miércoles, 23 de mayo de 2012

Ordes acollerá unha nova edición da súa carreira popular o próximo domingo 3 de xuño


O prazo de inscrición remata o mércores 30 de maio

O concello de Ordes acollerá o vindeiro domingo 3 de xuño a XVII Carreira Popular, onde corredores e atletas de todas as idades poderán competir polo primeiro posto nunha das competicións máis concurridas da provincia.

A distancia dos circuitos variará según a categoría, indo dende os 500 metros dos competidores baby e prebenxamín, os 1.000 metros das categorías benxamín e alevín, os 3.000 metros das categorías infantil e cadete, e os 9.500 metros das categorías xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas, así como para os tres primeiros homes e mulleres das probas xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Tamén se outorgará un trofeo ós tres primeiros clasificados do municipio na proba absoluta (xuvenil, junior, promesa, senior e veterán), ó participante máis xoven  e ó máis veterán.

Premios en metálico
No referente ós premios en metálico no caso dos individuais serán de 150, 80 e 50 euros para homes e mulleres que disputen a carreira absoluta. Por equipos os cheques asecenderán a 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados da mesma proba. Unhas cuantías que se repitirán no caso dos equipos procedentes  do mesmo municipio.  Para puntuar nesta clasificación é necesario realizar a inscrición como clube, é decir, inscribindo ós corredores individualmente na páxina www.championchipnorte.com e remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com cos datos do clube e dos seus compoñentes).

Este ano haberá un premio especial de 150 euros para o centro académico de Ordes que presente o maior número de corredores. Para elo deberán formalizar a inscrición remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com, no cal se reflexe o nome do centro educativo e os datos dos seus atletas.

No caso das carreiras absolutas as inscricións deben facerse a través da páxina www.championchipnorte.com, mentres que nas probas escolares (categorías baby e cadete) faranse a través do correo electrónico inscricionsFGAsantiago@gmail.com. Deberán facer constar o nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, clube e número de licencia federeativa ou seguro escolar se se posúe

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición rematará o mércores 30 de maio ás 22:00 horas. Para máis información poden chamar ós teléfonos 981 680 002 ou 981 680 157. Tamén poden visitar as seguintes páxinas web: www.concellodeordes.com, www.atletismogalego.org, www.fgatletismo.es/santiago e  www.championchipnorte.com.

Nas probas poderán participar todos os que así o desexen  indistintamente de que estén federados ou non. O control técnico das probas correrá a cargo do Comité de Xuices da Federación Galega de Atletismo. Para levar a cabo esta XVII edición da Carreira Popular o Concello de Ordes conta coa colaboración das seguintes firmas comerciais: La Caixa, Gadis, Nutrexpa, Carnicaría Enrique, Estrella Galicia, Coca Cola, Feiraco, Sportec, Deportes Capitán, Seguros Reale e Asesoría e Seguros Jaime Castro.

*

martes, 22 de mayo de 2012

O PSOE pide á Xunta un plan estratéxico para o textil ordense


De esq. a der., o voceiro do PSdG-PSOE de Tordoia, Carlos García; a deputada autonómica Silvia Fraga; o voceiro municipal socialista e secretario da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira; o deputado autonómico Xosé Luis Méndez Romeu; o voceiro socialista de Frades, Xesús Manuel Iglesias; e de Trazo, Beatriz Domínguez.  

O sector perdeu máis de 500 empregos en Ordes nos últimos catro anos, segundo os socialistas

Xesús Pedreira: "Temos que apostar por un emprego de calidade no textil de Ordes"

O PSdG-PSOE confirmou hoxe en Ordes que pediralle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes, que deberá presentarse no Parlamento de Galicia no prazo de tres meses. Un plan que deberá contemplar medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cuotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Así o anunciou o deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu durante a comparecencia realizada esta mañá en Ordes para presentar as iniciativas socialistas a prol do sector téxtil na comarca ordense, que inclúen a presentación dunha proposición non de lei e varias preguntas ao Pleno do Parlamento.

Méndez Romeu explicou que “dende xaneiro de 2008 téñense perdido 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que significa un tercio da capacidade productiva desta comarca, mentres que no resto de Galicia o sector medra nun 12%”. Unha situación que o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, considera “especialmente preocupante, pois a eses 332 empregos por conta allea perdidos hai que sumarlle outros 200 correspondentes a pequenos autónomos, polo que estamos falando dunha perda de máis de 500 empregos na comarca”. Unha destrucción de emprego motivada, sobre todo, pola competencia polo prezo, que fixo que os talleres da comarca de Ordes fosen substituidos pola deslocalización no estranxeiro, principalmente en países como Marrocos, Romanía, India ou China.

