domingo, 23 de septiembre de 2012

O Concello optimizará os horarios da piscina climatizada


Pechará as instalacións dende as 14:00 ás 16:00 horas

O Goberno espera aforrar máis de 12.000 euros e priorizar os intervalos de maior afluencia de público


O Concello de Ordes ten previsto de cara á vindeira tempada racionalizar e optimizar o uso e desfrute da súa piscina municipal, mantendo cerradas ditas instalacións en horario de 14:00 a 16:00 horas. Unha medida que pretende tamén favorecer as condicións económicas para as empresas que queiran optar á xestión da piscina municipal climatizada. 

Deste xeito, as instalacións manteranse abertas nos horarios habituais nos que ata o de agora se viñan realizando os cursos de natación. Unha actividade cun prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o vindeiro día 26 de 09:00 a 14:00 horas no primeiro andar da Casa do Concello.


Silvia Marín.
As frases de Silvia Marín, primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Mantemento e Servizos de Ordes 
“Son tempos de recursos limitados e temos que racionalizar máis ca nunca a xestión dos servizos e bens municipais”

"Con esta medida, o Concello aforrará 12.000 euros tan só en gastos de persoal, aos que haberá que engadir os derivados do consumo enerxético, entre outros"

A nosa prioridade é a de manter os horarios con maior afluencia de público, que son as primeiras horas da mañá e últimas horas da tarde, xusto antes de que a xente inicie ou finalice a súa xornada laboral”

*     

A ITV agrícola estará en Ordes en outubro e novembro


Cita previa no teléfono 881 920 978 

A ITV móbil de vehículos agrícolas volverá a visitar o mercado de gando de Mesón do Vento os días 24, 25 e 26 de outubro en horario de 09:00 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:00 horas. Tamén o 29 de outubro, de 09:00  a 13:30 horas.

A mesma unidade de inspección estará tamén no polígono industrial de Merelle. Concretemente serán os días 30 e 31 de outubro e 5 de novembro de 9 a 13.30 horas e de 15.30 a 18 horas, mentres que o 6 de novembro atenderá ó público únicamente no horario de mañá antes especificado.

Os interesados xa poden solicitar cita previa no telefono 881 920 978.

Ángeles Rodríguez, bronce na XXVI Milla Urbana de Valdeorras

A ordense Ángeles Rodríguez del Río (esq.) xunto ás outras medallistas da proba.

Rematou o percorrido en sete minutos e vinte segundos

A atleta ordense Ánxeles Rodríguez del Río acadou a pasada fin de semana a medalla de bronce na categoria mulleres veteráns na XXVI Milla Urbana Festas do Cristo 2012, proba pertencente ao campionato de España de Milla en Ruta O Barco. 

Unha proba que tivo como escenario a localidade ourensá do Barco de Valdeorras. Ánxeles Rodríguez rematou o percorrido nun tempo de 7:20.

*

O Recreo botouse á rúa para celebrar as súas festas de Lurdes


Celebraron a procesión da Virxe polo centro da vila

Os veciños e veciñas da rúa O Recreo viviron o pasado domingo un día de celebración na honra da Virxe de Lurdes. O acto central da xornada tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de Ordes, onde a mediodía tivo lugar unha misa. 

A continuación a imaxe da Virxe saliu en procesión polas principais vías da vila. Á cita acudiron centenares de veciños e veciñas, entre os que se atopaban varios membros da corporación municipal. En representación do Goberno local estaba a concelleira de Diversidade Funcional, Lucía Iglesias. 


Tradición
Tal e como marca a tradición, moitos domicilios ubicados nesta zona de Ordes acolleron hoxe a familiares e amigos para desfrutar dun convite na mellor compaña.

*

Os socialistas de Ordes, satisfeitos coa decisión do Concello de destinar 52.675 euros en melloras do alumeado público

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.

As obras estarán rematadas antes de finais de ano

O pasado martes18, o Concello de Ordes aceptou a petición presentada polos socialistas ordenses e investirá 52.675 euros en obras de mellora do alumeado público das rúas Nova e dos Lagartos, dúas das máis transitadas na Vila de Ordes. 

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, celebra a decisión tomada esta mañá na Comisión de Urbanismo xa que “dá cumprida resposta aos problemas de luz que sofren os veciños da rúa dos Lagartos e da rúa Nova”.

