jueves, 10 de mayo de 2012

A Mancomunidade de Ordes ensinará ás mulleres a encontrar traballo

As alumnas aprenderán a elaborar o seu currículum, cartas de presentación, como actuar nunha entrevista de traballo e os seus dereitos e obrigas no ámbito laboral

A Mancomunidade de Municipios de Ordes organiza unhas xornadas gratuitas de orientación laboral para mulleres residentes na comarca de Ordes. Unhas xornadas de dez horas de duración que terán lugar nos concellos de Ordes e de Oroso, aínda que están abertas á participación de calquera veciña da comarca ordense. As xornadas desenvolveranse durante tres días, en horario de 10 a 13:00 horas. 

A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Centro de Información á Muller (981 682 108), para asistir ás xornadas de Ordes, que se celebrarán do 23 ao 25 de maio na aula de formación da rúa L. Xoxardo; ou ben nos Servizos Sociais de Oroso (981 688 950), para asistir ás xornadas de Oroso, que terán lugar do 28 ao 30 de maio no centro cultural Fernado Casas e Novoa.

Contidos dos xornadas 
Durante a primeira mañá, os técnicos do Servizo Emprega e do Centro de Información á Muller ensinarán ás asistentes a deseñar o seu itinerario persoal, aprendendo a elaborar o seu currículum e carta de presentación, como afrontar unha entrevista de traballo e coñecendo as distintas fontes de emprego existentes.

Durante a segunda mañá, as alumnas adentraranse no mundo dos certificados de profesionalidade, que supoñen un recoñecemento da experiencia laboral para persoas que non teñen conseguido un título académico previo. A terceira xornada estará adicada aos dereitos e obrigas no ámbito laboral e nela analizarase polo miudo as claves da nova reforma laboral e farase unha semblanza do mercado laboral en Galicia. Ambas xornadas rematarán cunha hora de formación a distancia.

Estas xornadas están organizadas pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, en colaboración co Concello de Oroso e co Concello de Ordes, así como co Fondo Social Europeo, a Xunta de Galicia, a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia e o CIM de Ordes.

A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“O obxectivo destas xornadas é facilitarlles ás participantes os contidos básicos precisos para que deseñen o seu itinerario persoal, así como coñecer as ferramentas para a busca activa de emprego e os detalles da última reforma laboral”

*

Ordes acollerá o campionato de España alevín de hoquei a patíns


Do 11 ao 13 de maio no pavillón Castelao

Ordes acollerá dende o 11 ata o 13 de maio o campionato de España de hoquei a patíns na categoría alevín. Unhas probas que se desenvolverán no pavillón Castelao a partir das  09:30 horas.

Os equipos participantes son a A.C. Órdenes, A.A. Dominicos, C.P. Voltrega, C.P. Alcobendas, Rivas Las Lagunas, Sant Josep e Jolaseta.




Organizadores
O campeonato está organizado polo Concello de Ordes e o A.C. Órdenes coa colaboración do Consejo Superior de Deportes, Deporte Galego, Federación Galega de Patinaxe e a  Real Federación Española de Patinaje.


* 

martes, 8 de mayo de 2012

Os socialistas de Ordes, preocupados ante os perxuizos da nova demarcación xudicial


Novo deseño da demarcación xudicial de Galicia.
Xesús Pedreira: "O cambio pode poñer en perigo nun futuro próximo a supervivencia dos dous xulgados que actualmente temos en Ordes”

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, vén de instar ao alcalde ordense, Manuel Regos, a que de forma urxente convoque aos voceiros municipais para solicitar un pleno extraordinario no que debater o novo deseño de demarcación xudicial, que supón a desaparición de Ordes como Partido Xudicial. 

Xesús Pedreira, explica que “os socialistas entendemos que esta desaparición de Ordes como Partido Xudicial perxudica ao concello, tanto no económico como no xudicial, e pode poñer en perigo nun futuro próximo a supervivencia dos dous xulgados que actualmente temos na vila de Ordes e polos que tanto loitou o grupo socialista”.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
Unificar forzas
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes apunta que a desaparición dos xulgados ordenses “podería darse se onde se localice a capital no novo Partido Xudicial, Santiago, se cree unha Cidade da Xustiza onde se centralicen todos os xulgados”. 

Por iso, os socialistas de Ordes buscarán unificar as forzas políticas do municipio de cara a manter un criterio único que permita manter o Partido Xudicial de Ordes fronte ao novo deseño de Demarcación Xudicial.

O 19 de abril de 2012 o Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou un documento cos principios e criterios básicos para o deseño das circunscripcións xudiciais de España. Así, o pasado xoves 3 de maio, a mesma institución aprobaba un novo mapa xudicial no cal desaparece Ordes como Partido Xudicial.