Aposta pola calidade 
Pedreira Mirás lembra que “Ordes é unha comarca de 40.000 persoas que vive principalmente dos sectores gandeiro e téxtil. Non podemos permitirnos máis parados, temos que apostar por un emprego de calidade no téxtil”. Neste sentido, Méndez Romeu sinalou que “a singularidade da comarca de Ordes esixe unha resposta acaída ás necesidades daquí, onde se destruíu un 35% do emprego neste sector. Existe a posibilidade de recuperar producción de grandes marcas porque en Ordes hai empresas, hai infraestrutura técnica e traballadores cualificados”.

Por iso, o Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes deberá incluir as medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en actividades de subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases do proceso produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos falando de veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón dun sector que aposte pola calidade”, explica Xesús Pedreira, “Ordes chegou a rexistrar máis de 60 pequenas empresas con maquinaria especializada, directivos coñecedores dos procesos e persoal formado”.

Así mesmo, os socialistas solicítanlle á Xunta que facilite a participación de empresas galegas nos procesos de compra estratéxica da administración no sector, permitindo que poidan competir en igualdade de condicións cos grandes grupos comerciais nos concursos para a provisión de roupa de traballo para o Sergas, centros dependentes da Consellería de Benestar, etc. Segundo o deputado autonómico Xosé Luís Méndez Romeu, “poñer en marcha a primeira fase deste Plan Estratéxico custaría menos dun millón de euros, o cal é perfectamente asumible por un IGAPE que no 2011 deixou máis de 113 millóns de euros sen executar”.

Apoio da comarca
Méndez Romeu e Pedreira Mirás estiveron acompañados na súa comparecencia ante os medios de comunicación pola deputada autonómica Silvia Fraga e os voceiros municipais socialistas de Frades, Xesús Manuel Iglesias; Tordoia, Carlos García; Trazo, Beatriz Domínguez. A cercedense Silvia Fraga explicou que “a comarca de Ordes ten potencial para recuperar o sector téxtil, ten xente formada e preparada. A competitividade pasa por ofertar un proceso de elaboración da prenda dende o principio ata o final”. A deputada socialista, cofirmante da proposición non de Lei presentada no Parlamento, asegurou que “o que propoñemos é factible e asumible pola Xunta. Os beneficios son moitos fronte a uns custes mínimos”.

Pola súa banda, os voceiros socialistas en Frades e Tordoia coincidiron en facer un chamamento ás grandes empresas téxtiles de Galicia e España en contra da deslocalización da produción. “Na comarca de Ordes pódese facer un produto aínda mellor e a diferencia de costes non é tan grande”, apuntou Carlos García, voceiro socialista en Tordoia; mentres que dende Frades, Xesús M. Iglesias fixo un “chamamento ás firmas galegas que fabrican as súas prendas fóra e que venden como galego un produto que é galego a medias. Aquí estamos preparados e temos a cualificación necesaria para atendelos. Hai que apostar polo noso e por crear emprego en Galicia”. 

*

A rúa do Recreo ábrese de novo ao tráfico rodado


A rúa do Recreo hoxe, no seu cruce coa avenida de Alfonso Senra.
A obra supuxo un investimento de 120.000 euros

A rúa do Recreo xa está novamente aberta ao tráfico rodado logo de permanecer pechado durante os últimos quince días por mor das obras que se estaban a realizar no pavimento e que supuxeron un investimento de 120.000 euros. As labores que se realizaron durante este periodo inclúen a nova pavimentación e o seu repintado.

*

A biblioteca de Ordes recibe aos rapaces das escolas de Beán, Merelle, Montaos e Buscás



Disfrutaron do relato A maleta de Lila, escenificado pola compañía Sorrisos

A biblioteca municipal de Ordes recibiu esta mañá a visita dunha treintena de alumnos e alumnas das escolas unitarias de Beán, Merelle, Montaos e Buscás. As encargadas do centro explicáronlles o funcionamento e servizos que se prestan dende a biblioteca, ademáis de facerlle entrega do seu carné de socios. 

Tras as explicacións e o percorrido polas distintas salas do centro todos eles tiveron ocasión de desfrutar e divertirse co relato ‘A maleta de Lila’ escenificado pola compañía Sorrisos. Posteriormente foron os propios rapaces e rapazas quenes relataron un conto preparado previamente por eles mesmos. 

*

jueves, 17 de mayo de 2012

Máis de 600 veciños homenaxearon aos premiados na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes


Premiados polo concello de Ordes na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
A gala contou con dous invitados de excepción: Francisco González, 'Fran' (ex Deportivo) e Milorad Ratkovic (ex Celta)

Manuel Regos: “Esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”

Máis de seiscentos veciños e veciñas dos sete concellos da comarca de Ordes encheron o pavillón municipal de Sigüeiro durante a celebración da quinta edición da Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, celebrada na noite de onte mércores en Oroso. Unha gala na que recolleron o seu galardón os 35 deportistas e entidades deportivas galardoadas, ben polo seu traballo no 2011, ben pola súa traxectoria ao longo da súa vida.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, asegurou que “a práctica deportiva ten un papel fundamental na vida dos nosos cidadáns, pois permite acadar un benestar físico, mental e social a todas as idades, constituíndo un dos piares fundamentais para levar unha vida saudable”. Regos Boquete asegurou que “dende os Concellos apoiamos decididamente o deporte, realizando investimentos para crear e mellorar espazos, instalacións e organizando diversas actividades e eventos deportivos”.

