viernes, 22 de junio de 2012

A biblioteca recibe a visita das escolas unitarias de Ordes




Os escolares fixéronlle entrega dun conto creado por eles, Os ratos esfameados

A biblioteca municipal de Ordes acolleu nos últimos días a visita dos nenos e nenas das escolas unitarias das parroquias de Beán, Buscás, Merelle e Montaos. Unha vez no centro tiveron ocasión de realizar distintas actividades como a lectura de contos, a realización de debuxos, o visionado de películas ou narracións orais. 


Os ratos esfameados
Os alumnos fixeron entrega dunha obra moi especial, trátase dun conto realizado por eles mesmos e encuadernado especialmente para a ocasión, que xa forma parte dos fondos bibliográficos do centro. Os ratos esfameados que é o título desta obra narra a historia de dous roedores ansiosos por saciar o seu apetito. 

O libro tamén conta con ilustracións a toda cor realizadas polos nenos e nenas que o vindeiro curso radiarán esta historia na emisora municipal.

*

jueves, 21 de junio de 2012

O CEIP Campomaior despide o curso escolar con humor



Os alumnos viviron onte no auditorio da Casa da Cultura un festival de clausura a cargo do paiaso Peter


Os alumnos e alumnas do CEIP Campomaior viviron na tarde de onte unha das xuntanzas máis divertidas deste curso que acaba de concluir. O festival de clausura organizado por membros da APA do centro tivo un protagonista absoluto. O paiaso Peter arrancou as gargalladas de menores e adultos e incluso non dubidou en subir ao escenario a algún dos presentes, facéndoos co protagonistas do seu espectáculo. 




Ata setembro!
En total foron máis dun cento de persoas os que se achegaron ata o auditorio da Casa da Cultura para participar nesta actividade e despedirse ata o vindeiro mes de setembro, momento no que volverán a verse, esta vez, nas aulas do centro escolar.


*

Aprendendo a buscar traballo



Cogami clausurou hoxe en Ordes o curso de técnicas de búsqueda de emprego


A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) clausurou hoxe en Ordes o curso de técnicas de búsqueda de emprego. Dende o pasado martes, un total de doce veciños e veciñás de Ordes e da comarca con algún tipo de diversidade funcional e desempregados, participaron nestas sesións nas que aprenderon distintas técnicas de cara á obtención dun posto de traballo. 


As clases desenvolvéronse na aula de informática da Casa da Cultura e contou coa colaboración do Concello de Ordes.


*

O 1 de xullo abre a piscina do Muíño


miércoles, 20 de junio de 2012

Alfonso Senra contou cos principais integristas profascistas da época para escribir o seu libro

O expresidente da Real Academia Galega, Xosé R. Barreiro Fernández, dixo do noso fillo predilecto que foi desviando a súa militancia "cara ao integrismo político profascista"

Barreiro Fernández: "As colaboracións de Alfonso Senra con Antonio Goicoechea e  Delgado Barreto son reveladoras"

As hemerotecas e bibliotecas seguen a amosar datos do pasado fascista e golpista do fillo predilecto de Ordes Alfonso Senra Bernárdez. O último dato esclarecido sobre a súa bibliografía arroxa unha única obra literaria: Del 10 de agosto a la Sala Sexta del Supremo, escrita en 1933 e prologada por Antonio Goicoechea, por aquel entonces un xurista e deputado polo partido conservador Renovación Española, que logo do Golpe participaría activamente na sublevación militar. 

Pero xa antes, Goicoechea tivo un papel protagonista na conspiración contra o Goberno democrático encabezado polo xeneral Sanjurjo. Co xeneral Barrera e os carlistas Olazábal e Lizarza, visitou en Roma a Mussolini en marzo de 1934, a quen lle pidiron axuda para derrocar á República Española. Chegaría a ser, Goicoechea, un dos asinantes do Dictame da Comisión sobre Ilexitimidade de poderes actuantes o 18 de xullo de 1936, documento que pretendía lexitimar o Golpe de Estado que propiciou a Guerra Civil Española.

