viernes, 25 de mayo de 2012

Sanjurjo: "O plan de pago apoia aos empresarios, non a un Goberno municipal irresponsable"

O portavoz municipal do PP de Ordes reta a Manuel Regos a que acredite algo dito que non responda á verdade

O Partido Popular de Ordes fixo público hoxe un comunicado polo que mantén "unha por unha" as reflexións efectuadas onte en relación co informe elaborado polo interventor municipal no que advertía do delicado estado das contas públicas municipais. O seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo "reta" ao alcalde Manuel Regos "a que acredite se algo do que se dixo non responde á verdade".

Sanjurjo asegura que a nota de prensa remitida onte aos medios está baseada no informe do interventor e que "como todas as notas emitidas polo Partido Popular, se sustentan sobre feitos e datos verificables". 

O PP de Ordes quixó aclarar "fronte os intentos de manipulación do alcalde", que o informe do interventor "está datado en marzo de 2012, que se refire ao exercicio de 2011 e se emite en aplicación do plan de axuste de 2009, polo que nada ten que ver co plan de pago a provedores".

José Luis Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A quen respalda realmente o plan de axuste aprobado polo Goberno de España é ás empresas e profesionais cos que o Concello de Ordes mantén débedas millonarias que non foi capaz de pagar pola súa nefasta política económica" 

"Que o Goberno central respalde ás empresas non implica, en absoluto, que respalde a política municipal que no caso de Ordes situou ao Concello na bancarrota"

*

Regos: "Cristóbal Montoro confía na xestión económica do Concello de Ordes"


Manuel Regos Boquete, alcalde de Ordes.
Regos: "Resulta paradóxico que mentres en Madrid a xente do PP apoioa as nosas iniciativas, os de Ordes se empeñan en levarlles a contraria"

Regos: "A nosa política de investimentos primou os servizos e as infraestruturas sociais en Ordes" 

“A recente aprobación ao plan de pagamento a provedores e o visto bo do Ministerio de Facenda ás facturas que enviamos é o mellor aval para os nosos veciños e veciñas de que a situación económica do Concello de Ordes está controlada e é factible”. Así de taxante se mostraba esta mañá Manuel Regos, alcalde de Ordes, ante as críticas verquidas polos populares ordenses nas que se manifesta que “o Concello se asoma ó abismo orzamentario”.

O alcalde asinou onte un convenio co director da sucursal de La Caixa ubicada na vila para o pagamento das facturas englobadas en dito plan. “Os primeiros cobros levaranse a cabo a partir da vindeira semana, polo que o Concello de Ordes cumplirá coas súas obrigas. O contador está a cero porque nós non temos nada agochado en ningún caixón. É o mesmo Goberno central actualmente em mans dos populares quen autorizou o crédito e quen dixo que a nosa situación é factible porque estamos capacitados para facerlle frente” puntualiza  Regos. 

Paradóxico comportamento no PP
Tamén lle parece “moi paradóxico e significativo que mentres en Madrid a xente do PP apoia as nosas iniciativas, os de Ordes se empeñen en levarlles a contraria”. Unha situación que xa se viviu no último pleno municipal cando os populares, acompañados polo BNG, votaron en contra do plan de pagamento a provedores ideado e aprobado polo Ministerio dirixido por Cristobal Montoro.
Manuel Regos defendeu a política de investimentos realizada nos últimos anos “na que primaron os servizos e infraestructuras sociais para beneficio, uso e desfrute dos nosos veciños e veciñas”. Neste sentido  lembrou todo o tempo no que rexentado por gobernos do Partido Popular, o Concello de Ordes caracterizábase pola escasa inversión en bens e servizos. 

“Se o Concello gastou é porque nestes últimos anos fomos nós os que tivemos que facer o que outros deixaron pendiente” asegura o alcalde, que invita a quen queira a “dar unha volta polas parroquias e polos inmobles públicos ou ben a falar cos milleiros de veciños e veciñas que teñen participado nos cursos e actividades organizadas polo Concello” para comprobalo.

En nome do interventor
O alcalde tamén amosou o seu descontento co feito de facer oposición “usando o nome do interventor e doutros empregados municipais”, tal e como nos ten afeitos o PP de Ordes. 