O presidente da Mancomunidade de Ordes explicou que “esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”, polo que felicitou aos 35 premiados e os animou a “continuar traballando e superándose cada día”.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, amosou o apoio do Concello que preside ao deporte.
Entrega de premios
A V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes foi organizada polo Concello de Oroso e patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña. Contou, así mesmo, coa colaboración das empresas Base, Sportec Deportes e Deportes Capitán, que entregaron medallas e agasallos a todos os premiados. A Gala, que tivo unha duración de algo máis de dúas horas, foi presentada pola presentadora da TVG Irene Lourido e o locutor Gonzalo Faílde. 

Canda o anfitrión, Manuel Mirás, alcalde de Oroso, e Manuel Regos, tamén asistiron os alcaldes de Frades, Miguel Prado; Mesía, Mariano Iglesias; Tordoia, Antonio Pereiro; e Trazo, Xosé Dafonte; así como numerosos concelleiros dos sete concellos da comarca de Ordes. O alcalde de Cerceda, Xosé Luís Liñares, excusou finalmente a súa presencia, polo que o Cerceda estivo representado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Sánchez.

Ademais, a V Gala do Deporte contou coa participación de dous invitados especiais: Francisco González 'Fran' e Milorad Ratkovic, ex xogadores do RC Deportivo da Coruña e do RC Celta de Vigo, respectivamente, que espertaron moita espectacion entre todos os presentes. Así mesmo, tamén asistiu á gala o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa.

Os deportistas máis novos de Ordes, recibindo as súas medallas de mans da tenente de alcalde, Silvia Marín.
Premio Promesa Concello de Ordes
Se ben os xestos de aprezo estiveron presentes durante toda a Gala, houbo dous momentos especialmente tenros. En primeiro lugar, a entrega do premio promesa do Concello de Ordes, coa subida ao escenario de varias deceas de pequenos de idades comprendidas entre 4 e 5 anos, onde a anécdota a protagonizou un dos pequenos que fixo un amago de escapar sen recibir a súa correspondente medalla.

Momento da exhibición das rapazas do C.D. Ximnasia Rítmica orosán
Ximnasia rítmica
O outro momento emotivo da sesión tivo lugar coa exhibición a cargo das rapazas do CD Ximnasia Rítmica orosán, a única escola que o C.D. Ximnasia Rítmica Compostela imparte fóra do termo municipal de Santiago. As pequenas ximnastas de Oroso amosaron a súa gran técnica nunha pequena actuación que foi moi aplaudida por todos os presentes.

Finalmente, os profesores da Aula de Música do Concello de Oroso puxeron o punto e final a Gala, interpretando varias pezas musicais. Xa fora do pavillón, e no medio dunha noite cunha temperatura moi agradable, a ED Xuventude Oroso e o Sigüeiro FC ofreceron unha festa con chourizos e mexillóns, amenizados por un dúo musical.

Os alcaldes dos municipios da Mancomunidade de Municipios de Ordes  presentes hoxe na gala.
Premiados polo Concello de Ordes
Entre os premiados estiveron representados todas as modalidades deportivas, aínda que as máis representadas volven ser un ano máis o fútbol (13) e o atletismo (7), seguidos doutras modalidades como iudo, taekwon-do, hockei, tenis de mesa, rallies, patinaxe, salvamento ... e novidades como o a ximnasia rítmica ou os raids e carreiras de orientación. Os premiados nesta quinta Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes son:

 CONCELLO DE ORDES
1º PREMIO: Club SEO (carreiras de orientación e raids de aventura). Son campións da Liga Galega de Raids de Aventura e de Orientación (en categoría H-35). En 2011 tamén foron campións en Aventura no II porteAventura Raid e no II PontevedRAID, así como segundos en Aventura no I Raid de Xermade e en Elite e Aventura (Liga Galega) no Somozas Extreme.

2º PREMIO: AC Ordes Senior (hockey sobre patíns). Durante a pasada tempada conseguíu invicto o ascenso á Primeira División Nacional, antesala da OK Liga. A pesar das dificultades económicas, ten garantizado a súa permanencia.

3º PREMIO: Asociación Deportiva de Ordes (fútbol sala, tenis, tute, dardos), polas actividades que leva organizado ao longo dos seus tres anos de vida e polas que pasaron máis de 600 persoas.

