os socialistas ordenses tamén instarán ao Concello de Ordes a arranxar a totalidade da pista que une O Balado e Darefe con firma de zahorra. Xesús Pedreira explica que “hai aproximadamente un ano empezouse a acondicionar esta pista, que dá moito servizo tanto ás fincas de labranza como para os que queren atallar cara Darefe, pero parouse antes de chegar ao río e, ademais, o anaco que se arranxou non quedou ben, polo que volve estar en malas condicións”.

Ademais de solicitar o arranxo con zahora de toda a pista, os socialistas de Ordes solicitan tamén ao Concello de Ordes que estude a posibilidade de ensanchala.

*

Sanjurjo: "O Concello asómase ao abismo mentres o interventor advirte do 'total incumprimento' do plan de saneamento de 2009"

Para o portavoz municipal popular, "resulta dramático que tanto derroche se esfumase sen que os veciños que van pagar as débedas se beneficiasen de servizo algún"


"Cada día que pasa, o Concello de Ordes asómase máis ao abismo orzamentario", asegurou hoxe o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. Así o acredita, asegura o popular, "un recente informe do interventor municipal que denuncia o total incumprimento do plan de saneamento aprobado no ano 2009". Dito informe alerta de que o Goberno local "debe tomar medidas drásticas que non poden demorarse nin un instante máis, dada a gravidade da situación e a pasividade do alcalde, a pesar de que estas medidas veñen sendo esixidas por esta intervención”.

Este informe da intervención municipal, asegura Martínez Sanjurjo, "é unha esixencia da norma estatal que regula o plan de saneamento municipal de 2009, que daquela permitiu ao Concello de Ordes obter un crédito de algo máis de un millón de euros".

Entre outros "datos alarmantes", o informe do interventor sinala que durante o exercicio de 2011, "o Goberno local de Manuel Regos xerou gastos extraorzamentarios que superan os 936.000 euros. Mentres, e tan só en 2011, a desviación orzamentaria xerada ascende a 3.163.000 euros (remanente líquido negativo de tesourería)".

Trátase, en opinión do PP local, dunha "cifra astronómica” para un Concello de 13.000 habitantes, durante un exercicio no que, "máis aló da custosa campaña electoral desenvolvida polo actual alcalde, os servizos municipais enfilaron unha espiral de deterioro". 

Martínez Sanjurjo.
Débeda municipal
Dende o PP de Ordes aseguran que "no seu conxunto, e sumando o crédito de 2,7 millons de euros que  se ven de formalizar no marco do plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda, e que suporá mais de un millón de euros máis en xuros, o Concello de Ordes amorea unha débeda de mais de dez millons de euros, que deberán pagar todos os veciños cos seus impostos".

En opinión de Martínez Sanjurjo, "resulta dramático que todo o derroche cometido polo Concello de Ordes se esfumase sen que veciños se beneficiasen de mellora algunha nos servizos públicos que reciben e, pola contra, sexan condenados a padecer en carne propia os efectos da política que levou o Concello á bancarrota".

*

miércoles, 23 de mayo de 2012

Os acredores do Concello de Ordes cobrarán as súas facturas a partires da próxima semana

Os pagos realizaranse a través de La Caixa

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, asinou esta mañá o convenio coa entidade financieira La Caixa para a realización do pagamento a proveedores con facturas pendentes de cobro. Dito plan, regulado no Real Decreto-ley 4/2012, de 24 de febrero e co que se pretende axudar ás administracións locais en materia de pagos pendentes, supón unha cantidade de preto de 2,7 millóns de euros no caso do Concello de Ordes. Según avanzou o alcalde, se espera que a partir da próxima semana se empecen a aboar as facturas que previamente foron aprobadas polo  Goberno Central.

*

Ordes acollerá unha nova edición da súa carreira popular o próximo domingo 3 de xuño


O prazo de inscrición remata o mércores 30 de maio

O concello de Ordes acollerá o vindeiro domingo 3 de xuño a XVII Carreira Popular, onde corredores e atletas de todas as idades poderán competir polo primeiro posto nunha das competicións máis concurridas da provincia.