Dende a alcaldía critícase e denúnciase a utilización dun informe do departamento de Intervención con data do ano 2009 “para crear alarma social e intranquilidade no sólo entre os veciños, senón tamén entre os empresarios e posibles inversores que queiran instalarse en Ordes. 

Isto é algo ilóxico xa que a realizade económica de entón non ten nada que ver ca de agora”. Por todo elo dende o Goberno Local reclaman máis responsabilidade ós populares na política comunicacional que están realizando e unha maior veracidade nas informacións publicadas.


*

jueves, 24 de mayo de 2012

Noites de tasca en Ordes especial cuarto aniversario


O Concello organiza unha viaxe a Madrid para animar a Iván Raña na Copa do Mundo de Triatlón


O ordense Iván Raña foi campión do mundo de triatlón no 2002.

Partirá este sábado dende a Alameda ás 04:00 horas

Reservas no teléfono 699081743

Coa colaboración do Concello de Ordes o vindeiro sábado 26 de maio os veciños e veciñas que o desexen poderán animar en directo a Iván Raña en Madrid. O campión mundial de triatlón competirá pola Copa do Mundo, unha proba válida para a selección de cara as Olimpiadas de Londres que se disputarán este verán.

O Concello de Ordes pon a disposición dos seus seguidores un autobús que partirá da Alameda o mesmo sábado ás 04:00 horas e cuxo regreso está previsto unha vez que conclúa a carreira. Para anotarse basta con chamar ó teléfono 699081743. Os menores deberán ir acompañados dun titor ou persoa que se faga responsable. 

'Contos con guitarras' mañá nas Tardes de contos e lendas da biblioteca de Ordes


Nesta nova sesión a música e a literatura daranse a man para deleite dos nenos e nenas do Concello

Mañá venres a partir das 18:30 horas a biblioteca de Ordes acollerá unha nova sesión de Tardes de contos e lendas. Nesta ocasión a narración oral entremezclarase coa música grazas ó relato 'Contos con guitarra', unha historia na que os rapaces e rapazas poderán  interactuar con cancións e actividades previamente programadas. 

O grupo Leo Leíño será o encargado de levar a cabo esta nova cita totalmente gratuita e especialmente pensada para os nenos e nenas de 3 a 6 anos. A ela poderán acudir tamén pais, nais ou coidadores que desexen participar conxuntamente cos cativos.

*

Os xuvenís da S.D. Órdenes xogarán este sábado o seu ascenso á liga nacional


Achégate o día do partido ao campo do Vista Alegre portando unha prenda de cor verde para animar ao equipo

Este próximo sábado o equipo xuvenil da S.D Órdenes, que actualmente milita na Liga Galega grupo I, xogará o seu ascenso á liga nacional. Un partido que comenzará ás 17:00 horas e no que o seu rival será a S.D. Compostela, que xa ten asegurado o seu ascenso.

Co fin de animar ós xogadores centos de mozos e mozas teñen organizada unha quedada o mesmo día ás 15:00 horas na Alameda de Ordes. A principal consigna será a de levar a lo menos unha prenda de cor verde, ó igual ca equipación oficial do clube. Unha vez todos xuntos dirixiranse a pé ata o campo de fútbol de Vista Alegre onde terá lugar o encontro.

*

O PSOE de Ordes solicita melloras na seguridade dos peóns pola avenida de Alfonso Senra



Xesús Pedreira denuncia que “hai varios puntos onde os peóns, as cadeiras de rodas e as sillas de nenos teñen obrigatoriamente que baixarse á N-550 para poder circular”

A Agrupación Socialista de Ordes presentará unha moción ao pleno municipal do vindeiro martes 29 de maio para solicitar melloras na seguridade viaria dos peóns na avenida Alfonso Senra, que atravesa a vila de Ordes a ambos lados da N-550. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “coa entrada en funcionamento da rolda leste e o desvío de gran parte do tráfico pesado do centro da vila de Ordes, podemos recuperar a avenida Alfonso Senra para os veciños e humalizala de tal maneira que as beirarrúas cumpran coa legalidade vixente”.

