miércoles, 23 de enero de 2013

Ordes acollerá unhas xornadas sobre cooperativismo


A xornada terá lugar o mércores 30 de xaneiro e será inaugurada polo director xeral de Traballo e polo presidente da Mancomunidade de Ordes

Ordes acollerá durante a vindeira semana unha xornada e unha exposición sobre o fomento do cooperativismo organizadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e que contan coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, da Rede Eusumo e da Unión Europea. 

Inscricións
A Xornada sobre Cooperativismo terá lugar o mércores 30 de xaneiro, entre as 9:30 e as 14:00 horas, no salón de actos da casa da cultura de Ordes. A asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse previamente na Oficina de Fomento do Cooperativismo, no teléfono 981 680 002 ou a través do e-mail manuel.pena@ordes.dicoruna.es. O prazo de inscrición rematará o martes 29 de xaneiro.

A Mancomunidade de Ordes conta dende finais de 2012 cunha Oficina de Fomento do Cooperativismo, un novo servizo dende o que se realizan actividades de formación, información, promoción e sensibilización á sociedade para divulgar os valores cooperativos, dando apoio a emprendedores e promotores cooperativistas e facendo especial fincapé en mozos, mulleres e desempregados.

A Oficina está emprazada nos locais da Mancomunidade na rúa Xoxardo, o seu horario de atención ao público é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

No acto de inauguración da xornada, Manuel Regos Boquete estará acompañado polo director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiña Rodríguez. Ademais, contarase coas intervencións de Xoán Miguel Concheiro Abal, subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social; Ruth Rodríguez Ferreiros, técnica de Agaca; e Rosa Álvarez Bernárdez, técnica de Ugacota. 

A xornada rematará cunha mesa de experiencias cooperativas na que participarán as cooperativas Nova Aseconia, Xesforesta e Monte Cabalar.

Exposición
Paralelamente, o Museo do Traxe Juanjo Liñares de Ordes acollerá dende o 29 de xaneiro ata o 3 de febreiro a exposición itinerante “Descubre as cooperativas”, promovida pola Consellería de Traballo e Benestar e que será inaugurada o martes 29 de xaneiro, ás 12:40 horas.

Cooperativismo en Ordes
A comarca de Ordes conta na actualidade cun total de 35 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro. Os municipios con maior presenza destas fórmula empresarial son Frades con oito e Ordes con sete, seguidos por Tordoia e Trazo, ambos con cinco cooperativas. Cerceda e Mesía contan con catro cooperativas cada unha, mentres que Oroso dispón de tres entidades.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Ordes
“As cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e que, ao contrario do que moitos pensan, non só se pode aplicar ao mundo agrario e gandeiro, senón que hai moitas modalidades e moitas liñas de axuda moi interesantes. 

De feito, son as únicas fórmulas empresariais que están a crear emprego neste contexto de crise”

* 

Pedreira: "Os pensionistas de Ordes perderán uns 464 euros ao mes con Rajoy"


O PSOE de Ordes presenta unha moción para revogar o acordo do Goberno central e para instar á Xunta a defender os dereitos dos pensionistas

O PSOE de Ordes presentou hoxe unha moción para instar ao Goberno central a revogar o acordo do Consello de Ministros do 30 de novembro de 2012 polo que se decidiu non actualizar as pensións de 2012 de acordo co IPC e suspender o dereito á revalorización das mesmas en 2013. 

Por iso, o grupo municipal socialista vai solicitar o apoio dos demais grupos municipais no pleno ordinario de xaneiro para instar ao Goberno a anular a súa decisión, que consideran ilegal e que está recorrida no Tribunal Constitucional, e esixirlle á Xunta de Galicia que defenda os dereitos dos pensionistas galegos. 

“Pedímoslle á Xunta que tome as medidas políticas ou xurídicas que sexan necesarias e que antepoña os intereses da cidadanía galega aos intereses partidarios”, sinala Xesús Pedreira, portavoz dos socialistas de Ordes.

Os socialistas explica que eses 464 euros que perden os pensionistas ordenses corresponden á suma da paga compensatoria que non van recibir en 2013 máis a perda anual que sufrirán ao non subírselles o equivalente ao incremento do IPC. 