*

domingo, 6 de mayo de 2012

A III Exhibición Municipal de Patinaxe Artística Ordes 2012 enche o pavillón Castelao



Foron preto de 250 os patinadores participantes, chegados de Ordes, Cambre e Carral

Esta mañá tivo lugar no pavillón Castelao a III Exhibición Municipal de Patinaxe Artística Ordes 2012 coa participación de preto de 250 patinadores de distintas idades. En total foron vinte os equipos con representantes pertencentes a distintas categorías chegados de distintas partes da provincia. De Ordes contouse coa participación dos clubes Campomaior, Alquimia e Castelao. Dende Laracha acercouse o C.P Coruxo, mentres que de Cambre e Carral asistiron os patinadores do Torrente Ballester e do EM Carral, respectivamente.


Coreografías
Familiares, amigos e seguidores abarrotaron as gradas do polideportivo Castelao para poder disfrutar das coreografías representadas por rapaces e rapazas con idades entre os 5 e os 17 anos. Misión imposible, Single lady, Cantando bajo la lluvia ou Dirty Dancing foron algúns dos  títulos que animaron a todos os asistentes. 


Víctor, campión provincial
Víctor, campión provincial cadete, ofreceu unha exhibición do seu bo facer, deixando patente que o título  que ostenta é ben merecido dado o dominio que ten sobre os patíns e a súa calidade interpretativa.

Medallas
Tras a participación de cada equipo todos os participaron saltaron á pista onde o concelleiro delegado de Deportes de Ordes, Roberto Iglesias, e a concelleira de Discapacidade, Lucía Iglesias, fixeron entrega de medallas a cada un dos participantes nesta nova edición organizada  polo Concello de Ordes.


*

Un milleiro de persoas déronse cita na feira Andina do Mesón do Vento



Este centenario encontro gandeiro empresarial celebrarase o primeiro o terceiro sábado de cada mes 

A feira da Adina celebrada onte no Mesón do Vento congregou a máis dun millar de persoas. Dende hai máis dun seculo esta feira vense sucedendo ininterrumpidamente, polo que o Concello de Ordes decidiu apoiar a iniciativa popular de renovar este mercado de gando que, entre outras novidades, ten previsto a celebración de xornadas temáticas baseadas en productos galegos.


Celebración
O Concello de Ordes ten previsto a celebración deste centenario encontro gandeiro empresarial o primeiro e terceiro sábado de cada mes. 

*

sábado, 5 de mayo de 2012

A ronda leste, primeiro paso de cara á definitiva 'humanización' da vila de Ordes

A rúa Real de Ordes, rebautizada en agosto de 1923 como avenida de Alfonso Senra, nunha foto dos anos 40.

A debate a peatonalización do tramo da avenida de 
Alfonso Senra entre o Nogallás e a Casa do Concello (I)

A historia contemporánea do concello de Ordes está irremediablemente unida á estrada nacional 550 A Coruña-Tui. Xa baixo a histórica denominación de ‘carretera de La Coruña’, a vía aparecía inmortalizada, ao seu paso pola parroquia ordense do Mesón do Vento, en La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín. 


Existe tamén a certeza de que Federico García Lorca pasou por Ordes, no seu camiño por esa mesma estrada entre A Coruña e Santiago de Compostela co grupo teatral de La Barraca, na mañá do mércores, 24 de agosto de 1932.

Un 'pellejero' de Sogama xira dende a avenida de Alfonso Senra para entrar na rúa do Recreo de Ordes.
Ordes, apeadeiro
Pero sería dende mediados do século XX, coa proliferación do tráfico rodado polas carreteras españolas, cando a vila de Ordes gañou boa parte da súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre ambas principais cidades da provincia coruñesa. Un traxecto de 62 quilómetros e dunhas dúas horas de duración que convidaba a moitos a facer un alto na metade do camiño, precisamente á altura da vila de Ordes. Establecementos hosteleiros como o Nogallás, o bar Juanito ou o restaurante El Túnel deron boa conta durante décadas deste filón comercial á hora de despachar comidas, cafés e tamén os populares 'queiques' aos viandantes.

En setembro de 1976, a primeira ameaza chegaba a este próspero negocio surxido ao amparo do tráfico rodado. Autopistas del Atlántico (AUDASA) daba comezo ás obras da autoestrada Santiago-A Coruña que finalmente, na tarde do 27 de abril de 1979, entraba en funcionamento. A distancia entre unha e outra cidade reducíase en dous quilómetros e cubríase en apenas trinta e cinco minutos baixo unha peaxe de 50 pesetas.

