domingo, 9 de septiembre de 2012

O Concello de Ordes presenta o seu programa Educativo, deportivo e cultural 2012-13


Deporte, calidade de vida, hixiene, alimentación, baile, pintura, fotografía, cociña, xoiería, adestramento canino, música...

O Concello de Ordes ven de facer público o seu  programa educativo, cultural e deportivo 2012-2013. Entre os obxetivos que se perseguen con él destácanse o fomento de hábitos saudables, a práctica de deporte, mellorar a integración, combatir o sedentarismo e o estrés, así como aumentar o nivel de relacións interpersoais e ocupar o tempo de lecer de xeito productivo e enriquecedor. 

Un programa que se desenvolverá nas máis de trinta instalacións elementais, nos equipamentos dos centros escolares e zonas deportivas, así como nas propias parroquias e nos seus espazos sociais. Con todo isto, o Concello de Ordes quere atender as demandas e necesidades de todos os colectivos presentes no termo municipal, a través dun programa que se caracteriza pola prestación directa con criterios de igualdade de acceso para todos.

ACTIVIDADES ANUAIS (outubro – maio)
Baile en liña, bailes de salón, taichi-chikung, aerobic, ximnasia de mantemento, pilates, ioga, debuxo e pintura, pádel, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, patinaxe, hóckey e gaita, etc. Inscricións no departamento de Cultura e Deporte do 12 ó 24 de setembro.

CIRCUITO DEPORTIVO E CULTURAL (Obradoiros por horas)
Informática, fotografía dixital, arte floral, cociña, estimulación temperá para bebés (xogos, masaxes...), xabróns artesanais, xoiería e bisutería, adestramento canino, tenis, tenis de mesa, cursos medioambientais, etc. Inscricións no departamento de Cultura e Deporte do 1 ó 11 de aoutubro.

CIRCUITO PARA MAIORES (outubro – maio)
Ximnasia, memoria e manualidades. Inscricións departamento Servizos Sociais do 17 ó 28 de setembro.

ESCOLA DE MÚSICA (outubro – xuño)
Solfeo e formación instrumental (saxo, percusión, fliscornio, piano, guitarra, trompeta, frauta, acordeón, clarinete, trombón, etc). Inscricións no departamento de Educación do 12 ó 24 de setembro.

LIGAS DEPORTIVAS E CAMPIONATOS DO CONCELLO DE ORDES
Billar, chave, dardos, futbolín, pádel, tute, xadrez, baloncesto 3x3, tenis, tenis de mesa. Ata o 15 de outubro.

CURSO HABILIDADES SOCIAIS (outubro – xuño)
Potenciar e incrementar as habilidades propias e fomentar a adquisición doutras novas por parte de persoas que presentan algún tipo de dificultade. Obradoiros de atención e  memoria, aseo e hixiene persoal, manualidades e reciclaxe. Inscricións na aficina de Discapacidade do 12 ó 28 de setembro.

ACTIVIDADES DE AVENTURA E NATUREZA (Ó longo de todo o ano)
Barranquismo, paintball, piragüismo, montar a cabalo, rafting, sendeirismo, patrulla ambiental. Inscricións no departamento de Educación do 12 ó 24 de setembro.

Actividades extraescolares
Por outra banda, dende o 12 ata o 24 deste mes permanecerá aberta a inscrición para participar nas as actividades extraescolares organizadas dende o Concello de Ordes e que complementan ás organizadas polas ANPAS dos centros académicos. Trátase dos cursos de patinaxe, aerobic, baloncesto e manualidades.  

As clases están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os interesados poderán inscribirse entre o 10 e o 20 deste mes. Para elo deberán cumplimentar a correspondente ficha que lles será entregada no centro de ensino e que posteriormente deberán entregar no departamento de Educación e Cultura do Concello de Ordes.

*

Martínez Sanjurjo: "A mentira é a norma de conducta do PSOE de Ordes"

José Luis Martínez Sanjurjo, segundo pola dereira, durante a súa presentación como candidato á alcaldía de Ordes, en  novembro do 2010.

O PP de Ordes convida a Xesús Pedreira a "pedir perdón á veciñanza" do noso municipio

Tras últimas afirmacións de Xesús Pedreira, secretario xeral do PSdG-PSOE de Ordes, que segundo o PP de Ordes "non foi capaz de aportar probas documentais coas que respaldar as acusacións falsas que vertera previamente contra o PP local en  relación coa rolda leste", o PP de Ordes considera acreditado que a mentira constitúe a "norma de conduta cotiá" do concelleiro socialista.