“Como exemplo, unha viúva ou viúvo Ordense  que cobra 631 euros ó mes vai deixar de percibir 336 euros en 2013, ou un pensionista que teña agora unha pensión de 993 euros ó mes, corresponderíalle cobrar 546 euros en 2013, que non vai percibir pola decisión ilegal do PP”, apunta o concelleiro ordense.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSOE de Ordes
“A non revalorización das pensións aprobada polo Goberno de Rajoy vai supor que os pensionistas ordenses perdan unha media de 464 euros o próximo ano"

"Tendo en conta a elevada porcentaxe de pensionistas en Ordes, esta decisión tamén prexudica ao comercio ordense, que xa está a sufrir pola crise con peches de negocios e despedimentos”.

"O real decreto aprobado por Rajoy é un engano e unha traizón, pois demostra que o PP usou pensionistas de Ordes como nenos pequenos ou como carne de canón, con enganos e mentiras, adiantando as eleccións galegas para ocultar as medidas que ían levar a cabo para vulnerar os seus dereitos”

*

O Entroido comeza en Ordes o sábado 16 de febreiro


Haberá un gran desfile e un concurso de disfraces

Data límite para inscribirse o 13 de febreiro

O Concello de Ordes ven de facer público o seu programa de actividades de cara á celebración da festividade do Entroido. Nesta ocasión a primeira das citas terá lugar o martes 12 de febreiro cunha Tarde de entroidada dará comenzo a partir das 16.30 horas na Alameda, espazo onde se levarán a cabo obradoiros de maquillaxe, chapas, globoflexia e máscaras. 

Ata as 19.30 celebrarase unha gran festa con animación de rúa, xogos colectivos e moitas máis sorpresas. No caso de que chova a organización ten previsto trasladar todas estas actividades a o pavillón Campomaior.

Sábado de piñata
Xa de cara ó sábado 16 de febreiro terá lugar o popular Sábado de piñata, onde haberá un gran desfile polas rúas do pobo a partir das 17:00 horas. Unha cita que cada ano congrega no municipio a centenares de participantes individuais, comparsas e carrozas. 

Os interesados en participar poderán inscribirse gratuitamente ata o 13 de febreiro nos departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes, ou ben chamando ó 981680002 ou 981680157.

Modalidades
Deste xeito na  modalidade individual haberá categoría adultos, a partir dos 16 anos, e categoría infantil para aqueles que teñan como moito 16 anos. Neste caso os premios serán de 175, 125 e 90 euros para os tres primeiros adultos clasificados, e de 125, 90 e 75 euros no caso dos infantís.  

As mesmas categorías son as que se convocan para a modalidade de comparsas, nas que os grupos terán que estar formados por máis de cinco compoñentes. No caso dos adultos os premios serán de 400, 300 e 200 euros para os máis votados, mentres que os máis novos recibirán 200, 150 e 125 euros. 

A maiores se outorgará un premio á mellor comparsa municipal dotado con 200 euros. No caso das carrozas as estructuras non poderán ter unha superficie superior aos 7 metros de longo, 3,5 metros de ancho e 4 metros de alto. 

Un ano máis será esta a categoría que conte cos premios máis cuantiosos con 600 e 400 euros para as dúas mellores carrozas. Ademáis, o Concello de Ordes tamén concederá un premio Especial Simpatía, dotado con 150 euros, e sete premios accesit de 100 euros cada un.

*

O BNG propón a Núñez Feijóo persoa 'non grata' en Ordes


Gonzalo Castro xustifica esta proposta na “discriminación e abandono que sufre o noso concello por parte da Xunta de Galiza desde a chegada do PP ao goberno”

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou onte que o BNG presentará unha moción para o seu debate polo próximo Pleno, na que proporán que Corporación declare ao actual presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijóo, “persoa non grata” no Concello de Ordes.

Castro xustificou esta proposta pola “discriminación e abandono que sufre o noso concello por parte da Xunta de Galiza desde a chegada do PP ao goberno galego, no ano 2009”.

O portavoz dos nacionalistas ordenses afirmou que “nos sucesivos orzamentos da Xunta, desde que Feijóo é presidente, en Ordes vimos como non se investía prácticamente nada por parte do goberno autonómico no noso municipio, e que incluso proxectos aprobados polo anterior goberno bipartito eran totalmente paralizados, como a estrada de Ordes a Cerceda, as melloras de saneamento e abastecemento ou as actuacións pendentes para o remate das concentracións parcelarias”.

Castro lembrou que “incluso a Rolda Leste, que quedou comprometida polo bipartito sufriu continuos retrasos, polo intento do goberno do PP na Xunta de boicotear a súa execución”.

O portavoz do BNG salientou que “de novo, nos primeiros orzamentos aprobados polo goberno de Feijóo nesta lexislatura, os do exercicio 2013, o Concello de Ordes volve a quedar excluido dos plans de investimento da Xunta, reiterando a discriminación que levamos padecendo nos últimos catro anos”.