O proxecto da ronda leste, tal e como foi presentado pola Xunta de Galicia e o Concello en febreiro do 2009.
Seis mil camións diarios
O certo é que a pesares da entrada en funcionamento desta importante infraestrutura que é a AP-9, a vila de Ordes seguiu a rexistrar un altísimo volume de tráfico pesado  cifrado en 2009 por fontes municipais en “máis de seis mil camións diarios”. 


Así, e durante estas tres últimas décadas, Pleno tras Pleno, Goberno tras Goberno e lexislatura tras lexislatura, a posición prácticamente unánime de todos os grupos municipais do Concello de Ordes fronte ao insoportable tráfico que diariamente ven acollendo a avenida de Alfonso Senra parecía non concretarse en nada. En outubro do 2007, A Galega emitía unha reportaxe denunciando o que a diario a vila de Ordes vese obrigada a sofrer:


Unha ‘longa noite de pedra’ chamada a rematar trinta anos despois coa ronda leste, unha circunvalación posible grazas ao convenio asinado en febreiro de 2009 entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes. O obxectivo, tal e como o deixaron claro o alcalde de Ordes, Manuel Regos, e a conselleira María Xosé Caride, non era outro que atallar definitivamente de Ordes ese insoportable tráfico de catro camións por minuto por cada día das nosas vidas.

Tapón de tráfico pesado na avenida de Alfonso Senra.
Alfonso Senra
Pero agora xa temos AP-9 e a ronda leste vai camiño de rematar neste mesmo ano de 2012, e agora que? O pasado 22 febreiro, Manuel Regos declaraba en Ordessiete que o proxecto urbanístico de Ordes en absoluto remataba coa entrada en funcionamento desta circunvalación. 

Regos, segundo declarara a Ordessiete, pretende un concello “saudable, rico e próspero, e con equilibradas areas comerciais, residenciais e industriais”, e nese obxectivo, o alcalde mostraríase partidario dunha intervención na avenida de Alfonso Senra ao seu paso polo centro da vila, especialmente aos cincocentos metros que separan o restaurante Nogallás da antiga Casa do Concello. “Peatonalizar ese tramo da avenida é unha das nosas asignaturas pendentes. Confío que logremos ese obxectivo nesta mesma lexislatura”, afirmou.


A opinión do experto
Ordessiete consultou esta pretensión cun arquitecto urbanista, bo coñecedor da realidade de Ordes, que prefire manter o anonimato. Segundo este experto, a actual accesibilidade á vila de Ordes “non é a propia dos tempos que estamos a vivir”. Nos convida a poñer os ollos nos modelos europeos: “Resultaría impensable en Europa que unha arteria coma a N-550 e co altísimo tráfico que soporta diariamente, atravesara en canal, de lado a lado, unha vila habitada como é a de Ordes”, afirma.



Resultado da peatonalización da rúa de Gutiérrez Mellado, en Pontevedra.
Beneficios da peatonalización
Iso si, e pese a amosarse partidario do ‘proceso de humanización’ das vilas e ciudades, o experto advirte de que este tipo de actuacións son "irreversibles”. Así a súa adaptación “deberá estudiarse con anterioridade e con todo detalle”, apunta. Coñecer a opinión cidadá, e sobre todo a dos comerciantes da zona resulta, a todas luces, "imprescindible". 


A clave nesas conversas, asegura o arquitecto consultado, pasaría por “convencer gradualmente á poboación dos beneficios da recuperación das vías urbás para os peóns”. O experto alerta de que os procesos de peatonalización “esixen concienciar á sociedade de que outro sistema de mobilidade nas vilas e cidades non só é posible, senón que ademais, é o mellor”. 


O problema, apunta o experto “está no imaxinario de moitos veciños e sobre todo de moitos comerciantes que asocian a peatonalización co peche da rúa". Pensamento que recoñece, “hai que atallar de forma moi suave e escalonada”, tal e como se fixo, por exemplo, na vila pontevedresa de Marín. 


Así, o proceso de humanización de Ordes, afirma o urbanista, “debería comezar xa mesmo restrinxindo a velocidade de circulación no centro da vila a velocidades máximas de 20 quilómetros por hora”. Unha segunda fase, sempre segundo este experto consultado, “pasaría por pechar o tráfico a avenida de Alfonso Senra os domingos dos meses de verán para logo ir aumentando a súa peatonalización gradualmente no tempo, ata chegar ás fins de semana de todo o ano”.