O Partido Popular convida así ao concelleiro socialista a pedir perdón ao conxunto dos veciños de Ordes logo de ter sido "cachado nunha mentira evidente". Dende o PP local aseguran que se Pedreira mentiu acusando ao PP de ter impulsado mocións en contra da rolda leste, afirmación segundo o PP "falsa xa que non foi quen de documentar", resulta  evidente que Pedreira "tampouco terá escrúpulos políticos para mentir en calquera outro asunto". Pedreira, rematan dende o PP, "ignora que non todo vale, nin na política, nin na vida en xeral".

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Se o concelleiro socialista de Ordes cree que con mentiras e acusacións falsas poderá borrar da memoria a súa condición de acólito de Zapatero, que levou España ao borde da quebra, é evidente que se equivoca"

"Os  ordenses, como o conxunto dos galegos e dos españois, non esquecerán en moitas décadas a xestión desastrosa desenvolvida polo PSOE"

"Dende o PP de Ordes animamos ao concelleiro socialista de Ordes a continuar desenvolvendo a mesma estratexia que seguiu ata o de agora, coa seguridade de que lle seguirá reportando severos reveses electorais para o PSOE, que viu reducida a súa representación na Corporación de Ordes a un terzo da anterior, castigo que se repetiu logo nas Eleccións xerais e como volverá suceder nos comicios galegos do próximo 21 de outubro"

*

sábado, 8 de septiembre de 2012

O luns e martes poderás doar sangue en Ordes



No lugar habitual entre os parques municipais baixo a Casa do Concello 

A unidade móbil de extración de sangue visitará Ordes o luns 10 e martes 11 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O lugar onde estará estacionada será o habitual baixo a Casa do Concello entre os parques municipais.

Máis información
Para aqueles que precisen máis información poden chamar ao teléfono gratuito 900 100 828, o ben realizar as súas consultas a través do correo electrónico doadoressangue.ctg@sergas.es. Tamén dispoñen da páxina web www.sergas.es.

*

viernes, 7 de septiembre de 2012

Pedreira: "Se Sanjurjo falara cos seus antecesores comprobaría como o PP de Ordes puxo todas as trabas á ronda leste"

Xesús Pedreira, durante o mitin de presentación da súa candidatura como alcalde de Ordes, en abril do 2011. 

"O nerviosismo de Martínez Sanjurjo é o propio dalguén que sabe que Feijóo vai perder as eleccións", asegura o concelleiro socialista

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, insistiu hoxe en que o Partido Popular de Ordes segue a tratar de atribuirse obras outorgadas pola Xunta bipartita porque son plenamente conscientes de que, despois da marxinación de Ordes por parte do PP, non poden presentar ningunha obra propia. 

Pedreira considera que a reacción do voceiro dos populares amosa “o nerviosismo dun partido e dalguén que sabe que Feijoo vai perder as eleccións” e pídelle “un exercicio de memoria, pois se Martínez Sanjurjo falara cos seus antecesores comprobaría que o PP de Ordes puxo todas as trabas posibles á construción da rolda leste”.

Neste sentido, Pedreira Mirás lémbralle a Martínez Sanjurjo os debates plenarios celebrados despois da sinatura do convenio da rolda leste, nos que o PP apoiaba o cambio do trazado da rolda e mesmo propuña que o Concello de Ordes renunciase a este investimento baixo a hipotética promesa de asinar outro convenio. 

“O tempo deunos a razón cando diciamos que o PP de Ordes só buscaba aforrarlle os cartos á Xunta do seu partido, aínda a costa dos intereses e necesidades dos veciños de Ordes, pois o recurte de investimentos nesta lexislatura foi brutal”, conclúe o concelleiro socialista. 

Responsable da construcción
Sobre a cuestión de quen é o responsable da construcción da rolda leste ou do novo concello, Pedreira lembra que os convenios foron asinados baixo a Xunta do bipartito por consellerías presididas por conselleiros socialistas. “A Xunta presidida por Emilio Pérez Touriño amosou o seu compromiso con Ordes facendo investimentos e deixando asinados convenios por máis de trece millóns de euros. 

Convenios que o PP non tivo máis remedio que cumprir xa que o compromiso adquíreo a Xunta, non o Partido Popular. A Xunta de Feijoo limitouse a cumprir coas obrigas comprometidas polos socialistas e non fixo ningún outro tipo de mellora para os veciños e veciñas de Ordes”, explica Pedreira.

O concelleiro socialista non entende a lóxica utilizada por Martínez Sanjurjo, “que lle atribúe ao PP todo o bo dunha obra e culpa aos demais do que non lle gusta. Non é serio, sobre todo cando todos os veciños lembran os retrasos nas obras que se produciron, esta vez sí, baixo o mandato de Núñez Feijoo”.

Finalmente, Xesús Pedreira asegura que non vai a entrar no xogo de descalificacións persoais iniciado polo voceiro do PP xa que “nestes casos é cando cadaquén demostra a súa verdadeira responsabilidade e os veciños de Ordes están a ver agora a verdadeira cara do voceiro popular”. 