Castro afirmou que “os veciños de Ordes están a sufrir as consecuencias de políticas revanchistas por parte goberno do PP na Xunta, que proceden únicamente da división da dereita ordense”.

Gonzalo Castro (BNG).
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Ordes é o Concello de máis de 10.000 habitantes que menos investimento recibiu da Xunta durante os últimos catro anos, e o alcalde, en lugar de plantar cara a esta situación, actua cun silencio cómplice que fai sospeitar que o único que lle interesa é manter abertas as portas de regreso ao PP, unha actitude que demostra que o alcalde de Ordes está máis preocupado do seu futuro político que de defender os intereses dos seus veciños”

“Desde o BNG agardamos que o Pleno da Corporación Municipal apoie esta moción de reprobación do comportamento inaceptábel do Presidente da Xunta, e o declare persoa non grata no noso Concello, ao discriminar aos veciños de Ordes por oscuros intereses partidistas”

*

viernes, 18 de enero de 2013

O Concello de Ordes ofrece formación en informática aos seus veciños

Os cursos de inciación á informática de Ordes contan cunha gran participación veciñal.   


Os cursos teñen lugar na aula de informática da Casa da Cultura

O Concello de Ordes ven de emprender unha nova quenda dos seus cursos de informática. Despois do curso de iniciación ofrécese a oportunidade de continuar aprendendo o manexo de ferramentas tan importantes no día de hoxe como é internet, entre outras. 

Ao longo dos vindeiros meses a aula de informática ubicada na Casa da Cultura albergará este curso de nivel usuario. Un espazo no que contan cos máis avanzados equipamentos para poder acadar un maior rendimento durante as sesións formativas. Ao remate deste curso os alumnos obterán un diploma acreditativo que dará conta dos coñecementos adquiridos.

*

miércoles, 16 de enero de 2013

O PSOE de Ordes solicitará á Xunta que manteña o servizo de prevención de drogas en Ordes

Pedreira: "Estamos falando de educación para a saúde, de educar aos nosos fillos para que aprendan a enfrontarse á vida sen necesidade de recorrer ás drogas"

O PSOE de Ordes presentou hoxe unha moción na que solicitará o apoio dos distintos grupos políticos municipais para instar á Xunta de Galicia a manter o financiamento para o mantemento do servizo de prevención de drogodependencias na comarca de Ordes. 

O servizo de prevención de drogodependencias, prestado de xeito mancomunado nos sete concellos a través da Mancomunidade de Ordes, atendía anualmente a máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes. 

Durante o último trimestre de 2012, chegou a un total de 1.509 rapaces e rapazas: 563 de Oroso, 420 de Ordes, 162 de Cerceda, 116 de Mesía, 100 de Trazo, 92 de Tordoia e 56 de Frades.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSOE de Ordes
“Durante anos, a intervención terapéutica foi o obxectivo prioritario na loita contra as drogas e durante esta última década comprobouse que é máis eficaz, e ata máis rendible, previr para que o problema non se chegue a producir que intervir unha vez que o problema xa está presente”

“É imprescindible seguir mantendo os orzamentos e estes programas de prevención que o goberno do Partido Popular está a desmantelar, co risco que supón para a saúde de moitos mozos e mozas da nosa comarca”

“Estamos falando de educación para a saúde, de educar aos nosos fillos e fillas para que aprendan a enfrontarse á vida e as súas diferentes situacións sen necesidade de recorrer ás drogas. E para iso é importante actividades como as que se estaban levando a cabo na comarca de formación en valores, hábitos, actitudes e habilidades persoais e sociais”

*

A un mes do Entroido de Ordes


O Concello celebrará un gran desfile e concurso de disfraces o vindeiro 16 de febreiro

Inscricións ata o 13 de febreiro

O Concello de Ordes ven de facer público o seu programa de actividades de cara á celebración da festividade do Entroido. Nesta ocasión a primeira das citas terá lugar o martes 11 de febreiro, data especialmente pensada para os nenos e nenas. A Tarde de Entroidada dará comenzo a partir das 16.30 horas na Alameda, espazo onde se levarán a cabo obradoiros de maquillaxe, chapas, globoflexia e máscaras. 

Ata as 19:30 horas celebrarase unha gran festa con animación de rúa, xogos colectivos e moitas máis sorpresas. No caso de que chova a organización ten previsto trasladar todas estas actividades a o pavillón Campomaior.