Obxectivo: O réxime democrático
Pero lonxe de ser esta a única colaboración estelar na súa obra, para o seu epílogo, o fillo predilecto de Ordes, tamén pediu a colaboración dun xornalista profascista de nome Manuel Delgado Barreto, director do xornal La Nación, órgano da dictadura de Primo de Rivera. A súa principal liña informativa tiña que ver coa publicación de artículos sobre a revolución e contrarrevolución destinados á movilización de grupos dereitistas co obxecto de liquidar o réxime republicano establecido democráticamente en España. Delgado Barreto sería morto polas milicias do Fronte Nacional no cárcere madrileño de Carabanchel en novembro de 1936.

O prestixioso historiador ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, doutor en Dereito e Historia e expresidente da Real Academia Galega, dixo de Alfonso Senra que cos anos, foi desviando a súa militancia  “cara ao integrismo político”, e que as colaboracións de “dous dos representantes do integrismo profascista español” na súa obra, como son Goicoechea e Delgado Barreto, son “reveladoras”. 


*

martes, 19 de junio de 2012

Chegan as festas ao Mesón do Vento


Martínez Sanjurjo: "O Concello oculta o proxecto da reforma da piscina do Muíño"


Aspecto das obras do peche da piscina do Muíño, no Campo da Feira de Ordes.
Os populares sospeitan de que ese ocultamento obecede á ausencia de proxecto ou a un incumprimento da normativa

O PP de Ordes informou hoxe de que "a sombra da sospeita e da comisión de presuntas irregularidades esténse sobre as obras de reforma da piscina municipal descuberta de Ordes, logo de que o Concello se negase a amosar a concelleiros do Partido Popular o proxecto técnico dos traballos".

Os populares tamén sinalan que se atopan "sorprendidos polo feito de que o Concello agardase ata a primeira semana de xuño para iniciar as obras de reforma da piscina descuberta, xusto cando estas instalacións deberían estar a piques de abrir as súas portas". Os concelleiros do Partido Popular reclamaron o proxecto técnico nas dependencias municipais.

Cúmulo de sospeitas
Sen embargo, o equipo de Goberno, aseguran, "negouse a amosar os documentos aos concelleiros da oposición sen ofrecer argumentos válidos". Neste contexto, o Partido Popular interpreta que ou ben "as obras se están a executar sen contar co preceptivo proxecto técnico", ou ben os traballos "se poderían estar desenvolvendo ignorando o proxecto e mesmo de costas á normativa de aplicación".

Martínez Sanjurjo, do PP de Ordes
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Tempo atrás, o Concello de Ordes argumentou a necesidade de derrubar os vestiarios, aseos, cafetería a acceso principal da piscina descuberta  por ter sido edificados sobre un tramo do río Mercurín. Pero agora, unha vez derrubadas esas edificacións, o Concello pretende cubrir ese tramo fluvial que discorre ao carón da piscina cun forxado de formigón, como fixo tamén sobre outro anaco do río nunha zona próxima os xulgados e o Campo da Feira de Ordes"

*

O PSOE de Ordes a favor da custodia compartida


Xesús Pedreira: "Dous de cada tres matrimonios remata en divorcio"

O PSOE de Ordes informou hoxe de que pedirá o apoio do pleno municipal á figura da custodia compartida e solicitará que o pleno inste ao lexislador a que modifique a normativa actual para que recolla a figura da Garda e Custodia Compartida. 

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, denuncia que “as leis que regulan as rupturas matrimoniais non garanten o dereito dos nenos a seguir convivindo cos dous proxenitores e coa súa familia de xeito igualitario, unha inxustiza que nos teñen denunciado algunhas familias ordenses”.

Unha situación que non é de extranar xa que, segundo o Instituto de Política Familiar, dous de cada tres matrimonios remata en divorcio. Desta cifra, o 41% das disolucións matrimoniais remata nun contencioso xudicial, no que nunha ampla maioría os fillos quedan a cargo dun só proxenitor mentres que o outro pasa a ter un papel secundario. 

Xesús Pedreira sinala que “a perda dun dos proxenitores supón un drama para calquera neno, algo que acaba producindo desequilibrios emocionais que arrastrará durante a súa vida. Ademais, resulta tamén inxusto para os avós, avoas e demais membros da familia do proxenitor non custodio, aos que se lles obriga a manter unha condición de meros visitadores dos cativos”.

Lei arcaica
Por iso, o PSOE de Ordes presentará unha moción na vindeira sesión plenaria para conseguir o apoio da corporación municipal á figura da Garda e Custodia Compartida como garante do interese dos nenos e garantía de que poidan continuar compartindo as súas vidas en igualdade cos seus dous proxenitores. Ademais, solicitarase que o Concello de Ordes inste ao lexislador a modificar a normativa vixente para que se recolla esta figura dende o momento no que se presenta diante do xulgado unha demanda de divorcio.