*

O Casa do Concello alberga ata finais de mes a mostra ‘Áreas mariñas protexidas’

A exposición pode visitarse en horario de 09:00 a 14:00 horas.


Ademais de paneis os visistantes dispoñen tamén dunha área audiovisual

A Casa do Concello de Ordes acolle ata o próximo día 25 a mostra ‘Áreas mariñas protexidas’, unha exposición comisariada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa finalidade de achegar este concepto ao público e á sociedade, e que se poderá visitar en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Con esta mostra interactiva na que ademais de paneis o público tamén dispón dun espazo audiovisual adaptado especialmente para a ocasión, o Departamento de Médio Ambiente pretende pretende sensibilizar sobre a importancia do mar e do litoral. 

Catro bloques
Tamén dar a coñecer a figura das áreas mariñas protexidas como eficaz estratexia de conservación do mar e o litoral, á par de sinalar o papel dos cidadáns na súa conservación. Para elo a liña argumental desta mostra distribuese en catro bloques distintos: Recursos do mar, problemáticas de conservación, a pesca en Galicia e as áreas mariñas protexidas.

*

jueves, 6 de septiembre de 2012

Sanjurjo reta a Pedreira a que demostre que o PP de Ordes se opuxo á rolda leste


A esquerda, Xesús Pedreira, do PSdG-PSOE, e José Luis Martínez Sanjurjo, do PPdG.

O PP de Ordes sempre considerou "innecesaria" a ampliación, pero valoran que a Xunta autorice agora unha partida para evitar que acabe derrubándose

Os populares recórdanlle ao socialista que o PSOE pasou de tres a un concelleiro nas eleccións locais "por actuar sempre con mentiras e medias verdades"


O Partido Popular retou hoxe ao concelleiro socialista Xesús Pedreira a que presente algunha das "hipotéticas mocións populares" ás que aludíu onte en declaracións escritas acusando ao PP de Ordes de ir en contra da rolda leste da vila.  

O Partido Popular advirte así ao socialista que "as mentiras, falsidades, medias verdades e a estratexia de 'falabarato' que seguiu nos últimos tempos o PSOE de Ordes foron castigados con severidade polos veciños nas últimas eleccións municipais".

O Partido Popular de Ordes reitera así, "punto por punto" todos os argumentos esgrimidos ao valorar que "a Xunta do PP" se implique no financiamento do arranxo dos danos estruturais que presenta a antiga Casa do Concello de Ordes. Danos que os populares atribúen a unhas obras "mal plantexadas" polo actual Goberno municipal.

"Asinase quen asinase o convenio inicial, -aseguran dende o PP de Ordes-,o certo é que a obra se rematará logo da autorización da Xunta actual, dado que a alternativa sería deixar que o edificio, actualmente apuntalado, acabase derrubándose".

Tamén o Partido Popular recoñece que sempre considerou as obras de ampliación da Casa do Concello como "innecesarias" e que Ordes tiña "outras prioridades". De feito, sempre segundo o PP local, "se non se tivesen acometido, non sería precisa a actuación actual para evitar que o edificio caia".

Ronda leste 
Respecto á ronda leste, aseguran os populares de Ordes que foi tamén "a Xunta do Partido Popular a que pagou a totalidade das obras". E iso a pesares da "mala fe coa que actuou e as falsidades que propagou o concelleiro socialista de Ordes, que tratou de culpar ao Executivo galego de problemas que tiñan a súa orixe no propio Concello, ao que semella sempre interesado en defender". 

Nese particular os populares consideran que "non estaría de máis" que Xesús Pedreira explique agora as razóns do seu xeito de actuar, "sempre en defensa dun Goberno local do que non forma parte, pero ao que apoia cando é necesario". Os populares especulan coa "esperanza" que alberga o socialista de integrarse no grupo de Goberno "antes de que finalice a actual lexislatura municipal".


*

Silvia Pedreira Fraga expón os seus óleos na biblioteca municipal de Ordes

Un usuario da biblioteca municipal de Ordes ante a mostra pictórica de Pedreira Fraga.

A súa recente obra abarca o estudo da muller étnica e a natureza

A artista ordense Silvia Pedreira Fraga expón estes días unha mostra dos seus óleos na biblioteca municipal de Ordes. Caracterizada pola utilización dunha ampla gama de cores vivos a través dos que aporta unha gran luminosidade en cada unha das súas teas, a temática da súa obra céntrase nos temas da muller étnica e nos elementos da natureza como flores e vexetacións. 

A exposición permanecerá aberta ao público ao longo das próximas semanas.

*

Quen representará a Ordes polo PP no Parlamento de Galicia?