Sábado de piñata
Xa de cara ó sábado 16 de febreiro terá lugar o popular Sábado de piñata, onde haberá un gran desfile polas rúas do pobo a partir das 17:00 horas. Unha cita que cada ano congrega no municipio a centenares de participantes individuais, comparsas e carrozas chegados de distintos puntos da xeografía galega, os cales competirán por acadar o mellor dos premios. 

Os interesados en participar poderán inscribirse gratuitamente ata o 13 de febreiro nos departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes, ou ben chamando ó 981680002 ou 981680157.

Deste xeito na  modalidade individual haberá categoría adultos, a partir dos 16 anos, e categoría infantil para aqueles que teñan como moito 16 anos. Neste caso os premios serán de 175, 125 e 90 euros para os tres primeiros adultos clasificados, e de 125, 90 e 75 euros no caso dos infantís.  

Comparsas e carrozas
As mesmas categorías son as que se convocan para a modalidade de comparsas, nas que os grupos terán que estar formados por máis de cinco compoñentes. No caso dos adultos os premios serán de 400, 300 e 200 euros para os máis votados, mentres que os máis novos recibirán 200, 150 e 125 euros. A maiores se outorgará un premio á mellor comparsa municipal dotado con 200 euros. 

No caso das carrozas as estructuras non poderán ter unha superficie superior aos 7 metros de longo, 3,5 metros de ancho e 4 metros de alto. Un ano máis será esta a categoría que conte cos premios máis cuantiosos con 600 e 400 euros para as dúas mellores carrozas. 

Ademáis, o Concello de Ordes tamén concederá un premio Especial Simpatía, dotado con 150 euros, e sete premios accesit de 100 euros cada un.

*

martes, 15 de enero de 2013

Os veciños de Beán escollen a súa nova directiva

José María Meijide foi nomeado presidente da Asociación de Veciños

A Asociación de Veciños de Beán escolleu o pasado domingo a súa nova directiva formada polas seguintes persoas:

Presidente: José María Meijide.
Vicepresidente: Manuel Mosquera.
Secretaria: Vanessa Rama.
Tesoureiro: Manuel Soneira.
Vocais: José Manuel Figueira, Antonio Rey e Rosa Rey.

Relevo
A nova directiva releva así a Antonio Meijide, Javier Cao e José Antonio Fernández, fundadores da Asociación no ano 2005. Tamén Rosa Rey, secretaria da Asociación durante os catro pasados anos, que agora pasa a ser vocal.

*

lunes, 14 de enero de 2013

Ordes acollerá un novo curso de manipulador de alimentos


Máis información nos teléfonos 981 680002 ou 981 680679

O departamento de Emprego do Concello de Ordes ven de convocar un novo curso de manipulación de alimentos, no que xa se pode reservar praza. 

As persoas interesadas poden acudir á Casa do Concello ou ben obter máis información chamando aos teléfonos 981 680002 ou 981 680679.

*

viernes, 11 de enero de 2013

O Concello de Ordes abre o prazo de inscrición para novas clases de galego

Poderanse obter os certificados dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4

O Concello de Ordes ven de informar da apertura do prazo de inscrición para participar nos cursos de lingua galega de cara á obtención dos certificados dos niveis Celga 1, Celga 2,  Celga 3 e Celga 4. A duración dos cursos, organizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, será de 70 horas lectivas. 

Inscricións ata o 23 de xaneiro
Dende o Concello solicitase a realización daqueles que teñan como mínimo 20 persoas inscritas. Para elo é preciso pasarse pola Casa do Concello ata o 23 de xaneiro como data límite e presentar unha fotocopia do DNI. 

A asistencia ás clases preparatorias será gratuíta.

*

Martínez Sanjurjo acusa ao alcalde de apropiarse dunha idea do PP

Ten que ver coa bonificación do 75% no imposto do ICIO, aplicable ás explotacións gandeiras e agropecuarias, aprobado por unanimidade do pleno no mes de outubro

O PP de Ordes informou hoxe que o "recente intento do alcalde de Ordes de publicitar como propia a bonificación do 75% no imposto sobre construccións, instalacións e obras (ICIO) aplicable ás explotacións gandeiras e agropecuarias deste concello constitúe unha nova mostra da clamorosa falta de ideas e de proxecto que caracteriza ao Goberno local, dado que esta proposta foi plantexada polo Partido Popular".

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, recordou que foi o seu grupo o que defendeu a implantación desta bonificación do ICIO a través dunha moción presentada no pleno municipal do pasado mes de outubro, moción que foi finalmente aprobada por unanimidade.

