lunes, 6 de agosto de 2012

O Campo da Feira convertiuse na gran festa dos máis novos



O Día do Neno e da Nena foi celebrado en Ordes cunha festa de espuma, obradoiros e moitas animacións

Centenares de rapazas e rapaces fixeron posible na tarde do hoxe que o Campo da Feira de Ordes se convertera no maior centro de divertimento de toda a comarca. Obradoiros de maquillaxe, globoflexia, xogos populares e viseira, e diversas animacións foron os grandes protagonistas. 


Festa da espuma
Todos eles tamén non se cansaron de rir co espectáculo de títeres 'Castañas e legañas', pero onde realmente o pasaron en grande a gran maioría foi coa gran festa da espuma coa que os organizadores pecharon esta cita que se ven celebrando ininterrumpidamente nos últimos anos. 

Todas estas actividades conformaron o Día do Neno e da Nena que anualmente organiza o Concello de Ordes dentro da súa programación do Verán Cultural.

*

Viva o verán cultural de Ordes!


'O patrimonio marítimo de Galicia' bota amarras en Ordes

Un dos cartaces da mostra exposta na Casa do Concello.

Poderáse visitar na Casa do Concello en horario de 08:00 a 15:00 horas

A Casa do Concello de Ordes acolle ata o próximo 31 de agosto a exposición O patrimonio marítimo de Galicia. 

Unha mostra que poderá visitarse ata ese día en horario de 08:00 a 15:00 horas, e que plasma como ao longo do tempo no litoral galego se teñen desenvolvido actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar para pescar, transportar e conservar as capturas. 

*

Gonzalo Castro quere coñecer os 'números' das festas patronais de Ordes

O portavoz do BNG de Ordes afirma que os veciños "teñen dereito a coñecer o custo dunhas festas onde o alcalde contratou ás orquestas máis caras do país"

O BNG considera un "dispendio" o gasto nas orquestras Panorama e París de Noia, entre outras


O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, esixiu onte ao alcalde de Ordes que faga público o orzamento das festas patronais de Ordes, con especial referencia aos contratos coas orquestras que van actuar.

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, manifestou que “os veciños teñen dereito a coñecer o custo dunhas festas, onde o alcalde tivo reparo en contratar ás orquestas máis caras do país”.

Para Castro, “este dispendio en orquestas para as festas de Ordes, contrasta coa decisión do alcalde de deixar marchar o importante Festival Brincadeira para Cambre, por non querer sufragar o custo dun palco, o que suporá unha importante perda económica para sectores económicos do noso concello, como o hosteleiro e o comercial”.

Impostos e discriminacións
Castro preguntouse se “a suba brutal dos impostos que están sufrindo os veciños de Ordes ten esta finalidade”.

O portavoz do BNG acusou ao alcalde de discriminar ás asociacións e comisións do Concello, xa que “mentres retira as axudas ás asociacións e comisións do concello, non escatima en gastos nas festas de Ordes”.  

domingo, 5 de agosto de 2012

O PP de Ordes insta ao Concello a publicar na web o informe previo do PXOM


Martínez Sanjurjo: "A nosa solicitude pretende transparentar o contido do documento e que os interesados poidan consultalo"

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, ven de rexistrar no Concello unha solicitude formal para instar ao Goberno local a "publicar de inmediato" na web municipal a totalidade do documento remitido á Xunta de Galicia para a elaboración do informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A solicitude do Partido Popular pretende "transparentar o contido do PXOM", e que os interesados poidan ter acceso para consultar a documentación que o integra.

Segundo os populares, na fase anterior, cando o PXOM estivo en período de suxestións, "o Concello resistiuse a publicalo na web"  e só acabou facéndoo "como consecuencia da presión exercida polo PP". O PP de Ordes tamén critica a negativa do Goberno municipal de expoñelo ao público polas parroquias, como xa demandaran os populares. 

Martínez Sanjurjo.
Informar aos veciños
Martínez Sanjurjo basea esta solicitude na aplicación da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia que, no seu artículo 100, sinala que “os instrumentos de ordenación urbana, con tódolos seus documentos, tanto se se atopan aprobados como durante a súa tramitación, serán públicos e calquera persoa poderá, en todo momento, consultalos” e mesmo “obter copias deles”.

O Partido Popular considera que o mellor xeito de dotar de transparencia a estes documentos á publicalos na páxina web do Concello de Ordes.

* 

O Días das bandas enche de pasodobles a Casa da Cultura de Ordes



A Banda Amigas da Música de Ordes e Municipal de Boiro ofreceron un concerto protagonizado pola música tradicional española

A XIII Xuntanza de Bandas de Música celebrada onte na Casa da Cultura de Ordes gozou dunha gran acollida popular. Este ano as bandas participantes foron a Banda Amigos da Música de Ordes e a Banda Municipal de Boiro. 