A distancia dos circuitos variará según a categoría, indo dende os 500 metros dos competidores baby e prebenxamín, os 1.000 metros das categorías benxamín e alevín, os 3.000 metros das categorías infantil e cadete, e os 9.500 metros das categorías xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas, así como para os tres primeiros homes e mulleres das probas xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Tamén se outorgará un trofeo ós tres primeiros clasificados do municipio na proba absoluta (xuvenil, junior, promesa, senior e veterán), ó participante máis xoven  e ó máis veterán.

Premios en metálico
No referente ós premios en metálico no caso dos individuais serán de 150, 80 e 50 euros para homes e mulleres que disputen a carreira absoluta. Por equipos os cheques asecenderán a 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados da mesma proba. Unhas cuantías que se repitirán no caso dos equipos procedentes  do mesmo municipio.  Para puntuar nesta clasificación é necesario realizar a inscrición como clube, é decir, inscribindo ós corredores individualmente na páxina www.championchipnorte.com e remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com cos datos do clube e dos seus compoñentes).

Este ano haberá un premio especial de 150 euros para o centro académico de Ordes que presente o maior número de corredores. Para elo deberán formalizar a inscrición remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com, no cal se reflexe o nome do centro educativo e os datos dos seus atletas.

No caso das carreiras absolutas as inscricións deben facerse a través da páxina www.championchipnorte.com, mentres que nas probas escolares (categorías baby e cadete) faranse a través do correo electrónico inscricionsFGAsantiago@gmail.com. Deberán facer constar o nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, clube e número de licencia federeativa ou seguro escolar se se posúe

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición rematará o mércores 30 de maio ás 22:00 horas. Para máis información poden chamar ós teléfonos 981 680 002 ou 981 680 157. Tamén poden visitar as seguintes páxinas web: www.concellodeordes.com, www.atletismogalego.org, www.fgatletismo.es/santiago e  www.championchipnorte.com.

Nas probas poderán participar todos os que así o desexen  indistintamente de que estén federados ou non. O control técnico das probas correrá a cargo do Comité de Xuices da Federación Galega de Atletismo. Para levar a cabo esta XVII edición da Carreira Popular o Concello de Ordes conta coa colaboración das seguintes firmas comerciais: La Caixa, Gadis, Nutrexpa, Carnicaría Enrique, Estrella Galicia, Coca Cola, Feiraco, Sportec, Deportes Capitán, Seguros Reale e Asesoría e Seguros Jaime Castro.

*

martes, 22 de mayo de 2012

O PSOE pide á Xunta un plan estratéxico para o textil ordense


De esq. a der., o voceiro do PSdG-PSOE de Tordoia, Carlos García; a deputada autonómica Silvia Fraga; o voceiro municipal socialista e secretario da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira; o deputado autonómico Xosé Luis Méndez Romeu; o voceiro socialista de Frades, Xesús Manuel Iglesias; e de Trazo, Beatriz Domínguez.  

O sector perdeu máis de 500 empregos en Ordes nos últimos catro anos, segundo os socialistas

Xesús Pedreira: "Temos que apostar por un emprego de calidade no textil de Ordes"

O PSdG-PSOE confirmou hoxe en Ordes que pediralle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes, que deberá presentarse no Parlamento de Galicia no prazo de tres meses. Un plan que deberá contemplar medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cuotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Así o anunciou o deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu durante a comparecencia realizada esta mañá en Ordes para presentar as iniciativas socialistas a prol do sector téxtil na comarca ordense, que inclúen a presentación dunha proposición non de lei e varias preguntas ao Pleno do Parlamento.