Pedreira Mirás apunta que “hai varios puntos da rúa Alfonso Senra onde os peóns teñen obrigatoriamente que baixarse á N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos”. Unha situación especialmente grave diante do número 143 da avenida Alfonso Senra e que tamén afecta ao tramo entre os números 122 e 133.

Esta situación fai que eses tramos de beirarrúas incumplan o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación (Artigos 9 e 10). Por iso, o PSdeG-PSOE solicitará o apoio do pleno municipal para instar a Demarcación de Carreteras de Galicia e ao Ministerio de Fomento que recuperen a avenida de Alfonso Senra para os veciños, permitindo que se poida aproveitar máis esta rúa para aparcar vehículos a motor e incrementar o ancho das beirarrúas diante do número 143 e das vivendas comprendidas entre os números 122 e 133.


Arranxo da pita O Balado-Darefe 
Así mesmo, os socialistas ordenses tamén instarán ao Concello de Ordes a arranxar a totalidade da pista que une O Balado e Darefe con firma de zahorra. Xesús Pedreira explica que “hai aproximadamente un ano empezouse a acondicionar esta pista, que dá moito servizo tanto ás fincas de labranza como para os que queren atallar cara Darefe, pero parouse antes de chegar ao río e, ademais, o anaco que se arranxou non quedou ben, polo que volve estar en malas condicións”.

Ademais de solicitar o arranxo con zahora de toda a pista, os socialistas de Ordes solicitan tamén ao Concello de Ordes que estude a posibilidade de ensanchala.

*

Sanjurjo: "O Concello asómase ao abismo mentres o interventor advirte do 'total incumprimento' do plan de saneamento de 2009"

Para o portavoz municipal popular, "resulta dramático que tanto derroche se esfumase sen que os veciños que van pagar as débedas se beneficiasen de servizo algún"


"Cada día que pasa, o Concello de Ordes asómase máis ao abismo orzamentario", asegurou hoxe o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. Así o acredita, asegura o popular, "un recente informe do interventor municipal que denuncia o total incumprimento do plan de saneamento aprobado no ano 2009". Dito informe alerta de que o Goberno local "debe tomar medidas drásticas que non poden demorarse nin un instante máis, dada a gravidade da situación e a pasividade do alcalde, a pesar de que estas medidas veñen sendo esixidas por esta intervención”.

Este informe da intervención municipal, asegura Martínez Sanjurjo, "é unha esixencia da norma estatal que regula o plan de saneamento municipal de 2009, que daquela permitiu ao Concello de Ordes obter un crédito de algo máis de un millón de euros".

Entre outros "datos alarmantes", o informe do interventor sinala que durante o exercicio de 2011, "o Goberno local de Manuel Regos xerou gastos extraorzamentarios que superan os 936.000 euros. Mentres, e tan só en 2011, a desviación orzamentaria xerada ascende a 3.163.000 euros (remanente líquido negativo de tesourería)".

Trátase, en opinión do PP local, dunha "cifra astronómica” para un Concello de 13.000 habitantes, durante un exercicio no que, "máis aló da custosa campaña electoral desenvolvida polo actual alcalde, os servizos municipais enfilaron unha espiral de deterioro". 

Martínez Sanjurjo.
Débeda municipal
Dende o PP de Ordes aseguran que "no seu conxunto, e sumando o crédito de 2,7 millons de euros que  se ven de formalizar no marco do plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda, e que suporá mais de un millón de euros máis en xuros, o Concello de Ordes amorea unha débeda de mais de dez millons de euros, que deberán pagar todos os veciños cos seus impostos".

En opinión de Martínez Sanjurjo, "resulta dramático que todo o derroche cometido polo Concello de Ordes se esfumase sen que veciños se beneficiasen de mellora algunha nos servizos públicos que reciben e, pola contra, sexan condenados a padecer en carne propia os efectos da política que levou o Concello á bancarrota".