Martínez Sanjurjo (esq.) e Estrella Vázquez (der.), durante a celebración da Xunta Directiva Provincial, o pasado martes en Ribeira // Foto: TVG
Martínez Sanjurjo e Estrella Vázquez deberán convencer a Diego Calvo e Álvarez-Campana da conveniencia de incluír a lo menos a un ordense na lista electoral

Xunto a outros seiscentos afiliados chegados de toda a provincia, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e a presidenta da Xestora local, Estrella Vázquez, participaron onte na reunión da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Galicia á que non faltou o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo. O ribeirense Hotel Palmeira quedouse pequeno para acoller o encontro co que, extraoficialmente, deu comezo a precampaña dos populares de cara aos comicios autonómicos do 21 de outubro.

A campaña popular na nosa provincia estará comandada polo secretario xeral do PPdG e presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, quen foi nomeado director da campaña. A súas ordes estará o coordinador provincial, o parlamentario José Manuel Álvarez-Campana. Que sexan eles dous a quenes os populares ordenses deberán convencer á hora de incorporar nas súas listas o nome de a lo menos un ordense é algo que a día de hoxe "ainda non está nada claro". 

Fontes populares consultadas por Ordessiete aseguran que todavía non se coñece a fórmula de selección de candidatos a parlamentarios que escollerá o PPdG. Eso si, sabe que existen dúas opcións: unha proposta de candidatos por parte das diferentes agrupacións locais e unha toma en consideración final por parte da Executiva provincial; ou ben aceptar “unha decisión dende arriba”. 

Martínez Sanjurjo (no circulo vermello) durante o acto de apoio ao PP celebrado en Soutomaior (Pontevedra), o pasado domingo // Foto: El Correo Gallego.

Representación ordense
Os populares dividiron a súa representación na provincia en diferentes comarcas, e Ordes pertence á denominada ‘Santiago Norte’ xunto ás agrupacións locais de Mesía, Trazo, Oroso, Tordoia, Frades, Arzúa, Melide, Toques, Touro, Santiso e O Pino. O seu coordinador é o alcalde deste último municipio, Manuel Taboada, quen estará obrigado a velar, xunto con Martínez Sanjurjo e Vázquez, polos intereses representativos dunha ‘comarca’ cuns 60.000 habitantes -dúas veces a poboación de Carballo ou a suma dos veciños dos concellos de Arteixo e Culleredo-, que como aseguran outras fontes próximas ao PP de Ordes, "non debería quedar orfa" dúas lexislaturas seguidas nas filas populares do Parlamento de Galicia.
   
"Iso de que o PP de Ordes está dividido son parvadas"
Sen embargo o que si parecen ter claro Martínez Sanjurjo, Vázquez e compañía, son os obxectivos de campaña que lles foron expresados polo propio Núñez Feijóo: acadar o parlamentario número trece, un máis dos que gozan na actualidade, e en Ordes están dispostos a gastar todas as enerxías en contribuir de manera significativa a acadar este logro. “Iso de que o PP en Ordes está dividido e que hai diferencias dentro do grupo municipal son parvadas” aseguran as fontes consultadas. “Estamos todos nunha piña co presidente Feijóo para definitivamente nesta próxima lexislatura, sair da crise económica na que nos meteron os socialistas”, aseguran.    

Así as cousas, nos próximos días os populares ordenses convocarán unha reunión local onde diseñarán unha proposta de calendario que farán chegar directamente a Diego Calvo. O obxectivo dos ordenses é non perder presencia e peso na organización provincial, e para iso agardan poder repetir a organización da presentación oficial da candidatura provincial, como xa acontecera nas pasadas eleccións. O 11 de febrero do 2009, dezaoito días antes da cita coas furnas, os populares da provincia déronse a coñecer públicamente nun acto na discoteca Elepé 45, acto ao que, dende logo, non faltou o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo. 

Moi lonxe todavía de poder confirmarse este extremo, o que si poden asegurar dende o PP de Ordes é que o noso concello acollerá a lo menos “un mitin forte”, o principal da nosa comarca, coa presenza “prácticamente confirmada” do seu candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Unha visita envenenada a de Feijóo a Ordes xa que Martínez Sanjurjo e Vázquez deberán afrontar a dificil papeleta de terlles que explicar aos veciños por que Núñez Feijóo non viu nin unha soa vez a Ordes de xeito oficial como presidente da Xunta de Galicia nestes tres anos e medio de Goberno, e si o o fará como candidato na procura de apoio electoral.

