viernes, 9 de agosto de 2013

Xa é posible modificar o enderezo do permiso de conducir en Ordes


Grazas ao convenio asinado entre a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña e o Concello de Ordes

Os veciños de Ordes xa poden modificar o enderezo do seu permiso de circulación e condución sen necesidade de moverse do municipio. Un trámite que se pode efectuar tras a sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña e o Concello de Ordes. En ambos casos, os trámites son gratuítos. 

No caso de cambio para o permiso ou licenza de condución bastará con achegar a identificación do solicitante a través do seu DNI ou NIE. No caso do permiso de circulación de vehículos requirirase a documentación deste (permiso de circulación, ITV e tarxeta técnica), así como o formulario de solicitude onde figurarán os datos persoais do titular. 

Posteriormente será o persoal municipal do Concello de Ordes quen se encargue de realizar os derradeiros trámites coa Xefatura de Tráfico nun prazo máximo de dez días, ente que se responsabilizará de efectuar as anotacións pertinentes no Rexistro de Condutores ou de Vehículos.

*

Augalingua transformou a piscina do Muíño na aula máis divertida

O concelleiro de Deportes de Ordes, Roberto Iglesias, cos participantes na Augalingua.

Organizáronse xincanas acuáticas para fomentar o idioma galego

A piscina municipal do Muíño acolleu na tarde de onte a diversión e a aprendizaxe de Augalingua, unha iniciativa da Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Ordes, orientada ós máis novos da casa coa que se pretende fomentar o uso do galego mediante a diversión e o xogo en equipo. 

Xincanas acuáticas
A través de xincanas acuáticas, os participantes pasaron unha actividade do máis refrescante. Entre os asistentes estaban, ademais do persoal do departamento de Cultura e Deporte, o concelleiro Roberto Iglesias.

*

jueves, 8 de agosto de 2013

Ardemil celebra esta fin de semana a súa tradicional festa da malla


Momento da festa da malla de Ardemil nunha edición pasada / Arq. 

O día grande será o sábado 10 de agosto a partires das 12:00 horas

A partir de mañá venres, a parroquia Ardemil revivirá a súa tradicional festa da malla organizada pola Asociación Cultural Castro da Croa coa colaboración do Concello de Ordes.

A cita terá lugar a partires das 22:00 horas cun encontro no que se ofrecerá touciño entrefebrado de balde ea actuación do cantante Mario. 

Día grande: sábado
O día grande será o sábado 10 de agosto a partir das 12:00 horas coa feira de antigüidades, a máis grande de toda Galicia segundo os organizadores, ademais doutra de tractores novos e antigos. 

Tamén terá lugar unha exposición de coches antigos, motos, mobles, pías, farrapos, maquinaria relacionada coas mallas etc.

As gaitas marcarán o inicio da xornada a partir das 16:00 horas co grupo Maldados, o Dúo Tajú, que estará presente ao longo de todo o día, e con espectáculos de mimo. 

Tamén haberá carpas nas que se servirán pratos típicos como o polbo e a carne ao caldeiro. Como remate, o domingo 12 de agosto celebrarase unha concentración de tractores antigos.

*

martes, 6 de agosto de 2013

Preocupación no BNG de Ordes pola posible venta da téxtil Viriato a Florentino

Interior do taller téxtil de Viriato / Arq.

Os nacionalistas temen que a produción poida trasladarse fora do noso municipio, en concreto a Lalín

O BNG de Ordes amosou hoxe a súa preocupación ante o traslado da produción téxtil fora de Ordes, no caso de frutificar as negociacións entre a ordense Viriato, propiedade do holding internacional Grupo Ríos, e o grupo Florentino. 

Estas conversas inciden en que a produción de Viriato se trasladaría a Lalín, concretamente ás antigas instalacións da firma Florentino, na localidade de O Rodo.

O portavoz do BNG municipal, Ramiro Recouso, lembrou a importancia do sector téxtil en Ordes, industria "moi castigada" pola situación económica actual que provocou "o peche de numerosos talleres de confección" no municipio e a conseguinte a "perda de emprego dun gran número de traballadoras moi cualificadas".

Fundamental para a nosa economía
Os nacionalistas ordenses esperan, que independentemente do resultado do interese amosado por Florentino na adquisición de Viriato, a produción se manteña nas instalacións de Ordes, xa que os postos de traballo que alí se xeran resultan "fundamentais" para economía local e comarcal de Ordes.    

*