*

miércoles, 23 de mayo de 2012

Os acredores do Concello de Ordes cobrarán as súas facturas a partires da próxima semana

Os pagos realizaranse a través de La Caixa

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, asinou esta mañá o convenio coa entidade financieira La Caixa para a realización do pagamento a proveedores con facturas pendentes de cobro. Dito plan, regulado no Real Decreto-ley 4/2012, de 24 de febrero e co que se pretende axudar ás administracións locais en materia de pagos pendentes, supón unha cantidade de preto de 2,7 millóns de euros no caso do Concello de Ordes. Según avanzou o alcalde, se espera que a partir da próxima semana se empecen a aboar as facturas que previamente foron aprobadas polo  Goberno Central.

*

Ordes acollerá unha nova edición da súa carreira popular o próximo domingo 3 de xuño


O prazo de inscrición remata o mércores 30 de maio

O concello de Ordes acollerá o vindeiro domingo 3 de xuño a XVII Carreira Popular, onde corredores e atletas de todas as idades poderán competir polo primeiro posto nunha das competicións máis concurridas da provincia.

A distancia dos circuitos variará según a categoría, indo dende os 500 metros dos competidores baby e prebenxamín, os 1.000 metros das categorías benxamín e alevín, os 3.000 metros das categorías infantil e cadete, e os 9.500 metros das categorías xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas, así como para os tres primeiros homes e mulleres das probas xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Tamén se outorgará un trofeo ós tres primeiros clasificados do municipio na proba absoluta (xuvenil, junior, promesa, senior e veterán), ó participante máis xoven  e ó máis veterán.

Premios en metálico
No referente ós premios en metálico no caso dos individuais serán de 150, 80 e 50 euros para homes e mulleres que disputen a carreira absoluta. Por equipos os cheques asecenderán a 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados da mesma proba. Unhas cuantías que se repitirán no caso dos equipos procedentes  do mesmo municipio.  Para puntuar nesta clasificación é necesario realizar a inscrición como clube, é decir, inscribindo ós corredores individualmente na páxina www.championchipnorte.com e remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com cos datos do clube e dos seus compoñentes).

Este ano haberá un premio especial de 150 euros para o centro académico de Ordes que presente o maior número de corredores. Para elo deberán formalizar a inscrición remitindo un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com, no cal se reflexe o nome do centro educativo e os datos dos seus atletas.

No caso das carreiras absolutas as inscricións deben facerse a través da páxina www.championchipnorte.com, mentres que nas probas escolares (categorías baby e cadete) faranse a través do correo electrónico inscricionsFGAsantiago@gmail.com. Deberán facer constar o nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, clube e número de licencia federeativa ou seguro escolar se se posúe

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición rematará o mércores 30 de maio ás 22:00 horas. Para máis información poden chamar ós teléfonos 981 680 002 ou 981 680 157. Tamén poden visitar as seguintes páxinas web: www.concellodeordes.com, www.atletismogalego.org, www.fgatletismo.es/santiago e  www.championchipnorte.com.

Nas probas poderán participar todos os que así o desexen  indistintamente de que estén federados ou non. O control técnico das probas correrá a cargo do Comité de Xuices da Federación Galega de Atletismo. Para levar a cabo esta XVII edición da Carreira Popular o Concello de Ordes conta coa colaboración das seguintes firmas comerciais: La Caixa, Gadis, Nutrexpa, Carnicaría Enrique, Estrella Galicia, Coca Cola, Feiraco, Sportec, Deportes Capitán, Seguros Reale e Asesoría e Seguros Jaime Castro.

*

martes, 22 de mayo de 2012

O PSOE pide á Xunta un plan estratéxico para o textil ordense


De esq. a der., o voceiro do PSdG-PSOE de Tordoia, Carlos García; a deputada autonómica Silvia Fraga; o voceiro municipal socialista e secretario da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira; o deputado autonómico Xosé Luis Méndez Romeu; o voceiro socialista de Frades, Xesús Manuel Iglesias; e de Trazo, Beatriz Domínguez.  