Substitución das luminarias
As obras comezarán a executarse o vindeiro mes de novembro e estarán rematadas antes de finais de ano. Os traballos suporán a substitución das actuais luminarias por outras das mesmas características ás utilizadas no resto da vila. 

“As actuais luminarias non teñen moita capacidade lumínica e en moitas ocasións se apagaban pois lles entraba auga, o que motivou moitas queixas dos veciños que recollemos dende a Agrupación Socialista”, explica Pedreira Mirás.

O BNG critica ao alcalde por "paralizar" os cursos de natación na psicina climatizada


Castro: "O próximo día 30 a empresa cesará na prestación dos seus servizos e a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio corren un evidente perigo"

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, criticou o pasado luns ao alcalde de Ordes por “actuar unha vez máis cunha absoluta improvisación na xestión da piscina e o ximnasio, ao rescindir a relación contractual coa empresa sen previsión algunha que permitise manter as actividades que se levan a cabo nestas instalacións”.

O portavoz do BNG sinalou que “os usuarios da piscina están vendo como os cursos de natación quedaron xa en suspenso sen que desde o Goberno municipal se dea solución a esta situación”.

Castro sinalou que “o alcalde está actuando de forma caprichosa e improvisada por intereses puramente persoais, causando un grave perxuizo aos usuarios da piscina e do ximnasio que ven perigar a continuidade das actividades”

O portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do servizo estábel e en condicións óptimas”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O próximo día 30 a empresa cesará na prestación dos seus servizos e a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio corren un evidente perigo, xa que poderían paralizarse ao non existir tempo material para solucionar a situación”

“Presentaremos unha iniciativa diante do Pleno para que o Concello garanta a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio, así como os dereitos dos traballadores desta instalación, garantindo tamén a súa permanencia”

*

Leira celebrou as súas festas de Santa Eufemia


Misa, sesión vermú, charanga, gaitas para a tradicional romería da parroquia ordense

En colaboración co Concello de Ordes, o pasado domingo 16 e luns 17 de setembro, a parroquia ordense de Leira celebrará a súa tradicional romería de Santa Eufemia.

No primeiro dos días houbo unha misa ás 13:30 horas tras a que se deu paso á sesión vermú a cargo da orquestra Fania Blanco Show. Xa pola tarde volveu a haber misa ás 19:00 e ás 20:00 horas e posteriormente deu comenzo a verbena nocturna, que contou novamente coa orquesta Fania Blanco Show e La Bámbola. Ademais de todo isto durante todo o día na parroquia resoaron os ritmos e a música de charanga e a dos gaiteiros Embruxo de Leira.

Programa do luns
De cara o luns o programa incluiu unha misa solemne ás 13:30 horas. Tanto a sesión vermú como a cita nocturna contou coa actuación da orquestra Estrellamar. Acompañándoos neste último pase estivo tamén a orquesta París de Noia. 

*

Aberto o prazo de inscrición para o seminario sobre emprendemento de Ordes


Terá lugar o 10 de outubro en horario de 10:00 a 13:00 horas

Información e inscricións no teléfono 981 680 002

O próximo 10 de outubro o salón de actos da Casa da Cultura de Ordes acollerá de 10:00 a 13:00 horas a celebración do seminario ‘Dinamizar para emprender. Seminario para a difusión da cultura emprendedora’, cuxo principal obxetivo é o fomento da cultura emprendedora e do autoemprego. 

Unha inciciativa cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 28 de setembro na axencia de emprego e desenvolvemento local, ubicada no primeiro andar da Casa do Concello.

Programa
O programa terá unha duración aproximada de tres horas nas que se abordarán aspectos relacionados cos emprendedores, as ideas que estes pretenden desenvolver, así como a súa posta en marcha. Ademais se contará coa intervención dun emprendedor local, que tamén participará no debate que pechará o encontro.

Para levar a cabo este seminario aplicarase unha metodoloxía adaptada a un amplo abano de destinatarios, que abranguen dende persoas con inquedanzas emprendedoras desempregados, traballadores en activo e estudantes.

O seminario ‘Dinamizar para emprender. Seminario para a difusión da cultura emprendedora’ está organizado pólo Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galícia) e o Concello de Ordes. 