CATEGORÍA PROMESA: SD Órdenes categoría Biberóns (fútbol base), nacida nesta tempada 2011-2012 co obxectivo de crear canteira, achegar e crear afección ao deporte do fútbol nos máis novos do concello (4-5 anos)

RECOÑECEMENTO ESPECIAL: Juan Fuentes Fernández (hockey e fútbol). Foi campión galego  e subcampión de España Infantil de Hockey co Liceo.Empezou a práctica do fútbol no 1993 e xogou ata o 2010 nos equipos: SD Club Ordes, SD Compostela e SD Ponferradina. Foi seleccionado pola Selección Galega Absoluta de Fútbol.

*

Ordes celebrou o Día Mundial da reciclaxe con obradoiros e xogos para os máis novos



Unha actividade desenvolvida conxuntamente co persoal de Cruz Vermella de Ordes

Unha veintena de rapaces e rapazas de Ordes participaron hoxe nas actividades que o Concello organizou con motivo do Día Mundial da Reciclaxe. Unha iniciativa desenvolvida conxuntamente co persoal da Cruz Vermella de Ordes e que tivo lugar no parque Félix Rodríguez de la Fuente.

Alí todos os participantes realizaron xogos cos que aprenderon a seleccionar e clasificar correctamente os distintos tipos de lixo, ademáis de ter que depositalos nos correspondentes contedores. 


*

A biblioteca acolle os debuxos e pinturas dos rapaces ordenses



Moitos deles recibiron agasallos de xogos, peluches e libros tras un sorteo

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2012, a biblioteca municipal de Ordes expón unha serie de debuxos e pinturas realizados por rapaces e rapazas con idades entre os 3 e 12 anos. Na tarde de onte, moitos deles recibiron un agasallo tras un sorteo. Xogos, peluches e moitos libros foron algúns dos premios que este ano se repartiron entre todos os participantes. 

Certame de poesía
Por outra banda, de cara o vindeiro venres 25 de maio levarase a cabo a lectura dos poemas gañadores do Certame de Poesía Concello de Ordes. Será a partir das 20:00 horas nun programa especial que Radio Ordes realizará con este motivo.

*

miércoles, 16 de mayo de 2012

O Concello de Ordes convoca un curso de deseño gráfico para desempregados e autónomos


Serán 45 as horas de duración das cales quince son presencias e trinta de teleformación

O Concello de Ordes e a Asociación de Traballadores Autónomos veñen de convocar un curso de deseño gráfico. En total ofértanse dezaseis prazas das cales seis están destinadas a persoas en situación de desempleo e as nove restantes a autónomos. En total levaranse a cabo dúas accións formativas que se desenvolverán na aula de informática ubicada na Casa da Cultura a partir do vindeiro mes de xuño.

O curso constará de 45 horas, das cales quince son presenciais e trinta de teleformación. O horario presencial irá dende o luns día 4 ata o xoves 8 de xuño de 20:00 a 23:00 horas, coa fin de que os interesados poidan compatibilizalo co seu horario laboral.

Máis información
Os interesados e interesadas poden dirixirse á Axencia de Emprego e Desenvolvento Local, situada no primeiro andar da casa do Concello, chamar ó 981680002 ou ó 981680157, ou se o prefiren poden consultar na web municipal www.concellodeordes.com.

*

I Concurso de Creación de Xoguetes de lixo



Haberá un premio especial para os dez mellores traballos

Co gallo do Día Mundial da Reciclaxe que se celebrará o vindeiro xoves, o Concello de Ordes convoca o I Concurso de Creación de Xoguetes a partir de lixo para  rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Os interesados deberán construir un xoguete a partir de materiais de refugallo como bricks, latas, cartóns, latas, etc.

A data límite para facer entrega dos traballos será o 1 de xuño no departamento de Medio Ambiente, situado no primeiro andar do edificio consistorial. Os trinta primeiros xoguetes recibidos obterán un agasallo sorpresa, mentres que os dez mellores obterán un premio especial. 

A entrega de todos estes obsequios realizarase o 5 de xuño coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.

*

lunes, 14 de mayo de 2012

Un cento de ordenses asisten na Coruña a un acto de reafirmación do ideario popular de Feijóo



Martínez Sanjurjo departíu con diferentes cargos políticos e institucionais


Un cento de ordenses asistíu o pasado sábado, no recinto de Expocoruña da cidade herculina, a un acto organizado pola sede provincial do Partido Popular para reafirmar o ideario desta formación. O acto se produce tres anos despois da victoria electoral de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas e un ano despois das eleccións municipais.


Ordenses participantes
A agrupación local do Partido Popular de Ordes fletou un autobús para trasladar ata A Coruña a un nutrido grupo de militantes e simpatizantes, pero foron tamén numerosas as persoas que acudiron nos seus vehículos particulares.

A representación institucional do PP ordense estivo encabezada polo seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo, e os concelleiros do grupo municipal popular.


