miércoles, 26 de septiembre de 2012

Ordenses ilustres (VI): Hixinio Cambeses

Hixinio Cambeses Carrera. // Foto Órdenes.
Viviu entre nós apenas dous anos, pero deixo unha pegada imborrable na nosa vila

Cometeu suicidio en febreiro de 1949, deixando escritas máis de duascentas composicións musicais

O historiador local Victorino Cores nos presenta a un novo ordense ilustre: Hixinio Cambeses Carrera, director da banda municipal de música de Ordes durante os anos 1931 e 1932. Nacido a finais do século XIX na parroquia de Atas, A Lama (Pontevedra), según moitos que o coñeceron, Cambeses foi un home inestable, pero moi intelixente, dotado dun oído e unha cualidades musicais extraordinarias

Formado musicalmente de xeito autodidacta, aprendeu a tocar a maioría de instrumentos bandistas, aínda que destacaría especialmente polo dominio do bombardino.

En 1926 fundou na súa parroquia a banda Celta á vez que comezaba a facer arranxos de temas populares e a compoñer as súas propias pezas musicais. En 1931 recae en Ordes como ensinante e director da recén creada banda Agrupación Musical de Órdenes. Perante os apenas dous anos que pasou entre nós, a súa presenza deixou unha imborrable pegada en Ordes. Fai agora pouco máis de oitenta anos, o 11 de setembro de 1932, o Concello de Ordes rendiulle unha cálida homenaxe en recoñecemento á súa labor artística. 

De ideas de esquerdas, o estalido da Guerra Civil colleuno como profesor de música no conservatorio de Viveiro (Lugo) e director da súa banda municipal. Alí participaría nunha comisión de axuda aos presos políticos capturados polas forzas nacionais, o que lle conduciría a ser detido e posteriormente encarcelado na illa de San Simón (Pontevedra). Unha vez 'rehabilitado' polo Réxime franquista, Hixinio Cambeses mudou para Cuntis e logo a Padrón, onde dirixiu a súa banda municipal e compuso o seu derradeiro traballo: Noches del Santo Cristo.

Graves problemas siquiátricos
Dende novo, as depresións e os tormentos siquiátricos acompañaron a este creador. Na vila de Rosalía agudizouse a súa enfermidade ata o extremo de crerse vítima dunha persecución. En febreiro de 1949, logo de facerse un profundo corte cun coitelo na gorxa, guindouse polo balcón da casa onde vivía. Quedou gravemente ferido, pero grazas a uns veciños consigueno trasladar ata o hospital de Pontevedra, onde quedaría ingresado. Poucos días despois, o 21 de febreiro, aparecería aforcado, colgado da saba da súa cama do hospital.

Hixinio Cambeses deixou escritas máis de douscentas composicións musicais. En agosto do 2009, a Agrupación Musical de Ordes rendiulle unha homenaxe dentro da décima Xuntanza de Bandas Populares de Galicia celebrada na nosa vila.

*