Precisamente esta última foi a encargada de abrir o concerto co pasodoble Evocación, seguido por Concerto de Amore e a obra para solista Memory, interpretada ao bombardino por Antón Fernández. Amerland e Muiñeira dos pendellos foron as pezas coas que pecharon a súa intervención os 25 integrantes desta banda dirixida por David Lojo.

Amigos da Música 
A Banda Amigos da Música de Ordes, dirixida por Fernando Gontad,  iniciou e pechou a súa intervención tamén a ritmo dos pasodobles Calpe e Alvite, respectivamente. Precisamente neste último, caracterizado polo acompañamento de gaitas que conleva, respirouse un dos momentos máis emotivos de toda a sesión que levantou un gran aplauso. 

Virginia, El barberillo de Lavapiés, Magic Slides e A Feiticeira foron as restantes pezas interpretadas para un abarrotado auditorio.

*

viernes, 3 de agosto de 2012

Queres ir co Concello de excursión a Torremolinos?

Vista da praia de Torremolinos, na Costa do Sol malagueña.
O prezo (220 euros) inclué o autobús, hotel, pensión completa e seguro de viaxe

O Concello de Ordes ten prevista a organización dunha excursión a Torremolinos con visitas ás cidades de Málaga e Marbella. Unha actividade que está organizada polo departamento de Servizos Sociais que inclúe, por 220 euros, servizo de autobús, hotel, pensión completa, e seguro de viaxe.

Inscricións na Casa do Concello
Os interesados en asistir poden anotarse xa mesmo nas dependencias municipais ou ben chamando ó teléfono 981 680 002.

*

Xuntanza de bandas de música mañá na Alameda


jueves, 2 de agosto de 2012

O grupo de carpintería Ramón García traerá 140 postos de traballo a Ordes

A empresa é a principal instaladora de carpintería do Grupo Inditex

A empresa M.C. Mesía, S.L. pertencente ao grupo de carpintería Ramón García se instalará próximamente nunha finca de 17 000 metros cadrados do parque empresarial de Ordes. O grupo, que medrou baixo a protección do Grupo Inditex, ten prevista a creación de 140 postos de traballo unha vez se instalen no noso municipio. 


Na actualidade, e segundo informa La Voz de Galicia, a firma, con sede en Mesía, conta con arredor dun cento de empregados directos e xenera outros 200 de maneira indirecta en toda a provincia. Ramón García é a principal instaladora de carpintería do Grupo Inditex.


*

O Museo Juanjo Liñares organiza un obradoiro coreográfico

A cita terá lugar os días 10, 11 e 12 de agosto e estará dirixido por Manuel Segovia, Premio Nacional de Danza


O Museo do Traxe Juanjo Liñares organiza, en colaboración coa Compañía Ibérica de Danza e a agrupación folclórica cultural Sementes da Arte e o patrocinio do Concello de Ordes, a primeira edición do obradoiro coreográfico Juanjo Liñares. 


O encontro, dirixido polo prestixioso coreógrafo Manuel Segovia, abordará o estudo da danza castelá La cigüeña e galega Jota de Ordes, e terá lugar nas propias instalacións do museo en horario de 09:30 a 13:30 horas. e de 16:30 a 20:00 horas durante os días 10, 11 e 12 de agosto.


Inscricións e cuota
A cuota de inscrición é de vinte euros por persoa e o prazo de matriculación remata o 6 de agosto. 


Máis información e reservas na Casa do Concello de Ordes ou no propio Museo Juanjo Liñares situado no Campo da feira de Ordes. 


*

PP, BNG e CideGa rexeitan as contas do Concello de Ordes do 2011

Martínez Sanjurjo: "Votamos en contra porque o Goberno está a desenvolver unha política orzamentaria insostible"


Castro: "O noso voto é negativo pola sospeita da existencia de gastos de difícil xustificación"


Os votos do grupo do Goberno municipal (UxO) e do PSdG-PSOE non foron suficientes para que esta mañá a corporación municipal do Concello de Ordes, reunida en pleno extraordinario, dera luz verde ás contas anuais correspondentes ao exercicio 2011. Os votos en contra do Partido Popular, BNG e CideGa imposibilitaron a súa aprobación. 


José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, explicou que o o seu grupo rexeitou a proposta por entender que o equipo de Goberno local "está a desenvolver unha política orzamentaria insostible, carente de rigor e que conduce ao Concello ao abismo orzamentario".


Martínez Sanjurjo argumentou que, á vista do informe elaborado polo interventor municipal, "o Concello de Ordes se atopa nunha situación de insolvencia, non é capaz de pagar aos proveedores durante o prazo estipulado pola lei e mesmo acumulaba obrigas pendentes de anos anteriores ao exercicio 2011".