O sector perdeu máis de 500 empregos en Ordes nos últimos catro anos, segundo os socialistas

Xesús Pedreira: "Temos que apostar por un emprego de calidade no textil de Ordes"

O PSdG-PSOE confirmou hoxe en Ordes que pediralle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes, que deberá presentarse no Parlamento de Galicia no prazo de tres meses. Un plan que deberá contemplar medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cuotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Así o anunciou o deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu durante a comparecencia realizada esta mañá en Ordes para presentar as iniciativas socialistas a prol do sector téxtil na comarca ordense, que inclúen a presentación dunha proposición non de lei e varias preguntas ao Pleno do Parlamento.

Méndez Romeu explicou que “dende xaneiro de 2008 téñense perdido 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que significa un tercio da capacidade productiva desta comarca, mentres que no resto de Galicia o sector medra nun 12%”. Unha situación que o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, considera “especialmente preocupante, pois a eses 332 empregos por conta allea perdidos hai que sumarlle outros 200 correspondentes a pequenos autónomos, polo que estamos falando dunha perda de máis de 500 empregos na comarca”. Unha destrucción de emprego motivada, sobre todo, pola competencia polo prezo, que fixo que os talleres da comarca de Ordes fosen substituidos pola deslocalización no estranxeiro, principalmente en países como Marrocos, Romanía, India ou China.

Aposta pola calidade 
Pedreira Mirás lembra que “Ordes é unha comarca de 40.000 persoas que vive principalmente dos sectores gandeiro e téxtil. Non podemos permitirnos máis parados, temos que apostar por un emprego de calidade no téxtil”. Neste sentido, Méndez Romeu sinalou que “a singularidade da comarca de Ordes esixe unha resposta acaída ás necesidades daquí, onde se destruíu un 35% do emprego neste sector. Existe a posibilidade de recuperar producción de grandes marcas porque en Ordes hai empresas, hai infraestrutura técnica e traballadores cualificados”.

Por iso, o Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes deberá incluir as medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en actividades de subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases do proceso produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos falando de veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón dun sector que aposte pola calidade”, explica Xesús Pedreira, “Ordes chegou a rexistrar máis de 60 pequenas empresas con maquinaria especializada, directivos coñecedores dos procesos e persoal formado”.

Así mesmo, os socialistas solicítanlle á Xunta que facilite a participación de empresas galegas nos procesos de compra estratéxica da administración no sector, permitindo que poidan competir en igualdade de condicións cos grandes grupos comerciais nos concursos para a provisión de roupa de traballo para o Sergas, centros dependentes da Consellería de Benestar, etc. Segundo o deputado autonómico Xosé Luís Méndez Romeu, “poñer en marcha a primeira fase deste Plan Estratéxico custaría menos dun millón de euros, o cal é perfectamente asumible por un IGAPE que no 2011 deixou máis de 113 millóns de euros sen executar”.

Apoio da comarca
Méndez Romeu e Pedreira Mirás estiveron acompañados na súa comparecencia ante os medios de comunicación pola deputada autonómica Silvia Fraga e os voceiros municipais socialistas de Frades, Xesús Manuel Iglesias; Tordoia, Carlos García; Trazo, Beatriz Domínguez. A cercedense Silvia Fraga explicou que “a comarca de Ordes ten potencial para recuperar o sector téxtil, ten xente formada e preparada. A competitividade pasa por ofertar un proceso de elaboración da prenda dende o principio ata o final”. A deputada socialista, cofirmante da proposición non de Lei presentada no Parlamento, asegurou que “o que propoñemos é factible e asumible pola Xunta. Os beneficios son moitos fronte a uns custes mínimos”.

Pola súa banda, os voceiros socialistas en Frades e Tordoia coincidiron en facer un chamamento ás grandes empresas téxtiles de Galicia e España en contra da deslocalización da produción. “Na comarca de Ordes pódese facer un produto aínda mellor e a diferencia de costes non é tan grande”, apuntou Carlos García, voceiro socialista en Tordoia; mentres que dende Frades, Xesús M. Iglesias fixo un “chamamento ás firmas galegas que fabrican as súas prendas fóra e que venden como galego un produto que é galego a medias. Aquí estamos preparados e temos a cualificación necesaria para atendelos. Hai que apostar polo noso e por crear emprego en Galicia”. 