Neste sentido, son numerosos os países que teñen introducido a figura da Garda e Custodia Compartida nas súas lexislacións (Alemaña, Francia, Italia, EEUU, Canadá, Brasil, Australia...), atendendo así tanto aos dereitos dos nenos como á igualdade e a corresponsabilidade dos proxenitores. 

Xesús Pedreira, do PSdG-PSOE.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Temos que lembrar que as leis que se utilizan agora nos casos de divorcio son dun pasado lonxano, que non teñen en conta a transformación da sociedade española”

“En contra desa evolución, as normas relativas ao divorcio entran en contradicción coas políticas de igualdade e progreso que pretenden fomentar o desenvolvemento profesional da muller e a corresponsabilidade do varón no eido familiar”

*

O PP de Ordes "respecta" a decisión de Pedro Carrasco


Martínez Sanjurjo: "Seguiremos contando con el no seo do Partido Popular de Ordes"

O Partido Popular de Ordes informou onte que "acata e respecta" a decisión de Pedro Carrasco del Río de renunciar á súa acta de concelleiro. Tamén os populares quixeron "agradecer" o traballo desenvolvido polo concelleiro no seo da corporación municipal.

Sen embargo, aseguran, "Carrasco seguirá a desenvolver un papel activo dentro da Agrupación local do Partido Popular de Ordes, onde se encargaba, e o seguirá facendo, de asuntos de Urbanismo ou Economía, entre outros". 

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"Lamento perder a Pedro Carrasco como concelleiro, pero valoro poder seguir contando coa súa inestimable colaboración  no seo do PP local, onde sempre demostrou ser unha excelente persoa, un home traballador, leal e preocupado polos problemas das persoas”

*

lunes, 18 de junio de 2012

Pedro Carrasco abandona o Concello

Pedro Carrasco del Río.
O concelleiro do Partido Popular renuncia a súa acta por "cuestións persoais"

O concelleiro do Partido Popular de Ordes Pedro Carrasco del Río presentou esta mañá a súa renuncia como concelleiro da corporación municipal do Concello de Ordes. 


A preguntas deste medio, Pedro Carrasco expresou que os seus motivos de renuncia obedecen a "cuestións persoais" que non entrou a valorar.


A súa acta de concelleiro será cuberta por Luis Caamaño Fraga, de Parada.


*

Castro: "Un ano perdido para Ordes"


O portavoz municipal do BNG de Ordes fixo onte unha dura valoración do primeiro ano de mandato do actual Goberno municipal 

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, fixo onte unha valoración do primeiro ano de mandato do actual goberno municipal de UxO, presidido por Manuel Regos, calificándoo de “un ano perdido para Ordes, porque o goberno de Regos non adoptou nin unha soa medida para dar solución aos problemas dos veciños de Ordes”

Castro afirmou que “o goberno de UxO non propuxo ningunha iniciativa para afrontar o principal problema que ten o concello de Ordes, o desemprego, cunha das taxas de desemprego máis altas da provincia da Coruña, que afecta na actualidade a máis de 1.270 veciños de Ordes e as súas familias, no que constitue un auténtico drama social”.

Grave retroceso
O portavoz do BNG manifestou que “o goberno municipal atópase paralizado e sen iniciativas, e está condeando ao noso concello a sufrir un retroceso moi grave, perdendo peso específico tanto económica como socialmente como cabeceira de comarca”.

Castro citou “como exemplo paradigmático desta paralise do goberno, o feito de que Ordes nin sequera teña aprobados os seus Orzamentos Municipais para o ano 2012, cando xa nos atopamos no mes de xuño.” 

Gonzalo Castro criticou que diate dunha situación crítica para o noso concello “o alcalde está a actuar de forma absolutamente irresponsábel, negándose a dialogar e a chegar a acordos para solucionar os problemas dos veciños e veciñas de Ordes”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
Castro salientou que “o BNG propuxo durante este ano de mandato innumerábeis iniciativas para tratar de impulsar económicamente o concello de Ordes e paliar a sangría do desemprego, como son o impulso e promoción da praza de abastos e a creación dun viveiro de empresas, ademáis de iniciativas de apoio aos sectores agrogandeiro, comercial e hosteleiro do noso concello, moi importantes para a creación de emprego nunha cabeceira de comarca como é Ordes”.