Segundo os populares de Ordes, "o intento de Manuel Regos de apropiarse dunha proposta do PP no feito de que o equipo de Goberno leva todo o mandato sen trasladar ao Pleno unha soa proposta en positivo que beneficie aos veciños".

Estas declaracións do PP de Ordes veñen motivadas por mor da entrevista que Manuel Regos concendeu onte  aun medio de comunicación onde se tratou este asunto.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“O alcalde pode dicir o que lle pareza porque os veciños son perfectamente conscientes da realidade e así o explicamos nas reunións que estamos a celebrar nas parroquias"

"Por moito que Regos trate de ´vender´ a rebaixa do ICIO como propia, os veciños de Ordes saben que foi impulsada e defendida polo PP, porque estamos ao carón da xente e sabemos das súas necesidades e problemas”

“Regos limítase a convocar e asistir os plenos por imperativo legal, pero non presenta proposta algunha, porque carecen de ideas, porque goberna de costas aos veciños e porque non conta coa maioría necesaria para aprobar as súas propostas”

“O único que saber facer Regos e incumprir os compromisos adquiridos no pleno”

*

jueves, 10 de enero de 2013

O PSOE cifra en case 5 millóns de euros os incumprimentos da Xunta con Ordes


Pedreira: "Eses cartos son produto do déficit de investimentos que Ordes tivo durante os últimos catro anos de goberno do PP nos que non se fixo practicamente nada”

Os socialistas presentarán unha enmenda aos Orzamentos da Xunta do 2013 para que presenten investimentos necesarios para os veciños

A Agrupación Socialista de Ordes cifra en máis de 4,79 millóns de euros o importe dos incumprimentos da Xunta de Galicia con Ordes, municipio que volve quedar un ano máis sen ningún compromiso de investimento nos orzamentos autonómicos de 2013. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, denuncia que “eses 4,79 millóns de euros son produto do déficit de investimentos que Ordes tivo durante os últimos catro anos de goberno do PP nos que non se fixo practicamente nada”.

Por iso, o grupo parlamentario socialista presentará no Parlamento de Galicia unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de 2013 para que contemplen investimentos necesarios para Ordes. “Moitas das cousas que pedimos, como é o caso das melloras en abastecemento e saneamento, xa contan con proxectos aprobados e comprometidos dende o Bipartito”, lembra Xesús Pedreira.

Estrada de Mercurín  
Orzamentariamente falando, a petición máis significativa dos socialistas correspóndese cos 2,8 millóns de euros correspondentes á mellora e ampliación da estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle (Ordes) coa localidade de Cerceda. Unhas obras comprometidas dende o ano 2008 ao abeiro do Plan Miner, cun proxecto elaborado pola Xunta en 2010, por un importe de 150.000 euros, e cuxo convenio aínda non foi asinado co Concello de Oroso por falta de vontade política tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.

Especialmente necesarios son os 1,81 millóns de euros en materia de abastecemento e saneamento que os socialistas solicitan para o rural ordense, moitos dos cales xa estaban comprometidos pola Xunta bipartita e mesmo dispoñen de proxecto realizado. Así, os socialistas de Ordes reclaman 335.000 euros para o saneamento e abastecemento de A Espinica; 320.000 euros para a mellora do abastecemento en Reboredo-A Gorita; e outros 135.000 euros para rematar o saneamento en A Brea, no límite do Concello de Ordes con Cerceda, onde se dá o paradoxo de que existe unha instalación pero non pode ser utilizada pola veciñanza porque non están rematadas as obras.

As emendas socialistas tamén recollen 138.000 euros para o saneamento e abastecemento na rúa Nova (Ordes); e outros 239.000 euros para melloras na calidade da auga no Mesón do Vento. Neste punto, o PSOE de Ordes tamén solicita un investimento de 600.000 euros na mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ordes, “que é moi antiga e xa ten ata fendas”, explica Xesús Pedreira.

Sector textil 
Así mesmo, os socialistas reclamarán outros 500.000 euros para a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes que permita a creación dun centro loxístico e permita a recuperación dun sector que perdeu máis de 500 empregos nos últimos catro anos. 

Un plan que deberá contemplar medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Ademais, este plan incluiría as medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en actividades de subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases do proceso produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos falando de veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón dun sector que aposte pola calidade”, sinala Xesús Pedreira.

Por último, os socialistas tamén demandan unha achega de 15.000 euros para o Museo do Traxe de Ordes, “que nunca recibiu aportación ou axuda ningunha por parte da Xunta de Galicia”, denuncia o concelleiro socialista.