5.000 participantes
Durante o acto, no que se deron  cita unhas 5.000 persoas, entre as que ademais do presidente do Partido Popular de Galicia e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, se atopaban varios conselleiros, o presidente da Deputación provincial da Coruña, Diego Calvo, e varios alcaldes, deputados e senadores populares. Martínez Sanjurjo tivo ocasión tamén de departir con diferentes cargos políticos e institucionais do Partido Popular de Galicia.

O Partido Popular de Ordes agradeceu e valorou a elevada resposta que esta convocatoria acadou entre os seus militantes e simpatizantes e considerou que esa receptividade acredita a crecente aceptación dos seus postulados entre os veciños e veciñas de Ordes.


*

Os grupos municipais, unidos na defensa da identidade de Ordes


Momento do Pleno extraordinario do Concello de Ordes celebrado esta mañá nos baixos da Alameda.
UxO, PP, PSOE, BNG e CideGa están de acordo en manter o Partido Xudicial de Ordes

Instarán á Xunta de Galicia ao seu mantemento

Aprobado o crédito de pagamento do crédito a provedores

Cos nove votos a favor do equipo de Goberno, PSOE e CideGa, esta mañá aprobouse en pleno extraordinario  o crédito correspondente ó Plan de Pagamento a Provedores impulsado polo Ministerio de Facenda. Unha medida que no caso de Ordes ascende a 2,7 millóns de euros. 

Ante as críticas verquidas tanto polo BNG como polo PP, Silvia Marín pediulle aos voceiros de ambas formacións que “deixen de facer demagoxia con este asunto xa que é o mesmo interventor municipal quen o apoia a través dun informe favorable,  respecto á petición de crédito a longo prazo polo importe das obrigas pendentes” 


"Investir en bens e servizos"
Marín tamén quiso lembrar “que foi a crise económica a que trouxo un descenso nos ingresos das administracións locais” e que “si a cifra lles parece moito é porque a diferencia doutros concellos o de Ordes incluiu todas as facturas pendentes de pagos. Tamén hai que ter en conta que somos un concello que medra no número de habitantes, polo que nos vemos obrigados a investir en bens e servizos para os veciños”.  A tenente alcalde de Ordes criticou a actitude dos populares e nacionalistas aos que acusou de querer “paralizar o Concello” e de non contribuir para “que os proveedores de Ordes poidan cobrar” votando en contra.

Os socialistas votaron a favor da operación porque “pensamos que é importante que eses proveedores cobren canto antes”. Sen embargo, votaron en contra da aprobación inicial da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para aumentar a dotación de solo industrial. Xesús Pedreira explicou que “nestes tempos de crise económica non podemos deixar unicamente na iniciativa privada a posta en marcha no novo polígono industrial, pois a iniciativa privada non será quen. É necesario que a iniciativa pública tamén esté presente, ben a través de SEPES, ben a través de Xestur”. 

Pola súa banda, o BNG votou en contra dunha medida “que hipotecará aos veciños de Ordes para os próximos dez anos, ao pagar case un millón de euros de intereses por un préstamo de 2,8 millóns, reducindo en 400.000 euros anuais os servizos públicos e subindo os impostos en 300 euros anuais ás familias medias”, tal e como manifestou a concelleira Montserrat Rei.


Rei, que disculpou a ausencia neste Pleno do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, por razóns de saúde, acusou ao alcalde de “intentar meter o lixo debaixo da alfombra, intentar pagar moitos gastos de difícil xustificación que nin sequera foron incluidos nos respectivos orzamentos anuais durante os últimos catro anos”.



Solo industrial
O segundo punto abordado esta mañá foi a modificación puntual das normas para a dotación a través do sistema de compensación de solo industrial asinando un convenio cos veciños no polígono de Pardiñas. Máis do 50% dos propietarios apostan por un convenio de compensación que permitiría a entrada de capital privado nesta iniciativa, a pesar de que nun principio o Concello plantexou un sistema directo de  cooperación coa entidade local. 

“Temos que asinar un convenio onde todos estemos de acordo e fixar uns prazos. É labor do Concello velar polo cumplimento dos consensos acordados e de dito sistema”, asegurou Silvia Marín que tamén precisou que “de non cumprirse teriamos que voltar ó sistema de cooperación e xestión directa”.  

A iniciativa quedou aprobada cos sete votos a favor de UXO, mentres que PSOE BNG e CideGa votaron en contra (tres votos) e a abstención dos populares (seis votos). Tanto PSOE como CideGa e BNG puxeron de manifesto o seu temor a que a entrada de capital privado se traduza nunha especulación coas parcelas. Pola súa banda o PP asegurou non querer pronunciarse ata que manteña contactos cos propietarios dos terreos e que eles mesmos lles informen sobre o seu punto de vista.