"Tamén a mellora dos servizos públicos e das infraestructuras, algunhas das cales foron incluidas no Plan de Obras e Servizos, como a ampliación das instalacións da piscina climatizada, a urbanización do Ceidón e a pavimentación de Souto de Zar en Pereira e a transparencia e a mellora da calidade democrática do Concello de Ordes, como a aprobación dun trámite de exposición pública do PXOM ou a reforma do regulamento municipal para eliminar os beneficios que os tránsfugas tiñan en Ordes”

“Seguiremos a propoñer iniciativas para solucionar os principais problemas dos veciños e tratar de dar un xiro de 180 grados á nefasta xestión dun goberno municipal que non ten destinado nin un euro á promoción económica e á creación de emprego, e que sen embargo ten levado ao noso Concello e ter unha débeda de máis de dez  millóns de euros”

*

sábado, 16 de junio de 2012

San Antón trae as festas ao Paraíso



Esta noite, música e baile co orquesta Ría de Arosa

O Paraíso da vila de Ordes celebra hoxe unha das súas citas festivas máis esperadas: San Antón. Unha festa que este ano anota a súa XXI edición e que contou cunha misa solemne e procesión á que acudiron centos de veciños e veciñas. 


Orquesta
Os integrantes da agrupación folclórica Embruxos de Leira foron os encargados tanto de animar este percorrido como de marcar o inicio da sesión vermú. A orquesta Ría de Arosa colleu o relevo a iso das 15:00 horas para volver a subir ó escenario xa de noite e facer bailar a todos ós presentes ata ben avanzada a madrugada. 


Diversión, deporte e creatividade na primeira das Noites psicoeducativas de Ordes



Dirixido a adolescentes de entre 12 e 16 anos, ofrece alternativas ao alcol como ocio

A diversión a creatividade e o deporte déronse onte a man na primeira das 'Noites psicoeducativas'. Unha iniciativa organizada polo Concello de Ordes que se desenvolveu no pavillón Campomaior e que terá continuidade o próximo 29 de xuño. Deste xeito preténdese ofrecer ós mozos e mozas con idades entre os 12 e os 16 anos novas alternativas exentas de alcol para o seu tempo de ocio. Unha medida coa que tamén se pretende mellorar a súa autoestima e as relacións interpersonais.


Obradoiros
Nesta ocasión os asistentes poideron participar en obradoiros de tiro con arco, manualidades, karaoke, elaboración de cócteles sen alcol, xogos populares ou cociña creativa entre outros. Todos eles ademais viviron a experiencia de participar na grabación dunha reportaxe televisiva para o programa 'A Solaina', de A Galega, que será emitido o vindeiro luns a partir das 18:00 horas.


* 

En venta o edificio Moar por 2,29 millóns de euros

Un portal de compravenda inmobiliaria saca á venta este imponente inmoble de cinco plantas


O popularmente coñecido edificio Moar fronte á fachada norte da Casa do Concello, no número 106 da avenida de Alfonso Senra, está en venta. Así o sinala un coñecido porta de compravenda inmobiliaria.


Os seus máis de 1.800 metros cadrados construídos en cinco plantas saen á venda a un prezo de 2.290.000 euros.

*

jueves, 14 de junio de 2012

Castro: "O interventor dí que hai máis dun millón de euros de gasto sen contabilizar"


O portavoz nacionalista advirte do "total incumprimento" do plan de saneamento do Concello de Ordes

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, alertou hoxe da existencia dun informe da intervención municipal que “confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se contabilizaron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e o seu Goberno” 

Gonzalo Castro salientou que “o informe da intervención municipal advirte do total incumprimento do plan de saneamento aprobado pola corporación municipal en 2009 e da existencia dunha débeda acumulada de máis de dez millóns de euros, perto de 800 euros por habitante, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”

Gonzalo Castro Prado.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes 
“Este informe da intervención municipal, que forma parte da liquidación da conta xeral de 2011 ven a evidenciar, unha vez máis, a existencia dunha xestión caótica por parte do alcalde e o seu Goberno, co estrago de recursos públicos de forma absolutamente irresponsábel, e o que é peor sen que se teñan mellorado os servizos públicos do noso concello, se non todo o contrario”

