viernes, 28 de febrero de 2014

Últimos días para inscribirse no Entroido de Ordes

O concurso de disfraces repartirá este ano máis de 4.000 euros en premios

O próximo luns 3 de marzo rematará o prazo para inscribirse no concurso de disfraces organizado polo Concello de Ordes, e que este ano repartirá máis de 4.000 euros en premios.

O sábado 8 de marzo será do día grande desta celebración tan importante para o municipio, co seu sábado de piñata a partir das 17:00 horas. 

Nesta edición outorgaranse dous premios de 600 e 400 euros ás dúas mellores carrozas. No caso das comparsas os premios serán de 400, 300 e 200 euros para os adultos e de 200, 150 e 125 euros na categoría infantil. 

Os participantes individuais optarán a premios de 175, 125 e 90 euros no caso dos adultos e de 125, 90 e 75 euros para os nenos e nenas. O xurado tamén concederá un premio simpatía de 150 euros, outro de 200 euros á mellor comparsa do municipio e dez premios locais de accésit de 100 euros cada un.

Xurado
O xurado composto por tres membros designados polo alcalde valorarán na súa toma de decisións a orixinalidade dos disfraces, o esforzo do traballo realizado na súa confección e deseño, ademais da posta en escena, a cal non durará máis de 3 minutos.

Para consultar as bases desta convocatoria os interesados poden facelo na páxina web municipal do Concello (www.concellodeordes.com).

Tarde de entroitada

Previamente ao sábado de piñata terá lugar a tradicional ‘Tarde de entroidada’. Unha cita pensada para os máis  novos da casa e que se desenvolverá a partir das 16:30 horas na Alameda de Ordes. 

Alí terán lugar todo tipo de obradoiros, como globoflexia, maquillaxe, máscaras, chapas, ademais de contar con divertidas animacións de rúa. A organización adianta que en caso de chuvia trasladarase todo ao pavillón Campomaior.

*

Noite de Tasca en Tordoia


miércoles, 26 de febrero de 2014

O PP de Ordes propón arranxar o pavillón do Campomaior cos cartos da Deputación

Son arredor de 250.000 euros cos que tamén se pretende arranxar a rede de pluviais da vila de Ordes e un aparcadoiro no igrexario de Vilamaior

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes proporá financiar, con cargo do Plan DTC 93 da Deputación da Coruña –dotado con 246.932,49 euros para este Concello en 2014- o arranxo do pavillón polideportivo do CEIP Campomaior, reparar a rede de pluviais no entronque da rúa da Canteira coa rúa de Mercado, no núcleo urbano e a construción dun aparcadoiro nas inmediacións da igrexa de Santiago de Vilamaior.

O pavillón polideportivo de Campomaior, de titularidade municipal, foi executado en diferentes fases a partir dunha pista descuberta creada a mediados dos anos 80. En datas posteriores foi cuberto e dotado de peche perimetral; nas últimas obras (arredor do ano 2004) foi dotado de vestiarios e un pequeno graderío lateral.

O tempo transcorrido desde as últimas intervencións neste recinto deportivo de usos múltiples, a deterioración derivada do uso intensivo e as novas necesidades xurdidas co paso do tempo fan necesaria una intervención integral que o Partido Popular considera debería consistir nos seguintes traballos:

-       Substitución da actual cuberta e da parte superior dos laterais de chapa metálica por outra que garanta un óptimo illamento de humidades e térmico, e que, ao tempo, permita a iluminación natural, para mellorar a luminosidade interior e permitir un maior aforro enerxético.
-       Dotar os paramentos verticais de cámaras e elementos que actúen de illantes térmicos e permitan mellorar a acústica do recinto.
-       Colocar un novo piso sobre a actual pista de formigón que se adapte ás actividades deportivas a desenvolver, incluíndo a práctica da ximnasia polos alumnos do CEIP Campomaior.
-       Melloras nos vestiarios e nos aseos existentes.
Vista aérea da pista de Morgade, en Ardemil.
Pista de Morgade
Tamén no pleno deste xoves, o concelleiro popular José Manuel Gestal defenderá unha moción para instar ao Concello de Ordes a programar unha intervención de urxencia na pista que enlaza Mesón do Vento con Morgade, na parroquia de Ardemil.

Este vial,  de preto de 900 metros, presenta unha notable deterioro en todo o seu trazado, con fochancas, deformación na capa de rodadura, ausencia de cunetas e maleza invasora que inutiliza parte dun firme que non supera os catro metros de anchura en ningún punto.

A maiores, no tramo inicial da pista, preto do Mesón do Vento, as polas das árbores situadas nas marxes dificultan a circulación de vehículos voluminosos, ao tempo que as raíces aceleran os estragos no firme.


Fochancas na pista que leva ao Mesón do Vento dende Ardemil.
Rebacheo inmediato
Para corrixir esta situación, o Partido Popular propón que o Concello acometa un rebacheo inmediato da pista, desbroce e proceda coa apertura das cunetas, e efectúe as necesarias tarefas de poda no tramo inicial para eliminar os elementos vexetais que dificultan a circulación e limitan a visibilidade e, por conseguinte, a seguridade.


Xa a medio prazo, os populares de Ordes instan ao Concello a realizar unha memoria técnica para cuantificar o orzamento das obras de ampliación desta pista, co obxectivo de incluír o seu financiamento nos vindeiros orzamentos municipais, ou con cargo aos POS 2015 da Deputación da Coruña.