Núñez Feijóo durante a visita que realizou ao centro de atención primaria de Sigüeiro, o 24 de xaneiro do 2012.
As visitas de Feijóo a Ordes
Dende o ano 2009, Alberto Núñez Feijóo estivo en Ordes a lo menos en catro ocasións, sempre en actos electorais do seu partido ou de maneira privada: co gallo do xa citado acto do 11 de febreiro do 2009, en maio do 2011 para participar nun mitin das eleccións locais, o 17 de novembro dese mesmo ano nun xantar na discoteca Elepé 45 con afiliados e simpatizantes, e finalmente en marzo deste ano, na celebración doutro xantar no restaurante Avelino, no que convidou a diferentes xornalistas para demostrarlles a boa calidade dos grelos da nosa comarca.

O 10 de maio do 2011, Núñez Feijóo e polo aquel entonces xefe da oposición, Mariano Rajoy, arroupaban ao candidato popular á alcaldía de Santiago, Gerardo Conde Roa, nunha cea mitin no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Ali, Feijóo dixo que España ía cambiar un presidente con ideas peregrinas que nunca veu a Galicia [por José Luis Rodríguez Zapatero] por un galego peregrino e con ideas que se chama Mariano Rajoy”. Agora Feijóo será prisioneiro cos ordenses desas súas propias palabras.

Sen embargo, fontes próximas ao PP de Ordes atribúen as ausencias do presidente da Xunta de Galicia no noso municipio a dous feitos: a “falta de proxectos significativos en Ordes” durante o seu mandato, e á “xélida relación persoal” que mantén co alcalde, Manuel Regos. 

Respecto á primeira, o presidente da Xunta foi convidado oficialmente polo Concello de Ordes en catro ocasións: co gallo da inauguración das Expo Ordes dos anos 2010 e 2012, e das inauguracións da primeira e segunda fase da ronda leste, en agosto do 2010 e maio do 2012, respectivamente. Todas elas foron declinadas pola Presidencia da Xunta e desviadas a diferentes delegados que actuaron na súa representación. 

Respecto á ronda leste, as obras foron eloxiadas polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nas que a Xunta investiu 2,1 millóns de euros e que logrou o desvío definitivo do tráfico pesado -4.000 coches ao día- do centro da nosa vila. Unha intervención históricamente reclamada polos nosos veciños durante décadas e que agora por fin é unha realidade. Quizá para a Presidencia da Xunta este feito non estea a altura de ser inaugurado por un presidente autonómico, pero sen embargo, Núñez Feijóo si aceptou visitar o novo centro de atención primaria de Sigüeiro -preparado para atender ata a 12.000 persoas-, o 24 de xaneiro deste ano, e na que a Xunta investiu menos fondos que na ronda leste de Ordes.   

"Feijóo traballa rodeado de ordenses"
Fontes do PP de Ordes aseguran que ainda e que é certo que “pouco se fixo en Ordes nestes tres anos e medio”, a Xunta si foi quen de respectar o que xa foi pactado e non botou nada para atrás”. Ademais, aseguran, “o presidente está perfectamente enterado non só do que acontece en Ordes, senón que ademais traballa rodeado de ordenses”. Se refiren esas fontes a súa secretaria persoal e algúns membros da súa seguridade personal, todos eles veciños do noso municipio.

Respecto ás “xélidas relacións” entre Feijóo e Regos, unha entrevista publicada en Ordessiete a Teodosio Martino, por aquel entonces portavoz municipal do PP de Ordes, o 12 de novembro do 2008, resulta ser moi clarificadora das relacións, a elegancia política e a distinción que a xuizo do histórico lider popular local, un presidente da Xunta e un alcalde deben manter, lonxe das cuestións persoais.

Logo de que Teodosio Martino rompera co PP e gañara a alcaldía con Democracia Galega en 1991, Manuel Fraga, por aquel entonces presidente da Xunta de Galicia, non tivo reparo algún en vir a inaugurar o Punto Limpo de Ordes a principios de 2002. “Y descuida que pusiera para adelante a los del Partido Popular. Roberto González -hoxe concelleiro con UxO-, que era el portavoz del grupo municipal del PP de Ordes en aquel tiempo se metía para adelante y Fraga decía, oiga, Martino, que usted es el alcalde, pase para aquí. Y me ponía a su lado”, explica o exalcalde popular.

Pérez Touriño en Ordes
Así, de perder as eleccións, Alberto Núñez Feijóo será o único presidente da Xunta de Galicia que non visitou Ordes de maneira oficial durante o seu mandato. O último en facelo foi o socialista Emilio Pérez Touriño, quen visitou o noso concello o 26 de xaneiro do 2008 xunto a pola aquel entonces ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, co gallo dun acto informativo sobre a lei de desenvolvemento sostible do medio rural organizado por Unións Agrarias na discoteca Elepé 45.