*

A rúa do Recreo ábrese de novo ao tráfico rodado


A rúa do Recreo hoxe, no seu cruce coa avenida de Alfonso Senra.
A obra supuxo un investimento de 120.000 euros

A rúa do Recreo xa está novamente aberta ao tráfico rodado logo de permanecer pechado durante os últimos quince días por mor das obras que se estaban a realizar no pavimento e que supuxeron un investimento de 120.000 euros. As labores que se realizaron durante este periodo inclúen a nova pavimentación e o seu repintado.

*

A biblioteca de Ordes recibe aos rapaces das escolas de Beán, Merelle, Montaos e Buscás



Disfrutaron do relato A maleta de Lila, escenificado pola compañía Sorrisos

A biblioteca municipal de Ordes recibiu esta mañá a visita dunha treintena de alumnos e alumnas das escolas unitarias de Beán, Merelle, Montaos e Buscás. As encargadas do centro explicáronlles o funcionamento e servizos que se prestan dende a biblioteca, ademáis de facerlle entrega do seu carné de socios. 

Tras as explicacións e o percorrido polas distintas salas do centro todos eles tiveron ocasión de desfrutar e divertirse co relato ‘A maleta de Lila’ escenificado pola compañía Sorrisos. Posteriormente foron os propios rapaces e rapazas quenes relataron un conto preparado previamente por eles mesmos. 

*

jueves, 17 de mayo de 2012

Máis de 600 veciños homenaxearon aos premiados na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes


Premiados polo concello de Ordes na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
A gala contou con dous invitados de excepción: Francisco González, 'Fran' (ex Deportivo) e Milorad Ratkovic (ex Celta)

Manuel Regos: “Esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”

Máis de seiscentos veciños e veciñas dos sete concellos da comarca de Ordes encheron o pavillón municipal de Sigüeiro durante a celebración da quinta edición da Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, celebrada na noite de onte mércores en Oroso. Unha gala na que recolleron o seu galardón os 35 deportistas e entidades deportivas galardoadas, ben polo seu traballo no 2011, ben pola súa traxectoria ao longo da súa vida.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, asegurou que “a práctica deportiva ten un papel fundamental na vida dos nosos cidadáns, pois permite acadar un benestar físico, mental e social a todas as idades, constituíndo un dos piares fundamentais para levar unha vida saudable”. Regos Boquete asegurou que “dende os Concellos apoiamos decididamente o deporte, realizando investimentos para crear e mellorar espazos, instalacións e organizando diversas actividades e eventos deportivos”.

O presidente da Mancomunidade de Ordes explicou que “esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”, polo que felicitou aos 35 premiados e os animou a “continuar traballando e superándose cada día”.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, amosou o apoio do Concello que preside ao deporte.
Entrega de premios
A V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes foi organizada polo Concello de Oroso e patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña. Contou, así mesmo, coa colaboración das empresas Base, Sportec Deportes e Deportes Capitán, que entregaron medallas e agasallos a todos os premiados. A Gala, que tivo unha duración de algo máis de dúas horas, foi presentada pola presentadora da TVG Irene Lourido e o locutor Gonzalo Faílde. 

Canda o anfitrión, Manuel Mirás, alcalde de Oroso, e Manuel Regos, tamén asistiron os alcaldes de Frades, Miguel Prado; Mesía, Mariano Iglesias; Tordoia, Antonio Pereiro; e Trazo, Xosé Dafonte; así como numerosos concelleiros dos sete concellos da comarca de Ordes. O alcalde de Cerceda, Xosé Luís Liñares, excusou finalmente a súa presencia, polo que o Cerceda estivo representado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Sánchez.

Ademais, a V Gala do Deporte contou coa participación de dous invitados especiais: Francisco González 'Fran' e Milorad Ratkovic, ex xogadores do RC Deportivo da Coruña e do RC Celta de Vigo, respectivamente, que espertaron moita espectacion entre todos os presentes. Así mesmo, tamén asistiu á gala o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa.

