viernes, 30 de agosto de 2013

A Mancomunidade de Ordes impulsará a creación da primeira cooperativa de produtores de grelos


Momento do encontro entre produtores de grelos e técnicos e representantes da Mancomunidade de Ordes.
Manuel Regos: "Ofreceremos toda a axuda e o apoio para todos os produtores que decidan formar parte desta nova iniciativa"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes a través da súa Oficina do Fomento ao Cooperativismo mantivo na mañá do pasado mércores 28 una xuntanza con produtores de grelos e representantes de distintas asociacións para constituir a que será a primeira cooperativa dedicada á comercialización deste  producto.

Trátase dun proxecto que melloraría a distribución, a produción, a trazabilidade na cadea de produción ou as garantías á hora da venda do vexetal. Este asunto abordarase no pleno convocado de cara ao vindeiro luns cos alcaldes de toda a comarca. 

Posteriormente terá lugar outra xuntanza xa de cara ao mes de outubro, na que se agarda a presenza de representantes de cooperativas similares, ademais dalgún membro da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
  
Estiveron presentes na reunión Manuel Regos Boquete, presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes; e os concelleiros José Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez Raña. Tamén Manuel Pena, técnico da Oficina de Fomento ao Cooperativismo; e as técnicas de AGACA Ruth Rodríguez e Loli Couso. Como representante da Asociación A Ponderosa (Anxeriz) asistiu Carmen Gesto, así como un total de oito produtores de diversos concellos da comarca.

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“Trátase dun proxecto beneficioso para todos e que sen dúbida traerá riqueza para a nosa zona, fomentando e promocionando o cultivo dun dos mellores productos que temos, o grelo”

"Nós apostaoms pola fórmula do cooperativismo nos tempos actuais porque a unión fai a forza”

"Dende a Mancomunidade de Ordes ofrecerase toda a axuda e o apoio para todos os produtores que decidan formar parte desta nova iniciativa”

*

viernes, 23 de agosto de 2013

O BNG de Ordes, "perplexo" ante o reloxo "invisíbel" da Casa do Concello

Aspecto actual da fachada sul da Casa do Concello de Ordes. Arriba no seu campanile, o reloxo.

Os nacionalistas critican tamén a "moi baixa calidade" do acondicionamento exterior do edificio

Ramiro Recouso: "Vaise sustituir por outro no que se aprecie a hora que marca?

O BNG de Ordes manifestou hoxe a súa "perplexidade" ante a ubicación dun “reloxo invisibel” na Casa do Concello.

O seu portavoz, Ramiro Recouso, manifestou que a reforma da antiga Casa Consistorial, “contemplaba a reparación ou sustitución do reloxo que levaba anos parado, ao igual que o Goberno de Regos”. 

Nestas datas previas ás festas patronais de Ordes, aseguran os nacionalistas, “pintáronse a toda presa as fachadas sur e oeste do inmóbel, deixando as outras dúas, menos visíbeis, sen acondicionar e coas estadas colocadas". 

"Política de fachada e apariencia"
"A política de fachada e aparencia pero baleiras de contido, que realiza Regos, provoca que se coloque un reloxo practicamente invisíbel e un acondicionamento exterior de edificio de moi baixa calidade”, asegurou Recouso.

Os nacionalistas criticaron tamén as manifestacións realizadas polo alcalde en Radio Ordes o pasado 14 de agosto, nas que manifestaba “que se ían parar as obras ate a chegada de novas axudas”.

O portavoz nacionalista suliñou ademáis que o Goberno de Manuel Regos recibiu unha subvención da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia durante o mandato do socialista Xosé Luis Méndez Romeu por valor de 660.000 euros, e solicitou un préstamo bancario no que estaban incluídos os 690.000 euros restantes para cubrir o importe do proxecto de reforma da Casa do Concello, valorado en 1,35 millóns de euros. 