Sexa como fora, o luns 17 de setembro as listas dos partidos concurrentes haberán de ser publicadas no BOP e os populares da provincia especulan con tres nomes como cabeza do seu cartel: os de Belén do Campo, Pedro Puy ou Paula Prado. Unha carreira de nove días na que Martínez Sanjurjo, Estrella Vázquez e os seus afiliados deberán convencer a Calvo e Álvarez-Campana da conveniencia de contar a lo menos cun ordense nas súas listas ou verse resentidos a que alguén de fora veña a representalos.

*


miércoles, 5 de septiembre de 2012

Xa podes consultar o censo eleitoral na Casa do Concello de Ordes


Un servizo informático dispoñible polas mañás ata o 10 de setembro no Departamento de Estatística

Consultas tamén no teléfono gratuíto 900 101 900

Co obxectivo de facilitar o dereito a voto de cara aos comicios autonómicos do vindeiro 21 de outubro, o Concello de Ordes pon a disposición de todos os veciños e veciñas un servicio informático onde consultar as listas electorais cos datos de cada un dos votantes. Nel constan tanto os datos dos españois residentes en España (CER), como os que residen no extranxeiro (CERA).

Estas consultas poderán levarse a cabo ata o próximo día 10 de setembro en horario de 09:00 a 14:00 horas no primeiro andar da Casa do Concello. Dende o Departamento de Estatística do Concello de Ordes ínstase especialmente aos grupos que poidan verse afectados, como é o caso daquelas persoas que acaban de acadar a maioría de idade ou os que cambiaron recentemente de enderezo.

Consultas telefónicas
Ademais das consultas on line tamén se dispón do teléfono gratuito 900 101 900. Calquera reclamación sobre posibles erros poderá tramitarse no Departamento de Estatística do Concello no horario especificado anteriormente.

*

Pedreira: "O PP de Ordes engana aos veciños atribuíndose obras que non son súas"

Presentación do proxecto da Casa do Concello de Ordes á directira xeral de Administración Loca, Begoña Rodríguez Rumbo; e á delegada provincial da Presidencia, Aurora Moinelo, o 23 de outubro do 2008.
Lembra o secretario do PSOE de Ordes que o convenio da ronda leste foi autorizado por María Xosé Caride e a reforma da Casa do Concello, fruto dun convenio con Méndez Romeu durante o bipartito PSOE-BNG

“Como o PP non pode presentar ningunha obra significativa nos últimos catro anos en Ordes, agora tenta adueñarse do que non fixeron”, asegura


O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, considerou esta mañá “unha burla e unha ofensa a todos os ordenses, que o Partido Popular de Ordes trate de enganar aos veciños atribuíndose obras outorgadas pola Xunta bipartita porque sabe perfectamente que non pode presentar ningunha obra propia”. 

Pedreira recoméndalles aos populares ordenses, e en concreto a José Luís Martínez Sanjurjo, que “abandonen a política da mentira e o engano masivo á xente que practican tanto o señor Feijóo en Galicia como o señor Rajoy en Madrid. Xa está ben de enganar á xente”.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o concelleiro socialista Xesús Pedreira, coa conselleira María Xosé Caride, tras a sinatura do convenio da ronda leste, o 26 de febreiro do 2009.

Convenio coa Xunta bipartita
Pedreira lembra que o convenio da rolda leste foi autorizado en febreiro de 2009 pola daquela conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a socialista María Xosé Caride. Así mesmo, recorda que a reforma da Casa do Concello ordense é froito dun convenio asinado co daquela conselleiro de Presidencia, o socialista Xosé Luís Méndez Romeu. 

Dúas obras, aseguran dende o PSdG-PSOE local, conseguidas polo equipo de Goberno do Concello de Ordes do que formaba parte o concelleiro socialista Xesús Pedreira e onde a Xunta do PP unicamente interviu na aprobación dun modificado na obra da casa consistorial, diante da situación estrutural do inmoble.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral do Socialistas de Ordes
“Como o PP non pode presentar ningunha obra significativa feita nos últimos catro anos en Ordes, agora tenta adueñarse do que non fixeron”

"Paréceme especialmente ofensivo que Martínez Sanjurjo se apropie da remodelación da casa consistorial ordense e da rolda leste cando tanto el mesmo como o seu partido fixeron todo o posible por paralizar e descualificar estas obras”

"Pídolle aos populares un pouco de memoria, pois todos sabemos quen presentou mocións en contra da rolda leste e para paralizar tanto a construción do novo concello como a remodelación da casa consistorial”

*

martes, 4 de septiembre de 2012

O BNG tratará de que o Concello compense aos seus traballadores pola perda da paga extra


Gonzalo Castro afirmou que “a redución salarial agravará aínda máis o poder de compra dos empregados públicos afectando moi negativamente ao tecido económico de Ordes”

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que o Pleno municipal do mes de setembro debatirá unha proposta dos nacionalistas para compensar aos traballadores municipais pola perda de poder adquisitivo.