Os deportistas máis novos de Ordes, recibindo as súas medallas de mans da tenente de alcalde, Silvia Marín.
Premio Promesa Concello de Ordes
Se ben os xestos de aprezo estiveron presentes durante toda a Gala, houbo dous momentos especialmente tenros. En primeiro lugar, a entrega do premio promesa do Concello de Ordes, coa subida ao escenario de varias deceas de pequenos de idades comprendidas entre 4 e 5 anos, onde a anécdota a protagonizou un dos pequenos que fixo un amago de escapar sen recibir a súa correspondente medalla.

Momento da exhibición das rapazas do C.D. Ximnasia Rítmica orosán
Ximnasia rítmica
O outro momento emotivo da sesión tivo lugar coa exhibición a cargo das rapazas do CD Ximnasia Rítmica orosán, a única escola que o C.D. Ximnasia Rítmica Compostela imparte fóra do termo municipal de Santiago. As pequenas ximnastas de Oroso amosaron a súa gran técnica nunha pequena actuación que foi moi aplaudida por todos os presentes.

Finalmente, os profesores da Aula de Música do Concello de Oroso puxeron o punto e final a Gala, interpretando varias pezas musicais. Xa fora do pavillón, e no medio dunha noite cunha temperatura moi agradable, a ED Xuventude Oroso e o Sigüeiro FC ofreceron unha festa con chourizos e mexillóns, amenizados por un dúo musical.

Os alcaldes dos municipios da Mancomunidade de Municipios de Ordes  presentes hoxe na gala.
Premiados polo Concello de Ordes
Entre os premiados estiveron representados todas as modalidades deportivas, aínda que as máis representadas volven ser un ano máis o fútbol (13) e o atletismo (7), seguidos doutras modalidades como iudo, taekwon-do, hockei, tenis de mesa, rallies, patinaxe, salvamento ... e novidades como o a ximnasia rítmica ou os raids e carreiras de orientación. Os premiados nesta quinta Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes son:

 CONCELLO DE ORDES
1º PREMIO: Club SEO (carreiras de orientación e raids de aventura). Son campións da Liga Galega de Raids de Aventura e de Orientación (en categoría H-35). En 2011 tamén foron campións en Aventura no II porteAventura Raid e no II PontevedRAID, así como segundos en Aventura no I Raid de Xermade e en Elite e Aventura (Liga Galega) no Somozas Extreme.

2º PREMIO: AC Ordes Senior (hockey sobre patíns). Durante a pasada tempada conseguíu invicto o ascenso á Primeira División Nacional, antesala da OK Liga. A pesar das dificultades económicas, ten garantizado a súa permanencia.

3º PREMIO: Asociación Deportiva de Ordes (fútbol sala, tenis, tute, dardos), polas actividades que leva organizado ao longo dos seus tres anos de vida e polas que pasaron máis de 600 persoas.

CATEGORÍA PROMESA: SD Órdenes categoría Biberóns (fútbol base), nacida nesta tempada 2011-2012 co obxectivo de crear canteira, achegar e crear afección ao deporte do fútbol nos máis novos do concello (4-5 anos)

RECOÑECEMENTO ESPECIAL: Juan Fuentes Fernández (hockey e fútbol). Foi campión galego  e subcampión de España Infantil de Hockey co Liceo.Empezou a práctica do fútbol no 1993 e xogou ata o 2010 nos equipos: SD Club Ordes, SD Compostela e SD Ponferradina. Foi seleccionado pola Selección Galega Absoluta de Fútbol.

*

Ordes celebrou o Día Mundial da reciclaxe con obradoiros e xogos para os máis novos



Unha actividade desenvolvida conxuntamente co persoal de Cruz Vermella de Ordes

Unha veintena de rapaces e rapazas de Ordes participaron hoxe nas actividades que o Concello organizou con motivo do Día Mundial da Reciclaxe. Unha iniciativa desenvolvida conxuntamente co persoal da Cruz Vermella de Ordes e que tivo lugar no parque Félix Rodríguez de la Fuente.

Alí todos os participantes realizaron xogos cos que aprenderon a seleccionar e clasificar correctamente os distintos tipos de lixo, ademáis de ter que depositalos nos correspondentes contedores. 