Neste punto Silvia Marín recriminoulle á nacionalista Montserrat Rei as declaracións publicadas nestes días nas que se asegura que o alcalde de Ordes “renuncia ó impulso do polígono industrial de Pardiñas”. Marín demandoulle responsabilidade ós nacionalistas á hora de manifestar na prensa o seu ideario “algo que todos podemos facer pero sin mentir”, e mostrou a súa sorpresa ante ditas afirmacións xa que “iso nunca se falou nas comisións que mantivemos, polo que eu xa non sei se é que non asistimos ás mesmas xuntanzas ou é que non nos cinguimos ós puntos presentados en tales encontros. “En todo momento a nosa actitude é a de sacar adiante este proxecto atendendo ós intereses e preferencias dos veciños implicados nel”, puntualizou Silvia Marín.

O BNG votou en contra da privatización da xestión do hipotético polígono empresarial de Pardiñas. Montserrat Rei, afirmou que “o BNG propuxo na comisión de urbanismo que se asegurase a participación pública na promoción do polígono, para garantir o acceso ás parcelas con prezos asequíbeis e evitando a especulación, mais o alcalde negouse a contemplar esta iniciativa do BNG”. Rei afirmou que “o alcalde estivo enganando aos veciños de Ordes coa falsa promesa electoral dun novo Polígono, e agora pretende escurrir o bulto pasándolle a pelota aos propietarios dos terreos”.

Partido Xudicial
Finalmente, o Pleno municipal de Ordes aprobou por unanimidade esixir o mantemento do Partido Xudicial de Ordes, tal e como solicitara a semana pasada a Agrupación Socialista de Ordes. Todos os concelleiros apoiaron un texto común elaborado polo secretario Municipal do Concello de Ordes.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Xesús Pedreira, agradeceu o apoio de todas as forzas políticas “diante unha decisión que perxudica a Ordes e aos seus veciños, tanto dende o punto de vista económico como xudicial”. Pedreira Mirás amosou o seu especial agradecemento ao grupo do BNG e anunciou que “votarei a favor da proposta do BNG de que se quiten as taxas xudiciais porque estou totalmente de acordo, pero esta demanda non tiña sentido que se incluíse na moción aprobada hoxe”.

Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “agradecemos que o Pleno aceptase a inclusión dos puntos propostos polo BNG na súa emenda, que vímonos obrigados a presentar para modificar a proposta de acordo que foi incluida coa convocatoria do Pleno, porque na mesma non se instaba a ningunha Administración competente a defender o mantemento do partido xudicial de Ordes”.

Así, a proposta aprobada polo pleno ordense require ao Consello Xeral do Poder Xudicial que manteña Ordes como partido xudicial e insta ao Ministerio de Xustiza a que, no caso de que se produza a tramitación dun proxecto de lei que modifique a Lei 38/19988 de 28 de decembro, e manteña nesa reforma o actual partido xudicial de Ordes.


Defensa da Xunta
Ademais, demándase da Xunta de Galicia que defenda expresamente o mantemento do partido xudicial de Ordes e os xulgados número 1 e 2 actualmente existentes no municipio. Ademais, o Concello de Ordes remitirá este acordo aos municipios que integran o partido xudicial de Ordes para solicitarlles o apoio ao mantemento de Ordes como partido xudicial. O partido xudicial de Ordes están composto polos concellos de Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra, o que supón unha superficie de 752,94 km2 e 37.604 habitantes.

O escrito aprobado esta mañá explica que a eliminación do partido xudicial ordense “tómase dende os despachos de Madrid sen ter en conta, como vén sendo habitual, as características peculiares dos territorios onde se implantará a reforma, cal é o noso caso de Galicia, cunhas características moi peculiares (dispersión da poboación, envellecemento da mesma, comunicacións, etc). Por outra banda, e aínda que nun principio négase que se vaian a pechar xulgados, é de temer que coa nova Planta Xudicial isto se leve a cabo sen remisión”.

A moción aprobada hoxe lembra que Ordes conta con dous xulgados nunha sede xudicial moderna e funcional que supuxo un importante investimento por parte do Concello e a Comunidade Autónoma. A eliminación dos xulgados en Ordes supoería para a cidadanía do Concello un grave perxuizo, ao teren que desprazárense ata Santiago.


*

Cruz Roja de Ordes conmemora o Día Mundial da Reciclaxe cun obradoiro para os xóvenes


As actividades terán lugar na biblioteca municipal e os asistentes recibirán un agasallo pola súa participación

Inscricións no teléfono 670 261 201


Co gallo do Día Mundial da Reciclaxe que terá lugar o próximo mércores, os membros de Cruz Roja de Ordes teñen prevista a celebración dun obradoiro de reciclaxe. Baixo o lema ‘Moviéndonos por el reciclaje’ rapaces e rapazas de 6 a 10 anos poderán aprender a diferenciar correctamente os distintos materiais e os contedores nos que se debe depositar o lixo. 

Para elo non só se valeran de libros e manuais, senón que o persoal de Cruz Roja de Ordes ten preparados unha serie de divertidos xogos que se desenvolverán ó aire libre en moitos casos. Ademáis todos os participantes recibirán un agasallo. A cita será a partir das 18:00 horas na biblioteca municipal.