*

lunes, 7 de enero de 2013

O Concello de Ordes abre o prazo de inscrición para un novo curso de carretilleiro

Máis información na Casa do Concello ou nos teléfonos 981 680002 e 981 680157

O Concello de Ordes mantén aberto ao longo dos vindeiros días o prazo de inscrición para participar nun novo curso de conducción de carretillas. Unha convocatoria que se convoca debido ao éxito e interese que se rexistrou no último curso de similares características que tivo lugar nas últimas semanas do pasado e recén rematado ano.

O curso constará de dezaoito horas de formación presencial nas que se inclúen ademais de coñecementos teóricos unha parte práctica que se desenvolverá nas instalacións do mercado de gando ubicadas en Mesón do Vento. 

Inscricións
Os interesados poden inscribirse xa no departamento de Emprego e Formación, situado no primeiro andar da Casa do Concello, ou ben obter máis información se a precisan a través dos números de teléfono 981 680002 ou 981 680157. Dita información tamén se pode consultar na web do Concello www.concellodeordes.com.

*

Tordoia vibrou coa cultura popular dos Viqueiras

Pontepedra, en Tordoia, acolleu a nova Noite de Tasca organizada polo grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes.
As Noites de Tasca do pasado venres estivo dedicada aos cantos de Reis

O pasado venres, o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes celebrou un novo encontro  folclórico dentro da súas Noites de Tasca. En colaboración coa Asociación O Buxo e o Concello de Tordoia, a xornada estivo dedicada aos cantos de Reis. Dende as 21:30 horas, os grupos de gaitas e pandereteiras participantes entonaron panxoliñas re reises percorrendo os bares de Pontepedra. 

Alí estiveron as Pandereteiras das Encrobas (Cerceda) e de Rodís (Cerceda); o grupo Somos Nós, de Ordes; a Escola de música e baile tradicional Xurde, a a Asociación Cultural Xacarandaina da Coruña. 

Mini e Mero
Os Viqueiras de Ordes e Os Trouleiros de Lesta (Ordes) consumaron a festa na cervexería Brincadeira, onde contaron ca actuación estelar dos lucenses Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, mais coñecidos como Mini e Mero, acompañados polo gaiteiro Raúl Galego.


Logo despois das actuación houbo unha gran foliada onde músicos, bailadores e público disfrutaron da cultura popular galega ata altas horas da madrugada.

*

sábado, 5 de enero de 2013

Multitudinaria benvida en Ordes ao Reis Magos

A comitiva real ao seu paso polo centro da vila de Ordes.

Melchor, Gaspar e Baltsar foron aclamados por máis de 4.000 persoas nas rúas da vila

Un ano máis os Reis Magos de Oriente percorreron as principais rúas do Concello de Ordes, onde foron vitoreados e aclamados por máis de 4.000 persoas. 

O alcalde Manuel Regos acompaña aos Reis Magos ao seu paso por Ordes.
Percorrido pola vila
Pasadas as 17:30 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar foron recibidos por unha delegación municipal encabezada polo alcalde, Manuel Regos, despois de que fixeran un percorrido pola avenida Alfonso Senra.

O alcalde Manuel Regos dirixe unhas palabras aos internos da residencia de maiores de Ordes.
O alcalde Manuel Regos axudou aos Reis Magos a facer o reparto de agasallos entre os maiores de Ordes.
Residencia de maiores
Antes, os Reis de Oriente visitaron aos internos da residencia de maiores de Ordes.

En todo momento os Reis Magos estiveron escoltados por unha comitiva composta de lanceiros, cabaleiros así coma de numeroxos paxes, pastores e outros personaxes. En total hai que falar de preto de cen participantes entre figurantes, actores e organizadores. 

Os Reis acudiron a Ordes cos seus camellos, nos que transportaron agasallos, doces, caramelos e presentes para todos que se achegaron a recibilos.

A carpa da Alameda acolleu a sala de audiencias dos Reis Magos de Oriente.
Belén viviente
Tal e como é costume o Concello de Ordes habilitou unha carpa de máis de 400 metros cuadrados na Alameda onde se instalou o tradicional Belén vivinte.  Baixo ela tivo lugar o encontro entre os Reis de Oriente e os rapaces e rapazas do municipio e doutras localidades próximas. 