Así, e unha vez coñecida esta primeira experiencia a modo de simulacro, "o Concello de Ordes contaría cunha folla de ruta excepcional para dar o paso, ou non, de cara á peatonalización de boa parte da avenida de Alfonso Senra", sinala.


A Praza de España e ao fondo, a Casa do Concello de Pontevedra, logo da súa peatonalización.
A 'humanización' de Pontevedra
Coñecer o xeito no que resultou o  proceso de ‘humanización’ noutras vilas e cidades resulta de interese antes de tomar unha decisión hacia Ordes. Quizá un dos exemplos máis paradigmáticos neste sentido sexa o de Pontevedra. A inicial e furiosa oposición dos comerciantes á peatonalización do seu casco urbán deu paso á unánime admiración. 


Hoxe, case un ano despois da 'humanización' das súas céntricas rúas de Benito Corbal ou Daniel de la Sota, as antes críticas voces dos comerciantes tornáronse nunha gran satisfacción por parte dos comerciantes e un recoñecido pulo ao comercio pontevedrés.   

Resultado da peatonalización do Eixo do Carmo, en Cartagena (Murcia).
O caso de Cartagena
Fora de Galicia, un caso moi significativo aconteceu con Cartagena. En xullo de 2011, o Goberno municipal recibiu non só furibundas críticas ao seu plan de peatonalización, senón tamén ameazas, insultos e mesmo agresións a membros do seu Goberno municipal por parte dos comerciantes da zona. As obras de peatonalización mesmo tiveron que ser custodiadas por axentes da policía municipal durante toda a intervención. 

Cinco meses despois de rematada a obra, en decembro do 2011, o diario murciano La Verdad fixo unha enquisa entre os comerciantes das zonas intervidas para coñecer a súas respostas ante o cambio sofrido. O resultado foi sorprendente: O apoio á humanización foi “prácticamente unánime” por parte deses mesmos antes enfurecidos comerciantes.   

*

O BNG busca prohibir o paso de tráfico pesado polo centro da vila de Ordes

Montserrat Rei: "Non resulta suficiente con sinalar a ronda leste, senón que Fomento, como titular da N-550, debe prohibir o paso dos camións polo centro de Ordes"

O grupo municipal do BNG de Ordes presentará unha moción na próxima sesión plenaria para que o Pleno da corporación municipal do Concello de Ordes pida ao Ministerio de Fomento unha limitación ao tráfico pesado que circule en dirección a Santiago ou A Coruña pola N-550 ao seu paso polo centro da vila de Ordes ao existir a alternativa da recén inaugurada ronda leste.

Na moción dos nacionalistas se propoñen excepcións en casos xustificados, como son os dos vehículos que deban efectuar descargas en empresas ou comercios do centro de Ordes, ou o transporte público con paradas na vila.

Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “non resulta suficiente con sinalizar adecuadamente a nova ronda para sacar o tráfico pesado do centro de Ordes, é necesario que o Ministerio de Fomento, como titular da N-550, prohiba o tráfico pesado de máis de 3,5 toneladas de masa no tramo desta estrada que discurre pola vila de Ordes”.

A concelleira explicou que “non existen razóns para non adoptar esta medida, xa que os camións que circulan cara A Coruña ou Santiago pola N-550 teñen unha alternativa para circunvalar o núcleo urbano sen pasar polo centro, a recentemente inaugurada ronda leste”.

Montserrat Rei.
A frase de Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes
“Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaron o desvío do tráfico pesado do centro da vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino SOGAMA, ten conseguido que se construise unha ronda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila"


"Debense realizar de xeito inmediato todas cantas xestións sexan precisas e que permitan á veciñanza poder desfrutar canto antes dos beneficios desta ronda”

*

O depósito de auga de Merelle non entra en servizo porque non dispor o Concello dos terreos para conectalo á rede

Así o asegura o PP de Ordes, quen denuncia este 'esquecemento' do Goberno municipal e que obriga a unha expropiación forzosa

O Partido Popular de Ordes informou onte de que novo depósito de auga potable de Ordes, construido hai preto de dous anos en Merelle "continúa baleiro e sen entrar en servizo porque no proxecto de execución o Concello 'esqueceuse' de prever a adquisición dos terreos necesarios para conectalo á rede de abastecemento da vila".

Deste xeito, aseguran os populares, "os 182.000 euros investidos na execución e dirección desta obra súmanse a outras cifras millonarias destinadas a actuacións inservibles pero que inflaron aínda máis a abultada débeda municipal".


Expropiación forzosa
Este 'esquecemento' do Concello, aseguran, "obriga á Administración municipal a iniciar un procedemento de expropiación forzosa". Expediente que demorará a entrada en servizo da infraestructura, "a pesar das deficiencias que presenta o abastecemento de auga na vila de Ordes e o seu contorno".