Os interesados en participar aínda están a tempo de inscribirse nas oficinas situadas nos baixos da Alameda. Tamén o poden facer a través do teléfono 670 261201.

*

domingo, 13 de mayo de 2012

Recicla o teu aceite de cociña



Ubicación dos contedores:
  1. Avenida de Alfonso Senra, 108 (Diante da Casa do Concello)
  2. Avenida de Alfonso Senra, 43 (Diante do Supermercado DIA)
  3. Rúa de Campeiras, 4 (Fronte á Agropecuaria Castiñeiras)
  4. Rúa de Mundito, 8. (Fronte á Vinoteca Cosecha 2008)
  5. Campo da Feira (Ao lado da Escola de Música)
  6. Rúa Pascual Veiga, 1
  7. Rúa de Galicia (En fronte á Casa da Cultura)
  8. Mesón do Vento

O Club Patí Voltregá álzase en Ordes co campionato de España alevín de hoquei a patíns


O equipo barcelonés C.P. Voltregá alza a copa de campións de España alevíns de hoquei a patíns.
O A.C. Órdenes quedou en última posición

Despois de tres días de competición, o equipo de Sant Hipòlit de Voltregá (Barcelona), Club Patí Voltregá, alzouse coa victoria no campionato de España alevín de hoquei a patíns que tivo lugar en Ordes esta fin de semana.


Clasificación
O segundo posto foi para o Club Hoquei Sant Josep de Badalona, mentres que no terceiro lugar posicionouse o Clube A.A.Dominicos da Coruña. Completando a clasificación xeral están Rivas las Lagunas, Alcobendas, Josaleta e o A.C. Órdenes, respectivamente.

*

O BNG, a favor da participación pública no polígono de Pardiñas

Montserrat Rei acusa a Manuel Regos de "renunciar" a impulsar esta zona industrial de Ordes

A concelleira do BNG de Ordes, Montserrat Rei, afirmou onte que o alcalde, Manuel Regos pretende aprobar no Pleno que se celebrará mañá, “a renuncia do Concello de Ordes a impulsar e promover o polígono industrial de Pardiñas”.

Rei salientou que “o alcalde propón para este Pleno modificar o sistema de xestión do hipotético polígono industrial de pardiñas, eliminando a participación da administración pública e deixando exclusivamente á iniciativa privada a súa promoción e desenvolvemento”.

Montserrat Rei, afirmou que “o BNG propuxo na comisión de urbanismo que se asegurase a participación pública na promoción do polígono, para garantir o acceso ás parcelas con prezos asequíbeis e evitando a especulación, mais o alcalde negouse a contemplar esta iniciativa do BNG”.

A concelleira nacionalista acusou ao alcalde de Ordes “de liquidar definitivamente a posibilidade de ampliar o solo industrial de Ordes con prezos asequibles cun polígono industrial na zona de Pardiñas”.

Retraso do PXOM
Rei afirmou que “o alcalde estivo enganando aos veciños de Ordes coa promesa electoral dun novo polígono, cando non fixo nada para impulsala como o demostra o retraso deliberado da tramitación do novo PXOM, e agora pretende eludir as súas responsabilidades pasándolle a pelota aos propietarios dos terreos”.

A concelleira do BNG finalizou facendo fincapé en que “o alcalde renuncia a levar a cabo un proxecto que podería atraer novas empresas e actividades ao noso concello, condenando a Ordes a seguir soportando unha das cifras de desemprego máis altas da provincia da Coruña, con máis de 1.270 desempregados rexistrados”. 

*

viernes, 11 de mayo de 2012

A biblioteca municipal acolle unha mostra de debuxos co gallo do Día das Letras Galegas



O mércores 16 de maio se celebrará o sorteo dun lote de libros e outros agasallos entre todos os participantes

Co gallo do Día das Letras Galegas que se celebra cada 17 de maio en lembranza do día e mes do ano de 1863 no que se publicou Cantares Gallegos, a biblioteca municipal de Ordes está a expoñer debuxos e pinturas realizados polos seus mais novos usuarios, rapaces e rapazas con idades entre os 3 e 12 anos. 

Se trata dunha iniciativa desenvolvida polo Concello de Ordes e que este ano ten como tema a Comunidade Autónoma de Galicia. O próximo mércores 16 de maio, a partir das 17:30 horas, levarase a cabo o sorteo dun lote de contos e outras sorpresas entre todos os participantes.

*

O BNG presenta unha enmenda que defende con máis forza o Partido Xudicial de Ordes

Demanda, entre outras, a defensa pola Xunta de Galicia do actual partido xudicial de Ordes

A concelleira do BNG de Ordes, Montserrat Rei Patiño, ven de presentar unha enmenda ao punto terceiro da Orde Día do Pleno extraordinario do próximo luns acordando as seguintes propostas:

1. Rexeitar a proposta de “Bases para unha nova Demarcación Xudicial”, elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o 3 de maio de 2012, e defender expresamente o mantemento do actual partido xudicial de Ordes.