Os populares tamén criticaron as asignacións económicas que perciben os concelleiros de Goberno por asistencias á xunta local e que calificaron de "inaceptables". A xuízo de Martínez Sanjurjo, o alcalde e o equipo de Goberno de Ordes "non están á altura das circunstancias, dado que están máis pendentes dos seus intereses que dos intereses xerais do concello e dos seus veciños".


BNG
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, manifestou que “o alcalde convocou o Pleno durante as vacacións do interventor municipal, para evitar que este confirmase no Pleno a certeza das afirmacións do BNG”. 

Castro xustificou o voto en contra do BNG  “no contido dun informe da intervención municipal sobre a conta xeral de 2011, que confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se incluiron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e do seu Goberno”.

Castro preguntouse “que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos, e non se destina nin un euro á creación de emprego?, en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro?”.

*

A Alameda de Ordes, o mellor escenario para 'dous pallasos en máis apuros'

Dous pallasos en máis apuros son Pedro Brandariz (esq.) e Fran Rei.

Esta tarde tócalle o turno a Peter Punk 2, a Chungatrona

O espectáculo de clown Dous pallasos en máis apuros'  supuso na tarde de hoxe o pistoletazo de saída do Verán Cultural de Ordes. Unha cita na que se xuntaron a lo menos un par de centos de ordenses entre nenos nenas e os seus familiares. 

O espectáculo levado a cabo pola compañía Os sete magníficos máis un fixo as delicias e despertou as gargalladas de todos os presentes na Alameda de Ordes, lugar no que tivo lugar a función.

A Alameda de Ordes acollerá boa parte da programación cultural do verán na nosa vila. 
Peter Punk
De cara a hoxe, Peter Punk ofrecerá na Alameda ás 20 horas o seu espectáculo de clown 'Peter Punk 2,  a Chungatrona'. Montado no seu vehículo éste participará activamente co seu público que se presenta como parte imprescindible do espectáculo. 

Aproveitará a ocasión non só para divertirse e facer disfrutar, senón para presentar a súa última invención, a Chungatrona, unha máquina que fará as delicias de nenos e nenas e maiores.

*

miércoles, 1 de agosto de 2012

Deu comezo no Mesón do Vento o curso para desempregados de atención sociosanitaria

Un grupo de desempregados de Ordes participando no curso que rematará o próximo 7 de decembro.
Un total de quince desempregados participan neste programa de formación ocupacional 

Un total de 15 alumnos e alumnas en situación de desemprego  de Ordes participan dende onte no curso de atención sociosanitaria que se está a desenvolver na aula adaptada ubicada en Mesón do Vento. Trátase dunha actividade englobada no programa de formación ocupacional para personas en paro subvencionada pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Certificado de profesionalidade
Á finalización do curso, composto por 628 horas de formación, os asistentes recibirán un certificado de profesionalidade outorgado pola Consellería de Traballo e Benestar. Todos eles optarán á realización de 120 horas prácticas laborais en distintas empresas do sector, ademáis de poder obter o título de manipulador de alimentos tras a realización dun módulo específico de dez horas de duración.

Cuestións referentes á movilidade dos pacentes para evitar lesións, hixiene, alimentación ou estimulación  psicomotriz serán alguns dos aspectos que se aborden ao longo deste curso que rematará o 7 de decembro.

*

Castro: "En que se está a gastar esta cantidade inxente de diñeiro?"

O BNG votará mañá non á conta xeral 2011

O nacionalista considera que existe máis dun millón de euros non contabilizados nos orzamentos do pasado exercicio

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, anunciou hoxe o voto en contra do seu grupo político á liquidación da Conta Xeral de 2011, que será debatida no Pleno Extraordinario convocado mañá xoves, 2 de agosto, ás 10:00 horas.

Castro afirmou que o informe da intervención municipal sobre a Conta Xeral de 2011 “confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se contabilizaron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e o seu Goberno”

Gonzalo Castro salientou tamén que “o informe da intervención municipal advirte do total incumprimento do plan de saneamento aprobado pola Corporación en 2009 e da existencia dunha débeda acumulada de máis de dez millóns de euros, perto de 800 euros por habitante, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”

Gonzalo Castro.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O contido da liquidación ven a evidenciar, unha vez máis, a existencia dunha xestión caótica por parte do alcalde e o seu goberno, co estrago de recursos públicos de forma absolutamente irresponsábel, e o que é peor sen que se teñan mellorado os servizos públicos do noso Concello, se non todo o contrario”.

“Que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos no noso concello?"

"En que se está a gastar esta cantidade inxente de diñeiro?”.