O Partido Popular de Ordes enmarcou este feito na "xestión chapuceira á que o Goberno local de Ordes ten habituados a todos os veciños". 

*

viernes, 4 de mayo de 2012

O Concello de Ordes tramita as inscricións para os campamentos de verán da Deputación


Este ano o programa inclúe actividades como volei praia, vela, tenis, golf ou visitas culturais

O Concello de Ordes tramitará ata o próximo 1 de xuño as inscricións para poder participar nos campamentos deportivos 2012 organizados pola Deputación da Coruña e dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 13 anos.

Golf, vela de cruceiro, tenis, volei praia, visitas culturais guiadas pola Coruña e comarca, xogos cooperativos e de praia, ou as olimpiadas de paz son algunhas das actividades previstas para este verán. O colexio Calvo Sotelo, ubicado na cidade da Coruña, servirá de aloxamento para todos os participantes. Realizaranse tres quendas que se distribuirán según o concello de procedencia dos participantes e que no caso de Ordes será durante a semana do 8 ao 14 de xullo. A cuota de inscrición ascende a 85 euros e inclúe o transporte interno, estadía, manutención, así como os gastos derivados das actividades programadas.

Reserva de praza
Todos os interesados poden pasar polo departamento de Cultura e Deportes do Concello de Ordes e formalizar a súa reserva de praza. Para elo deberá entregar unha ficha cos seus datos que lles será entregada no mesmo Concello. Tamén é preciso unha foto tipo carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, outra do carné de identidade ou do libro de familia, copia do pagamento das cuotas así como un xustificante médico se o menor precisa dalgún tratamento específico. 

No caso de que o número de solicitantes sobrepase o de prazas ofertadas éstas asignaranse mediante sorteo.

*

A V Gala da Mancomunidade homenaxeará ao Club Seo, AC Ordes Senior, Asociación Deportiva Ordes, a SD Órdenes categoría Biberóns e a Juan Fuentes


Eles son os premiados polo noso concello xunto a outros tantos de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo

Oroso será a sede este ano da V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, que premiará aos 35 deportistas e entidades deportivas máis destacados no ano 2011 dos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Uns premios que serán entregados o mércores 16 de maio, ás 20:00 horas, no transcurso dunha gran gala que terá lugar no pavillón polideportivo de Sigüeiro e que estará presidida por Manuel Regos Boquete, presidente da Mancomunidade de Ordes, e Manuel Mirás Franqueira, alcalde de Oroso.

Premiados
Os premiados polo Concello de Ordes nesta quinta gala son:

1º PREMIO: Club SEO (carreiras de orientación e raids de aventura). Son campións da Liga Galega de Raids de Aventura e de Orientación (en categoría H-35). En 2011 tamén foron campións en Aventura no II porteAventura Raid e no II PontevedRAID, así como segundos en Aventura no I Raid de Xermade e en Elite e Aventura (Liga Galega) no Somozas Extreme.

2º PREMIO: AC Ordes Senior (hockey sobre patíns). Durante a pasada tempada conseguíu invicto o ascenso á Primeira División Nacional, antesala da OK Liga. A pesar das dificultades económicas, ten garantizado a súa permanencia.

3º PREMIO: Asociación Deportiva de Ordes (fútbol sala, tenis, tute, dardos), polas actividades que leva organizado ao longo dos seus tres anos de vida e polas que pasaron máis de 600 persoas.

CATEGORÍA PROMESA: SD Órdenes categoría Biberóns (fútbol base), nacida nesta tempada 2011-2012 co obxectivo de crear canteira, achegar e crear afección ao deporte do fútbol nos máis novos do concello (4-5 anos)

RECOÑECEMENTO ESPECIAL: Juan Fuentes Fernández (hockey e fútbol). Foi campión galego  e subcampión de España Infantil de Hockey co Liceo.Empezou a práctica do fútbol no 1993 e xogou ata o 2010 nos equipos: SD Club Ordes, SD Compostela e SD Ponferradina. Foi seleccionado pola Selección Galega Absoluta de Fútbol.


jueves, 3 de mayo de 2012

Aínda estás a tempo de participar no V certame de poesía Concello de Ordes

O intelectual galleguista vigués Valentín Paz-Andrade, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Podes remitir os teus poemas orixinais ata o 14 de maio no departamento de Cultura do Concello (Tlf, 981 680002) 


O Concello de Ordes convoca o seu quinto certame de poesía nas categorías de infantil (ata 12 anos), xuvenil (dos 13 aos 16 anos) e xeral (de 17 anos en adiante) co gallo da celebración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio.


