lunes, 24 de diciembre de 2012

Regos agradece a unanimidade no POS e lembra que non acepta leccións do portavoz do PP

O alcalde asegura que foi o Goberno municipal quen propuxo e fixo posible que o POS se destinara integramente ao rural, e que a proposta do PP non incluía obras en todas as parroquias

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, quixo felicitar hoxe a todos os grupos municipais da Corporación municipal pola unanimidade á hora de votar a proposta de adxudicación de obras no rural de Ordes financiado polo Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña correspondente ao ano 2013. 

Ainda así, o alcalde non se esqueceu de respostar ao portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, respecto da súa “peculiar interpretación” da tramitación do POS no Concello, lembrándolle que “foi precisamente o grupo de Goberno co alcalde de Ordes á cabeza, quen quixo e propuso que se destinara integramente as cantidades do POS 2013 ás parroquias do municipio”. 

Considera o alcalde que contrariamente ao que “o portavoz do Partido Popular pretende facer crer ao veciños”, as peticións do PP respecto do POS “non incluía obras en todas as parroquias”, e foi precisamente a proposta do Goberno municipal a que si inclue obras nas trece parroquias do concello de Ordes.

Descoñecedor na comisión de traballo
O alcalde quixo lembrar tamén como na comisión de traballo sobre o POS, o portavoz do PP era incluso “descoñecedor” de moitas das obras que dende o grupo de Goberno se propoñían e finalmente se incluíron no POS 2013 para o rural de Ordes. Así, o alcalde quere lembrarlle a Martínez Sanjurjo que “non presuma de coñecer algo que en realidade resúltalle alleo”.

Por último, e respecto ás acusacións dende o Grupo municipal popular de que o alcalde “non pisa” as parroquias de Ordes, Manuel Regos considera estas declaracións como “infundadas, aberrantes e soberbias” e “carentes de toda lóxica”. 

Así, lembrou o alcalde que naceu en Ordes no ano 1958, que en 1987, “cando o actual portavoz municipal do PP tiña dez anos”, el xa formaba parte dunha candidatura política de Ordes, e que en definitiva, “en ningún caso” vai a aceptar leccións do portavoz municipal do PP, "sobre coñecemento das parroquias e das necesidades e intereses dos veciños do rural de Ordes".
 *