*

Cando Romeo e Xulieta namoráronse en Ordes


A obra foi impulsada polo departamento de inglés do centro de ensino.
Os alumnos do IES Maruxa Mallo asisten á representación de What's up, Romeo?

Os alumnos e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Maruxa Mallo desfrutaron hoxe da obra teatral What´s up, Romeo? Unha iniciativa desenvolvida dende o departamento de inglés do centro escolar  e que forma parte do seu programa  de actividades. 

What´s up, Romeo? é unha obra interactiva na que os dous actores principais, que encarnan os personaxes de Romeo e Xulieta, manteñen diálogos co público facéndoo partícipe das súas simpáticas e cómicas situacións.

*

O CIM de Ordes continúa co seu programa 'Educando en Igualdade'

Aplícase nos centros de infantil e primaria dos sete municipios da Mancomunidade

O CIM da Mancomunidade de Ordes continúa adiante co seu proxecto educativo ‘Educando en Igualdade’ nos centros educativos de Infantil e de Educación Primaria e Secundaria dos sete municipios que compoñen a Mancomunidade de Ordes. Con este programa se pretende incidir e fomentar o trato igualitario entre distintos axentes e integrantes da sociedade actual. 

A metodoloxía empregada varía según a idade e os perfís dos grupos cos que se traballa. Para elo faise uso de textos, contos, debuxos ou fichas para achegarlle ao auditorio o termo igualdade e conseguir que o positivicen e interioricen como tal. 

Grazas a elo tamén se abordan outros aspectos como a corresponsabilidade no fogar, o trato aconsellable frente ao maltrato e a violencia, os estereotipos de xénero ou as novas masculinidades.

*

Ordes acollerá unha charla informativa a empresarios e autónomos

Terá como obxectivo mellorar a actividade profesional e os seus procesos de xestión e producción

O encontro terá lugar o martes 5 de marzo e as prazas son limitadas

O vindeiro mércores 5 de marzo, o Concello de Ordes acollerá unha charla informativa orientada a empresarios e autónomos da zona que busquen mellorar a súa actividade empresarial, así como os seus procesos de xestión e producción.

O acto terá unha duración estimada de 90 minutos, nos que os técnicos da Deputación da Coruña explicarán os servizos que de maneira gratuíta se porán a disposición de todos os asistentes co fin de acadar os seus obxetivos dentro do mercado no que operen.

Inscricións
Para acadar máis información o para inscribirse, xa que as prazas son limitadas, os interesados poden ao Departamento de Emprego, ubicado na Casa do Concello de ordes, ou tamén chamar aos teléfonos 981 680002 ou 981 680157. A data límite para apuntarse rematará o próximo luns 3 de marzo.


*

martes, 25 de febrero de 2014

Orde do día do pleno deste xoves


O artista visual Xosé Rivera expón a ‘Beleza oculta’ de Ordes nas paredes do Museo do Traxe


Durante as  vindeiras semanas poderase visitar gratuitamente esta mostra, composta na maior parte por imaxes costumbristas

O Museo do Traxe Juanjo Liñares acolleu o pasado venres 21 a presentación da mostra fotográfica ‘Beleza oculta’. Un traballo asinado polo artista local Xosé Rivera e que amosa escenas da vida cotián da comarca de Ordes, de corte costumbrista, e de elementos da natureza onde se demostra que a beleza e o momento extraordinario abundan nas nosas vidas e no que miramos esquivamente, en palabras do seu autor. 

As fotografías que se exhibirán nas vindeiras semanas son unha selección de traballos realizados ao longo dos últimos anos. Imaxes que pertencen a diversos proxectos visuais, como Celtia, Fotografía Nocturna e Vida Galega. 

Ademais de localizacións na comarca ordense tamén hai que falar de lugares como a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, ou a praia das Catedrais, en Lugo.

De esq.a der. Manuel Viqueira, Xosé Rivera e Ramón Vázquez Raña.
Visitantes
O deseñador, fotógrafo, artista visual e comunicador estivo acompañado neste día por veciños, familiares, visitantes e seguidores da súa obra. Entre eles destacaron Manuel Viqueira e Ramón Vázquez Raña, director do Museo do Traxe e concelleiro de Cultura respectivamente. 

Viqueira destacou unha vez máis “a función de apoio para os artistas locais que ten este museo, que pretende converterse tamén nun espazo de exhibición para todos eles, sobre todo para os que dan os primeiros pasos”.

Rivera, durante a exhibición de rebelado e positivado de fotografías.

Videomontaxe
Durante o acto todos os asistentes puideron desfrutar da última videomontaxe realizada polo artista para a cal se tomaron máis de 12.000 fotografías. Un traballo que se centra no Camiño de Santiago, e para o cal se traballou sobre o trazado do Camiño Inglés no seu paso polo concello de Ordes. 

Pero non foi esta a única sorpresa para o público asistente xa que tamén se levou a cabo o rebelado e positivado en papel de varias imaxes captadas polo propio artista na vila de Ordes. Incluso unha delas foi realizada in situ cunha cámara estonospeica. 

Finalmente algún que outro asistente tivo a ocasión de saír cunha imaxen das expostas baixo o brazo tras descifrar o enigma plantexado por Rivera ao longo deste entretido e original acto de presentación.

*