Todos aqueles que queiran participar coas súas creacións poéticas aínda están a tempo de facelo. O próximo 14 de maio remata o plazo de recepción de orixinais. Os poemas deberán ser remitidos ao departamento de Cultura do Concello de Ordes en horario de 09:00 a 14:00 horas (Tlf. 981 680002).


Especificacións
Os poemas deberán ser orixinais, escritos en lingua galega, e non poden superar en ningún caso unha extensión máxima de 50 versos. Os poemas deberán estar mecanografiados con letra Arial a tamaño 12  e a dobre espazo. Cada poema deberá ter un título. As obras a concurso non poderán ir asinadas polo nome do seu autor/a, irá identificada baixo seudónimo ou lema, e irán  acompañados dun sobre pechado no que se indicará a categoría na que participa. 


No seu interior conterá os datos persoais do autor/-a: nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, así como calquera outro dato relevante sobre o traballo presentado.


A entrega de premios realizarase o día 16 de maio de 2012, con motivo da celebración do acto conmemorativo na honra de Valentín Paz Andrade. Os autores dos poemas ou un representante deles deberán estar presentes o día do acto de entrega de premios, no que se lles convidará a ler total ou parcialmente as súas obras.


*

Mesón do Vento acolle este sábado unha renovada feira da Adina co obxectivo de promocionar o agro ordense

Todos os interesados en promocionar os seus productos poderán facelo de xeito gratuíto nun posto feiral

Luis Gómez: "Feiras coma esta nos serven para dar a coñecer en toda a provincia a gran calidade dos productos do noso eido rural"

O próximo sábado 5 de maio, o Mesón do Vento acollerá unha nova edición da feira da Adina, unha cita empresarial que se presenta como un dos puntos de compravenda de gando máis destacado de toda a provincia para esa fin de semana. O mercado de gando abrirá as súas portas dende primeira hora con exemplares de raza vacuna, equina e porcina, ademáis de contar con outro tipo de postos como os textís ou os de alimentación. 

En colaboración co Concello de Ordes, un grupo de empresarios da zona pretende así dinamizar esta cita que conta xa con máis de cen anos de antigüidade e que se ven celebrando todos os sábados víspera do primeiro e terceiro domingo de cada mes.

Programa 
O programa desta nova edición prevé tamén unha exhibición cabalar que dará comenzo a partir das 10:00 horas. A partir das 13.30 horas haberá unha sesión vermú musical para dar paso a un xantar elaborado polos restaurantes e establecimentos hostaleiros da zona. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, unha ruta cabalar percorrerá arredor de vinte quilómetros de traxecto a través dos montes e sendeiros desta parroquia ordense. Finalmente e como peche á xornada, o restaurante Avelino celebrará unha cea especial con baile.

A Feira da Adina está ademais aberta a todos os que queiran participar nela ofrecendo os seus productos do agro. Neste caso, deberán contactar coa organización quen lles habilitará un posto feiral a todos os interesados de xeito completamente gratuíto. 

O edil ordense Luis Gómez Candal.
As frases de José Luis Gómez Candal, concelleiro de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible de Ordes
“Dende o Concello de Ordes traballaremos para que esta cita empresarial con tanta tradición no noso municipio se perpetúe no tempo. Queremos que a Feira da Andina non só se manteña senón que avance, xa que este tipo de mercados teñen unha gran importancia de cara a promocionar a gran calidade dos productos do noso eido rural" 

"A feira da Andina é un bo xeito de contribuir á competitividade do noso campo e da nosa industria gandeira, ademáis de servir de gran estímulo para a economía da zona e da actividade hostaleira”

*

     

O PSOE de Ordes reclama a "inmediata sinalización" da ronda leste


Xesús Pedreira denuncia que o tráfico pesado segue a pasar polo centro da vila por non haber indicación algunha da existencia da circunvalación

Pedreira: "Esperemos que non haia que esperar varios meses como aconteceu coa rotonda de Buscás"

Os socialistas de Ordes denunciaron hoxe a ausencia dunha sinalización axeitada da rolda leste, o que na práctica se traduce en que os vehículos pesados seguen a cruzar o casco urbán de Ordes no canto de empregar a circunvalación inaugurada o pasado xoves polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Por iso, os socialistas de Ordes van solicitar tanto ao Concello de Ordes como ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia que tomen as medidas precisas para a inmediata sinalización da rolda leste.