“Me pregunto que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos no noso concello e en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro”

*

O Concello incumple o plan de saneamento, segundo o PP


Os populares advirten de que Ordes carece de recursos para afrontar as débedas a curto prazo, mentres aumentan os pagos pendentes de exercicios anteriores

Martínez Sanjurjo: "Regos deixa a cada veciño unha débeda per cápita de 786,2 euros e  un Concello abocado a reducir servizos municipais e subir os impostos"

O Partido Popular de Ordes deu a coñecer hoxe que o informe elaborado polo interventor do Concello de Ordes en relación coa conta xeral deste concello correspondente ao ano 2011 advirte "que o equipo de Goberno que dirixe Manuel Regos está a incumprir o plan de saneamento aprobado no ano 2009, situando as  finanzas municipais nunha situación calamitosa".

Así as cousas, informan os populares, "ao rematar o exercicio orzamentario de 2011, o Concello de Ordes presentaba unha débeda total de 10.180.086,29 euros, cifra que supón unha débeda per cápita de 786,20 euros por veciño".

Os populares consideran que a herdanza que deixan tras de sí os cinco anos de Regos, tradúcese "non só nunha abultada débeda que deberán pagar os veciños, senón tamén nun inminente recorte dos servizos municipais e un incremento das taxas e impostos sobre as que ten competencia o Concello".

Fondo de maniobra negativo
A situación económica do Concello, sempre segundo o PP local, "levou ao interventor municipal a advertir que cun fondo de maniobra negativo  que supera os 3,5 millóns de euros, o Concello non é capaz de saldar as débedas a curto prazo cos recursos dos que dispón”. Na mesma liña, chama a atención sobre o “importante incremento das obrigas pendentes de pago de exercicios anteriores”.

Respecto ás obrigas pendentes a 31 de decembro de 2011, o PP local agarda que todas fosen saldadas co crédito ICO concedido a través da liña de financiamento para o pago a proveedores do Goberno central, por importe de 2,8 millóns de euros, "pero que van supoñer nos dez anos de devolución, ata xuño do 2022, uns intereses de mais de un millón de euros para o Concello de Ordes.

Na liña doutros informes  recentes, informan dende o PP, "o técnico municipal recomenda diminuir os gastos non estrictamente necesarios para o funcionamento do Concello e a prestación de servizos esenciais".  Tal recomendación caeu ata o de agora "en saco roto", como quedou "acreditado coa propensión do alcalde a derrochar fondos públicos tanto en obras inservibles, como en financiar equipamentos de escaso ou nulo interese para os veciños (carpas, comilonas, etc)".

Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“O negro panorama debuxado no informe sobre a conta xeral de 2011 confirma, punto por punto, os prognósticos efectuados tempo atrás polo PP e que o alcalde tildaba entón de infundados

"A realidade é teimuda e agora certifícase a estratexia económica suicida seguida por Regos e os seus concelleiros, que baleiraron as arcas municipais sen ofrecer contraprestacións que beneficiasen ao conxunto dos veciños"

"Lamentablemente, os feitos demostran que Ordes carece do Goberno local que os veciños necesitan e merecen”

*

miércoles, 13 de junio de 2012

Novo curso de creación de webs para desempregados e autónomos



Dirixido a desempregados e autónomos, estase a celebrar na Casa de Cultura de Ordes

O Concello de Ordes ven de emprender unha nova acción formativa dirixida tanto a desempregados como autónomos. Trátase dun novo curso de creación de páxinas web de corenta horas de duración. As clases están a ter lugar na Casa da Cultura de Ordes.

Este curso está subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, máis concretamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación. Tamén conta coa colaboración da empresa de formación Recursos Galicia e a Asociación de Traballadores Autónomos por conta propia (ATA). 

Este novo proxecto inclúese dentro dos plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a personas traballadoras ocupadas, mediante a subscrición de convenios autonómicos.

*

Cheo absoluto para 'Cantiga da rúa'



Os alumnos do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela interpretaron unha versión do clásico dos irmáns Green, Os músicos de Bremen

Na tarde do pasado luns, a Casa da Cultura do Concello de Ordes acolleu a representación do musical ‘Cantiga da rúa’ a cargo dos alumnos do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela son os intérpretes desta obra baseada na obra Os músicos de Bremen dos irmáns Green. 


