sábado, 22 de diciembre de 2012

Euloxio R. Ruibal presentou a súa homenaxe poética a Ordes


De esq. a der. David González Couso, Euloxio R. Ruibal e Charo Fernández Velho.
Caderno de Ordes compila cincuenta poemas do escritor e dramaturgo ordense

Charo Fernández Velho: "O libro ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”

Medio centenar de veciños e veciñas de Ordes arrouparon na noite de onte ao literato Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945) no acto de presentación do seu libro Caderno de Ordes, un acto organizado pola Asociación Cultural Inquedanzas.  Ruibal estivo acompañado na presentación por Carlos Pérez Casas, presidente da Asociación Cultural Inquedanzas; Charo Fernández Velho, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Maruxa Mallo de Ordes; e por David González Couso, editor do libro e membro da Editorial Toxosoutos.

Carlos Pérez Casas foi o encargado de abrir o acto cunha semblanza da figura humana e da traxectoria literaria de Euloxio R. Ruibal e asegurou que este libro “non vai deixar indiferente a ningún ordense, porque recorre con mirada crítica o mundo ordense”. Un punto no que coincidiron todos os poñentes. Así, David G. Couso indicou que Caderno de Ordes é un “libro de Ordes e dos amigos. Cada poema vai dedicado a alguén que ten unha especial importancia para Ruibal”.

Podes ver e escoitar ao autor recitando a seu poema 'Do Paraíso' facendo clic baixo estas liñas:



Pola súa banda, a profesora Charo Fernández Velho destacou que esta obra “ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”, polo que agradeceu a Euloxio R. Ruibal por “poñer o nome de Ordes na historia da literatura galega”. Cinco alumnas do IES Maruxa Mallo de Ordes puxeron a nota sorprendente da velada ao leren o poema 'Cando as mulleres de Ordes'.

Varios membros da corporación municipal participaron na presentación de Caderno de Ordes.
Primeiro libro de poesía
Euloxio Rodríguez Ruibal agradeceu profundamente as palabras de todos os participantes no acto pois amosaban que “algo debín de facer”, asegurou coa súa habitual modestia. Ruibal deu lectura a varios dos 50 poemas que compoñen “Caderno de Ordes” e que é “o meu primeiro libro de poesía, pois eu son máis de teatro e de ensaio, e é unha satisfacción que fora feito cara Ordes”, a súa vila natal e que “sempre estivo diante meu a nivel anímico”.


Nerea, Lucía, Victoria, Iria e Paula, alumnas do IES Maruxa Mallo, recitan o poema 'Cando as mulleres de Ordes'.

Cando Ruibal probou a magdalena no té de Marcel Proust
Por R. A. Landeira

Euloxio R. Ruibal voltou na noite de onte á súa vila natal, e fixoo, non a lomos dun Castromil, como acostuma a transitar pola arteria 550, senón a bordo dun exquisito poemario on the road, baixo o título de Caderno de Ordes. De igual xeito que José María Castroviejo encañonando as nosas cercetas do Legüelle deixou constancia do seu amor polas nosas terras nos seus escritos, agora é Ruibal quen subido ao Castromil, ao mesmo co vello señor de Trasalba recoñecía coller varias veces para ir a América, preséntanos o seu Caderno de viaxe á patria do home que é a infancia.


Parece que foi ese Castromil o McGuffin que espertou a necesidade dese Volver do poeta: Ruibal saboreou agora a magdalena mollada no té de Marcel Proust, cando xa encara a desalmada lucidez do home vello: espazo, tempo e memoria atópanse para alumear cincuenta poemas en verso libre rebosantes de significado e obxectividade pasmosa. A anonimia sae ao encontro do poeta para traspasar aqueles límites foucaultianos da autoría: haberá de asumir o autor que o parido non é xa de si mesmo, senón do dominio público de todos os ordenses.


Cada bancada pública de Ordes, cada farola, cada adoquín das nosas rúas e prazas sería digno da sensibilidade de Ruibal, pero a súa atención nos levan aos lugares de Buscás, Poulo, Casal, Vilar, Montaos, Mercurín, Ardemil ou a Alameda de Ordes. En acertadísimas palabras da profesora Charo Fernández Velho, o autor convirte a nosa toponimia nun poema. Capaz de rebautizar Ordes en versos, nunca o predecible tivo tan positiva lectura como de agora: ler un verso de Ruibal transportanos mecidos ata o seguinte e así ata o lugar ao que calquera de nós quixera ver rematada a nosa existencia. Non sobra nada.

Resulta unha verdadeira honra incluír estes versos no patrimonio inmaterial dos ordenses. Me atrevo a pensar que se trata da máis importante homenaxe literaria a Ordes en toda  a súa Historia. Son tiempos de reforzar a nosa identidade ordense. Dende estas páxinas levamos moito tempo falando disto. Gracias, Ruibal, por facernos crer, a lo menos durante o tiempo de lectura do teu libro, que en realidade, si temos un maravilloso pobo do que sentirnos orgullosos. Xa de nós depende tamén pensalo e crelo ao rematar de ler o Caderno de Ordes. Grazas por esa axuda.

*