*

viernes, 4 de enero de 2013

Os nenos de Ordes agardan ansiosos pola chegada mañá á vila dos Reis Magos de Oriente

O desfile pola avenida de Alfonso Senra dará comezo a partires das 17:00 horas

O tráfico será cortado na N-550 ao seu paso polo centro da vila entre as 16:00 e as 21:00 horas

Un ano máis os Reis Magos de Oriente percorrerán as principais rúas do concello de Ordes. A visita terá lugar mañá a partir das 17:00 horas, momento  no que dará comezo o desfile pola avenida Alfonso Senra ata a antiga Casa Consistorial. Alí serán recibidos por unha delegación municipal encabezada polo seu alcalde, Manuel Regos.

Os Reis acudirán a Ordes cos seus camellos, nos que transportarán agasallos, doces, caramelos e presentes para todos que se acheguen a recibilos. Tal e como é costume o Concello de Ordes habilitará unha carpa de máis de 400 metros cuadrados na Alameda para facilitar o encontro entre os Reis Magos e os rapaces e rapazas. 

Tamén haberá un Belén viviente no que se poderán contemplar instrumentos e oficios tradicionais. Na estampa tamén haberá animais como porcos, burros, galiñas, coellos, cisnes, cabras, canguros ou pavos reais entre outros.

Corte de tráfico
Ese día a Policía Local cortará o tráfico rodado pola rúa Alfonso Senra dende as 16:00 ata as 21:00 horas. Os vehículos en dirección A Coruña desviaranse polas rúas Lagartos e Galicia, mentres que os que vaian cara a Santiago terán que circular polas rúas Rosalía de Castro e Lagartos.

*

miércoles, 2 de enero de 2013

O PSOE alerta aos veciños da parcelaria Beán-Pereira sobre a posible afección das súas fincas

Os propietarios de fincas deberíann dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para coñecer este extremo

Pedreira: "Instamos á Xunta a informar aos veciños de cales son eses límites de afección do Camiño Inglés, sobre todo ao seu paso por Carrás, para que non volvan acontecer os problemas de anteriores parcelarias"

A Agrupación Socialista de Ordes aconsella aos veciños e veciñas afectados pola concentración parcelaria de Beán-Pereira, e por cuxas fincas discorra (ou pase preto) o Camiño Inglés, a que se informen na Dirección Xeral de Patrimonio sobre a afección que teñen esas fincas antes de realizar calquera tala ou alteración. 

Un consello que pretende evitar os problemas acontecidos hai varios anos durante a parcelaria de Santa Cruz de Montaos, na que algúns veciños tiveron problemas coa Administración Autonómica ao non coincidir os datos xerais do Servizo de Montes cos que aplicaba a Dirección Xeral de Patrimonio á hora de protexer o Camiño de Santiago.

Tala de árbores
Unha situación especialmente delicada no caso das talas de árbores, sobre as que o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31 de decembro asegura: “En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses que contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas, sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan”.


Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
"Dende a Agrupación Socialista de Ordes instamos á Xunta a informar de xeito claro e sen equívocos aos veciños de cales son eses límites de afección do Camiño Inglés, sobre todo ao seu paso por Carrás, para que non volvan acontecer os problemas de anteriores parcelarias”

“Sen embargo, a Orde non fala nada da protección aplicable ao Camiño, polo que instamos á Consellería a informar de xeito claro aos veciños e evitar así problemas como os acontecidos hai uns anos”

“Se a Consellería non inclúe especificamente que non hai afección sobre o Camiño Inglés, o noso consello é que tamén pregunten en Patrimonio para evitar calquera sanción”

*

Pedreira: "Os orzamentos da Xunta para o 2013 non destinan nin un só euro para Ordes"

O secretario local dos socialistas pídelle ao alcalde Manuel Regos que "denuncie públicamente" esta situación

Entre as obras pendentes figuran os abastecementos e saneamentos na Espenica e  no Mesón do Vento

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, denunciou o pasado 31 de decembro que os orzamentos aprobados pola Xunta de Galicia “non destinan nin un só euro en investimentos para Ordes, seguindo a liña marcada nos últimos exercicios”. 

Pedreira critica especialmente que “un ano mais, os orzamentos da Xunta non contemplan necesarias obras de abastecemento e saneamento en Ordes, que estaban comprometidas polo anterior goberno socialista e que mesmo contaban co proxecto realizado, pero que o PP volve a deixar en nada”.

Denuncia pública
Xesús Pedreira considera que "volve a quedar claro unha vez máis que o Partido Popular non quere facer nada por Ordes, en contraposición ao Partido Socialista, que fixo os maiores investimentos que se recordan no municipio”. Por iso, o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes insta tamén ao alcalde do municipio, Manuel Regos, a que “deixe de estar á espera e denuncie publicamente esta situación, para defender os intereses dos veciños e veciñas de Ordes diante da Xunta ou de quen sexa”.