RamiroRecouso (BNG).
Sustituír o reloxo
“Entón, como é que non se rematan as obras? Onde van os cartos? Onde se gastaron ou onde se perderon? Vaise sustituír o “reloxo invisíbel” por outro no que se aprecie a hora que marca?" 

Estas preguntas serán formuladas polo BNG de Ordes, no vindeiro pleno da Corporación municipal.

*

jueves, 22 de agosto de 2013

A unidade móbil de renovación do DNI chega a Ordes


Previa cita na Casa do Concello (Teléfono 981 680002)  

A unidade móbil para renovar o DNI estará na Casa da Cultura de en Ordes os días 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro, en horario de 09:00 a 12:00 horas.

Cita previa
Previamente deberase pedir cita nas oficinas da Casa do Concello (pranta baixa) ou chamando ao teléfono 981 680002.

*

viernes, 16 de agosto de 2013

Ordes rendiulle homenaxe aos seus emigrantes


Manuel Brandarís, hoxe coa súa dona e o alcalde de Ordes, Manuel Regos.

Nesta edición estiveron representados por Manuel Brandarís, emigrado a Venezuela

Coincidindo co día de San Roque, Ordes viviu hoxe unha xornada dedicada aos emigrantes. Este ano, a responsabilidade de asumir a representación de todos os que un día tiveron que abandoar a comarca de Ordes na procura dun mellor futuro foi para Manuel Brandarís.

Nado en 1930 en Ordes, con 22 anos, Brandarís marchou cara a Venezuela cun contrato de traballo no sector da construcción. Alí fundou unha familia, ata que fai 22 anos quedou viuvo, momento no que decidiu instalarse na Arxentina. 

Saída da igrexa parroquial de San María. Ao fronte, a tenente de alcalde, Silvia Marín, e a concelleira Lucía Iglesias.
Solución ao problema da emigración
O alcalde de Ordes, Manuel Regos, destacou da súa figura o que “actualmente supón para tantos xóvenes talentosos que formamos na nosa terra que teñen que coller as maletas e marchar fóra na procura dun futuro”. 

Regos fixo un chamamento ás altas instancias políticas e cúpulas de poder ”para que poñan solución a este problema que afecta moitas familias”. 

O alcalde, Manuel Regos, e Manuel Brandarís, durante a ofrenda floral aos emigrantes ordenses.
Monumento ao Emigrante
Unha vez rematada unha misa previa, Brandarís recibiu de mans do alcalde unha placa conmemorativa en lembranza deste día. A continuación, todos os presentes trasladáronse ata o Monumento ao Emigrante, ubicado nos parques municipais, para facer unha ofrenda floral e escoitar o Himno Galego.

Posteriormente, os presentes trasladáronse ata a Alameda para desfrutar do concerto ofrecido pola Banda de Música de Ordes e a orquestra Magos de España. 

Xa pola noite actuarán Tania Veiras e á formación París de Noia. Mañá sábado será o turno para Bahía Blanca, que este ano poñerá o peche ás festas patronais de Ordes.

*

Romaría galega mañá na estación da Pontraga


miércoles, 14 de agosto de 2013

O Palacio Municipal de Ordes prepárase para dar a benvida ás festas de Santa María

Estado actual do exterior da Casa do Concello de Ordes.
Esta noite ás 22:00 horas darase o chupinazo de saída festivo dende a remodelada Casa do Concello

A orquestra Panorama encherá a vila de Ordes de música, espectáculo e baile

A Casa do Concello, históricamente chamado Palacio Municipal de Ordes, apura os últimos preparativos para dar a benvida esta noite ás 22:00 horas ás festas de Santa María de Ordes. 

Dende o seu balcón á fachada leste dando a cara á avenida Alfonso Senra -históricamente Novo Camiño Real-, o Goberno municipal, co alcalde Manuel Regos á cabeza, dará o chupinazo de saída ás festas que se prolongarán ata o sábado 17 de agosto.

Esta noite, a orquestra Panorama será a encargada de levar a música, o espectáculo e o baile á vila de Ordes.