2. Instar ao Ministerio de Xustiza a que no caso de que se produza a tramitación dun proxecto de lei que modifique a Lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial, se manteña nesa reforma o actual partido xudicial de Ordes.

3. Demandar, dos Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado, a defensa o mantemento do actual partido xudicial de Ordes, no caso de que se inicie a tramitación dun proxecto ou proposición de lei de modificación da Lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial.

4. Demandar do Goberno da Xunta de Galiza que, no exercicio das súas competencias, defenda expresamente o mantemento do partido xudicial de Ordes, diante das posíbeis iniciativas lexislativas que poidan tramitarse para modificar a Lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial. 

Montserrat Rei Patiño.
Retirada do anteproxecto
5. Instar ao Ministerio de Xustiza a que retire o anteproxecto de lei, avalado o 30 de marzo polo Consello de Ministros, que obriga a todos os cidadáns a pagar taxas xudiciais, para poder exercer o seu dereito á tutela judicial efectiva e acodir aos Xulgados e Tribunais.

6. Dar traslado do presente acordo ao Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao Ministro de Xustiza, aos portavoces dos Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado e ao Presidente da Xunta de Galiza.

7. Dar traslado do presente acordo plenario aos Concellos afectados pola hipotética supresión do partido xudicial de Ordes, coa finalidade de que se adhiran ao mesmo mediante os respectivos acordos das súas corporacións municipais. 
*

Pleno extraordinario luns 14 ás 08:00 horas


O IES nº 1 de Ordes homenaxeou a Díaz Pardo



Unha conferencia de Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño descubre a vida e obra do galeguista aos estudantes ordenses 

O IES Nº1 de Ordes inaugurou hoxe  a exposición sobre Isaac Díaz Pardo co fin de achegarlle a súa obra e figura a todos os alumnos do centro. Dentro dos actos previstos tamén se desenvolveu unha conferencia que por motivos de espazo trasladouse á Casa da Cultura de Ordes. 


Ponentes
Os encargados de amosar aspectos da vida e obra deste gran galeguista, artista e intelectual foron Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño, colaborador do artista no Instituto Galego da Información. Os máis de 200 asistentes tamén tiveron a oportunidade de disfrutar dun pequeno recital ofrecido polos músicos  Mini e Mero.

*

O Concello convoca un curso de carretilleiro


Serán 18 horas de formación sobre seguridade, condución e mantemento no Mesón do Vento

O Concello de Ordes convoca un curso de carretilleiro para persoas desempregadas e traballadores. En total serán 18 horas de clases teóricas e prácticas que se impartirán nunha nave situada en Mesón do Vento.

Normas de seguridade, conducir carretillas elevadoras con precisión, realizar operacións de mantemento e reparacións ou conducir dacordo coas normas de seguridade e prevención de riscos laborais son algúns dos obxetivos principais deste plan de formación. O curso ten varias horas a distancia nas que os alumnos poderán contactar co tutor para resolver as dúbidas que poidan surxir en relación co manual que se lles proporcione.

Inscricións
Os interesados en inscribirse poden facelo na Axencia de emprego e desenvolvemento local situada no primeiro andar da Casa do Concello. Tamén se poderá obter máis información chamando ó teléfono  981 681 483 ou a través da páxina web do Concello, www.concellodeordes.com.

*

jueves, 10 de mayo de 2012

Os grupos municipais de Ordes, de acordo co PSOE en manter o Partido Xudicial de Ordes

O documento consensuado será elevado ao Pleno municipal

Os grupos políticos municipais de Ordes apoian a petición da Agrupación Socialista ordense de que se manteña o Partido Xudicial de Ordes. Así o acordaron durante unha comisión informativa celebrada esta mesma mañá, na que decidiron elaborar un escrito conxunto para enviarllo ao Consello Xeral do Poder Xudicial.

O secretario municipal de Ordes será o encargado de redactar o devandito documento, que será elevado ao pleno municipal do vindeiro 31 de maio. Esa proposta conxunta dos distintos grupos municipais de Ordes será enviada posteriormente ao Consello Xeral do Poder Xudicial “xa que todos coincidimos na necesidade de que se manteña o Partido Xudicial de Ordes, sobre todo pola dispersión da poboación nesta área”, explica Pedreira.

Novo deseño
Os socialistas entenden que a desaparición de Ordes como Partido Xudicial, debido a un novo deseño de Demarcación Xudicial acordado polo Consello Xeral do Poder Xudicial o pasado 3 de maio, “perxudica a Ordes tanto no económico como no xudicial, e podería poñer en perigo nun futuro próximo a supervivencia dos dous xulgados que actualmente temos na vila de Ordes”, sinala Pereira Mirás.

*