Entre as obras pendentes figura a segunda fase do abastecemento e saneamento na Espenica ou o remate das obras de saneamento do límite do concello con Brea, no Mesón do Vento, cuxa rede está feita pero non ten conexión á rede xeral.

"Propaganda do PP" en Montaos
Así mesmo, Xesús Pedreira critica a campaña propagandística que está a levar a cabo o PP de Ordes para ocultar a inexistencia de investimentos por parte da Xunta no municipio e mesmo para tentar de apropiarse de cousas que non fixeron. De feito, e sempre segundo o PSOE de Ordes, hai uns días mesmo visitaron Santa Cruz de Montaos acompañados pola deputada Marta González e pola senadora María Jesús Sáinz para tratar de venderlles aos veciños as súas supostas xestións para mellorar a seguridade viaria na zona.

“É unha vergoña que o Partido Popular tente apropiarse do traballo realizado polos socialistas para tratar de agochar que levan varios anos sen facer nada por Ordes e sen poñer en marcha proxectos que deixaramos feitos”, explica Xesús Pedreira, quen lembra que “neste caso concreto incluso xa existe un proxecto en Conservación de Carreteras para mellorar a seguridade nos accesos a Fosado e Queis”. 

Un proxecto que mesmo foi presentado polos socialistas aos veciños e veciñas de Santa Cruz de Montaos pero que leva meses esquecido polo Goberno do Partido Popular.

Xesús Pedreira lembra que “o PP non fai nada por Ordes e, menos aínda, por Santa Cruz de Montaos, onde tivemos que ser os socialistas quen demandaramos que Fomento cambiase a sinalización horizontal que instalou na zona e que causaba serios problemas aos veciños e veciñas desta parroquia”. 

Xesús Pedreira (PSOE).
POS 2013
De todos modos, ao secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes non lle é novidoso este proceder por parte dos dirixentes do PP de Ordes xa que “hai unhas semanas alardeaban na prensa dos cartos que a Deputación do PP ía investir en Ordes a través do POS 2013, pero non dixeron que eses cartos non son máis que o mínimo que marca a Lei”.  

Unha situación que os socialistas contrapoñen coa etapa do bipartito, na que se acometeron proxectos tan importantes para Ordes como a construción do parque do río Mercurín, a circunvalación de Ordes ou a nova cidade deportiva. 

*

Da comezo a toma de posesión provisional da parcelaria de Beán-Pereira

Así o anunciou a Consellería de Medio Rural o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 31 de decembro publicaba o anuncio do 10 de decembro de 2012 polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Beán-Pereira co seguinte contido:

"Despois de publicar o acordo de concentración parcelaria da zona de Beán-Pereira (Ordes-A Coruña) e xa que o número de recursos presentados e pendentes de resolver non excede o 6 % dos titulares das explotacións, nin os reclamantes representan máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisional dos novos predios con data do 7 de novembro.

Todas as persoas interesadas tomarán posesión dos seus terreos obrigatoriamente, sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (segundo o artigo 44 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia).

Se algún propietario non permite a toma de posesión dos novos predios no prazo que se indica neste aviso, será apercibido e logo será obxecto de compulsión directa (artigo 45 da antedita lei), ademais de impoñerlle as sancións económicas que procedan, conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes da citada lei.

Reclamacións
Os interesados poderán reclamar sobre as diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais que contarán a partir da data en que os predios se poñan ao seu dispor (artigo 46). Deberán achegar coa reclamación ditame pericial visado polo colexio correspondente.

Os prazos para a toma de posesión son os seguintes:
a) Labradíos sen colleita pendente, prados e pasteiros: o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

b) Os restantes predios, no momento de seren retiradas as colleitas que estivesen pendentes de recolección no día antes citado.

c) En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses que contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas, sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan.

Así mesmo, deberán adoptarse as medidas relativas á prevención de incendios forestais previstas na lexislación vixente.

A Coruña, 10 de decembro de 2012
Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña"

Aprendendo a decorar polo Nadal



O Concello de Ordes celebra un novo obradoiro para os máis novos do municipio


Un nutrido grupo de nenos e nenas de Ordes tiveron a oportunidade nestes días de aprender técnicas para elaborar os seus propios adornos de Nadal empregando diversos materiais, moitos deles reciclados. 

Esta actividade forma parte do programa de actividades para nenos e maiores organizado polo Concello de Ordes de cara ás vacacións navideñas. 

*