A moción do BNG propón que o Pleno acorde manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, así como rexeitar a decisión de impor aos empregados públicos novas perdas de poder adquisitivo, instando ao alcalde a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.

Castro manifestou que a medida dos recortes salariais aos empregados públicos supón “unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo ataque que supoñen a dereitos consolidados das persoas traballadoras, ademais da súa demostrada inutilidade, como xa se ten demostrado”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada, porque agravará aínda máis a crise ao reducir o poder de compra dos empregados públicos o que afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico do concello de Ordes”

“O conxunto da Corporación Municipal de Ordes debe rexeitar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais, adoptando un posicionamento unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo dos empregados públicos”

*

O PP celebra que sexa a Xunta quen financie as obras da Casa do Concello

“A Xunta do PP a que paga os principais proxectos de Ordes, como sucedeu coa rolda leste e sucederá agora coas obras da Casa Consistorial”, afirma Martínez Sanjurjo


O Partido Popular de Ordes celebrou hoxe que a Xunta de Galicia tomase "cartas no asunto" e se implique nos arranxos os danos estruturais que presenta a antiga Casa do Concello de Ordes, "derivados de unhas obras mal plantexadas polo actual Goberno local".

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, valorou a actitude do Executivo galego, que tras aceptar o proxecto modificado presentado polo Concello de Ordes, vai financiar, mediante unha subvención, as obras necesarias para asegurar a estructura do edificio, que presenta risco de derrubamento e arranxar boa parte do interior do mesmo.
  
O portavoz popular sinala que o rigor que caracteriza a xestión do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "permite que a Xunta se sitúe como a Comunidade Autónoma máis solvente de España, o que lle permite facer fronte aos pagos pendentes e asumir compromisos como a subvención coa que financiará as obras que se comezaron a executar na Casa Consistorial de Ordes".

Martínez Sanjurjo (PP).
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Unha vez máis, acredítase que é a Xunta do PP a que paga os principais proxectos de Ordes, como sucedeu coa circunvalación da vila e sucederá agora coas obras da Casa Consistorial”

*

Os socialistas tratarán de evitar a reapertura da canteira de Nicanor

Ubicada na parroquia de Leira, leva anos abandoada e podería ser unha amenaza para a auga captada no río Cabrón

Pedreira (PSdG-PSOE) anima aos veciños a presentar as súas propias alegacións ao proxecto de reinicio da explotación

O PSOE de Ordes ven de anunciar que presentará alegacións á solicitude de licencia municipal para a extracción de áridos na parroquia de Leira presentada por Cementos de Areas SL e que se atopa en fase de información pública, logo da súa publicación no BOP do pasado venres 31 de agosto. 

A canteira coñecida como “a de Nicanor”, situada entre O Brumeiral (Leira) e Porto (Ardemil), leva abandoada hai anos e a finais de 2011 iniciou os trámites precisos para o reinicio da súa explotación. Un reinicio que os socialistas ordenses consideran que podería perxudicar especialmente aos veciños de Leira e da Vila de Ordes. 

Por iso, o secretario local da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, anima aos veciños e veciñas de Ordes “a sumarse á alegación dos socialistas ou a presentar as súas propias alegacións ao proxecto, que estará exposto no Departamento de Urbanismo e Aperturas do Concello de Ordes durante as próximas dúas semanas”.

Aprobada polo Pleno
Compre lembrar que o pleno municipal do Concello de Ordes celebrado en outubro de 2011 aprobou unha moción do Partido dos Socialistas de Galicia na que se instaba ao Concello de Ordes a facer as alegacións pertinentes diante da Xunta de Galicia para que non se leve a cabo esta actividade extractiva e que non se concedese a licenza municipal para o desenvolvemento desta actividade. 

Unha moción que foi aprobada coa matización, por parte do Grupo de Goberno, de que se actuaría de acordo cos límites impostos pola lexislación.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario da Agrupación Socialista de Ordes
“Esta canteira linda co río Cabrón, pertencente ao LIC do Tambre da Rede Natura, e río abaixo ubícase a ETAP de captación de auga para a zona periférica e o núcleo da Vila de Ordes" 

"Pensamos que reiniciar esa actividade sería perxudicial para os veciños da parroquia de Leira e, sobre todo, para a calidade da auga que consumen os veciños de Ordes”

*

Xa podes matricularte no curso de socorrista do Concello de Ordes


Son requisitos indispensables o título da ESO, nivel CELGA 2 e saber nadar

Inscricións na oficina de emprego da Casa do Concello

O Concello de Ordes ven de informar que ata o próximo xoves permanecerá aberto o prazo de inscrición para asistir ao curso de socorrista en instalacións acuáticas. Os interesados deberán apuntarse na oficina de emprego ubicada no segundo andar da Casa do Concello. 