Os interesados poden obter mais información a través do telefono 981 680 002.

O Concello forma aos novos socorristas de Ordes



Un total de quince xóvenes formarán parte dun curso formativo ata o mes de decembro

A Casa da Cultura de Ordes acollerá ata o próximo mes de decembro un curso formativo sobre socorrismo en instalacións acuáticas. Un total de quince xóvenes participan nesta proposta formativa na que ademais de clases teóricas tamén se levará a cabo unha parte práctica na piscina municipal. 

Fondo Social Europeo
Ademais do Concello de Ordes nesta iniciativa participan o Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. 

*

Este mércores sortearanse os nomes do xurado para as eleccións en Ordes


O censo electoral poderase consultar na Casa do Concello ata o luns en horario de 09:00 a 14:00 horas

O Concello de Ordes informa que xa se ten iniciado o procedemento de elaboración das listas de candidatos a xurado por mor das próximas eleccións autonómicas. Un procedemento que se realiza sobre a base do censo electoral vixente. Dita lista municipal permanecerá exposta ó público en soporte informático nas oficinas de estadística ubicadas na Casa do Concello. Éstas poderán ser consultadas de 09 a 14:00 horas entre os días 18 e 24 deste mes.

Sorteo
O sorteo para a confección das listas de candidatos a xurado se levará a cabo o vindeiro día 26 ás 12:00 horas na sala de xuntas da oficina do censo electoral, ubicada no número 12 da rúa Adelaida Muro, na cidade de A Coruña.

*

Montaos celebrou as festas na honra da súa patrona



A eurovisiva Lucía Pérez foi a gran protagonista da noite do domingo

Veciños e veciñas da parroquia ordense de Santa Cruz de Montaos, así como un amplo número de visitantes, disfrutaron a pasada esta fin de semana da festa na honra a súa patrona. Os actos litúrxicos, como a misa celebrada o pasado sábado na que se sacou a imaxe da Virxe, e as sesións musicais a cargo das orquestras Principal, Salsa Rosa e Bahía Blanca foron os actos centrais do programa de festexos. 

Lucía Pérez
O prato forte chegou na noite do domigo da man da cantante luguesa Lucía Pérez, que entre outros temas interpretará o seu éxito eurovisivo Que me quiten lo bailao.

*

miércoles, 12 de septiembre de 2012

O ximnasio municipal reabre as súas portas con novas salas de musculación e cardiovascular


Vista da nova sala cardiovascular do ximnasio municipal de Ordes, ubicado no paseo Iván Raña. 
As salas serán ampliadas noutros 130 m2 nos que se instalarán novas máquinas

O Concello de Ordes ultima esta semana os traballos de ampliación e remodelación do ximnasio municipal situado no Paseo Iván Raña. Con estas actuacións, aténdense así ás múltiples suxestións plantexadas polos usuarios destas instalacións, que demandaban un espazo máis amplo para poder utilizar tanto as máquinas de pesas como as de cardiovascular. Tras esta intervención, que estará rematada em cuestión de días, o ximnasio contará con outros 130 metros cuadrados para uso e desfrute dos seus socios.

As obras levadas a cabo supuseron a transformación dunha zona axardinada en sala de musculación. Para elo leváronse a cabo traballos de excavación, construcción e pintado de soleiras de formigón; instalación de vigas de arrastre, estructuras metálicas, paredes e cubertas, falsos teitos e ventanais de cristal e aluminio, ademais da colocación de canelóns e baixadas. 

Subvencións e horarios
Ditas obras están incluidas no POS 2012 e contan cunha subvención de 55.600 euros. Pola súa banda o Concello de Ordes xa ten preparadas as máquinas de musculación, mancuernas e demais equipamento para dotar dun mellor servizo a estas instalacións.

Actualmente, estas instalacións están abertas en horario de 08:00 a 23:00 horas de luns a sábado e de 10:30 a 14:00 horas os domingos. Ademais do ximnasio e da piscina climatizada o centro ofrece as actividades de aeróbic, step, zumba, high fit, tonificación, cardi-box, aero-step, interval, aquagym, stretching e aeróbic infantil. Unhas clases nas que poden participar xentes de todas as idades e para as que se ofrecen abonos de distintos tipos que  podem supoñer un aforro de ata o 50%.