A realidade, segundo o PSdG-PSOE de Ordes, é que os vehículos que circulan pola N-550 procedentes da Coruña non teñen indicación algunha da existencia dunha circunvalación da vila, pois o inicio da rolda leste só está sinalizado como acceso ao polígono industrial de Merelle. O mesmo sucede cos vehículos pesados que circulan aínda pola estrada de Mercurín. 


Neste sentido, o secretario xeral a Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, lembra que “un dos obxectivos principais da rolda leste era, precisamente, evitar o tránsito polo centro de Ordes dos vehículos procedentes de Sogama ou do polígono de Cerceda, que a través do polígono poderían chegar sen problemas ben á AP-9 ben á propia N-550”.

No caso dos vehículos que circulan pola N-550 procedentes de Santiago, tampouco teñen indicación ningunha da existencia da circunvalación, pois o cartel sinalizador só indica a posibilidade de acceder á Coruña por autopista, non pola propia N-550. De feito, a única indicación correcta da circunvalación está situada na rotonda de desvío a Buscás, que se construíu o pasado mes de abril.

Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
“O tráfico que chega a Ordes pola N-550 non ten indicación ningunha da existencia dunha circunvalación que lles evitaría ter que pasar polo centro da vila, polo que nestes días non se notou a posta en servizo da rolda leste e os camións seguen atravesando o casco urbán, coas molestias que conleva tanto para os veciños como para os propios condutores, que nas horas punta teñen que soportar retencións de tráfico”.

"Os socialistas de Ordes solicitamos a inmediata sinalización da rolda leste como vía de circunvalación de Ordes para que cumpra co cometido que lle corresponde, e que xa estaba contemplado no convenio que asinamos coa socialista María Xosé Caride en febreiro de 2006"

"A pesar de que houbo moitos que retrasaron e mesmo tentaron que se anulara a ronda leste, agora é unha realidade que contribuirá ao desenvolvemento económico de Ordes e mellorará a mobilidade e a calidade de vida dos nosos veciños”

“A instalación destes carteis indicadores debe facerse canto antes, para  que o tráfico pesado deixe de pasar polo centro de Ordes e para que se lle poda sacar o máximo partido a un investimento tan importante como a rolda leste. Esperemos que non teñamos que agardar varios meses como aconteceu coa rotonda de Buscás e que obrigou ao Partido Socialista a presentar iniciativas tanto no Concello de Ordes como no Parlamento de Galicia para conseguir a conclusión das obras”

*

O pavillón Castelao acolle este domingo unha exhibición de patinaxe artística

A partir das 12:00 horas e coa participación de varios campións galegos


Este domingo 6 de maio a partir das 12:00 horas, o pavillón municipal Castelao albergará a III Exhibición Municipal de Patinaxe Artística Ordes 2012. 


Unha cita onde participarán dezaoito equipos de diferentes categorías que ofrecerán outras tantas coreografías. Nesta cita en Ordes tamén participará Celso Martínez, subcampión galego alevín de patinaxe artística. 


A entrada ao recinto é libre e gratuíta.


*

miércoles, 2 de mayo de 2012

CONCEDIDO O CRÉDITO A ORDES

Os provedores do Concello comezarán a cobrar as súas facturas nas próximas semanas

O Concello de Ordes ven de informar que o Goberno Central ven de concederlle o crédito solicitado en base ao plan de pago a provedores aprobado en Consello de Ministros o pasado 2 de marzo. En total son 2,7 millóns de euros os solicitados e concedidos ao ente municipal, dos cales dous millóns corresponden a facturas contabilizadas e non aprobadas, e outros 487.000 euros a facturas xa recoñecidas. 


"Boa praxis"
Deste xeito, aseguran dende o Concello, "ponse de manifesto o correcto procedemento e a transparecia empregada neste procedemento" tal e como se establece nas bases reguladoras do plan. Unha "boa praxis" que xa se especificara "nun informe recentemente realizado polo interventor municipal ante as críticas verquidas contra o alcalde, Manuel Regos, a quen acusaban de ocultar información".

*

martes, 1 de mayo de 2012

A Mancomunidade de Ordes quere atallar o mal uso das redes sociais nos xóvenes


O CPI Pecalama de Tordoia acolleu recentemente os obradoiros sobre uso responsable das redes sociais.

A Mancomunidade traballa nun obradoiro dirixido a pais e nais, “Familias e redes sociais”, dirixido a fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes está a desenvolver nestas semanas os seus tradicionais obradoiros de prevención de drogodependencias, que este ano inclúen como gran novidade información sobre os abusos e adiccións que poden xerar as novas tecnoloxías, en xeral, e as redes sociais, en particular. Uns cursos que se están a impartir a uns 150 rapaces de 3º e 4º de Secundaria do CPI O Cruce (Cerceda), CPI Pontecarreira (Frades), CPI Xanceda (Mesía), IES nº 1 (Ordes), IES Oroso (Oroso), CPI Pecalama (Tordoia) e CPI Viaño Pequeno (Trazo).