Teatro Intercentros
O auditorio contou cun cheo absoluto tendo incluso que aumentar o número de butacas dada a afluencia de público que acudiu á cita. A obra recibiu recentemente o primeiro premio do Certame de Teatro Intercentros, nos que participaron numerosos centros de Santiago e da súa comarca. 



*

domingo, 10 de junio de 2012

O PP de Ordes considera un “despropósito” o inicio a estas alturas das obras na piscina

Os populares apuntan que as obras puideron ser efectuadas durante o inverno para deixar as instalacións listas de cara ao verán"

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que as obras iniciadas estes días polo Concello nas dependencias da piscina municipal do Campo da Feira constitúen un “auténtico despropósito”. Os populares consideran que tales obras "puideron ser efectuadas durante o inverno pasado para deixar as instalacións listas para o seu uso ao comezo do verán".

O PP de Ordes cuestiona así a decisión do equipo de Goberno municipal na medida en que vai implicar a execución de traballo "a toda présa", co conseguinte "risco de que que xurdan deficiencias", como xa ten acontecido, alertan, "con outras actuacións deste tipo acometidas na vila nos últimos meses e que logo poden resultar difíciles de correxir".

Con todo, para os populares de Ordes non lles resulta sorprendente que Manuel Regos e o seu equipo de Goberno "aproveiten o comezo do verán para executar as obras na piscina descuberta que, casualmente, só está operativa durante o período estival". 


Non sorprende a decisión, recoñecen dende o PP, "por ter sido adoptada polo mesmo alcalde que pretendendo acometer unha lixeira rehabilitación da Casa Consistorial, acabou provocando un dano estructural irreparable, con risco de derrubamento para o conxunto do edificio, que leva preto dun ano apuntalado e pechado a cal e canto".

Martínez Sanjurjo.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Lamentablemente, Manuel Regos pasará á historia non só como o alcalde que sumiu a Ordes na bancarrota en so catro anos, cunha débeda real recoñecida de máis de dez millóns de euros, senón por adoptar un amplo abano de decisións absurdas e contrarias a toda lóxica, ás que agora se suman as obras na piscina descuberta cando, precisamente, debería estar lista para entrar en servizo”

*

sábado, 9 de junio de 2012

"A secretaría de Economía e Emprego é un cargo de gran responsabilidade nestes momentos"


Verónica Gómez Fuentes ten 25 anos.
Verónica Gómez Fuentes, natural de Buscás, forma parte da nova Executiva provincial do PSdG-PSOE de Francisco Caamaño

Por R. A. Landeira

Verónica Gómez Fuentes é natural de Buscás. Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela, aos seus 25 anos ven de ser nomeada secretaria de Economía e Emprego do PSdG-PSOE provincial. Leva dous anos preparando as sempre complicadas oposicións a Inspección de Facenda, das que aínda non chegou a examinarse. “Hoxendía, as convocatorias son moi poucas”, confesa. 

Recoñece que é esta a súa primeira entrevista xornalística. Non se lle nota. Asoma estilo: contesta rápido e usa a linguaxe política. Esta mañán participou na súa primeira reunión da Executiva provincial na Coruña.

Que é ser secretaria de Economía e Emprego nun partido político? Que lle encargou Francisco Caamaño facer?
O meu traballo consiste en coñecer as necesidades de cada Agrupación local socialista na nosa provincia nos aspectos que me delegaron, é dicir, a economía e o emprego, e propoñer solucións e estratexias que logo na Executiva provincial, entre todos, valoraremos poñer en marcha. Unha determinada política ou decisión neste sentido non se toma de xeito improvisado senón que precisa antes dun estudio e un amplio traballo de campo; iso precisamente é o que facemos cada un de nós nas correspondentes secretarías.

Unha secretaría provincial é un cargo dunha gran responsabilidade e especialmente nos temas que me delegaron, como é a economía e o emprego, tan sensibles no momento actual.  

Presentación da candidatura socialista ás elecións locais de maio 2011. Verónica Fuentes é a segunda pola esquerda.
Parlamento de Galicia
Dentro duns poucos meses teremos eleccións autonómicas e ser muller, universitaria e do rural suma moitos puntos de cara a entrar nunhas listas electorais e acadar finalmente un escano no Parlamento de Galicia. Pensa que este primeiro nomeamento lle pode conducir ás listas autonómicas do PSdG-PSOE?
Sinceiramente non o sei, nin siquera pensei niso...Apenas levo unha semana na Executiva provincial, non ten ningún sentido pensar en outras cousas. Este é un primeiro paso e como digo, o asumo cunha gran responsabilidade e non penso en nada máis que en servir ao noso partido e á nosa sociedade dende a miña secretaría de Economía e Emprego.