*

Entre o 3 e o 7 de setembro poderás renovar o teu DNI en Ordes


Unha unidade da Policía Nacional ofrecerá este servizo na Casa da Cultura de 09:00 a 12:00 horas

Será necesaria previa cita solicitándoa na Casa do Concello ou ben chamando ao 981 680 002

Dende o día 3 ao 7 de setembro os veciños e veciñas de Ordes poderán renovar ou solicitar o seu DNI sen ter que desprazarse do municipio. Unha unidade da Policía Nacional levará a cabo esta labor dende a Casa da Cultura, situada no número 25 da rúa Galicia, nun horario que vai das 09:00 ás 12:00 horas.

Previa cita
Para facer uso deste servizo é imprescindible solicitar cita previa nas oficinas xerais do Concello de Ordes, situadas na planta baixa da Casa do Concello, ou ben chamando ao teléfono 981 680 002, en horario de 08:00 a 15:00 horas.

*

A piques de chegar as festas á vila de Ordes


martes, 31 de julio de 2012

Un espectáculo de 'clown' na Alameda dará comezo mañá ao Verán Cultural de Ordes


Fran Rei (esq.) e Pedro Brandariz, dous pallasos en máis apuros. 

Poderase disfrutar de teatro, música, obradoiros, festexos e clown en varios lugares da vila ata o 17 de agosto

O espectáculo de clown Dous pallasos en máis apuros marcará mañá o incicio do Verán Cultural de Ordes ás 20:00 horas na Alameda. Trátase dun programa caracterizado por unha extensa e variada programación que se desenvolverá ininterrumpida e gratuitamente ata o próximo 17 de agosto. Nela convínanse teatro, música, obradoiros, títeres, festexos e clown entre outros.

Dous pallasos en maís apuros é un espectáculo de clown realizado e posto en escea pola compañía 'Os sete magníficos máis un'. Especialmente pensado para os máis novos, o espectáculo recupera e actualiza varias farsas circenses clásicas creadas pola familia Colombaloni. Un espectáculo que leva colleitado un enorme éxito en toda Galicia tal e como veñen a demostrar as máis de cen representacións levadas a cabo nos últimos meses. Dirixida por Walker Velázquez e Iván Prado, o espectáculo vai ser representado por Pedro Brandariz e Fran Rei, cunha duración aproximada de unha hora.

Lugares
Todas as actividades incluidas no Verán Cultural terán como principais escenarios a Alameda de Ordes, o Campo da Feira e o auditorio da Casa da Cultura. En caso de choiva a organización ten previsto trasladalas á Casa da Cultura e ó pavillón Campomaior no caso do Día do Neno que terá lugar o 6 de agosto.

O Verán Cultural de Ordes está organizado polo Concello de Ordes, en colaboración coa Deputación da Coruña, e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

*

Convocado un novo pleno extraordinario para este xoves



Terá como único punto da Orde do día a aprobación ou non, da conta xeral relativa ao exercicio 2011



A S.D. Club Órdenes presenta o seu equipo xuvenil



Participarán por primeira vez en liga nacional

A S.D. Club Órdenes presentou onte no campo anexo de Vista Alegre o seu equipo xuvenil. Unha alineación que participará por primeira vez na súa historia na liga nacional. Por outra banda, os adestramentos dirixidos por Andrés Durán e Nico González darán comenzo mañá mércores pola tarde na cidade deportiva de Vista Alegre. 

Aliniación
A aliniación desta tempada 2012-2013 queda constituida do seguinte xeito: 
Porteiros: Dani e Manuel (cadete)
Defensas: Mosquera, Sergi, Pablo, Caamaño, Carlos (cadete), Kevin (cadete), Darío(cadete) e Esteban.
Centrocampistas: Christian, Suso, Javi, Pampin, Alvaro (cadete), Nico (cadete), Anxo(cadete), Diego, Fraga (Tordoia), Manuel (Trazo) e Iván (Victoria). Dianteiros: Villa, Fernando (Tordoia), Martin (Ural)

*

Tono Muiño e Manuel Rey gañan o torneo de pádel de Oroso


As dúas parellas finalistas posan co concelleiro de Deportes de Oroso, Luis Rey Villaverde. 

Os ordenses venceron na final á parella conformada por José Benito Rodríguez e José Manuel Romero, de Sigüeiro, nun partido moi desputado: 7-6 e 6-3

A primeira edición do Torneo de Pádel Concello de Oroso xa ten gañadores. Son os ordenses Antonio Tono Muíño e Manuel Rey, que venceron na final á parella de Sigüeiro conformada por José Benito Rodríguez e José Manuel Romero. O encontro estivo moi desputado e rematou cun resultado de 7-6 e 6-3.

Como premio, aos campións correspondeulles unha cea para dúas persoas e aos finalistas unhas palas de pádel. Non obstante, a organización entregoulles agasallos a todos os participantes.

Participantes
Nesta primeira edición, o Torneo de Pádel Concello de Oroso acadou unha participación de catorce parellas. A competición, que se desenvolveu durante todo o mes de xullo, estivo aberta a todos os cidadáns do municipio e da comarca.

*