As intervencións están dirixidas a escolares que cursan 3º e 4º de Secundaria, é dicir, rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos de idade. Mónica González, técnico do Servizo de Prevención  de Drogodependencias da Mancomunidade de Munipios da Comarca de Ordes, explica que “este ano decidimos tamén tratar o tema do uso dos móbiles e das redes sociais pois practicamente todos eles teñen Internet no móbil e andan sempre co Facebook e o WhatsApp. Moitos deles teñen tarifa plana e os que non a teñen, saben ben como conectarse ás wifis”.

González sinala que “aínda que nos centros educativos está prohibido levar os móbiles, o certo é que o sacan e o utilizan igual, polo que esperamos que con estes talleres se decaten os abusos que en ocasións fan dos módulos utilizando a empatía, é dicir, facendo que se vexan no rol dos mestres ou dos seus pais diante dalgunhas prácticas perversas do uso das novas tecnoloxías”. Neste sentido, a ténico do Servizo de Prevención  de Drogodependencias da Mancomunidade lembra que “o uso masivo das redes sociais on line fai que se convertan nun medio de relación e de socialización do rapaz, algo que polo xeral é positivo pero que tamén ten os seus riscos”.

Familia e redes sociais
Por iso, estes obradoiros que se están a celebrar na comarca son o punto de partida para unha nova iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, denominada “Familias e redes sociais, estamos conectados?”. Uns obradoiros dirixidos a pais e nais para que “se familiaricen con este novo entorno e coñezan as súas posibles ameazas: fraudes, acceso a contidos inaxeitados, ameazas á privacidade, ciberbulling... e sobre todo para coñecer estratexias de prevención e actuación ante estas posibles actuacións”, apunta Mónica González.

Nestes momentos, a Mancomunidade está en contacto coas distintas asociacións de pais dos colexios e institutos da comarca para concretar as datas de celebración deste obradoiro, que tería lugar en sesións de tarde durante dous meses. O obxectivo é comezar a impartir algún destes obradoiros durante os meses de maio e xuño, mais a actividade seguirase ofertando no curso 2012-2013.

Entre outros aspectos, explicaráselles aos pais que hai que poñer límites ao uso das redes sociais tanto no tempo máximo de uso como na súa frecuencia e lugar de emprego. Ademais, daránselles consellos para previr o uso perverso dalgunhas novas tecnoloxías como limitar o acceso a internet a un espazo común da casa, establecer normas e regras sobre o tempo de acceso a Interner ou uso de videoxogos, incorporar no ordenador software de control parental ou ensinarlle que tipo de fotos e materiais se poden subir ou non.

*

A rúa do Recreo estará pechada ao tráfico durante dúas semanas


Se botará formigón e se fresará e asfaltará boa parte da travesía

As obras darán comezo este xoves, 3 de maio

A partir deste xoves 3 de maio e durante un periodo aproximado de 15 días, a travesía do Recreo, ubicada no centro urbán da vila de Ordes, permanecerá pechada ao tráfico rodado debido ás obras de mellora que a empresa Leonardo Miguélez vai acometer. Unha intervención moi demandada polos veciños de Ordes e que consistirá no formigonado de 40 metros no cruce con Alfonso Senra e no fresado e asfaltado de 900 metros. 

O tráfico desviarase polas rúas Mediodía, Coruña e a pista do Balado. Tamén se verán afectadas as rúas Entreparques,  Mirón, Campeiras, Reverencia, Vista Alegre e o Parque Municipal. A Policía Local advirte tamén que na rúa Mediodía non se poderá estacionar do lado dos números impares xa que este vial será empregado como desvío provisional.


Trinta novos expertos en informática saídos das aulas de Ordes


Os participantes nos cursos de informática do Concello de Ordes recibiron os seus diplomas.

Estes cursos do Concello de Ordes voltarán tras os meses de verán

Máis de 30  alumnos dos cursos de informática para adultos organizados polo Concello de Ordes recibiron onte os seus diplomas que acreditan os coñecementos adquiridos nesta materia. As clases deron comenzo o pasado mes de febreiro e ó longo destes meses impartironse materias adaptadas ós tres niveis ofertados; iniciación, medio e avanzado. 

No acto de entrega estivo presente o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez Raña, quen manifestou o seu desexo de que os próximos cursos que se organicen tras os meses estivais conten co mesmo nivel de participación e aceptación que os que se acaban de clausurar .

*