Ademais a praza, en principio, está ocupada. Supoñemos que Silvia Fraga estará por repetir…
Supoñemos que si…Sinceiramente non o sei, insisto. Silvia é unha gran compañeira e está a facer cousas moi importantes por Galicia en xeral e pola nosa comarca de Ordes en particular, é lóxico que queira repetir.

Vostede xa é a responsable de Economía e Emprego no PSdG-PSOE coruñés. Que experiencia laboral ten?
Son profesora de clases particulares a universitarios. Polo de agora, aos meus 25 anos, non teño máis experiencia laboral que isa, que asumo con toda dedicación e responsabilidade.  

*

viernes, 8 de junio de 2012

'Cantiga de rúa', este luns na Casa da Cultura de Ordes


O grupo de teatro Antón Fraguas, intérpretes de Cantiga de rúa.

A peza, que conta con músicos e cantantes en directo, ven de recibir o primeiro premio do Certame de Teatro Intercentros


O vindeiro luns ás 16:45 horas o auditorio da Casa da Cultura do Concello de Ordes acollerá a representación do musical Cantiga da rúa, unha peza que recentemente recibiu o primeiro premio do Certame de Teatro Intercentros, nos que participaron numerosos centros de Santiago de Compostela e da súa comarca. 

Os alumnos do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, son os intérpretes desta obra baseada na obra Os músicos de Bremen, dos irmáns Green. Nela faise un paralelismo entre os trotamúsicos e un grupo de rapaces e rapazas de diferentes nacionalidades que pretenden buscar un camiño na vida.  

*


Aberta a mostra de obradoiros culturais da comarca de Ordes


Máis de 200 veciños e veciños participan nesta exposición que se pode contemplar no Museo do Traxe Juanjo Liñares

O museo do traxe Juanjo Liñares de Ordes acolleu hoxe ás 20:00 horas, o acto de apertura da sexta edición da Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes. Un acto que estivo presidido polo presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos Boquete, e no que participarán alcaldes e concelleiros dos sete concellos da comarca ordense, que farán entrega dun agasallo a cada un dos 200 veciños e veciñas participantes nesta mostra.

Estes 200 veciños pertencen ás dezanove escolas municipais e asociacións de veciños dos municipios de Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo que participan na mostra deste ano, tres agrupacións máis ca en 2011. Por municipios, como xa é habitual a maior participación rexístrase nos locais de Ordes (6 agrupacións), seguidos por Oroso (5 entidades).

Participantes
A exposición inclúe traballos de debuxo, pintura, cesteiría, manualidades, bolillos... Poderá visitarse ata o vindeiro 17 de xuño no museo do traxe Juanjo Liñares de Ordes. O horario de visita é de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas (de martes a sábado); e o domingo, de 10:00 a 14:00 horas.

A VI Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes está organizada pola Mancomunidade de Municipios de Ordes e polo Concello de Ordes. Conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña. Nesta edición participan:

-          Obradoiro municipal de manualidades de Cerceda
-          Curso de tapicería de Frades
-          Curso de arte floral de Frades
-          Obradoiro municipal de manualidades e pintura de Mesía
-          Unidade galega de veciños, mulleres rurais de Santa Cruz de Montaos (Ordes)
-          Asociación de Amas de Casa de Ordes
-          Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Ordes
-          Curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade do Concello de Ordes
-          Asociación de veciños “O Cruceiro” de Beán (Ordes)
-          Curso de bordado da Agrupación de Mulleres de Ordes
-          Obradoiro de manualidades de Oroso
-          Obradoiro de bolillos de Oroso
-          Obradoiro de arte floral de Oroso
-          Asociación Andaina pro saúde mental (Oroso)
-          Asociación cultural Garga-Trasmonte (Oroso)
-          Asociación de mulleres “Pedralonga” (Tordoia)
-          Asociación de mulleres “A Ponderosa” (Tordoia)
-          Asociación de mulleres de Trazo
-          Asociación de veciños “A Carballeira” de Chaián (Trazo)

*