Como requisitos indispensables esíxese estar en posesión do título de ESO, do nivel Celga 2 e ademais saber nadar. Este curso constará de 408 horas de formación teórica e práctica que se impartirán de 08:00 a 15:00 horas,tanto na Casa da Cultura como na piscina municipal climatizada dende o 12 de setembro ata o 4 de decembro. 

Para este venres está prevista unha selección entre todos os inscritos a partir das 09:30 horas na Casa da Cultura.

*

lunes, 3 de septiembre de 2012

Iniciada a remodelación da vella Casa do Concello

Estado actual das obras na fachada norte e leste da antiga Casa do Concello de Ordes.

A data prevista de remate das obras é xuño do 2013

O edificio albergará o salón de plenos, despachos e sala de xuntas

Esta mañá deron comezo as obras de arranxo e remodelación da antiga Casa do Concello de Ordes. Unhas obras que inclúen o mantemento da antiga fachada exterior e a construcción dunha nova estructura interior. Unhas obras incluidas na primeira fase do proxecto de construcción do novo Concello e que contou cunha subvención de 693.000 euros por parte da Xunta. Un dos principais obxetivos desta iniciativa foi a de dotar ós veciños e veciñas dunhas modernas instalacións con total acceso para as persoas que presentan algún tipo de diversidade funcional.

Periodo de execución
Con máis de 60 anos de antigüidade, a antiga Casa do Concello presentaba unha serie de deficiencias e un elevado grao de deterioro nos materiais cos que se construiu, motivo polo que a intervención sufriu un retraso no seu periodo de execución. 

Cunha data de finalización de obras prevista para o 30 de xuño do vindeiro ano, o inmoble albergará, entre outros servizos municipais, o salón de plenos, despachos e salas de xuntas.

*

Baloncesto, patinaxe, manualidades e aerobic, actividades extraescolares organizadas polo Concello


Dirixidas a escolares con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos

O Concello de Ordes ven de facer públicas as actividades extraescolares que ofertará este ano e que complementan ás organizadas polas ANPAS dos centros académicos. Trátase dos cursos de patinaxe, aerobic, baloncesto e manualidades.  

Inscricións
As clases están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os interesados poderán inscribirse entre o 10 e o 20 de setembro e deberán cumplimentar a correspondente ficha que lles será entregada no centro de ensino e que posteriormente deberán entregar no departamento de Educación e Cultura do Concello de Ordes.

*

O Concello destina 20.000 euros en axudas para transporte e material escolar


Poderán solicitalas familias con fillos en idade escolar matriculados en centros públicos de Ordes

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de outubro

O Concello de Ordes destinará axudas por valor de 20.000 euros de cara ao próximo curso escolar 2012-2013 que en cuestión de días dará comenzo. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 11 de outubro, e deberán ser entregadas no Rexistro Xeral do Concello e estar dirixidas ao Alcalde-Presidente do Concello de Ordes.

Os interesados poderán solicitalas unha vez que sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días. Poderán facelos aquelas familias que teñan ao seu cargo fillos en idade escolar matriculados en centros públicos de Ordes durante o curso 2012-2013, tanto en educación infantil, primaria ou secundaria obrigatoria, e que non estén repetindo curso. 

Entre outros requisitos é imprescindible que tanto os estudantes como os membros da unidade de convivencia familiar estén residindo no termo municipal con dous anos de antigüidade como mínimo. Para proceder á adxudicación destas axudas, que se aboarán nun único pagamento de 80 euros,  teranse en conta aspectos como o nivel de renda per cápita, cosi se trata dunha familia numerosa, discapacidades recoñecidas o situacións de exclusión social, entre outros.

Axudas por desprazamento
No caso das axudas por desprazamento poderán optar a elas aqueles estudantes que cursen estudos de bacharelato, universitarios e de formación profesional que non teñan dereito a transporte escolar gratuíto e que ademais estén matriculados no curso académico completo, que teñana superado o curso anterior completo, que residan a catro quilómetros ou máis do centro, unha idade entre os 16 e os 25 anos e, por último, que non estén en posesión de titulación maior ou equivalente aos estudos que desenvolve.

    Así os estudantes cuxo lugar de residencia diste de 4 a 15 quilómetros do centro de ensino percibirán un importe de 75 euros, que ascenderá a 150 no caso daqueles que estén a máis de 15 quilómetros.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Este ano o importe para financiar as axudas a estudiantes   ascende a  20.000 euros, o cal supón o límite máximo de gasto que se pode autorizar"

"Destes cartos, 10.000 euros irán destinados á adquisición de libros e material didáctico complementario e os outros 10.000 para desprazamento”

*