martes, 11 de marzo de 2014

O BNG presenta as súas propostas de melloras viais na vila de Ordes


Denuncian o mal estado do saneamento no cruce de Alfonso Senra cos Lagartos

O Grupo Municipal do BNG de Ordes, presentou hoxe as súas propostas para incluir no Plan DTC93 da Deputación da Coruña. Estas propostas consisten na “Renovación de servizos de saneamento e recollida de pluviais na avenida Alfonso Senra, a sustitución do enlousado para invidentes colocado nas beirarrúas de Ordes. 
  
O BNG de Ordes tamén solicita que se inclúa neste plan “a reparación dos tractores e desbrozadoras municipais, depositados actualmente nas instalacións da empresa concesionaria do servizo de desbroce das vías locais, para que poidan desenvolver as súas funcións de desbroce e limpeza dos viais municipais que se atopan nun estado de total abandono por parte do Goberno que encabeza Manuel Regos”.


A frase de Ramiro Recouso, voceiro municipal do BNG de Ordes 
“A renovación dos servizos de saneamento e recollida de pluviais na  dende o cruce da avenida de Alfonso Senra coa rúa dos Lagartos ate a saída da vila, é fundamental para evitar o rebordamentos das alcantarillas cando se producen grandes precipitacións de chuvia, que xa teñen provocado inundacións nos baixos e sotos de establecementos comerciais da principal avenida da vila”

*    




A bilbioteca de Ordes, máis igualitaria que nunca



Poñen en marcha un programa de igualdade entre nenos e nenas

A biblioteca municipal de Ordes acolleu no que vai de mes a visita dos nenos e nenas dos cursos de Educación Infantil e Primaria dos CEIP Campomaior e Castelao. 

Neste encontro presentouse unha mostra de contos, falouse sobre a igualdade nas tarefas do fogar así como noutros ámbitos, abordouse o tema da corresponsabilidade, incidiuse na idea da  igualdade a través dos contos e da literatura e, finalmente, estableceuse un pequeno debate sobre unha das lecturas realizadas. 


Contiños para compartir
Esta visita englóbase dentro do programa ‘Contiños para compartir’ cuxo obxetivo principal é o de fomentar a igualdade entre nenos e nenas a través da lectura, presentando aos libros como unha das ferramentas principais no proceso educativo. 

A biblioteca continuará con esta iniciativa didáctica ao longo das vindeiras semanas.

*

O Mesón do Vento prepara a súa festa do lacón con grelos

Será ao longo da fin de semana do 22 e 23 de marzo

O Concello de Ordes xa ten concretadas as datas de celebración da súa XVI Festa do lacón con grelos. Será  durante a fin de semana do 22 e 23 de marzo no Mesón do Vento.

Na primeira xornada as portas do recinto feiral abrirán dende as 10:00 horas para exhibir un gran número de cabezas de gando e de maquinaria agrícola. Ademais este ano tamén se habilitará un espazo adicado á venta de vehículos de ocasión. 

A partir das 11:00 horas tamén haberá unha exhibición de manexo e pelado de novillas así como de esquilado de ouvellas. 

Xa pola tarde realizarase un desfile e concurso de disfraces con máis de 1.000 euros en premios, e cuxa inscrición permanecerá aberta ata as 14:00 horas do 20 de marzo a través do teléfono 981 680 002. 

Domingo

Xa o domingo as racións e bandexas de lacón con grelos comenzarán a repartirse de balde dende a media mañá polos distintos bares e establecementos do Mesón do Vento. Un día que tamén estará marcado polas probas de andadura federada galega de 2 e 4 tempos e as carreiras de trotóns, nas que nesta ocasión repartiranse máis de 1.000 euros en premios. Todo elo a partir das 12:00 horas. 

A partir das 20:00 horas, e xa para concluir, unha actuación musical porá o punto e final á festa neste último día de celebración.

*

viernes, 7 de marzo de 2014

Todo listo mañá para o 'Sábado de piñata'

Repartiránse máis de catro mil euros en premios grazas á colaboración de Reale Seguros e Asesoría Jaime Castro 

O Concello de Ordes xa ten todo listo para vivir mañá unha das súas celebracións máis importantes e esperadas, o Sábado de piñata. Unha cita para a que se agarda a asistencia de milleiros de persoas.

A partir das 17:00 horas, as rúas da vila encheranse de vistosos e inxeniosos disfraces e comparsas. Unha vez chegados todos ao Campo da Feira dará comenzo o concurso, que este ano repartirá máis de 4.000 euros en premios grazas á colaboración de empresas como Reale Seguros e á Asesoría Jaime Castro. 

*

Audasa deberá eliminar a 'herba da Pampa' da AP-9

A Xunta aceptou a proposta do PSOE de Ordes de erradicar esta especie vexetal invasora

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia aceptou a proposta realizada polo PSOE de Ordes para que AUDASA, empresa concesionaria da Autoestrada do Atlántico (AP-9), deixe de utilizar como planta ornamental a 'herba da Pampa'. 

En resposta á petición unánime do pleno do Concello de Ordes de 27 de novembro do 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza vén de instar á Dirección General de Carreteras do Ministerio de Fomento, en calidade de responsable da AP-9, a deseñar e executar un plan de erradicación da 'herba da pampa' da autoestrada.

Así mesmo, dende a Xunta amosan o seu compromiso con realizar actuacións de control e erradicación desta especie invasora no medio natural de cara a unha axeitada conservación da biodiversidade en Galicia. 

Xesús Pedreira (PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
"Celebramos que a Xunta coincida cos socialistas de Ordes en que estamos diante dunha especie invasora, que se expande con facilidade e que está a invadir terras de labradío, obrigando aos propietarios destes terreos a ter que gastar tempo e cartos na erradicación desta planta, pois as súas raíces incrústanse na terra de maneira moi profunda e supoñen unha grave ameaza para a conservación da biodiversidade”

*





Empresarios e autónomos de Ordes analizaron as melloras na súa actividade


O alcalde, Manuel Regos, asistiu a elas

O Concello de Ordes acolleu unha charla informativa especialmente orientada a empresarios e autónomos da zona co obxetivo de dotalos de ferramentas e coñecementos para mellorar a súa actividade empresarial, así como os seus procesos de xestión e produción. 

A cita foi na Casa da Cultura, e a ela asistiu un nutrido grupo de persoas que estiveron acompañadas polo alcalde, Manuel Regos.


Os encargados de impartir esta charla foron varios técnicos da Deputación da Coruña englobados no programa denominado ‘Factoría de Innovación’. 

*