O PP denuncia que Audasa habilitou bolardos na entrada da AP-9 para evitar que a xente aparque de balde

Arriba, estado actual da entrada á AP-9 en Ordes coa instalación dos bolardos que impiden aparcar aos laterais. Abaixo, antes da súa instalación con coches aparcados aos seus laterais.

Martínez Sanjurjo alerta de que agora, a única posibilidade é aparcar dentro, pagando o traxecto 

Martínez Sanjurjo: "A dilixencia coa que a concesionaria instalou os bolardos contrasta coa deixadez coa que actuou noutros momentos provocando trastornos que perduran na memoria colectiva"

O grupo municipal do Partido Popular de Ordes defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción para instar a Audasa, empresa titular da Autoestrada do Atlántico (AP-9), a habilitar un espazo de estacionamento gratuíto ao carón da peaxe de Ordes, tratando de facilitar así que algúns usuarios poidan compartir vehículo a partir dese punto, co correspondente aforro de combustible e de tarifas.

Desde hai tempo, numerosos usuarios da AP-9 viñan utilizando o acceso exterior da peaxe de Ordes para estacionar os seus vehículos.

Bolardos que impiden estacionar
Sen embargo, en datas recentes, as marxes laterais do acceso á peaxe de Ordes foron delimitadas con bolardos que impiden o estacionamento de vehículos e provocan graves trastornos aos usuarios que, tradicionalmente, compartían vehículo e aforro desde ese lugar.

O Partido Popular tamén ten constancia de que cando algún usuario solicitou poder estacionar nas inmediacións, se lle informou que a única posibilidade sería entrar na peaxe, obrigándoo, dese xeito, a efectuar un traxecto, co conseguinte desembolso económico e perda de tempo.

O grupo municipal que lidera José Luis Martínez Sanjurjo entende que ese estacionamento debe ofrecerse de balde e sen limitacións temporais, dado que, pola súa localización, lonxe das áreas habitadas, non é susceptible de ser utilizado de maneira habitual por persoas que non sexan usuarias da autoestrada.

Na mesma liña, o PP de Ordes insta ao Concello a estremar a vixilancia para que a empresa titular da AP-9 cumpra coa legalidade e asuma as obrigas que ten recoñecidas, tanto cos usuarios, como co entorno polo que discorre. 

Martínez Sanjurjo.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A dilixencia coa que a concesionaria da autoestrada instalou os bolardos na peaxe de Ordes e a rapidez coa que aplica a suba das súas tarifas contrasta coa deixadez coa que esta mesma empresa actuou noutros momentos, provocando trastornos que aínda persisten na memoria colectiva: atascos quilométricos na peaxe sen erguer a barreira, mantemento deficiente da vía, inoperancia para facer fronte a episodios meteorolóxicos adversos previsibles, etc."

*

Aprobada por unanimidade a Conta Xeral 2011 da Mancomunidade

Os alcaldes comarcais, reunidos esta mañá nos baixos da Alameda de Ordes.
A entidade acordou dotarse dun regulamento de ficheiros de datos persoais 

O pleno de Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que se reuniu esta mañá na capital comarcal, aprobou de maneira definitiva a Conta Xeral da entidade correspondente ao exercicio económico de 2011. O documento, que xa fora validado inicialmente nunha sesión plenaria anterior, superou a fase de exposición ao público sen recibir ningunha alegación, reclamación ou suxestión, de maneira que hoxe puidose cumprimentar o trámite.

Datos de carácter persoal
Ademais, na sesión de hoxe aprobouse un regulamento para a xestión de ficheiros de datos persoais por parte da entidade supramunicipal. Con esta normativa, a Mancomunidade culmina a súa adaptación á lei orgánica de protección de datos e dótase dun instrumento que lle garante aos cidadáns que a utilización dos datos persoais que obran no poder desta administración se fai con plena seguridade e cun procedemento protocolizado, tanto en ficheiros automatizados como os que se almacenen noutro tipo de soportes máis convencionais.

A reunión plenaria desta mañá estivo presidida polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, e á mesma asistiron os alcaldes de Cerceda, José García Liñares; de Frades, Miguel Prado Patiño; de Mesía, Mariano Iglesias Castro; de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares. O rexedor de Trazo, José Dafonte Varela, excusou a súa ausencia por razóns de axenda.