Méndez Romeu explicou que “dende xaneiro de 2008 téñense perdido 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que significa un tercio da capacidade productiva desta comarca, mentres que no resto de Galicia o sector medra nun 12%”. Unha situación que o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, considera “especialmente preocupante, pois a eses 332 empregos por conta allea perdidos hai que sumarlle outros 200 correspondentes a pequenos autónomos, polo que estamos falando dunha perda de máis de 500 empregos na comarca”. Unha destrucción de emprego motivada, sobre todo, pola competencia polo prezo, que fixo que os talleres da comarca de Ordes fosen substituidos pola deslocalización no estranxeiro, principalmente en países como Marrocos, Romanía, India ou China.

Aposta pola calidade 
Pedreira Mirás lembra que “Ordes é unha comarca de 40.000 persoas que vive principalmente dos sectores gandeiro e téxtil. Non podemos permitirnos máis parados, temos que apostar por un emprego de calidade no téxtil”. Neste sentido, Méndez Romeu sinalou que “a singularidade da comarca de Ordes esixe unha resposta acaída ás necesidades daquí, onde se destruíu un 35% do emprego neste sector. Existe a posibilidade de recuperar producción de grandes marcas porque en Ordes hai empresas, hai infraestrutura técnica e traballadores cualificados”.

Por iso, o Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes deberá incluir as medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en actividades de subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases do proceso produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos falando de veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón dun sector que aposte pola calidade”, explica Xesús Pedreira, “Ordes chegou a rexistrar máis de 60 pequenas empresas con maquinaria especializada, directivos coñecedores dos procesos e persoal formado”.

Así mesmo, os socialistas solicítanlle á Xunta que facilite a participación de empresas galegas nos procesos de compra estratéxica da administración no sector, permitindo que poidan competir en igualdade de condicións cos grandes grupos comerciais nos concursos para a provisión de roupa de traballo para o Sergas, centros dependentes da Consellería de Benestar, etc. Segundo o deputado autonómico Xosé Luís Méndez Romeu, “poñer en marcha a primeira fase deste Plan Estratéxico custaría menos dun millón de euros, o cal é perfectamente asumible por un IGAPE que no 2011 deixou máis de 113 millóns de euros sen executar”.

Apoio da comarca
Méndez Romeu e Pedreira Mirás estiveron acompañados na súa comparecencia ante os medios de comunicación pola deputada autonómica Silvia Fraga e os voceiros municipais socialistas de Frades, Xesús Manuel Iglesias; Tordoia, Carlos García; Trazo, Beatriz Domínguez. A cercedense Silvia Fraga explicou que “a comarca de Ordes ten potencial para recuperar o sector téxtil, ten xente formada e preparada. A competitividade pasa por ofertar un proceso de elaboración da prenda dende o principio ata o final”. A deputada socialista, cofirmante da proposición non de Lei presentada no Parlamento, asegurou que “o que propoñemos é factible e asumible pola Xunta. Os beneficios son moitos fronte a uns custes mínimos”.

Pola súa banda, os voceiros socialistas en Frades e Tordoia coincidiron en facer un chamamento ás grandes empresas téxtiles de Galicia e España en contra da deslocalización da produción. “Na comarca de Ordes pódese facer un produto aínda mellor e a diferencia de costes non é tan grande”, apuntou Carlos García, voceiro socialista en Tordoia; mentres que dende Frades, Xesús M. Iglesias fixo un “chamamento ás firmas galegas que fabrican as súas prendas fóra e que venden como galego un produto que é galego a medias. Aquí estamos preparados e temos a cualificación necesaria para atendelos. Hai que apostar polo noso e por crear emprego en Galicia”. 

*

A rúa do Recreo ábrese de novo ao tráfico rodado


A rúa do Recreo hoxe, no seu cruce coa avenida de Alfonso Senra.
A obra supuxo un investimento de 120.000 euros

A rúa do Recreo xa está novamente aberta ao tráfico rodado logo de permanecer pechado durante os últimos quince días por mor das obras que se estaban a realizar no pavimento e que supuxeron un investimento de 120.000 euros. As labores que se realizaron durante este periodo inclúen a nova pavimentación e o seu repintado.

*