O Palacio Municipal o 29 de xuño de 1965, recibindo os restos do Soldado Lois chegados dende Cádiz.

Rehabilitación
O Palacio Municipal de Ordes remata así a súa primeira fase de rehabilitación co arranxo do histórico reloxo no seu campanile e o pintado da súa fachada. 

A cor escollida para os seus remaches e contornas foi un tono amarelo area un pouco máis oscuro do histórico tradicional. En todo caso, a rehabilitación continuará no seu interior ao longo das próximas semanas.

O edificio foi construído en 1944 sobre o antigo mercado de abastos de Ordes, e inaugurado finalmente o 14 de setembro de 1954. 

*   

martes, 13 de agosto de 2013

O PSOE urxe á Xunta a "mollarse" cos problemas do téxtil ordense


A asociación téxtil de Galicia denuncia que a Seguridade Social e a Axencia Tributaria penalizan aos pequenos talleres 

Xesús Pedreira insta á Xunta “a mollarse e solucionar os problemas do téxtil galego e, en especial, da comarca de Ordes”

O PSOE de Ordes instou onte á Xunta de Galicia a resolver os problemas do sector téxtil galego, recentemente denunciados pola Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia nunha carta enviada á Agrupación Socialista de Ordes e ao deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu. 

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, considera que “a Xunta de Galicia debe mollarse e tratar de solucionar os problemas non só dos pequenos talleres senón do téxtil galego e, en especial, da comarca de Ordes”.

A Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia denuncia que a caída do consumo está a afectar aos provedores para os que traballan, o que se traduce nun atraso importante nos pagos aos talleres, que cifran en de 60 a 90 días. 

Isto supón un serio problema de liquidez para poder afrontar os pagos que estes pequenos obradoiros teñen a fin de mes. “Mais o problema máis acuciante e no que si pode entrar de inmediato a Xunta ten que ver cos pagos á Seguridade Social e á Axencia Tributaria”, explica Xesús Pedreira.

Recargo do 3 % ao 20 %
A situación é que o pago dos seguros sociais ten que facerse o último día lectivo do mes. Se o taller non dispón de efectivo e non pode satisfacelos, aplícaselles un recargo do 20%. Un recargo que se aplica dende a chegada de Mariano Rajoy á Presidencia, xa que ata entón o recargo era do 3%. 

“Por un lado, non cobramos. E, por outro, nos endebedamos máis cada mes, pois se un taller non ten cartos o día 30 para pagar os seguros sociais non é porque non queira, é porque non cobrou, porque o fabricante se retrasou ou porque as facturas non venceron. A can fraco todo son pulgas”, destaca a Asociación na súa misiva.

De feito, dende a Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia consideran que ese incremento do 3 ao 20% “parécenos un verdadeiro atraco. Isto representa unha lacra para a pequena empresa imposible de superar e, ao mesmo tempo, un desánimo á hora de contratar empregados”. 

Apoio do PSOE de Ordes
O PSOE de Ordes apoia todas as medidas demandadas pola Asociación de Talleres da Industria Téxtil de Galicia á Xunta de Galicia: bonificacións nas cotas á Seguridade Social, o que conlevaría unha maior contratación, axudas do IGAPE para dispoñer de capital circulante,  cursos de formación para o persoal en activo que permita cubrir os tres meses que teñen que estar parados cada ano polos cambios de temporada.

Hai pouco máis dun ano, os socialistas esixíanlle á Xunta a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes que contemplase medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. 

Unha proposta que foi rexeitada en varias ocasións polo Partido Popular, que preferiu obviar que entre xaneiro de 2008 e maio de 2012 se perderon 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que supuxo un terzo da capacidade produtiva da comarca. 

O peor é que o rexeitamento da proposta socialista non veu acompañada dunha proposta do PP, polo que que a situación non fixo máis que agravarse, segundo denunciaron os socialistas de Ordes.

*

Mañá dan comezo as festas de Santa María de Ordes