*

Lucía Pérez será a estrela das festas de Montaos

A cantante luguesa Lucía Pérez. // TVE.

A cantante luguesa, participante en Eurovisión 2011, nos fará bailar co seu hit 'Que me quiten lo bailao'

Os veciños e veciñas da parroquia ordense de Santa Cruz de Montaos prepáranse para vivir unha fin de semana de celebracións por mor das festas na honra a Santa Cruz.

Os actos festivos darán comezo o venres 14 a partir das 13:30 horas cunha misa, á que seguirá unha sesión vermú a cargo da orquesta Principal. Xa pola noite os integrantes desta formación volverán a subir ó escenario, esta vez acompañados da orquesta Salsa Rosa. 

Sábado 15
O sábado 15 novamente volverá a haber unha misa ás 13:30 horas. Posteriormente a orquestra Bahía Blanca animará a todos os presentes tanto na sesiòn vermú como na verbena nocturna. Unha noite na que ademais a eurovisiva Lucía Pérez fará bailar a todos co seu éxito 'Que me quiten lo bailao', entre outros.

Podes ver a actuación de Lucía durante a súa participación en Eurovisión 2011 baixo estas liñas:


*

Máis de mil escolares inauguraron hoxe en Ordes o curso escolar 2012-2013


O Concello remata tamén unha serie de obras e arranxos previos a comezo do curso nos CEIP Castelao, Campomaior e Mesón do Vento

Silvia Marín: "Se a FEGAMP non está disposta a axudar aos concellos, non poderemos asumir traballos de conservación, limpeza e conserxería"

Un total de 1.020 alumnos de educación infantil e primaria iniciaron hoxe un novo curso académico en Ordes, incrementándose nun total de 46 con respecto o pasado curso. O centro que acollerá un maior número de alumnos nesta ocasión será o CEIP Castelao con 506, seguido do CEIP Campomaior con 362 e do CEIP Mesón do Vento con 104. 

Pola outra banda, as escolas unitarias ubicadas nas parroquias de Santa Cruz de Montaos, Buscás, Beán, Parada e Merelle acollerán un total de 47 nenos e nenas, nove máis co ano pasado. Por incremento de matriculacións o primeiro lugar ocúpao o CEIP Campomaior, con 19 alumnos máis, mentres que os centros Castelao e  Mesón do Vento rexistran 16 e 2 respectivamente. 

Obras
En vista a este comezo do curso, o Concello de Ordes acometeu unha serie de obras e arranxos durante as pasadas semanas. Así, no CEIP Castelao construiuse unha pérgola para comunicar o inmoble que alberga as aulas co comedor e a biblioteca.  A isto hai que sumar tarefas de mantemento e a construcción dun almacén no pabillón para gardar o material empregado nas clases de educación física. 

No Campomaior realizáronse tarefas de mantemento e conservación de portas e da rede eléctrica, mentres que no Mesón do Vento colaborouse coa ANPA no pintado do inmoble e na automatización do portal, ademais de acometerse a construcción dun patio cuberto. No caso das escolas unitarias tamén se levaron a cabo tarefas de mantemento en cada unha delas.

Se trata duns traballos que supoñen un "investimento importante" para as arcas municipais “e que nós non estamos obrigados a realizar xa que son responsabilidade e competencia da Consellería de Educación”, lembra a concelleira de Educación, Silvia Marín. A edila insta unha vez máis ao "desenvolvemento do pacto local do que tanto fala a FEGAMP, xa que si non están dispostos a axudarnos aos concellos non poderemos asumir traballos de conservación, limpeza e conserxería”.

Tal e como ven de publicar o BOP de onte luns, este ano o Concello de Ordes investirá 20.000 euros de cara á axuda na adquisición de material escolar e transporte. No caso dos materiais o importe será de 80 euros mentres que para o transporte as cuantías oscilan entre os 75 e 150 euros. O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 11 de outubro.


Silvia Marín.
A frase de Silvia Marín, concelleira de Educación do Concello de Ordes 
“Para nós a formación e educación é unha cuestión prioritaria dentro da nosa labor, polo que dentro das nosas posibilidades, sempre atendemos ás demandas que nos chegan dende os centros escolares do municipio”

*

     

     

martes, 11 de septiembre de 2012

Xesús Pedreira pechará as listas do PSOE pola provincia da Coruña

Xesús Pedreira e o candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, durante un encontro con afiliados e simpatizantes socialistas en Ordes, en xaneiro do 2010.