*

A biblioteca acolle os debuxos e pinturas dos rapaces ordenses



Moitos deles recibiron agasallos de xogos, peluches e libros tras un sorteo

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2012, a biblioteca municipal de Ordes expón unha serie de debuxos e pinturas realizados por rapaces e rapazas con idades entre os 3 e 12 anos. Na tarde de onte, moitos deles recibiron un agasallo tras un sorteo. Xogos, peluches e moitos libros foron algúns dos premios que este ano se repartiron entre todos os participantes. 

Certame de poesía
Por outra banda, de cara o vindeiro venres 25 de maio levarase a cabo a lectura dos poemas gañadores do Certame de Poesía Concello de Ordes. Será a partir das 20:00 horas nun programa especial que Radio Ordes realizará con este motivo.

*

miércoles, 16 de mayo de 2012

O Concello de Ordes convoca un curso de deseño gráfico para desempregados e autónomos


Serán 45 as horas de duración das cales quince son presencias e trinta de teleformación

O Concello de Ordes e a Asociación de Traballadores Autónomos veñen de convocar un curso de deseño gráfico. En total ofértanse dezaseis prazas das cales seis están destinadas a persoas en situación de desempleo e as nove restantes a autónomos. En total levaranse a cabo dúas accións formativas que se desenvolverán na aula de informática ubicada na Casa da Cultura a partir do vindeiro mes de xuño.

O curso constará de 45 horas, das cales quince son presenciais e trinta de teleformación. O horario presencial irá dende o luns día 4 ata o xoves 8 de xuño de 20:00 a 23:00 horas, coa fin de que os interesados poidan compatibilizalo co seu horario laboral.

Máis información
Os interesados e interesadas poden dirixirse á Axencia de Emprego e Desenvolvento Local, situada no primeiro andar da casa do Concello, chamar ó 981680002 ou ó 981680157, ou se o prefiren poden consultar na web municipal www.concellodeordes.com.

*

I Concurso de Creación de Xoguetes de lixo



Haberá un premio especial para os dez mellores traballos

Co gallo do Día Mundial da Reciclaxe que se celebrará o vindeiro xoves, o Concello de Ordes convoca o I Concurso de Creación de Xoguetes a partir de lixo para  rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Os interesados deberán construir un xoguete a partir de materiais de refugallo como bricks, latas, cartóns, latas, etc.

A data límite para facer entrega dos traballos será o 1 de xuño no departamento de Medio Ambiente, situado no primeiro andar do edificio consistorial. Os trinta primeiros xoguetes recibidos obterán un agasallo sorpresa, mentres que os dez mellores obterán un premio especial. 

A entrega de todos estes obsequios realizarase o 5 de xuño coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.

*

lunes, 14 de mayo de 2012

Un cento de ordenses asisten na Coruña a un acto de reafirmación do ideario popular de Feijóo



Martínez Sanjurjo departíu con diferentes cargos políticos e institucionais


Un cento de ordenses asistíu o pasado sábado, no recinto de Expocoruña da cidade herculina, a un acto organizado pola sede provincial do Partido Popular para reafirmar o ideario desta formación. O acto se produce tres anos despois da victoria electoral de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas e un ano despois das eleccións municipais.


Ordenses participantes
A agrupación local do Partido Popular de Ordes fletou un autobús para trasladar ata A Coruña a un nutrido grupo de militantes e simpatizantes, pero foron tamén numerosas as persoas que acudiron nos seus vehículos particulares.

A representación institucional do PP ordense estivo encabezada polo seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo, e os concelleiros do grupo municipal popular.


5.000 participantes
Durante o acto, no que se deron  cita unhas 5.000 persoas, entre as que ademais do presidente do Partido Popular de Galicia e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, se atopaban varios conselleiros, o presidente da Deputación provincial da Coruña, Diego Calvo, e varios alcaldes, deputados e senadores populares. Martínez Sanjurjo tivo ocasión tamén de departir con diferentes cargos políticos e institucionais do Partido Popular de Galicia.

O Partido Popular de Ordes agradeceu e valorou a elevada resposta que esta convocatoria acadou entre os seus militantes e simpatizantes e considerou que esa receptividade acredita a crecente aceptación dos seus postulados entre os veciños e veciñas de Ordes.


*