Tamén formará parte da lista electoral socialista a veciña de Trazo Paula Castiñeiras Iglesias

O exalcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, velará pola comarca de Ordes dende as filas socialistas do Parlamento de Galicia

O concelleiro ordense do grupo municipal socialista e secretario da Agrupación local de PSdG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira Mirás, pechará, como terceiro reserva, as listas electorais da provincia da Coruña que encabeza o exministro de Xustiza, Francisco Caamaño Domínguez.

Así, tal e como aconteceu na pasada lexislatura coa cercedense Silvia Fraga Santos–e que agora se cae das listas-, a comarca Ordes estará representada por un ordense na campaña electoral dos socialistas coruñeses. Pedreira estará ademais acompañado por outra veciña da nosa comarca, Paula Castiñeiras Iglesias, unha xoven estudante universitaria natural de Trazo, que ocupará o posto número 12 ou 13 nas listas socialistas coruñesas. 


Xesús Pedreira, de gris e de espaldas, saúda a Pachi Vazquez, onte no Comité Nacional do PSdG-PSOE xunto a Manuel Viqueira Verea, exalcalde de Ordes por Coalición Galega e actual director do Museo Juanjo Liñares.

Posto de honra
Agora, que finalmente Castiñeiras e Pedreira se convirtan en parlamentarios dependerá dos propios electores e dos posteriores movementos e saídas das listas nun hipotéctico goberno socialista de Xunta de Galicia. En todo caso, o concelleiro de Ordes ocupará un posto considerado de honra que dificilmente pode chegar a ter consecuencias políticas.

O que si será certo é que, salvo catástrofe electoral dos socialistas, a comarca de Ordes será velada na bancada socialista do Parlamento de Galicia polo exalcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, número tres das listas tras Caamaño e Xosé Luis Méndez Romeu. 

*

domingo, 9 de septiembre de 2012

O Concello de Ordes presenta o seu programa Educativo, deportivo e cultural 2012-13


Deporte, calidade de vida, hixiene, alimentación, baile, pintura, fotografía, cociña, xoiería, adestramento canino, música...

O Concello de Ordes ven de facer público o seu  programa educativo, cultural e deportivo 2012-2013. Entre os obxetivos que se perseguen con él destácanse o fomento de hábitos saudables, a práctica de deporte, mellorar a integración, combatir o sedentarismo e o estrés, así como aumentar o nivel de relacións interpersoais e ocupar o tempo de lecer de xeito productivo e enriquecedor. 

Un programa que se desenvolverá nas máis de trinta instalacións elementais, nos equipamentos dos centros escolares e zonas deportivas, así como nas propias parroquias e nos seus espazos sociais. Con todo isto, o Concello de Ordes quere atender as demandas e necesidades de todos os colectivos presentes no termo municipal, a través dun programa que se caracteriza pola prestación directa con criterios de igualdade de acceso para todos.

ACTIVIDADES ANUAIS (outubro – maio)
Baile en liña, bailes de salón, taichi-chikung, aerobic, ximnasia de mantemento, pilates, ioga, debuxo e pintura, pádel, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, patinaxe, hóckey e gaita, etc. Inscricións no departamento de Cultura e Deporte do 12 ó 24 de setembro.

CIRCUITO DEPORTIVO E CULTURAL (Obradoiros por horas)
Informática, fotografía dixital, arte floral, cociña, estimulación temperá para bebés (xogos, masaxes...), xabróns artesanais, xoiería e bisutería, adestramento canino, tenis, tenis de mesa, cursos medioambientais, etc. Inscricións no departamento de Cultura e Deporte do 1 ó 11 de aoutubro.

CIRCUITO PARA MAIORES (outubro – maio)
Ximnasia, memoria e manualidades. Inscricións departamento Servizos Sociais do 17 ó 28 de setembro.

ESCOLA DE MÚSICA (outubro – xuño)
Solfeo e formación instrumental (saxo, percusión, fliscornio, piano, guitarra, trompeta, frauta, acordeón, clarinete, trombón, etc). Inscricións no departamento de Educación do 12 ó 24 de setembro.

LIGAS DEPORTIVAS E CAMPIONATOS DO CONCELLO DE ORDES
Billar, chave, dardos, futbolín, pádel, tute, xadrez, baloncesto 3x3, tenis, tenis de mesa. Ata o 15 de outubro.

CURSO HABILIDADES SOCIAIS (outubro – xuño)
Potenciar e incrementar as habilidades propias e fomentar a adquisición doutras novas por parte de persoas que presentan algún tipo de dificultade. Obradoiros de atención e  memoria, aseo e hixiene persoal, manualidades e reciclaxe. Inscricións na aficina de Discapacidade do 12 ó 28 de setembro.

ACTIVIDADES DE AVENTURA E NATUREZA (Ó longo de todo o ano)
Barranquismo, paintball, piragüismo, montar a cabalo, rafting, sendeirismo, patrulla ambiental. Inscricións no departamento de Educación do 12 ó 24 de setembro.

Actividades extraescolares
Por outra banda, dende o 12 ata o 24 deste mes permanecerá aberta a inscrición para participar nas as actividades extraescolares organizadas dende o Concello de Ordes e que complementan ás organizadas polas ANPAS dos centros académicos. Trátase dos cursos de patinaxe, aerobic, baloncesto e manualidades.  

As clases están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os interesados poderán inscribirse entre o 10 e o 20 deste mes. Para elo deberán cumplimentar a correspondente ficha que lles será entregada no centro de ensino e que posteriormente deberán entregar no departamento de Educación e Cultura do Concello de Ordes.

*

Martínez Sanjurjo: "A mentira é a norma de conducta do PSOE de Ordes"

José Luis Martínez Sanjurjo, segundo pola dereira, durante a súa presentación como candidato á alcaldía de Ordes, en  novembro do 2010.

O PP de Ordes convida a Xesús Pedreira a "pedir perdón á veciñanza" do noso municipio

Tras últimas afirmacións de Xesús Pedreira, secretario xeral do PSdG-PSOE de Ordes, que segundo o PP de Ordes "non foi capaz de aportar probas documentais coas que respaldar as acusacións falsas que vertera previamente contra o PP local en  relación coa rolda leste", o PP de Ordes considera acreditado que a mentira constitúe a "norma de conduta cotiá" do concelleiro socialista.

O Partido Popular convida así ao concelleiro socialista a pedir perdón ao conxunto dos veciños de Ordes logo de ter sido "cachado nunha mentira evidente". Dende o PP local aseguran que se Pedreira mentiu acusando ao PP de ter impulsado mocións en contra da rolda leste, afirmación segundo o PP "falsa xa que non foi quen de documentar", resulta  evidente que Pedreira "tampouco terá escrúpulos políticos para mentir en calquera outro asunto". Pedreira, rematan dende o PP, "ignora que non todo vale, nin na política, nin na vida en xeral".

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Se o concelleiro socialista de Ordes cree que con mentiras e acusacións falsas poderá borrar da memoria a súa condición de acólito de Zapatero, que levou España ao borde da quebra, é evidente que se equivoca"

"Os  ordenses, como o conxunto dos galegos e dos españois, non esquecerán en moitas décadas a xestión desastrosa desenvolvida polo PSOE"

"Dende o PP de Ordes animamos ao concelleiro socialista de Ordes a continuar desenvolvendo a mesma estratexia que seguiu ata o de agora, coa seguridade de que lle seguirá reportando severos reveses electorais para o PSOE, que viu reducida a súa representación na Corporación de Ordes a un terzo da anterior, castigo que se repetiu logo nas Eleccións xerais e como volverá suceder nos comicios galegos do próximo 21 de outubro"

*

sábado, 8 de septiembre de 2012

O luns e martes poderás doar sangue en Ordes



No lugar habitual entre os parques municipais baixo a Casa do Concello 

A unidade móbil de extración de sangue visitará Ordes o luns 10 e martes 11 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O lugar onde estará estacionada será o habitual baixo a Casa do Concello entre os parques municipais.

Máis información
Para aqueles que precisen máis información poden chamar ao teléfono gratuito 900 100 828, o ben realizar as súas consultas a través do correo electrónico doadoressangue.ctg@sergas.es. Tamén dispoñen da páxina web www.sergas.es.

*